Os Codex Cinema regresan este venres 1 de setembro

Os Codex Cinema volven este venres día 1 de setembro con tres estreas na súa carteleira e cun cambio de prezo na súa entrada, que pasará a ter un prezo de 6,50€.

Esta semana os Cines Codex contan co debut na dirección de Itsaso Arana na película “As rapazas están ben”. Un filme que  mestura ficción e documental, comedia e drama. Moi conmovedor ligado ao sentido da amizade feminina. Sinopse: un conto de verán sobre a convivencia entre catro actrices e unha escritora que ensaian unha obra de teatro nun vello muíño, illado do mundo. É a historia dun feitizo, con princesas, ras, ríos, cartas e ata un príncipe despistado. Durante eses días de ensaio, as rapazas irán coñecéndose e medindo a través dos materiais que presenta a obra e achegarán as súas propias experiencias sobre os temas dos seus personaxes: amor, beleza, orfandade, fe,  amizade, actuación, morte.

A outra estrea da semana é o filme francés “Passages” do director Ira Sachs. Un filme aparentemente sinxelo pero cunha mirada reflexiva, xenerosa e realista a como as persoas cambian pero seguen a ser iguais. Sinopse: durante o seu último día de rodaxe en París, o director de cine Tomas, dorme con Agathe, unha moza que coñece nunha discoteca. Cando Tomas cóntallo con orgullo ao seu marido Martín, xorde entre os tres unha relación apaixonada marcada pola paixón, os celos e o narcisismo.

E a última das estreas da semana é a nova obra de Jaime Chávarri, “A mazá de ouro”, unha adaptación da novela “Ávidas pretensións”, de Fernando Aramburu. Rodada integramente en Galicia. O filme é unha comedia de enredos en torno a unha reunión de poetas nun convento galego. Un divertido e revelador encontro entre artistas que sacará a relucir as luces e as sombras do universo poético e literario, combinando o mordaz e o irónico co tenro e o emotivo.

Sinopse: a chegada dun convidado inesperado desestabiliza as Xornadas Poéticas que cada ano reúnen diferentes tendencias da poesía española   nun illado convento do noroeste peninsular. Durante unha acelerada fin de semana, mentres os e as poetas escriben, recitan e se vixían uns a outros perseguindo un premio de ouro, unha sospeita de plaxio, a batalla pola presenza nunha futura antoloxía, a irreverencia dun rapeiro, o aniversario dun poeta centenario, uns cogomelos velenosos, cruces sexuais imprevistos e o espertar de amores tardíos desembocarán nunha noite de tormenta …

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com