Novas

Homenaxe ás persoas represaliads polo franquismo o 16 de agosto en Montecubeiro, en Castroverde

O vindeiro 16 de agosto, ás 20.00 horas, en San Cibrao, en Montecubeiro, a carón do monolito que lembra o acontecido nesta parroquia de Castroverde en 1937.

O acto contará coas intervencións do historiador e escritor Xosé Manuel Sarille, autor do libro “Polos fillos dos fillos” (Candeia Editora, 2003), sobre a matanza de Montecubeiro, e familiar de vítimas do franquismo e Ricardo Polín, cronista de Castroverde, e coa actuación da cantautora folk Paloma Suanzes, quen musicou o poema de Claudio Rodríguez Fer “As tres mapoulas de Montecubeiro” para o proxecto Mulleres na Memoria promovido pola área de Cultura da USC e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo ven organizando este acto desde 2019 así como outros actos de homenaxe ás persoas represaliadas polo franquismo na contorna do Día da Galiza Mártir, a fin de apoiar a institucionalización desta data – 17 de agosto, na que foi executado Alexandre Bóveda – e de subliñar o dereito á verdade, xustiza e reparación as vítimas do franquismo.

O lugar elixido este ano, o monolito de Montecubeiro, pretende servir tamén de recordatorio do vinte aniversario da instalación do monumento e de recoñecemento ao traballo a favor da memoria do seu impulsor, Manuel Sarille.

 

O Concello de Lugo asina un convenio coa Asociación Down Lugo en prol da integración e inserción de persoas con diversidade funcional

A área de Cohesión Social, a través do CEI Nodus, e Down Lugo veñen de subscribir un convenio para que persoas con discapacidade intelectual realicen prácticas laborais nos diferentes servizos municipais. A finalidade deste acordo en prol da integración é facilitar a inserción das persoas con diversidade funcional.

“Desde o Concello, como a administración máis próxima á cidadanía, seguimos a impulsar medidas que promovan a igualdade de oportunidades, suprimindo as barreiras que aínda existen e nos limitan en moitos ámbitos da vida. Sen dúbida, este labor debe involucrar a toda a sociedade, e de forma particular ao noso rico tecido asociativo que fai un gran traballo neste eido, mais como responsables públicos temos o compromiso de propoñer as solucións e as liñas xerais de acción máis axeitadas para acadar este obxectivo”, sinalou a responsable de Cohesión Social, Ana González Abelleira.

Froito desta colaboración, que estará en vigor como mínimo ata o ano 2027, no vindeiro mes de setembro dúas persoas desenvolverán a súa actividade profesional nas dependencias municipais. Trátase dun período de natureza formativa que terá unha duración de 120 horas – e durante o cal os participantes estarán titorizados en todo momento – “para favorecer que adquiran experiencia e que obteñan os coñecementos necesarios que lles permitan superar con éxito os procesos de oposición aos que concorren”, abondou a edil.

Nesta mesma liña, o Concello de Lugo coopera tamén con outras entidades, como a Fundación Feafes. Unha relación a través da cal a Institución local posibilitou a inserción laboral de máis de 80 persoas con enfermidades mentais nos últimos anos.

“Estamos convencidos de que este tipo de sinerxías son o camiño correcto para acadar o noso obxectivo de que as persoas pertencentes a colectivos con diversidade funcional poidan ser partícipes de todas as facetas da vida, cos dereitos que nos son inherentes a todas e todos, en iguais condicións que o resto da cidadanía”, sostivo González Abelleira.

Vilalba celebra o vindeiro 19 de agosto a quinta edición da Nocturna de San Ramón

Vilalba será escenario o sábado 19 de agosto da quinta edición da Nocturna de San Ramón, organizada polo Club Atletismo Vilalba coa colaboración do Concello de Vilalba.

Tras uns anos de parón desde a pandemia regresa a proba, con chegada e saída á praza da Igrexa. As carreiras comezarán ás 20:00 horas coas diferentes categorías infantís e xuveniles.

A proba senior, de cinco quilómetros, comezará ás 22:00 horas, e haberá tamén a esa hora unha andaina de tres quilómetros.

As incricións están abertas ata o 15 de agosto e poden realizarse en www.championchipnorte.com. As persoas interesadas en participar na andaina poden facelo telemáticamente ou presencialmente, o propio día da Nocturna de San Ramón desde as 17:00 ata as 20:00 horas na praza de Sta. María.

 

No Pasamento de Xesús(Suso)Arrizado Yañez

Hoxe ás catro e media da tarde celebrábase o acto civil na honra de Xesús Arrizado Yañez (Suso) tristemente falecido onte mércores.

Suso foi un exemplo para todos os que o coñecemos, en primeiro lugar, pola súa valía persoal, da que deixou a súa impronta nos lugares por onde pasou e tamén pola súa entrega a causas sociais e políticas nas que destacou dende moi novo polo seu traballo e compromiso.

Non foi Suso un home que se arredara diante das dificultades e así o amosou sempre que foi necesario. Foi un loitador tanto no plano persoal como no colectivo e nomeadamente no ámbito da defensa da nosa terra e dos seus dereitos políticos como militante nacionalista. Tamén o foi na reivindicación dos dereitos dos traballadores onde estivo batallando ata o fin.

A historia de Suso afonde a súas raíces na loita contra a ditadura franquista, onde demostrou a súa valentía e,  paralelamente, na organización dos primeiros movementos obreiros nacionalistas, cando a represión exercida polo réxime podía levarte á cadea ou mesmo á desaparición física, pero para el iso non era un problema, o seu compromiso e a súa palabra estaban por riba de calquera continxencia que puidera xurdir.

E isto, como dicía, demostrouno dende moi novo, sirva como exemplo os comezos na política e no movemento sindical que xa destacamos, ata a saída do Forga. Para el a loita e o compromiso a prol dos traballadores continuou ata onte. E mantivo,durante toda a vída, o seu ideario político e sindical en rumbo fixo, o cal non mudou, mesmo dende o posto no que traballou estes derradeiros anos na Deputación de Lugo.

En paz estea, este si, bo e xeneroso.

O Concello de Lugo incorpórase á Rede Innpulso

O Pleno municipal aprobou na súa última sesión a incorporación do Concello de Lugo á Asociación Rede Innpulso (ARINN), un foro de encontro de todos aqueles municipios distinguidos co galardón “Ciudad da Ciencia e a Innovación”, que outorga anualmente o Ministerio de Ciencia e Innovación, coa finalidade de avanzar na definición e aplicación de políticas locais innovadoras.

Así, o obxectivo da ARINN é recoñecer e impulsar as actuacións que en materia de ciencia e innovación realizan as administracións locais, propiciar a colaboración entre os concellos pertencentes á Rede, mellorar o seu potencial innovador e servir de modelo a outros municipios para contribuír ao cambio do modelo produtivo cara a un modelo económico e social sostible, baseado no coñecemento e a innovación.

O Ministerio concedeu neste 2023 a distinción de ‘Ciudad da Ciencia e a Innovación’ a dez novas localidades, entre as que se atopa Lugo, xunto a Algemesí (Valencia), Castelldefels (Barcelona), Irún (Guipúscoa), Puerto Real (Cádiz), Riba-Vermella de Turia (Valencia), Rubí (Barcelona), Sagunto (Valencia), L’Hospitalet de Llobregat (Bacelona) e Vitoria Gasteiz (Áraba).

  A ‘Rede Innpulso’ é un foro de encontro e de definición de políticas locais innovadoras e un espazo onde se comparten boas prácticas na súa xestión e na das iniciativas de comunicación para trasladar estes proxectos á cidadanía. Esta Rede é un axente cada vez máis activo de promoción de novas accións, como a compra pública de innovación, o apoio ás pemes e os emprendedores e a definición de criterios. Tamén promove e apoia a participación en proxectos no contexto dos programas europeos.

Por outra banda, cómpre subliñar que o Ministerio de Ciencia e Innovación está a destinar 10 millóns de euros para a incorporación de axentes locais de innovación nos concellos da ‘Rede Innpulso’. Deste xeito, e coa incorporación na devandita rede, o Concello de Lugo poderá acceder ás axudas para contratar persoal cualificado nesta materia.

O espectáculo “Mil maxias máis” chega a a Meira, O Valadouro, Sarria, Guitiriz e Becerreá

O Mago Antón chegará as vilas nas que actúa no magomobil, un vehículo preparado para o desenvolvemento do seu espectáculo “Mil maxias máis” e con capacidade para 70 espectadores. En cada lugar, fará cinco funcións diarias de 45 minutos cada unha, adaptándose á demanda.

Sinopse
A maxia en esencia é un xogo e con ela podemos facer que as palabras aparezan, desaparezan, se transformen ou mesmo leviten diante dos nosos propios ollos. Nesta proposta máxico-teatral non faremos trucos de mans, non desviaremos a atención, non faremos aparecer coellos. Faremos maxia  da boa a partir das nosas palabras, da nosa historia, do noso patrimonio cultural material e inmaterial.

“Mil maxias máis” é un espectáculo de maxia  dirixido ao público familiar para poñer en valor a nosa lingua utilizando xogos orixinais creados polo mago Antón coa finalidade de facer que os espectadores lembren a importancia que ten a palabra en galego. Os espectadores verán aparecer por arte de maxia e con todo o seu valor simbólico: landras, amorodos, lóstregos, bolboretas e moitas, moitas vasoiras para que todos e todas poidamos voar coa maxia do mago Antón e a da nosa lingua.

O continente deste espectáculo é un teatro sobre rodas: o magomóbil.  Trátase dun vehículo expresamente deseñado para a presentación de espectáculos de maxia de cerca e de salón. Entrar no magomóbil para presenciar “Mil maxias máis” será como abrir un libro de marabillas, entrar nun mundo fascinante onde todo xira arredor da maxia da palabra. Mil maxias para mil primaveras.

Datas e horarios
Día: 11 de agosto
Concello: Meira
Funcións: 13:00 horas 18:00 horas  19:00 horas 20:00 horas  21:00 horas
Ubicación: Praza do Concello

Día: 12 de agosto
Concello:  O Valadouro
Funcións: 17:00 horas 18:00 horas  19:00 horas 20:00 horas  21:00 horas
Ubicación: Praza  Santa Maria

Día: 13 de agosto
Concello: Sarria
Funcións: 13:00 horas 18:00 horas  19:00 horas 20:00 horas  21:00 horas
Ubicación: Praza  da Vila

Día : 15 de agosto
Concello: Guitiriz
Funcións: 13:00 horas 18:00 horas  19:00 horas 20:00 horas  21:00 horas
Ubicación: Praza  do Campo da Feira

Día: 25 de agosto
Concello: Becerrea
Funcións: 13:00 horas 18:00 horas  19:00 horas 20:00 horas  21:00 horas
Ubicación: Aparcamento do  Concello

Ignacio Nuevo

Hai días ocorriu un accidente de tráfico nos Lagos de Covadonga, ao cruzarse dous vehículos, e un autobús caer por un precipicio resultando varios feridos graves. Este accidente fíxome lembrar a Ignacio Nuevo, revisor do coche dos Hermanos Veiga que facía o traxecto entre Viveiro e Lugo, do que eu era usuario ocasional indo ou vindo no verán entre Vilalba e Ambosores.

Ignacio Nuevo era pequeno, fibroso, serio pero sorrinte, garimoso cos nenos, querido por todos. Moito tempo despois souben que fora Tenente Coronel do exército republicano e, despois da guerra, viñera deportado a Viveiro, onde enraizou de tal xeito que o seu fillo – Carlos Nuevo Cal – é cronista oficial da cidade, perfecto coñecedor dos “que” e dos “por que” do pasado e do presente viveirense.

A razón de lembrarme de Ignacio, a raíz do accidente na alta Asturias, é a miña experiencia de viaxeiro pola Ganidoira, na que cando o bus se cruzaba con outro, Ignacio baixaba do coche, e á beira dos precipicios da montaña, moito máis terribles que agora, iba orientando ao conductor, centímetro a centimetro, como podìa avanzar ou retroceder, parar ou arrimarse, mentras os pasaxeiros tiñamos o corazón nun puño polo revisor e por nós, abríndosenos o ceo cando o perigo pasaba e daba a orde de “avante toda”.

Nos comezos de agosto vou sempre a Viveiro á Mostra internacional de Bágoas da Terra, senlleira manifestación cultural da cidade do Landro, e pregunteille ao fillo polo nome do pai porque os nomes báilanseme pero os feitos están sempre aí.

Ignacio Nuevo ten salvado moitas vidas, arriscando a propia. Tantos anos despois, aquel permanente sorriso servicial, téñoo gardado no corazón.

Fotografía: Ignacio Nuevo e a súa dona Conchi Cal.

A Asociación Si, hai saída prega a colaboración da cidadanía ante ponte do 15 de Agosto

A Asociación Si, hai saída, ante a vaga de violencia machista que estamos a sufrir, que eleva xa a 35 o número de vítimas asasinadas polas súas parellas ou ex parellas no que vai de ano, as, ata agora 3 últimas en tan so 24 horas, as que hai que engadir 3 menores que estiveron a piques de correr a mesma sorte, ademais dos que quedaron orfos de nai, malia o cal non se implementou ningunha medida de prevención e a evidente desprotección a que están expostos por desgraza sempre, pero moi especialmente nunha longa ponte coma a do 15 de Agosto, a máis festiva por excelencia, con numerosas xuntanzas familiares, inicio e remate en moitos casos do período vacacional de menores cun ou outro proxenitor, o intercambio que isto implica e os conflitos que, en non poucos casos, provoca, etc, etc, desde a Asociación Si, hai saída apelamos, un ano máis, a colaboración cidadán e pregamos encarecidamente que, ante calquera episodio de violencia de xénero ou ante a sinxela sospeita de que se estea a producir, non dubiden en dar a voz de alarma.

Un xesto tan sinxelo coma unha chamada ao 091 ( Policía Nacional) ou 092 (Policía Local), poden salvar unha ou máis vidas.

Ninguén lles vai causar ningunha complicación, nin sequera é preciso que se identifiquen si non o desexan, pero, por favor, que non deixen de facelo.

Hai moitas vidas en xogo, e tentar salvalas é responsabilidade de todos.

Non esquezades que hoxe son elas, pero que, por moi remota que vos pareza esa posibilidade, mañá a vítima pode ser a vosa filla, a vosa irmán…..vos mesmas.
Non esquezades que estamos a falar de vidas.

Asociación Si, hai saída

A Feira de Gomeán celebra o seu centenario

O vindeiro domingo dia 13, entre as 10:30  e as 16:00 horas celebrarase  A Feira de Ano de Gomeán , que este ano cumpre 100 anos. O lugar, como non podería ser doutro xeito, será o do Campo da Feira de Gomeán no concello de O Corgo.

A Asociación de Veciños “O Salgueiriño” de Gomeán, está a realizar un intenso traballo de recuperación desta tradicional, antiga e afamada feira, tratando de dala a coñecer a máis xente cada ano e  para que as novas xeracións coñezan o seu pasado.

Dende a asociación preténdese que a feira continúe amosando o seu carácter tradicional e, consonte a esta premisa, desenvolverase un extenso programa de actividades que inclúen actuacións de música tradicional, demostración de diversos oficios tradicionais, mostra de animais de razas autóctonas, desfile de traxes tradicionais e maquinaria agrícola clásica, exposición de imaxes e datos antigos sobre Gomeán, demostración de habilidades caninas, concurso de manexo de porco celta, degustación de carne de tenreira de raza cachena e actuacións que sorprenderán e, á vez, manterán viva a memoria colectiva do rural.

Novo folleto turístico do Camiño Francés

Esta mañá presentouse o novo folleto turístico do Camiño Francés, elaborado pola Mancomunidade de Concellos do Camiño Francés ao abeiro dun convenio de colaboración para a promoción turística do territorio e deste itinerario que conta cun orzamento de algo máis dun millón de euros.

Ao o acto asistiron Xosé Merelles director de Turismo de Galicia, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, así como dos alcaldes e representantes dos once concellos que conforman a mancomunidade: Arzúa, Melide, Monterroso, O Pino, Palas de Rei, Paradela, Pedrafita do Cebreiro, Portomarin, Samos, Sarria, e Triacastela, nun acto que se celebrou na simbólica igrexa de Santa María a Real do Cebreiro.

Durante o acto, o director de Turismo de Galicia destacou o traballo de promoción, conservación e posta en valor que históricamente leva facendo a Mancomunidade, a máis antiga coa que conta o Camiño de Santiago, e aproveitou para “dárllela noraboa pola proactividade coa que están a traballar na captación de fondos europeos para seguir traballando a prol do Camiño Francés.

30ª Aniversario

O folleto que hoxe se presentou incorpora información de cada concello mediante códigos QR impresos que enlazan coa páxina web da mancomunidade, permitindo unha renovación continua da información sobre aloxamentos, lugares de interese e actividades que se están a desenvolver en cada concello.

Finalmente o encontro serviu tamén para poñer en valor as actuacións que se están levando adiante no marco deste ano en que se celebra o 30ª aniversario da declaración por parte da Unesco do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade. Unha efeméride na que están a traballar tanto desde a Mancomunidade como desde a propia Axencia de Turismo de Galicia.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com