Novas

A Feira de Gomeán celebra o seu centenario

O vindeiro domingo dia 13, entre as 10:30  e as 16:00 horas celebrarase  A Feira de Ano de Gomeán , que este ano cumpre 100 anos. O lugar, como non podería ser doutro xeito, será o do Campo da Feira de Gomeán no concello de O Corgo.

A Asociación de Veciños “O Salgueiriño” de Gomeán, está a realizar un intenso traballo de recuperación desta tradicional, antiga e afamada feira, tratando de dala a coñecer a máis xente cada ano e  para que as novas xeracións coñezan o seu pasado.

Dende a asociación preténdese que a feira continúe amosando o seu carácter tradicional e, consonte a esta premisa, desenvolverase un extenso programa de actividades que inclúen actuacións de música tradicional, demostración de diversos oficios tradicionais, mostra de animais de razas autóctonas, desfile de traxes tradicionais e maquinaria agrícola clásica, exposición de imaxes e datos antigos sobre Gomeán, demostración de habilidades caninas, concurso de manexo de porco celta, degustación de carne de tenreira de raza cachena e actuacións que sorprenderán e, á vez, manterán viva a memoria colectiva do rural.

Novo folleto turístico do Camiño Francés

Esta mañá presentouse o novo folleto turístico do Camiño Francés, elaborado pola Mancomunidade de Concellos do Camiño Francés ao abeiro dun convenio de colaboración para a promoción turística do territorio e deste itinerario que conta cun orzamento de algo máis dun millón de euros.

Ao o acto asistiron Xosé Merelles director de Turismo de Galicia, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, así como dos alcaldes e representantes dos once concellos que conforman a mancomunidade: Arzúa, Melide, Monterroso, O Pino, Palas de Rei, Paradela, Pedrafita do Cebreiro, Portomarin, Samos, Sarria, e Triacastela, nun acto que se celebrou na simbólica igrexa de Santa María a Real do Cebreiro.

Durante o acto, o director de Turismo de Galicia destacou o traballo de promoción, conservación e posta en valor que históricamente leva facendo a Mancomunidade, a máis antiga coa que conta o Camiño de Santiago, e aproveitou para “dárllela noraboa pola proactividade coa que están a traballar na captación de fondos europeos para seguir traballando a prol do Camiño Francés.

30ª Aniversario

O folleto que hoxe se presentou incorpora información de cada concello mediante códigos QR impresos que enlazan coa páxina web da mancomunidade, permitindo unha renovación continua da información sobre aloxamentos, lugares de interese e actividades que se están a desenvolver en cada concello.

Finalmente o encontro serviu tamén para poñer en valor as actuacións que se están levando adiante no marco deste ano en que se celebra o 30ª aniversario da declaración por parte da Unesco do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade. Unha efeméride na que están a traballar tanto desde a Mancomunidade como desde a propia Axencia de Turismo de Galicia.

Dous mozos falecidos en Chantada por mor do choque contra un xabaril do coche no que viaxaban

Segundo informa Emerxecias de Galicia, “un tráxico accidente, rexistrado esta madrugada no concello lucense de Chantada, saldouse con dous mozos falecidos. O turismo envorcou cando circulaba pola N-540, á altura do punto quilométrico 53, con tres persoas no seu interior. O condutor do vehículo resultou ileso e os bombeiros tiveron que excarcerar ás vítimas mortais.

O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido ao fío das 00:15 cando varios particulares chamaron para solicitar axuda para os ocupantes dun coche, que estaban atrapados como consecuencia dunha saída de vía. De feito, segundo o relato dun dos alertadores, o accidente puido ser provocado por un xabaril que interceptou a estrada.

Nada máis ter constancia dos feitos, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Chantada e dos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Unha vez no lugar, os membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento do concello chantadino empregaron o material de excarceración para liberar a dous dos ocupantes do turismo sinistrado. Desafortunadamente, nada se puido facer por salvarlles a vida.

Cómpre indicar que os equipos de intervención desprazados ata o lugar informaron ao 112 que, malia sufrir unha crise de ansiedade, o condutor do vehículo resultou ileso. Deste xeito, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, informouse aos psicólogos especialistas do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes ou Emerxencias (GIPCE) por se fose necesaria a atención especializada á familia e persoas próximas aos falecidos.

O operativo foi completado polos efectivos de Protección Civil de Chantada e persoal do servizo de mantemento das estradas. Igualmente, pasouse aviso aos axentes da Policía Local”.

Axudas estatais para un turismo sostible e de calidade 

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, animou hoxe ás entidades, asociacións e empresas lucenses a presentarse á convocatoria “Experiencias Turismo España” do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, que mobiliza 20 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno. O programa ten como obxectivo impulsar proxectos de redes de actores que desenvolvan experiencias turísticas sostibles, dixitais, integradoras e competitivas en España e así atraer un turismo de calidade. O prazo de solicitude está aberto ata o 20 de setembro.

Rodríguez destacou que “esta nova liña de axudas ofrece a oportunidade ás empresas e entidades de aumentar e mellorar as experiencias turísticas da provincia, poñendo en valor o patrimonio material e inmaterial do territorio, e situando ao viaxeiro como protagonista do destino”.

Deste xeito, lembrou que o Goberno xa concedeu na anterior convocatoria axudas para dous proxectos en Lugo. Concretamente, 109.000 euros ao AGDR Ribeira Sacra-Courel para impulsar a Rede de cruceiros de destinos náuticos sostibles; e outros 41.000 euros á Fundación Expomar, de Burela, para a creación da Rede de Turismo Mariñeiro.

Liñas de actuación

Os proxectos que se presenten á convocatoria deberán enmarcarse nunha das tres liñas das seguintes:

Innova: Ten como obxectivos impulsar e fortalecer as redes de actores e crear narrativas sobre experiencias inspiradoras que construían relatos a nivel país; mellorar recurso; impulsar a mellora da sustentabilidade e profundar na transformación dixital dos proceso das Experiencias Turismo España.

Integra: Pretende impulsar que a experiencia turística incorpore no seu deseño, de maneira normalizada e adaptada ás distintas realidades, o contexto produtivo local preto aos destinos a través das dinámicas de economía circular, as comunidades locais e a diversidade de perfís e segmentos no deseño de experiencias.

Comunica: Busca mellorar a comunicación das Experiencias Turismo España e convertelas nun dos pilares da promoción exterior do noso país. Os ámbitos relacionados coa seguridade e a resiliencia terán especial atención.

En setembro abrirá o novo PAC no barrio da Residencia

A Consellería de Sanidade ten previsto iniciar a mediados do próximo mes de setembro o traslado do Punto de Atención Continuada (PAC) de Lugo ao novo Centro Integral de Saúde (CIS) do barrio da Residencia. Asemade, no mes de outubro realizarase a asignación   do persoal.

Así o confirmou hoxe o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, durante unha visita ao complexo sanitario xunto con Ramón Ares, xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investiu máis de 13 millóns de euros no CIS, que ademais do PAC comprende un centro de saúde moderno e accesible, un centro de saúde mental e a base do 061.

No seu conxunto, serán 8.000 m² de superficie construída e máis de 5.500 m² de superficie útil en 6 andares, permitindo albergar as 46 consultas do centro de saúde e do PAC e as 22 consultas do centro de saúde mental.

 

 

  Proseguen os campamentos e campos de voluntariado da Xunta na provincia de Lugo

Unha “ampla oferta de actividades de lecer e tempo libre para a mocidade coa que conta a provincia de Lugo no marco da campaña de verán deste ano. Así o destacou a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, que na xornada de hoxe visitou os participantes nos campamentos e campos de voluntariado que se desenvolven en Portomarín e en Palas de Rei”.

Cristina Pichel, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias,  e os alcaldes de Portomarín, Pablo Rivas e o de Palas de Rei, Pablo José Taboada acompañaron en cadansúa localidade  ás nenas e nenos que, ata mañá, gozan de numerosas actividades de contacto coa natureza e deportivas no campamento que ten como sede o albergue xuvenil Benigno Quiroga en Portomarín e o ‘Os Chacotes’ no veciño concello de Palas de Rei.

Poñer en valor o Camiño

Pola súa parte, no campo de voluntariado un grupo de doce persoas procedentes de Galicia e doutras comunidades autónomas,así como de: Francia, México e Italia, axudan aos peregrinos que pasan por Palas de camiño a Compostela. A través deste campo contribúen a dinamizar o treito do Camiño que percorre Palas de Rei, poñendo en valor o sendeiro que transcorre polo castelo de Pambre, a ponte medieval ou a antiga central eléctrica de Coello.

Cristina Pichel destacou o liderado de Galicia en materia de accións de verán, xa que a través da campaña deste ano ofrécense mais de 11.200 prazas en distintas actividades: campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos ou intercambios con outras Comunidades Autónomas. Así mesmo, apuntou a importancia que ten a programación estival da Xunta para favorecer a participación dos nenos e mozos en actividades de lecer cunha vertente formativa, dar máis opcións de conciliación ás familias e contribuír a dinamizar o sector do ocio e tempo libre.

 

O Museo de Lugo ofrece visitas guiadas de curta duración

O Museo Provincial de Lugo propón para este mes de agosto un novo formato de visitas guiadas con “Sabías que?”, visitas de curta duración, alternativas á visita completa, nas que o persoal do Museo ofrecerá ás persoas visitantes breves explicacións sobre as pezas escultóricas e pictóricas das exposicións permanentes.

Trátase de datos de descuberta recente, froito da investigación que se desenvolve no propio Museo, ou de aspectos menos coñecidos e divulgados de obras e artistas.

A iniciativa pretende reforzar a atención das persoas visitantes e poñer en valor as pinturas e esculturas das exposicións permanentes do Museo Provincial de Lugo

Estas visitas non requiren concertación previa.

Ofreceránse nas seguintes datas e horarios:

8,9,10 e 11 de agosto I 17.00 horas

15,16,17 e 18 de agosto I 12.00 horas

22, 23, 24 e 25 de agosto I 17.00 horas

29, 30 e 31 de agosto I 12.00 horas

A baixada do prezo do leite imposta polas industrias fará perder os gandeiros de Lugo 90 millóns de €

Segundo Unións Agrarias, 89,2 millóns de euros será a cantidade que as explotacións de leite de Lugo deixarán de ingresar este ano a consecuencia das reiteradas baixadas de prezo impostas polas industrias.

A redución de tarifas que “as granxas se viron na obriga de aceptar, primeiro en abril e agora de novo neste mes de agosto, suporá unhas perdas de máis de 38.000 euros para cada unha das 2.344 granxas existentes nesta provincia. Unha caída de ingresos imposta sen xustificación de mercado e á marxe das obrigas que estipula a Lei de Cadea Alimentaria que Unións Agrarias denunciará ante a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia e ante as AICAs autonómica e estatal”.

Logo da renovación de contratos deste mes de agosto, ”o prezo medio que os gandeiros galegos perciben por litro de leite sitúase nos 0,48€; case 11 céntimos por debaixo do que cobraban a comezos de ano. As sucesivas rebaixas impostas de xeito unilateral polas industrias prodúcense sen que exista ningunha razón de mercado que as avale. E, o que é peor: totalmente á marxe da evolución dos custos dos insumos, o que na práctica supón obrigar ás explotacións a cobrar por debaixo de custos de produción”.

“Dos 198 millóns de euros que as ganderías de leite galegas deixarán de ingresar neste 2023 a causa desta actitude ilícita das industrias 89,2 corresponden a Lugo. Por comarcas, as perdas serán de 26,7 millóns de euros para a Terra Chá. A caída de ingresos na contorna de Lugo será de 21,2 millóns de euros; 11,7 millóns para Sarria; 8,6 Chantada; 5,3 Meira; 4,8 A Mariña Oriental; 3,1 Terra de Lemos; máis de 900.000 euros na Fonsagrada; 692.000 na Mariña Central; e 644.000 euros nos Ancares” Denuncia o sindicato.

Este feito, “sumado á resistencia das industrias a negociar contratos e aos reiterados incumprimentos no que á duración e prezos de presentación dos mesmos se refire, servirá de fundamento para as denuncias que Unións Agrarias xa está a preparar. Unhas demandas que a organización agrogandeira levará ante a AICA galega e estatal e tamén ante a Comisión Nacional do Mercado e da Competencia; un organismo que no 2019 xa impuxo unha sanción millonaria ao cártel do leite por pactar prezos á baixa de xeito ilícito” Subliñan dende o sindicato agrario..

Recollida de sinaturas

Igualmente, a organización agrogandeira impulsará a partir do mes de setembro unha recollida de sinaturas co obxectivo de trasladar e facer partícipe á opinión pública destas “discriminacións”. O obxectivo, alén de visibilizar “a actitude das industrias, é dar forma a unha fronte de presión cidadá para instar á Xunta de Galicia a actuar, vetando o acceso das firmas que incorran en prácticas ilícitas ou discriminatorias a axudas públicas”.

Unións Agrarias destaca tamén o caso concreto de “Central Lechera Asturiana; unha firma cunha actitude especialmente sangrante por discriminatoria, xa que aplica tarifas diferentes aos gandeiros segundo a súa ubicación: ata sete céntimos menos para un galego que para un asturiano”.

Mentres “as industrias forzan estas reiteradas baixadas do prezo do leite en orixe, o que os consumidores pagan nos puntos de venda por ese mesmo leite non ten sufrido variacións. Así, no que levamos deste 2023 o PVP do leite de marca branca mantívose estable en 0,90€/litro, mentres que o prezo percibido polos gandeiros acadou unha media de 0,552 €/l; o que supón unha baixada do -6,2% respecto do prezo rexistrado en xaneiro (0,588€)”.Rematan.

 

Novos horarios Ancares Marathon Cycling

Domingo 6 de agosto

Pedrafita do Cebreiro

8.45 horas. Presentación de participantes convidados e formación no
caixón de saída

8.55 horas. Corte protocolario da cinta de saída.

9.00 horas. Saída da marcha.

O Cebreiro

10.38 horas. Chegada estimada do primeiro participante Mini Fondo

12.40 horas. Chegada estimada do primeiro participante Medio Fondo

13.29 horas. Chegada estimada do primeiro participantes Gran Fondo

*** As entregas de premios faranse segundo vaian chegando os ciclistas
de cada proba.

O Museo Provincial incorpora a moeda “sestercio da caetra” a súa colección numismática

O sestercio da caetra ou sestercio de Augusto, unha moeda, declarada Ben de Interese Cultural en setembro de 2022, e case única xa que só se coñecen tres exemplares das súas características no mundo, ven de ser incorporada ao Museo de Lugo. A peza foi adquirida a un coleccionista privado, polo que a súa compra supón a incorporación ao patrimonio público.

A deputada de Cultura Iria Castro sinalou que “o Museo Provincial de Lugo é o mellor espazo posible para conservar e expoñer á cidadanía esta moeda única, que amplía o patrimonio do propio centro museístico e da cidade de Lugo como referente internacional para o estudo da romanización” e destacou que “a persoa propietaria mostrou especial interese na incorporación ao Museo polo traballo que ven desenvolvendo nos últimos anos na conservación e posta en valor da súa colección numismática, que é unha das máis completas de todo o Estado”.

O sestercio da caetra é unha peza de bronce, de 38.07 gramos, coa cabeza de Augusto no anverso, e o escudo da caetra -escudo dos galacios presente nas esculturas de guerreiros atopadas en Galiza e no norte de Portugal- , no reverso. A falta doutros datos, as achegas ao coñecemento da moeda que se teñen realizado desde a numismática apuntan a súa cuñación no século I a.C. en talleres móbiles do campamento militar que deu orixe á cidade de Lugo.

Trátase da única das tres moedas coñecidas exposta ao público en Galiza. O outro exemplar, atopado en 2005 nunha escavación arqueolóxica en Bracara Augusta (Braga, Portugal), consérvase no Museo de Arqueoloxía Don Diego de Sousa de Braga; a outra da que se ten noticia vendeuse nunha poxa en 1968 e 1979 e o seu paradoiro actual é descoñecido.

O sestercio da caetra incorpórase á colección numismática do Museo de Lugo como parte dun lote de sete moedas, que inclúe dúas moedas suevas e catro visigodas. Trátase de dous trientes suevos a nome de Valentiniano -un deles o terceiro exemplar coñecido con ese diseño do busto-, un triente visigodo acuñado por Sisebuto en Tuido que se coñecen doce exemplares-, un triente visigodo acuñado por Sisebuto en Valdeorras –do que se coñecen tres exemplares-, un triente visigodo acuñado por Sisebuto en Sanabria – cinco exemplares coñecidos – e un triente visigodo acuñado por Gundemaro en Valdeorras –unicamente dous exemplares coñecidos-.

As moedas adquiridas amplían e completan a colección numismática do Museo Provincial de Lugo, formada por 10.000 moedas e medallas. O centro museístico traballa nunha reformulación da exposición permanente de numismática para mostrar o sestercio da caetra e o resto das moedas, unha vez conclúa a súa catalogación.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com