Novas

Codex Cinema estrea hoxe “Houria” unha reivindicación da muller ao seu dereito a liberdade e igualdade e o drama “Aisha”

HOURIA” baixo a dirección de Mounia Meddour. O filme é un relato duro pero optimista, unha película comprometida, onde reivindica o dereito da muller a decidir sobre o seu corpo, o dereito a liberdade e igualdade. Sinopse: Houria é unha bailarina nova e talentosa. Para loitar polos seus soños e conseguir algo de diñeiro participa en xogos de azar clandestinos. Unha noite, despois de gañar unha fortuna é atacada. Entón o seu mundo cambiará para sempre.

A outra estrea da semana é “AISHA” do director Frank Berry é un drama absorvente e inmensamente conmovedor ao que lle dan vida dous interpretes de gran calibre, unha actuación fascinante de Wright e Josh O’Connor que está entre os mellores actores de Gran Bretaña nos últimos dez anos.Sinopse: unha moza nixeriana busca asilo internacional en Irlanda. Atrapada nun limbo durante anos no sistema de inmigración irlandés, Aisha Osagie desenvolve unha amizade co exprisioneiro Conor Healy, a quen coñece nun dos centros de aloxamento. A crecente amizade de Aisha e Conor pronto parece ser efémera, xa que o futuro de Aisha en Irlanda vese ameazado.

Pódese consultar toda a programación en: www.codexcinema.info

Morre un mozo ao precipitarse o seu coche ao porto deportivo de Viveiro

Os voluntarios de Protección Civil alertaron, a través do 112 Galicia, dun vehículo mergullado no mar na contorna do porto deportivo de Viveiro.

Pasaban das 3:30 horas desta madrugada cando os membros da agrupación efectuaron esa comunicación ao mesmo tempo que os Bombeiros de Viveiro. O primeiro paso foi comprobar se no vehículo había pasaxeiros, e, para iso, foi necesario activar diferentes recursos para traballar nesa contorna: mergulladores, efectivos do GES de Cervo e rescatadores do Servizo de Gardacostas de Galicia na base do Pesca II. Mediante as operacións destes equipos, confirmouse que no interior do coche había unha persoa falecida.

Deste xeito, o seguinte paso foi o rescate do corpo para o que foi necesaria a intervención do grupo especializado en rescates acuáticos da Garda Civil (GEAS). As súas tarefas concluíron coas primeiras horas do día coa recuperación do cadáver, e, a partir dese momento, serán os axentes da Policía Nacional quen asuman as investigacións pertinentes para coñecer as circunstancias deste suceso.

Por suposto, o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 colaborou tamén neste operativo, ao igual que os profesionais que, con motivo da celebración do Resurrection Fest, forman parte do seu dispositivo especial de seguridade dentro do Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias.

Olga Louzao

O Cantar do Cid pon en boca dos burgaleses que contemplan o paso do Campeador: “Dios, qué buen vasallo, si tuviese buen Señor». Hoxe non hai vasalos nin señores, senón homes e mulleres libres que cando se dedican á política se poñen diante de nós para ser xulgados e, ao elixilos, comprobar que cumpren o que prometeron.

Quere o tópico que, nun naufraxio, sexan os ratos os que primeiro abandoan a nao, e o capitán, por responsabilide, o último. Penso en Olga Louzao e digo – actualizando a frase – que boa política resultaría ser se tivese un partido á súa medida!.

Hai que recoñecerlle a Olga – o meu trato con ella foi esporádico e circunstancial – a conciencia do lugar que ocupaba e a responsabilidade no exercizo da función, con permanente sorriso, con talante e talento, dialogando, mantendo o tipo, facendo oposición porque tocaba; atendendo os asuntos lucenses porque tocaba.

Falouse moito e ben do seu papel, a continuidade nas funcións, a firmeza de manterse nunha linea ideolóxica e de acción mentras todo ao arredor facía crise, e algúns dos seus iguais a escala nacional buscaban cómodo acomodo diante dun futuro imperfecto.

Olga Louzao mantívose no seu lugar ata o final e máis despois, deixou o concello para comprobar que hai vida despois da vida e confortoume saber que o día da constitución da nova corporación acudiu en familia ao festival O Son do Camiño, que seguro lle soou a música celestial despois de tanto bailar ao son doutras músicas. Diante da volta á vida normal e real dunha muller firme en pensamento e accións, quero desexarlle que, en política e fóra dela, “a vida lle vaia bonito”.

Lugo queda outro ano máis sen praia fluvial

Un ano máis Lugo queda sen praia fluvial. A Xunta de Galicia sinala que o informe que remitiu o Concello de Lugo a esta Delegación Territorial “non fai máis que ratificar as conclusións dos múltiples informes elaborados polo Servizo de Patrimonio Natural da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e, polo tanto, o forte impacto ambiental que tería a instalación das piscinas fluviais nesta zona do río Miño, polo que resulta imposible atender a solicitude feita polo Goberno local”.

A presenza na zona de baño dun número considerable de exemplares destas dúas especies de mexillón de río protexidas -entre 20.000 e 22.000 exemplares de P. Littotalis e entre 4.000 e 5.000 de U. Delphinus- valida plenamente as conclusións dos informes desfavorables emitidos por técnicos de Patrimonio Natural.

Esta estimación veríase incrementada, nun número de exemplares non cuantificado, coa poboación de exemplares xuvenís e adultos de pequeno tamaño que se encontran completamente enterrados no substrato e que, como consecuencia, non puideron ser detectados na prospección.

Ademais, o Servizo de Patrimonio Natural sinala que se incumprirían as prohibicións que se derivan da inclusión destes dous tipos de mexillóns no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, xa que a instalación das infraestruturas para a zona de baño implicaría a perturbación do medio natural durante os vindeiros 25 anos e os seus períodos reprodutivos, que no caso de ambas as dúas especies abranguen de marzo a outubro.

Unha das cuestións nas que incide a Dirección Xeral de Patrimonio Natural é que na documentación aportada polo Concello de Lugo non se acredita debidamente a inexistencia doutra solución ou alternativa á proposta do Goberno municipal. Ademais, fai fincapé en que tampouco se fai referencia a cales serían as circunstancias que xustificarían a excepcionalidade ás prohibicións e medidas de protección e conservación establecidas para estas especies na lei, entre as que figura a súa traslocación.

Outro dos aspectos recollidos no informe remitido polo Concello de Lugo é que “a zona de baño presenta profundidades máximas próximas a 3 metros de profundidade, con máis do 60% da área con profundidades superiores á 1,5 m”. Tal información obtense das prospeccións feitas pola empresa nos meses de maio e xuño de 2023, das que se deduce que na zona elixida para a instalación das piscinas unha porcentaxe significativa da canle ten unha profundidade inferior a 1,5 metros.

Pero esta porcentaxe, previsiblemente, verase incrementada na época de maior estiaxe, provocando que as instalacións flotantes se apoien, nalgún momento, no leito do río, circunstancia que se considera inadmisible polo dano ambiental que provocaría.

Por conseguinte e en base aos datos aportados polo Concello e ás conclusións dos informes realizados polo propio Servizo de Patrimonio Natural, resulta imposible atender a proposta do Goberno local. Esta Delegación Territorial reitera, unha vez máis, o seu ofrecemento a que técnicos deste servizo colaboren tanto co Concello como coa CHMS, na busca dunha solución alternativa que posibilite a instalación dunha zona de baño no río Miño ao seu paso por Lugo que minimice o seu impacto ambiental.

A Audiencia de Lugo absolve dous acusados de agredir sexualmente a unha muller que os convidou a súa casa

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo absolveu, de acordo con o criterio do Ministerio Fiscal, a dúas persoas acusadas de agredir sexualmente a unha muller, á que coñecían desde facía uns meses, na súa vivenda, á cal acudiron convidados a unha churrascada. O tribunal indica na sentenza que, tras as probas practicadas, “non se pode asegurar coa debida seguridade que a denunciante fose vítima, por parte dos acusados, de actos sexuais non consentidos”.

Ademais, salienta que non se probou que se servisen, para cometer eses actos sexuais, “do seu estado de ebriedade e vulnerabilidade, como alega o escrito de acusación”, á vez que destaca que os médicos forenses “reiteraron no xuízo que a denunciante non tivo lesións xenitais físicas”. Por todo iso, decretou a súa libre absolución, en aplicación do principio constitucional in dubio pro reo.

O barrio da Milagrosa acollerá este venres unha masterclass de baile

O barrio da Milagrosa acollerá este venres, 30 de xuño, unha masterclass de baile dentro da campaña de dinamización posta en marcha polo Concello. A actividade terá lugar de 21:00 a 00:00 horas, na rúa Mallorca, e estará impartida polo actual campión de España de bailes caribeños, Jandro Pallares, da escola Ritmo Lugo.

O obxectivo desta iniciativa é poñer en valor o bo facer da actividade comercial e hostaleira da Milagrosa, “un barrio emblemático na cidade e cunha veciñanza exemplo de convivencia e confraternidade”, apuntou Lara Méndez, alcaldesa de Lugo. O plan de dinamización, que parte da área de Desenvolvemento Local, quere contribuír a dignificar a calidade tanto da atención que se dispensa, como do produto que se oferta nesta parte da cidade, fronte a outras mensaxes que tratan de asimiliar esta contorna a unha situación permanente de marxinalidade e conflitividade social.

A iniciativa conta ademais cunha mascota propia: a Milagrosiña, que é un dos eixes deste Plan de dinamización. Unha simpática fada cuxo achádego nos establecementos participantes é chave para gañar vales de compra.

As piscinas municipais exteriores de Frigsa abrirán as súas portas este sábado, 1 de xullo

As piscinas municipais exteriores de Frigsa abrirán as súas portas este sábado, 1 de xullo.

As instalacións permanecerán operativas os principais meses do verán, até o 31 de agosto, en horario continuo de 12:00 a 20:30 horas de luns a venres, mentres que a fin de semana pecharán media hora antes (de 12:00 a 20:00 horas).

O equipamento disporá de servizo de socorrismo en todo momento cun mínimo de dous profesionais que atenderán o recinto e que, en momentos de máxima afluencia, se reforzarán en número para garantir a seguridade das persoas usuarias.

Os prezos serán de 1 euro para a mocidade ate os 15 anos (10’80 € o abono de 15 baños); de 2’20 euros para adultos, maiores de 16 anos, (22’30 € o custo do abono); de 11’10 euros o abono para pensionistas e, para familias a partir de tres membros de 29’90 euros (o abono de 15 baños) e 59’10 € (o abono de 30 baños).

As piscinas exteriores de Frigsa están compostas por tres vasos de diferentes medidas e profundidades adaptados a todos os públicos:

  • Plato sen profundidade: para menores de 3 anos e con capacidade para 13 crianzas.
  • Piscina mediana: cunha profundidade máxima de 1’30 metros, para a rapazada entre 4 e 12 anos de idade, con capacidade para 35 persoas.
  • Piscina profunda: de 8 rúas e 25 metros de longo cunha profundidade mínima de 1′ 20 e máxima 2’50 metros, na que é obrigatorio saber nadar para facer uso da mesma e cunha capacidade de 100 persoas.

O Concello lembrou que mantén aberto o resto de piscinas municipais ao longo de todo o ano, incluído en verán. De xeito que neste próximo mes de xullo continuará funcionando a de Frigsa mentres que, en agosto, a cidadanía poderá empregar a de As Pedreiras.

Horario mes de xullo. Piscina Frigsa

– De luns a venres: de 07:00 a 22:30 horas.

– Sábados: de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas

– Domingos: de 10:00 a 14:00

Horario mes de agosto. Piscina As Pedreiras

– De luns a venres: de 08:00 a 22:30 horas.

– Sábados: de 10:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas

– Domingos: de 10:00 a 14:00 horas.

Asemade continúa aberto atá mañá, 30 de xuño, o prazo de matriculación para os cursos intensivos de natación para crianzas que se desenvolverán en setembro en ambas as dúas piscinas climatizadas. Poderán anotarse nenos e nenas nacidas entre o 2013 e o 2017 incluídos, nas oficinas de Deportes situadas na piscina municipal de Frigsa.

 

A asociación Si, hai saída alerta sobre a desprotección das vítimas de violencia de xénero durante o verán

Un ano mais, e con este serán 10, desde a Asociación Si, hai saida, alertamos sobre a falta de prevención e a desprotección aínda maior a que xa se ven expostas habitualmente as vítimas de violencia de xénero e as súas fillas e fillos, xustamente cando mais o precisan, por mor do período vacacional, unha das épocas na que o seu nivel de risco aumenta considerablemente polas circunstancias que adoita implicar.

O intercambio de menores entre proxenitores que xa non conviven e para os que esta situación é motivo de conflitos, o aumento de horas de convivencia entre parellas nas que xa existe unha situación de violencia de xénero, o maior consumo de alcohol ou mesmo doutras sustancias que potencian a agresividade, principalmente nas datas festivas, as xuntanzas familiares, fonte, en moitas ocasións, de crispación, etc ,etc, son, entre outros, algúns dos factores que fan que o repunte da violencia machista sexa un feito constatado, malia que a Delegada de Violencia de Xénero tivera, hai unhas semanas, a desvergoña de manifestar que isto é algo que aínda van estudar, deixando en evidencia o seu mais que patente descoñecemento, e, porén, do Ministerio de Igualdade, da realidade da violencia de xénero.
Malia isto, os xa non moi abondosos recursos para a protección e asistencia das mulleres vítimas da violencia machista, son, durante os meses de Xullo e Agosto, practicamente inexistentes.

As Ufam (Unidade de Familia e Axuda a Muller) baixo mínimos, xa que os axentes que collen vacacións non son substituídos , ou directamente baleiras desde os Venres pola tarde, durante todas as fins de semana, e por suposto, pontes e días festivos, CIMS pechados polas tardes, algo isto xa habitual, pero con menos persoal, Puntos de Encontro Familiar que pechan parte do mes de Agosto, xustamente cando mais precisos son, unido ao feito de que o mes de Agosto é xudicialmente inhábil, paralizándose, porén, todos os procesos, é o desolador panorama que lles agarda a estas mulleres e aos seus fillos ao longo de 2 meses nos que non lles queda mais opción que tentar conservar a esperanza de que non lles suceda nada irreparable.

Malia isto, e que, desde hai xa semanas que estamos a ver como desde o Goberno se están a adoptar medidas de prevención e nos están a proporcionar unha serie de pautas ante posibles incidencias que se poden dar durante estas datas para tentar evitar roubos nos domicilios baleiros, estafas nos destinos vacacionais, posibles accidentes de tráfico, etc, etc, a violencia de xénero é totalmente esquecida, nada se vai facer, ningunha medida de prevención se vai a adoptar, malia que o nivel de risco medra exponencialmente, e isto en plena campaña electoral, o cal nos deixa claro cal é a preocupación, a concienciación reais que existen no noso país, no noso eido político e social en canto a violencia de xénero, que está a pasar de ser un delito de segunda ou mesmo terceira categoría a practicamente invisible, malia ser o que mais vidas se cobra.

Naturalmente, Lugo non é a excepción, e a isto temos que engadirlle a nula colaboración policial que, a lo menos no que a Si, hai saída atinxe, vimos sufrindo desde o ano 2017, xa que, ata esas datas, ante o inminente comezo das vacacións se nos informaba dos recursos cos que podíamos contar e a quen nos podíamos dirixir no caso de ser preciso, como algunha vez sucedeu, xa que, lamentablemente, non somos do agrado do actual responsable, que, en contra do que, entendemos, debería priorizar, que é que esta é unha loita conxunta, na que a unión e a profesionalidade son fundamentais, ou así debería ser, en beneficio das vítimas , opta por antepoñer as súas simpatías persoais, algo isto, na nosa opinión, que tampouco beneficia a Institución que representa.

Asociación Si, hai saída

Abre o prazo para solicitar o Bono Cultura Xove

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, lembrou este mércores en Burela que tanto empresas como mozos e mozas lucenses xa poden solicitar o Bono Cultural Xove que impulsa o Ministerio de Cultura e Deporte. Trátase do programa estatal que ofrece unha axuda directa de 400 euros ás persoas quen cumpre 18 anos para adquirir e gozar de produtos e actividades culturais e do que o ano pasado beneficiáronse 1.143 mozos. Isabel Rodríguez animou aos 2.186 rapaces e rapazas da provincia nados en 2005 a que soliciten o bono desta segunda edición na páxina web. O prazo remata o vindeiro 30 de setembro.

O Bono Cultural Xove funciona exclusivamente naquelas empresas, comercios e entidades culturais que previamente solicitasen a súa adhesión ao programa. Na provincia de Lugo hai máis dunha vintena de establecementos adheridos, entre eles distintas librarías, tendas de produtos dixitais e online, especializadas en música e videoxogos. Neste senso, todas as entidades interesadas en vender os seus produtos e servizos aos portadores desta tarxeta poden tramitar a súa adhesión ao programa a través da web.

Válido durante 1 ano

Por segundo ano consecutivo, o bono é válido durante os 12 meses seguintes á súa concesión. Cada persoa beneficiaria poderá destinar ata 200 euros a artes en vivo, patrimonio cultural e artes audiovisuais; un máximo de 100 euros a bens culturais en soporte físico e outros 100 euros ao consumo dixital ou en liña nas entidades adheridas ao programa.

Encontro de Besteiro con pensionistas

Varias asociacións de pensionistas da cidade participaron no encontro, no que o cabeza de lista ao Congreso do PSdG-Psoe por Lugo José Ramón Gómez Besteiro , xunto co candidato ao Senado Cesar  Mogo explicaron que “o aumento aprobado polo Goberno de Pedro Sánchez, e que xa é visible nas contas dos lucenses, permitirá aos pensionistas recuperar poder adquisitivo ao cobrar unha media de 77 euros máis ao mes, un aumento que tardaría 34 anos en producirse se as pensións seguisen aumentando ao ritmo do 0,25% que aplicaba o Partido Popular”. Desta forma, os pensionistas lucenses, recibirán este ano 113 millóns de euros máis, chegando a unha contía total de 1.443 millóns.

Grazas a esta decidida aposta, explicou Gómez Besteiro, os 113.304 pensionistas lucenses, o 35% da poboación total da provincia, o que permitiu “seguir dignificando as pensións nunha provincia como a nosa, na que teñen un impacto real na economía, no territorio e no sustento das súas familias”.

Nesta liña, Gómez Besteiro destacou que “os socialistas sempre confiamos no sistema de pensións público, facéndoo sostible e subindo a súa contía, mentres que o Partido Popular aposta por sistemas privados que acababan enriquecendo, como sempre, aos seus amigos”. Besteiro lembrou que, “tanto o BNG  coma Feijóo rexeitaron  esta suba das pensións votando en contra da aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado”.

Para os socialistas “o mantemento e a revalorización das pensións é unha prioridade absoluta para o Goberno, o investimento en pensións en Galicia é agora de 785 milllones de euros mensuais, o que significa que neste 2023, o desembolso anual en prestacións contributivas será de once mil millóns de euros, mil millóns máis que o pasado ano”, sinalaron.

Os candidatos socialistas concluiron que “se os pensionistas de Lugo gozan hoxe da pensión máis alta dos últimos anos é porque o Goberno de Pedro Sánchez optou por protexer a toda a cidadanía. Mentres, o PP o único que busca é crear incertezas e recortar dereitos”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com