Novas

O xoves comezará a entrega dos vales de axuda para libros de texto e material escolar

O Concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, anunciou que o vindeiro xoves 7 as familias poderán reitrar os vales das axudas para a compra de libros de texto e material escolar para familias con baixos recursos. 

A concellería de Educación entregará 400 cheques de 100€, ata completar un total de 40.000€ dedicados a esta liña de axudas. O criterio único de baremación para a concesión da axuda é a renda per cápita anual da unidade familiar quedando este ano establecido o tope no 85% do IPREM. En total, a concellería de Educación atendeu a 723 solicitudes para estas axudas.

As listaxes definitivas poden consultarse no taboleiro de anuncios do concello e na web municipal, e o prazo de recollida de vales estará aberto entre o 7 e o 20 de setembro, nas oficinas de Educación no Centro Uxío Novoneyra.

Unha persoa resulta ferida nun accidente en Paradela

Os Bombeiros de Sarria excarceraron este mediodía a unha persoa que quedou atrapada no interior dunha furgoneta ao saírse da vía.

No momento do accidente, o vehículo circulaba pola LU-663, ao redor do quilómetro 67, en Paradela, Lugo.

Tras recibir a chamada dun particular, ao fío das 12:00 horas do mediodía, o 112 Galicia informou do accidente aos Servizos Sanitarios de Galicia-061, aos Bombeiros de Sarria e á Garda Civil.

Finalmente, a dotación dos Bombeiros desprazada ata o lugar comunicoulle ao 112 Galicia que o condutor do vehículo xa fora excarcerado e, posteriormente, trasladado ao centro hospitalario de referencia.

Obradoiros paricipativos de oficios tradicionais

A Fundación Artesanía de Galicia, organiza ao longo desta xornada obradoiros participativos na provincia de Lugo para achegar os oficios tradicionais á sociedade.

Os obradoiros encóntranse nos concellos do Incio e do Saviñao. No Incio, os asistentes á XVIII Feira de artesanía e produtos da terra poden realizar dous obradoiros, impartidos ambos por María José Martínez e José Antonio Carrera. Céntranse no procedemento fotográfico das cianotipias e na técnica tradicional xaponesa de estampaxe shitotaku. Realizaranse en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

Pola súa banda, no concello do Saviñao, o obradoiro enmárcase na festa da Vendima e impartirano Carlos San Claudio e Nerea Carpente. Nel, os participantes poden desfrutar da experiencia do torneado do barro utilizando como ferramenta o torno oleiro. Este obradoiro poderase realizar de 11:00 a 14:00 horas e nunha segunda sesión de 16:00 a 20:00 horas.

As actividades están dirixidas a un público adulto e infantil co fin de achegar aos seus visitantes o saber facer dos profesionais do sector artesán galego e contribuír á difusión do valor engadido dos produtos artesanais.

Inauguración da Caravana Cultural das Mulleres Rurais en Navia de Suarna

Hoxe en Navia de Suarna tivo lugar a inauguración da Caravana Cultural das Mulleres Rurais, organizada pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur) co gallo de tecer unha rede entre todas estas mulleres a nivel estatal que faga aflorar o seu coñecemento, oficios e cultura tradicional.  Ao acto asistiron a secretaria xeral da Igualdade Sandra Vázquez, o alcalde da vila José Fernández e outras autoridades. Na presentación a secretaria xeral, gabou que “a iniciativa busque visibilizar e poñer en valor o papel das mulleres no rural de Galicia porque -dixo- “son as verdadeiras protagonistas, os alicerces do noso sustento”.

Nese senso, Sandra Vázquez referiuse á relevancia das mulleres rurais na nosa economía, “moitas veces non recoñecida”, malia que o seu traballo “era e é sacar adiante a economía familiar”. Nese contexto, considerounas claves ademais na dinamización do territorio.

Como mostra do compromiso con estas mulleres, a secretaria xeral lembrou os convenios recentemente asinados con Fademur, seguindo a senda de apoio dos últimos anos. Así, nomeou o acordo destinado a desenvolver accións de sensibilización fronte á violencia de xénero e de apoio ás vítimas.

Ademais, a Xunta colabora por segundo ano consecutivo coa federación de asociacións de mulleres rurais de Galicia para impulsar a acreditación profesional da experiencia laboral dunhas mil mulleres no coidado de menores de ata 16 anos. Implementaranse ademais plans de sensibilización e formación en corresponsabilidade, con especial atención ás mulleres maiores de 45 anos do rural e que se teñan dedicado ao coidado de menores.

A Caravana Cultural das Mulleres Rurais, iniciativa que se levará a cabo a nivel estatal e que despregará esta fin de semana un amplo programa de actividades que pretenden xerar debate, crear diálogo e visibilizar e poñer en valor a cultura rural, así como o papel primordial das mulleres neste ámbito.

Entre hoxe e mañá o concello naviego acollerá feiras de emprendedoras, talleres de cine ou de musicoterapia. Tamén obradoiros orientados á recuperación e transmisión de saberes tradicionais vinculados ao fiado do liño e da la, ao traballo con coiro ou ao tecido. A Caravana contará así mesmo con actuacións musicais e concluirá -mañá á tarde- cun graffiti final do proxecto “A cultura é igualdade”.

O TSXG confirma a condena de prisión permanente revisable imposta á muller que asasinou a súa filla en Muimenta

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de prisión permanente revisable imposta pola Audiencia Provincial de Lugo, de acordo co veredicto do tribunal do xurado, á veciña de Muimenta (Lugo) que asasinou a súa filla de sete anos durante a madrugada do 3 de maio de 2019. A Sala do Civil e Penal do alto tribunal galego, polo tanto, rexeitou o recurso de apelación presentado pola procesada e ratificou a resolución de primeira instancia, que concluíu que, coa finalidade de acabar coa vida da súa filla, cando estaba na cama con ela, pois durmían xuntas, subministroulle un fármaco con efectos sedantes e, seguidamente, “asfixiouna coas súas propias mans, para o que puido empregar, ademais das súas mans, algún dos obxectos que había na habitación -un coxín-”. Ademais, segundo a sentenza, a condenada era “coñecedora da intención do pai de modificar e incrementar legalmente o réxime de visitas, co fin de que puidesen pasar máis tempo xuntos”.

“Resulta innegable que deu morte a súa filla actuando con aleivosía, e iso implica a comisión dun delito de asasinato coa agravante de parentesco”, indican os maxistrados do TSXG, á vez que recalcan que “as posibilidades defensivas da menor eran inexistentes”.

O tribunal do xurado descartou que a recorrente tivese afectadas as súas facultades mentais. O TSXG salientou que, na parte do obxecto do veredicto dedicada á análise da imputabilidade da acusada, ao xurado ofrecéronselle “todas as posibilidades para valorar a existencia ou inexistencia e, no seu caso, grao de intensidade da anomalía psíquica que eventualmente puidese padecer aquela”. Ademais, os maxistrados destacaron que o tribunal do xurado fundamentou a súa conclusión “nas probas forenses e de criminalística, que demostran unha premeditación dos feitos, achegando procuras repetidas de substancias velenosas, simulación de sintomatoloxía psicótica e unha clara intención de obstruír á xustiza, co intento de borrado e ocultación de probas, a negativa para entregar os dispositivos electrónicos e a variación repetitiva nas versións dos feitos”.

“As explicacións dos xurados son algo máis que sucintas e van moito máis alá do esixible e do habitual en casos similares”, recalcou a Sala do Civil e Penal, que sinalou na sentenza que da pericial forense “se deriva a irrelevancia do trastorno psicótico en canto ao feito da morte da menor”. No fallo tamén advertiu que a letrada da procesada pretende “reintroducir o debate sobre a imputabilidade que xa foi analizado”. Desta forma, a Sala afirmou que a proba “foi non só legalmente practicada, senón racionalmente valorada, sen indicio de irracionalidade algunha, sendo acorde ás regras da lóxica e ás máximas de experiencia”.

Polo tanto, o TSXG concluíu que non se probou “que a morte da nena fose a consecuencia do padecemento pola acusada no momento dos feitos dunha anomalía ou alteración psíquica que lle impedise comprender a non licitude do feito ou actuar conforme a esa comprensión, nin de maneira plena nin de maneira semiplena”. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Navia de Suarna acolle esta fin de semana o Festival Caravana Cultural das Mulleres Rurais

Teatro, música, feira de emprededoras, obradoiros de saberes tradicionais, mesas redondas e ata a elaboración dun graffiti. Son as actividades que esta fin de semana leva ata Navia de Suarna a Caravana Cultural das Mulleres Rurais. Unha iniciativa pioneira de FADEMUR que nace coa vontade de poñer en valor os saberes, os oficios e a cultura tradicional e de tecer unha rede de mulleres rurais a nivel estatal que permita facer aflorar todo ese patrimonio cultural.

A Carvana Cultural ofrece un amplo programa de actividades que se desenvolverán tanto en espazos públicos como privados da localidade e que pretende xerar debates, crear diálogo, visibilizar e poñer en valor a cultura rural e o papel primordial que as mulleres desenvolven e desenvolveron sempre nese eido.

Dende o sábado 2 de setembro ás 11:30 da mañá, ata a súa clausura, o domingo 3 pola tarde, o festival ofertará talleres de musicoterapia e de recuperación e transmisión de saberes tradicionais vinculados ao fiado do liño e da lá, ao traballo con coiro, ao tecido, os bolillos ou á transmisión oral e as pandereteiras. Tamén haberá espazo para unha feira de emprendedoras con degustación na que as mulleres rurais vinculadas a FADEMUR exporán e terán á venda os seus produtos. A programación complétase con dous concertos das bandas Bulbakán e N.E.X.N. coa obra de teatro “El contrabajo estrellado” e coa elaboración dun mural conmemorativo.

A que esta fin de semana se desenvolve en Navia de Suarna é a primeira edición dunha iniciativa de ámbito estatal cuxa próxima parada está previsto desenvolver en Extremadura.

O Concello oferta 3.024 prazas para cursos de natación nas piscinas municipais

Esta tempada a área de Deportes oferta un total de 3.024 prazas nos diversos cursos desta disciplina deportiva que se impartirán nas piscinas de Frigsa e As Pedreiras ata xuño de 2024. Nas clases para crianzas, de periocidade trimestral, poderán participar 1.278 nenos e nenas mentres que nas de adultos existen un total 1.746 matrículas dispoñibles.

Os prezos quedan fixados en 18.40 euros por mes para a matrícula infantil e 22.90 para adultos. O calendario establece tres períodos: o primeiro de outubro a decembro, outro desde xaneiro a marzo e o último que abarca desde o mes de abril ata xuño. O prazo de inscrición comeza o próximo mércores 6 de setembro e remata o día 11 ás 14 horas. Os interesados deben presentar os impresos en Frigsa ou na piscina das Pedreiras. Posteriormente,  a matrícula formalizarase entre o 18 e o 21 de setembro nas instalacións do parque da Milagrosa.

O persoal de URBASER concentrarase diante do concello de Villaba este xoves ás 13:30 horas

O persoal de URBASER, empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria do concello de Vilalba, en folga indefinida desde o pasado día 21 de agosto, concentrarase mañá xoves, día 31 de agosto, ás 13:30 horas, diante do consistorio. A mobilización, en demanda dun convenio digno, coincide co primeiro día das festas grandes da vila.

Segundo explica o representante da CIG-Servizos, Xosé Paz, o goberno municipal mantén os servizos mínimos abusivos do 100% decretados para a xornada de mañá pero trasladou os previstos para o venres para o sábado. “Non ten sentido ningún. O venres hai festa pero o sábado, aínda que haxa algunha actividade, xa non. Por iso cremos que non ten xeito ningún que poñan para esa xornada o 100% de servizos mínimos”.

Ademais, o persoal denuncia que estas datas, o 31 de agosto e o 1 de setembro, figuran no convenio polo que aínda se rexen como festivos, o que, ao seu entender, “fai máis grave que se impoñan uns servizos mínimos como estes”.

En folga por un convenio digno

Co convenio caducado desde o ano 2020, o persoal da concesionaria do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria de Vilalba leva desde o pasado mes de abril intentando negociar un novo convenio colectivo. Ademais de certas melloras sociais, o que demandan son salarios dignos, porque están ingresando agora 300€ líquidos menos ao ano que en 2011. Unha perda de poder adquisitivo que alcanza o 26-27% se a isto se lle engade o IPC desbocado destes anos.

Na última xuntanza coa empresa esta propuxo incrementos salariais do 4% para 2023; do 3% para 2024 e doutro 3% para 2025, pero ningunha suba para os anos 2021 e 2022, precisamente nos que máis subiu o IPC.  A avogada da empresa aínda chamou este martes para saber se valoraran esta proposta que o persoal rexeita porque imposibilita recuperar o poder adquisitivo.

Os Codex Cinema regresan este venres 1 de setembro

Os Codex Cinema volven este venres día 1 de setembro con tres estreas na súa carteleira e cun cambio de prezo na súa entrada, que pasará a ter un prezo de 6,50€.

Esta semana os Cines Codex contan co debut na dirección de Itsaso Arana na película “As rapazas están ben”. Un filme que  mestura ficción e documental, comedia e drama. Moi conmovedor ligado ao sentido da amizade feminina. Sinopse: un conto de verán sobre a convivencia entre catro actrices e unha escritora que ensaian unha obra de teatro nun vello muíño, illado do mundo. É a historia dun feitizo, con princesas, ras, ríos, cartas e ata un príncipe despistado. Durante eses días de ensaio, as rapazas irán coñecéndose e medindo a través dos materiais que presenta a obra e achegarán as súas propias experiencias sobre os temas dos seus personaxes: amor, beleza, orfandade, fe,  amizade, actuación, morte.

A outra estrea da semana é o filme francés “Passages” do director Ira Sachs. Un filme aparentemente sinxelo pero cunha mirada reflexiva, xenerosa e realista a como as persoas cambian pero seguen a ser iguais. Sinopse: durante o seu último día de rodaxe en París, o director de cine Tomas, dorme con Agathe, unha moza que coñece nunha discoteca. Cando Tomas cóntallo con orgullo ao seu marido Martín, xorde entre os tres unha relación apaixonada marcada pola paixón, os celos e o narcisismo.

E a última das estreas da semana é a nova obra de Jaime Chávarri, “A mazá de ouro”, unha adaptación da novela “Ávidas pretensións”, de Fernando Aramburu. Rodada integramente en Galicia. O filme é unha comedia de enredos en torno a unha reunión de poetas nun convento galego. Un divertido e revelador encontro entre artistas que sacará a relucir as luces e as sombras do universo poético e literario, combinando o mordaz e o irónico co tenro e o emotivo.

Sinopse: a chegada dun convidado inesperado desestabiliza as Xornadas Poéticas que cada ano reúnen diferentes tendencias da poesía española   nun illado convento do noroeste peninsular. Durante unha acelerada fin de semana, mentres os e as poetas escriben, recitan e se vixían uns a outros perseguindo un premio de ouro, unha sospeita de plaxio, a batalla pola presenza nunha futura antoloxía, a irreverencia dun rapeiro, o aniversario dun poeta centenario, uns cogomelos velenosos, cruces sexuais imprevistos e o espertar de amores tardíos desembocarán nunha noite de tormenta …

 

Nova convocatoria para o aluguer de locais comerciais na Tinería

A Xunta de Goberno Local deste mércores aprobará as bases dunha nova convocatoria para o alugueiro de seis locais comerciais de titularidade pública no barrio da Tinería.

Para a cesión destes locais, en condicións moi vantaxosas, o Concello de Lugo, a través da área de Dinamización Económica, asinou un acordo co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) que contempla o arrendamento de sete locais de titularidade autonómica, un dos cales, situado na rúa Tinería 36, será empregado polo propio Concello para realizar actividades de dinamización, mentres que os outros seis locais poranse a disposición dos/as emprendedores/as da cidade.

Así mesmo, o Concello reducirá os alugueiros nun 70% sobre o prezo estipulado polo IGVS, de xeito que a renda a satisfacer polos arrendatarios destes locais será o 30% do importe total que o Concello pagará a Xunta de Galicia. Ademais a administración local, asumirá o custo do IBI de todos os locais, e este custo non se repercutirá aos arrendatarios.

Unha vez aprobadas estas bases na Xunta de Goberno Local, procederase á súa publicación na páxina web municipal. O prazo de presentación das solicitudes e a documentación que acompañen, será de 20 días hábiles dende o día seguinte ao da publicación da convocatoria no BOP da Provincia de Lugo. Así mesmo, o Concello organizará unha visita de portas abertas a cada un dos seis locais, cuxa data e horarios serán publicados na web e o taboleiro municipal.

Cada interesado poderá solicitar ata un máximo de dous locais, establecendo un orden de preferencia para levar a cabo nos mesmos a súa actividade empresarial, aínda que os/as  solicitantes só poderán ser beneficiarios/as do alugueiro dun local.

O  procedemento de adxudicación da cesión en réxime de aluguer dos locais, será o de concorrencia competitiva. Os  proxectos presentados en tempo e forma, serán avaliados por un Comité Técnico, que valorará as propostas en función das condicións específicas da actividade a desenvolver. Aqueles proxectos que pasen este primeiro filtro, serán avaliados segundo a tipoloxía da empresa e a adecuación da actividade proposta ás características do local, a dinamización comercial da zona, e a súa contribución á xeración de afluencia de público.

Poderán ser beneficiarios/as da cesión de uso dos locais aquelas persoas físicas ou xurídicas, que pretendan desenvolver unha actividade comercial e/ou de negocio nalgún dos locais que se poñen a disposición na zona da Tinería, sempre e cando se respecte a Ordenanza de Burgos Medievais.

Así mesmo, as persoas/entidades adxudicatarias dos locais, asumiran pola súa conta os custos do  acondicionamento dos mesmos, de acordo coas características do local e do establecemento comercial que se pretenda abrir, tendo en conta a normativa urbanística que opera na zona de actuación, tanto para a actividade comercial e/ou de negocio a desenvolver, como para o acondicionamento interior e exterior.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com