Novas

O Museo de Lugo ofrece visitas guiadas de curta duración

O Museo Provincial de Lugo propón para este mes de agosto un novo formato de visitas guiadas con “Sabías que?”, visitas de curta duración, alternativas á visita completa, nas que o persoal do Museo ofrecerá ás persoas visitantes breves explicacións sobre as pezas escultóricas e pictóricas das exposicións permanentes.

Trátase de datos de descuberta recente, froito da investigación que se desenvolve no propio Museo, ou de aspectos menos coñecidos e divulgados de obras e artistas.

A iniciativa pretende reforzar a atención das persoas visitantes e poñer en valor as pinturas e esculturas das exposicións permanentes do Museo Provincial de Lugo

Estas visitas non requiren concertación previa.

Ofreceránse nas seguintes datas e horarios:

8,9,10 e 11 de agosto I 17.00 horas

15,16,17 e 18 de agosto I 12.00 horas

22, 23, 24 e 25 de agosto I 17.00 horas

29, 30 e 31 de agosto I 12.00 horas

A baixada do prezo do leite imposta polas industrias fará perder os gandeiros de Lugo 90 millóns de €

Segundo Unións Agrarias, 89,2 millóns de euros será a cantidade que as explotacións de leite de Lugo deixarán de ingresar este ano a consecuencia das reiteradas baixadas de prezo impostas polas industrias.

A redución de tarifas que “as granxas se viron na obriga de aceptar, primeiro en abril e agora de novo neste mes de agosto, suporá unhas perdas de máis de 38.000 euros para cada unha das 2.344 granxas existentes nesta provincia. Unha caída de ingresos imposta sen xustificación de mercado e á marxe das obrigas que estipula a Lei de Cadea Alimentaria que Unións Agrarias denunciará ante a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia e ante as AICAs autonómica e estatal”.

Logo da renovación de contratos deste mes de agosto, ”o prezo medio que os gandeiros galegos perciben por litro de leite sitúase nos 0,48€; case 11 céntimos por debaixo do que cobraban a comezos de ano. As sucesivas rebaixas impostas de xeito unilateral polas industrias prodúcense sen que exista ningunha razón de mercado que as avale. E, o que é peor: totalmente á marxe da evolución dos custos dos insumos, o que na práctica supón obrigar ás explotacións a cobrar por debaixo de custos de produción”.

“Dos 198 millóns de euros que as ganderías de leite galegas deixarán de ingresar neste 2023 a causa desta actitude ilícita das industrias 89,2 corresponden a Lugo. Por comarcas, as perdas serán de 26,7 millóns de euros para a Terra Chá. A caída de ingresos na contorna de Lugo será de 21,2 millóns de euros; 11,7 millóns para Sarria; 8,6 Chantada; 5,3 Meira; 4,8 A Mariña Oriental; 3,1 Terra de Lemos; máis de 900.000 euros na Fonsagrada; 692.000 na Mariña Central; e 644.000 euros nos Ancares” Denuncia o sindicato.

Este feito, “sumado á resistencia das industrias a negociar contratos e aos reiterados incumprimentos no que á duración e prezos de presentación dos mesmos se refire, servirá de fundamento para as denuncias que Unións Agrarias xa está a preparar. Unhas demandas que a organización agrogandeira levará ante a AICA galega e estatal e tamén ante a Comisión Nacional do Mercado e da Competencia; un organismo que no 2019 xa impuxo unha sanción millonaria ao cártel do leite por pactar prezos á baixa de xeito ilícito” Subliñan dende o sindicato agrario..

Recollida de sinaturas

Igualmente, a organización agrogandeira impulsará a partir do mes de setembro unha recollida de sinaturas co obxectivo de trasladar e facer partícipe á opinión pública destas “discriminacións”. O obxectivo, alén de visibilizar “a actitude das industrias, é dar forma a unha fronte de presión cidadá para instar á Xunta de Galicia a actuar, vetando o acceso das firmas que incorran en prácticas ilícitas ou discriminatorias a axudas públicas”.

Unións Agrarias destaca tamén o caso concreto de “Central Lechera Asturiana; unha firma cunha actitude especialmente sangrante por discriminatoria, xa que aplica tarifas diferentes aos gandeiros segundo a súa ubicación: ata sete céntimos menos para un galego que para un asturiano”.

Mentres “as industrias forzan estas reiteradas baixadas do prezo do leite en orixe, o que os consumidores pagan nos puntos de venda por ese mesmo leite non ten sufrido variacións. Así, no que levamos deste 2023 o PVP do leite de marca branca mantívose estable en 0,90€/litro, mentres que o prezo percibido polos gandeiros acadou unha media de 0,552 €/l; o que supón unha baixada do -6,2% respecto do prezo rexistrado en xaneiro (0,588€)”.Rematan.

 

Novos horarios Ancares Marathon Cycling

Domingo 6 de agosto

Pedrafita do Cebreiro

8.45 horas. Presentación de participantes convidados e formación no
caixón de saída

8.55 horas. Corte protocolario da cinta de saída.

9.00 horas. Saída da marcha.

O Cebreiro

10.38 horas. Chegada estimada do primeiro participante Mini Fondo

12.40 horas. Chegada estimada do primeiro participante Medio Fondo

13.29 horas. Chegada estimada do primeiro participantes Gran Fondo

*** As entregas de premios faranse segundo vaian chegando os ciclistas
de cada proba.

O Museo Provincial incorpora a moeda “sestercio da caetra” a súa colección numismática

O sestercio da caetra ou sestercio de Augusto, unha moeda, declarada Ben de Interese Cultural en setembro de 2022, e case única xa que só se coñecen tres exemplares das súas características no mundo, ven de ser incorporada ao Museo de Lugo. A peza foi adquirida a un coleccionista privado, polo que a súa compra supón a incorporación ao patrimonio público.

A deputada de Cultura Iria Castro sinalou que “o Museo Provincial de Lugo é o mellor espazo posible para conservar e expoñer á cidadanía esta moeda única, que amplía o patrimonio do propio centro museístico e da cidade de Lugo como referente internacional para o estudo da romanización” e destacou que “a persoa propietaria mostrou especial interese na incorporación ao Museo polo traballo que ven desenvolvendo nos últimos anos na conservación e posta en valor da súa colección numismática, que é unha das máis completas de todo o Estado”.

O sestercio da caetra é unha peza de bronce, de 38.07 gramos, coa cabeza de Augusto no anverso, e o escudo da caetra -escudo dos galacios presente nas esculturas de guerreiros atopadas en Galiza e no norte de Portugal- , no reverso. A falta doutros datos, as achegas ao coñecemento da moeda que se teñen realizado desde a numismática apuntan a súa cuñación no século I a.C. en talleres móbiles do campamento militar que deu orixe á cidade de Lugo.

Trátase da única das tres moedas coñecidas exposta ao público en Galiza. O outro exemplar, atopado en 2005 nunha escavación arqueolóxica en Bracara Augusta (Braga, Portugal), consérvase no Museo de Arqueoloxía Don Diego de Sousa de Braga; a outra da que se ten noticia vendeuse nunha poxa en 1968 e 1979 e o seu paradoiro actual é descoñecido.

O sestercio da caetra incorpórase á colección numismática do Museo de Lugo como parte dun lote de sete moedas, que inclúe dúas moedas suevas e catro visigodas. Trátase de dous trientes suevos a nome de Valentiniano -un deles o terceiro exemplar coñecido con ese diseño do busto-, un triente visigodo acuñado por Sisebuto en Tuido que se coñecen doce exemplares-, un triente visigodo acuñado por Sisebuto en Valdeorras –do que se coñecen tres exemplares-, un triente visigodo acuñado por Sisebuto en Sanabria – cinco exemplares coñecidos – e un triente visigodo acuñado por Gundemaro en Valdeorras –unicamente dous exemplares coñecidos-.

As moedas adquiridas amplían e completan a colección numismática do Museo Provincial de Lugo, formada por 10.000 moedas e medallas. O centro museístico traballa nunha reformulación da exposición permanente de numismática para mostrar o sestercio da caetra e o resto das moedas, unha vez conclúa a súa catalogación.

Plan de tráfico polas obras de peonalización de Quiroga Ballesteros e Amor Meilán

As obras de peonalización nas rúas Quiroga Ballesteros (no tramo comprendido entre Bolaño Rivadeneira e San Froilán), e Amor Meilán (desde Rúa San Fernando á Rúa Quiroga Ballesteros) comezarán a vindeira semana en paralelo á fase xa iniciada na rúa Montevideo e na Praza de Ferrol. A previsión é que a comezos de semana se sinalicen as zonas afectadas para que, unha vez retirados os vehículos estacionados, se proceda á instalación de valado. O acceso de residentes queda garantido por Amor Meilán entre Rúa Nova e Quiroga Ballesteros, que pasará a ser de dobre sentido só para os citados residentes.

O resto de vehículos seguirán accedendo, como ata o de agora, por Rúa Nova e saíndo pola porta de San Fernando. Igualmente, compatibilízase coa obra de Santo Domingo, que permite a entrada pola rúa Teatro e saída por San Marcos e San Fernando.

Estes traballos enmárcase no plan de peonalización entre a porta da muralla Bispo Odoario e a Praza Ferrol, contemplado no proxecto ‘Zero: Corazón verde’ para a peonalización integral do Centro Histórico, para

Plan de tráfico e sinalización

Os residentes de Rúa Manuel Amor Meilán accederán desde Rúa Nova, tendo que realizar a súa saída por esta mesma vía. Para iso, dispoñerase o tramo desta rúa entre Rúa Nova e Rúa Quiroga Ballesteros de dobre sentido de circulación, coa necesidade de desprazar as xardineiras existentes na actualidade nesta intersección. Con iso, dispoñeríanse na confluencia de Rúa Nova con Rúa Amor Meilán a seguinte sinalización: Sinal R-101 (dirección prohibida con lenda desde Rúa San Fernando, dispoñeranse os sinais R-101 (dirección prohibida con lenda  “excepto residentes”), sinal P18 (perigo obras), R-301 (limite de velocidade a 20 km/h), P-20 (perigo zona frecuentada por peóns), P-25 (perigo dobre sentido de circulación) e S15a (calzada sen saída). Analogamente na confluencia de Rúa Amor Meilán coa zona efectiva ocupada para o desenvolvemento dos traballos, zona que estará valada na súa totalidade, dispoñerase sinal R101. No acceso a Rúa Quiroga Ballesteros desde Rúa San Froilán dispoñeranse sinais R101 (dirección prohibida) e R-400b (sentido de circulación obrigatorio á esquerda), e coa suficiente antelación á zona ocupada en Rúa San Froilán, dispoñeranse sinais P-18 (perigo obras) e R-301 (limite de velocidade a 20 km/h). Do mesmo xeito, en Rúa Bolaño Rivadeneira previo á intersección con Rúa Quiroga Ballesteros dispoñeranse sinais P-18 (perigo obras) e R-301 (limite de velocidade a 20 km/h). Finalmente, no acceso a Rúa Amor Meilán desde Rúa San Fernando, dispoñeranse os sinais R-101 (dirección prohibida) e R-400a (sentido de circulación obrigatorio á dereita).

Un home asasina a un veciño e fire de gravidade a súa dona en Lamas, Samos

Esta maña foi asasinado ao recibir varias coiteladas un veciño da aldea de Lamas de Val e ferida de gravidade a súa dona por mor duns lindes de leiras. a vítima de nome Manuel foi sorprendida polo presunto asasino, un veciño de 49 anos, cando se atopaba nas cortes da súa propiedade xunto coa súa dona Consuelo que resultou ferida de gravidade e foi evacuada ao HULA.

O matrimonio residía entre Lamas, na casa do Oleiro, e Sarria onde posuían un edificio de vivendas. As vítimas foran emigrantes en Europa e regresaron hai máis de trinta anos para Galicia.

O presunto asasino cos seus pais, xa ameazara a máis veciños por cuestións de gando. A relación deste home con moitos veciños da comarca sempre foi complicada.

25 anos de irmandade entre Sarria e Guerlédan

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro e a deputada de Cultura Iria Castro recibiron este mediodía no Pazo de San Marcos a unha delegación de Guerlédan, na Bretaña, que participa ao longo desta semana nun programa actividades polos 25 anos do irmandamento entre Sarria e Guerlédan.

As viaxeiras e viaxeiros chegados da Bretaña, acompañados por veciñanza de Sarria, percorreron o interior do Pazo de San Marcos e o xardín, coñecendo tanto o edificio como a función e a fórmula de elección dos representantes provinciais, homologables ao departémento francés.

O vicepresidente da Deputación, tamén concelleiro en Sarria,  felicitou “a sarriás e bretóns  por manter os lazos ao longo destes 25 anos, contribuíndo a visibilizar tamén os vínculos culturais entre Galiza e a Bretaña”. No nome da delegación bretoa, Monique Le Clézio,elixida do Conseil Général des Côtes d’Armor -o departemet francés ao que pertence Guerlédan – fixo un chamado a tolerancia en Europa.

A visita á institución provincial formaba parte do programa do Irmandade entre Sarria e Guerlédan, nunha xornada na que tamén visitaron o Centro de Artesanía e Deseño e o Museo de Lugo, así como Santalla de Bóveda.

A delegación bretona chegou a Sarria o mércores, onde quedarán ata o martes. Ademais de Sarria e Lugo, nestes días achegaranse, a  outros lugares da provincia.

A Xunta emite informe ambiental sobre as obras do caneiro de Acea de Olga

A Xunta de Galicia emitiu o informe ambiental sobre o proxecto de obras de reparación e permeabilización lonxitudinal da presa de Acea de Olga no río Miño, ao seu paso pola cidade de Lugo, “antes de que rematase o prazo legalmente correspondente”.

Segundo o informe ambiental emitido Subdirección Xeral de Espazos Naturais, “non é previsible que o proxecto xere efectos significativos, sendo compatible coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade, sempre e cando se garante o cumprimento das condicións establecidas no devandito informe”.

Así, respecto á traslocación de exemplares de Unio delphinus e Potomida littoralis – incluídos no Catálogo galego de especies amenazadas-, deberase levar a cabo de acordo coas “condicións establecidas por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural na autorización que xa foi remitida hoxe mesmo á empresa responsable de levar a cabo a actuación”.

Nesa liña, a autorización, que terá vixencia ata o”vindeiro 30 de setembro”, incide na obrigatoriedade de presentar “tanto un cronograma como unha previsión diaria do número de exemplares a recoller, trasladar e reinstalar, que deberán ser comunicados ao Servizo Provincial de Patrimonio Natural con anterioridade ao inicio da actuación para a súa validación. Calquera variación nesa planificación tamén deberá ser trasladada ao devandito departamento autonómico”.

A maiores, deberase levar a cabo “un seguimento da poboación durante un período de 5 anos, polo que a empresa responsable deberá realizar unha marcaxe de, como mínimo, o 50% dos exemplares trasladados para avaliar a súa evolución”.

Cómpre salientar que, “ademais de emitir tanto o informe ambiental como a autorización para o traslado de náiades dentro do prazo correspondente, a Xunta fíxoo de forma simultánea co obxectivo de axilizar, na medida do posible, o procedemento”.

 

Presentación de “quot;… E para comer, Lugo en La Vuelta”

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta mañá na presentación de “quot;… E para comer, Lugo en La Vuelta”, a colaboración que a Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo (APEHL) ven facendo ano a ano con “La Vuelta”, a nos proba ciclista máis internacional co obxectivo de que a
enogastronomía galega, e especialmente a da provincia de Lugo, viaxen e se promocionen durante as diferentes etapas de La Vuelta.
Deste xeito, un total de 20 produtos, denominacións de orixe e IXP galegas terán presenza na carpa de degustacións que estará montada na saída das etapas de La Vuelta, que se disputará entre o 26 de agosto e o 17 de setembro. Este ano serán un total de 21 etapas, das que ningunha transcorrerá por terras galegas, de aí a importancia que adquire este stand de produtos enogastronómicos de calidade.
“A través destes produtos, que representan unha pequena parte do mellor da gastronomía galega, Galicia estará presente nesta cita deportiva”, explicou o director de Turismo de Galicia nun acto de presentación no que estivo acompañado polo presidente da APEHL, Cheché Real, e o máximo responsable de La Vuelta, Javier Guillén. Todos eles coincidiron en destacar a vinculación entre gastronomía e deporte e a importancia de poñer en valor a riqueza gastronómica galega como un dos recursos turísticos endóxenos máis importantes cos que conta Galicia.
O stand cos produtos que se van a promocionar en cada unha das etapas da volta, incluirá degustacións co obxectivo de seguir achegando a riqueza enogastronómica galega por todo o territorio nacional.
A proba retransmitirase a 190 países e o impacto sobre un target amplo, desde afeccionados a este deporte pero tamén a un perfil amplo de familia, fai que este tipo de
acción de promoción permita achegar a diferentes públicos os produtos gastronómicos galegos de calidade.

Os socialistas de Sarria denuncian a “falta ao respecto á oposición do alcalde”

O Voceiro municipal do PSdeG en Sarria, Benjamín Escontrela, denunciou este mércores que o Alcalde da localidade, Claudio Garrido, “falta ao respecto á oposición” despois de que este convocase un Pleno de urxencia esta mesma mañá, só con apenas 4 horas de antelación, “sabendo que varios concelleiros non poderían acudir”. Cualificou a súa xestión de “caótica” e lamentou unha forma de gobernar “ditatorial e sen planificación de ningún tipo.

Segundo os socialista, o asunto que motivou a convocatoria do Pleno foi a necesidade de corrixir as partidas orzamentarias vinculadas a uns investimentos relacionados co alumeado público do Concello e poder así xustificar unha subvención dependente do IDAE. “A urxencia non estaba xustificada en ningún caso, porque os expedientes dos que tratou o Pleno databan dos meses de maio e xuño, e os prazos para optar a esta axuda sabíanse 6 meses antes polo que o rexedor convocou o Pleno tarde “con premeditación e aleivosía”.

“É unha falta de respecto á oposición e á veciñanza que representamos, e como tal temos que dicilo”, sinalou escontrela, que deu conta de que na sesión municipal faltaron esta mañá 4 concelleiros, un deles do Partido Socialista, que non puideron presentarse ao ser convocados esta mesma mañá.

Denuncia ademais a forma de actuar do grupo do Goberno local respecto á necesidade de modificar as partidas dos investimentos do alumeado público para non perder as axudas, e acúsao de “improvisación e mala praxe”. “Agora pretenden despachar o expediente engadindo un cadro de prezos asinado pola técnica municipal sen que se incorpore modificación algunha ou aclaración ao contido dos seus informes precedentes”, explica o socialista, que asegura que “os socialistas non apoiaron a iniciativa porque é susceptible de ser declarada nula de pleno dereito e mesmo susceptible de constituír un delito de prevaricación tal e como advirten os técnicos municipais”.

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com