Novas

A Asociación Si, hai saída prega aos partidos políticos que non se utilice a violencia de xénero como ferramenta electoral

Atopámonos xa totalmente mergullados en plena campaña electoral, a lo menos de xeito oficial, xa que na práctica, de maneira mais ou menos solapada, hai moito que comezou. Todos somos conscientes de que, se hai algo que vende nestas circunstancias, é a violencia machista.

Cada campaña electoral asistimos a súa utilización, a da dor das súas vítimas, a da súa desprotección, da moitas veces mais que cuestionable, por non dicir deficiente, asistencia que se lles presta, e a como as diferentes cores políticas se reprochan estas eivas unhas aos outras, mentres se multiplican as promesas que, unha vez pasado o día D das eleccións, non pasarán de ser xustamente eso, promesas, que ficarán incumpridas ata que uns novos comicios as saquen de novo a luz e o proceso se repita.

Desde a Asociación Si, hai saída pregamos a todos e cada un dos partidos políticos que se absteñan desta utilización.

A violencia de xénero, as súas vítimas , mulleres, fillos e fillas, non son estratexias ou ferramentas políticas, nin slogans de campaña. Son seres humanos con moita dor, con moito sufrimento as súas costas, que, en moitos casos, acabará por custarlles a vida. Quen de verdade quere prestarlles a súa axuda, traballa para acadar solucións reais, e non para o seu proveito e para acadar os seus fins.
Todos e cada un de nos temos a obriga de respectalos e de non contribuír a maltratalos aínda mais utilizando a súa desgraza no propio beneficio.

Asociación Si, hai saída

Día das Letras Galegas dedicado a Francisco Fernández del Riego

Hai agora 60 anos o escritor e activista cultural  Francisco Fernández del Riego, propoñíalle á Real Academia Galega, tres anos despois do seu ingreso nela,   a posibilidade de crear un día ao ano para honrar as nosas letras e darlles visibilidade ás e aos creadores/as en Lingua Galega, nunha xornada que estaría dedicada cada ano a un escritor/a relevante que escribira en galego.

Así nacía o Día das Letras que se celebrou por primeira vez o 17 de maio  de 1963. Seis décadas despois o impulsor daquela iniciativa é o homenaxeado. Andando tempo pasaría de día a semana e dende hai uns anos a celebrarse durante todo un ano.

Don Paco, como  así era coñecido por os que tivemos a sorte de tratalo,  foi un dos alicerces  da literatura  galega no século XX. Fundou xunto con Ramón Piñeiro  a editorial Galaxia ademais doutras iniciativas de interese vital para o noso país,  como a Fundación Penzol.

Criado en Lourenzá, a súa familia procedía de Asturias, e en Mondoñedo, pasou grande parte da súa vida en Vigo, onde faleceu a pouco de cumprir os 98 anos, cunha mente lúcida ata o final dos seus días.

Na cidade olívica Don Paco, que estudiará dereito e filosofía en Madrid e Compostela,  exerceu de avogado e mesmo de profesor.

Tamén foi de grande importancia a súa actividade política no  Partido Galeguista e no Seminario de Estudos Galegos o que lle costou ser represaliado pola ditadura franquista.

Foto: Real Academia Galega.

Lugo abre o calendario das feiras do libro da provincia

Lugo abre hoxe o calendario de feiras do libro que se van desenvolver na provincia, e que como cada ano promoven a Xunta e a Federación de Librarías de Galicia. O circuíto de feiras galego comezou o 21 de abril en Ferrol e pecharase en Monforte de Lemos, do 23 ao 26 de agosto. No que respecta á provincia lucense, nese mesmo mes tamén están previstas as de Viveiro (do 12 ao 15) e Foz (do 17 ao 20), e antes, entre o 2 e o 4 de xuño, a de Vilalba. O delegado territorial, Javier Arias, que participou hoxe na inauguración do evento, que se celebrará ata o vindeiro sábado na Praza Maior, subliñou que as feiras son un escaparate eficaz para o sector editorial galego e un apoio importante para os libreiros, ao tempo que promoven o hábito da lectura entre todos os públicos con actividades de dinamización.

O delegado destacou o labor cultural que realizan as librarías galegas, e explicou que a Federación lanzou recentemente, tamén co apoio da Xunta, a Axenda Cultural online,   para recompilar as actividades que se organizan ao longo do ano nestes establecementos, desde clubs de lectura ata presentacións de libros, pasando por eventos infantís ou coloquios. Esta axenda pretende ser unha plataforma para todas as actividades das librarías, permitindo ao público ter acceso nunha mesma web ás propostas da súa contorna.

Foto:Feira do Libro Lugo 2017

 

 

 

Sopesar o voto

En eleccións, reláxase o punitivo para non alterar os ánimos dos votantes, as inspeccións redúcense e as resolucións de expedientes adíanse un tempo prudencial.
No Concello de Lugo deben estar seguros da satisfacción dos votantes para enviar multas de 200€ por ocupación momentánea do “carril bici”, do que aínda están por nacer os usuarios.
Se en todo Lugo se “disfruta” do carril bici, o que mellor coñezo é o de Río Navia, que no seu día fixo aparecer nas portas unha nota contra a alcaldesa pola eliminación de vinte e non sei cantos aparcamentos, sen que se aprecien tantos ciclistas como prazas se eliminaron.
Pouco despois da construción deste desatino, os debuxos de bicicletas no pavimento foron tapados con brochazos de pintura, coidando os incautos que a alcaldía reconsideraba postura e estudiaba a anulación do infausto carril. E residentes e visitantes demos en deter coches brevemente sobre o espazo acotado, non molestando a ninguén porque se algunha bicicleta despistada pasa pola rúa xunto cos patinetes sen lei, circulan pola beirarrúa que é ao que están afeitos.
A situación veuse repetindo, chegando a haber catro ou cinco coches en menos de cen metros (a policía visita a rúa cada quincena, máis ou menos) pero vese que o concello toma medidas para evitar que os particulares respondan así á broma do carril.
A infracción califícase de “grave”, e as multas por parar na terra de ninguén defínense como “estacionar nun carril destinado ao uso exclusivo do transporte público urbano”, nunha rúa na que non hai servizo de bus. O valioso voto non pode valorarse. Quizais as multas de 200€ axuden aos afectados a valorar a situación.

Xulio Xiz.

Ciudadanos quere solucionar os problemas de aparcamento que hai no centro da cidade

A candidata de CS á alcaldía, Olga Louzao, manifestou esta mañá a necesidade de achegar solucións urxentes aos problemas de aparcamento que sofre a zona centro. “A falta de aparcamento é un problema enquistado que está a limitar o potencial do noso centro histórico como zona comercial. O fluxo de persoas que acoden aos locais comerciais do centro está a reducirse, preferindo acudir a outras zonas comerciais, onde non exista este problema”, afirmou Louzao.

Para loitar contra este problema, a candidata propón crear un novo aparcamento gratuíto en superficie na Rúa Castelao, o que permitiría dotar de numerosas prazas de aparcamento nas inmediacións do centro histórico. “Coa creación deste aparcadoiro permitiremos que moitos máis cidadáns non teman achegarse ao centro da cidade, como está a pasar na actualidade”, explica a alcaldable.

Outra medida proposta por Louzao e levada a pleno durante este mandato por Cidadáns é negociar coas administracións públicas a apertura dos seus aparcamentos en horario de tarde e fins de semana. “O que non é de recibo, é que tanto o BNG como o PSOE debido ás obras que emprenderon este mandato retirasen numerosas prazas de aparcamento, sen dar ningunha solución a este problema. En Lugo temos 54 parroquias, onde é necesario o uso do coche, negar esta realidade é non coñecer realmente o municipio. Por iso é necesario liquidar este problema cun trasnporte público eficaz e creando lugares para aparcar, o goberno local non levou a cabo ningunha destas dúas accións. É necesario reverter a situación, dos contrario a transformación da cidade sería un fracaso”, afirma a concelleira. Outra das nosas propostas para axilizar o aparcamento en Lugo é “recuperar o sistema rotatorio ao redor dos xulgados, Xunta de Galicia e concello, ao ser edificios con moito fluxo de persoas, pero querémolo facer gratuíto durante unha hora, para que as persoas poidan realizar as xestións que necesiten, pero que permitan ao resto de cidadáns a levalas a cabo”, explica a candidata.

Por último, neste plan Louzao tamén quere bonificar a primeira hora nos aparcamentos subterráneos se se compra nos negocios do centro ou se consome nos establecementos asociados. “Desta maneira apoiamos que a xente acuda ao centro histórico, incentivando o consumo local e permitindo ao centro competir en igualdade de condicións con outras zoans comerciais da cidade”, finaliza a alcaldable.

Os tractores abandonan Lugo logo de obter axudas por parte da Xunta

Os gandeiros da Asociación de Gandeiros Galegos da Suprema que ocupaban un dos carrís da rolda da Muralla entre a porta da Estación e a porta de San Fernando, decidiron marchar logo de conseguir algunhas das axudas que solicitaban. En concreto e logo da reunión mantida na delegación da Xunta esta mesma maña co Conselleiro de Medio Rural, José González, chegaron a un acordo de conceder axudas por produción e axudas á prevención de incendios.

Os gandeiros abandonan a súa manifestación na rolda da Muralla e manteñen un grupo diante da Subdelegación do Goberno para presionar ao Goberno Central para que se incrementes as axudas ás vacas nodrizas e iso depende da Política Agraria Común (PAC) que depende do Goberno Central. Os gandeiros da Suprema consideran que as subvencións que reciben por vaca están moi alonxadas das que perciben os gandeiros que se dedican ao leite e queren que as axudas que reciben se incrementen.

 

Adolfo Rubio: “queremos abrir as portas e ventás do concello da Pobra do Brollón”

A Agrupación Socialista da Pobra do Brollón presentou este sábado a candidatura coa que concorrerá ás eleccións municipais do 28 de maio, e que encabeza Adolfo Rubio. O candidato á alcaldía sinalou que “Queremos abrir as portas e ventás do Concello da Pobra do Brollón para que corra o aire e favorecer a participación da veciñanza, porque logo de 16 anos de maioría absoluta os que están hoxe no goberno local cren que poden facer e desfacer sen contar cos veciños”-

Plan Explica e máis servizos para os veciños

Adolfo Rubio unha das obras que acometerá será a construción, coa axuda da Deputación de Lugo, da tan agardada residencia de maiores “facer realidade a residencia de maiores é un obxectivo prioritario, e tamén devolver a transparencia ao Concello”. Neste sentido, o candidato socialista apuntou que “levamos no noso programa o Plan Explica, que consistirá en reunións periódicas cos veciños e veciñas para tratar temas de interese municipal e de futuro”.

“Cando gobernemos imos retomar as negociacións sobre o cuartel da Garda Civil para poder ter un edificio multiusos á disposición da veciñanza e tamén estudaremos a posibilidade de que o albergue quede situado nun lugar máis céntrico”, engadiu. Entre as propostas programáticas dos socialistas, Rubio sinalou así mesmo a necesidade de reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), mellorar a xestión económica, dotar de máis e mellores servizos ás parroquias ou recuperar as brigadas contra incendios e de Protección Civil.

Candidatura do PSdeG ás eleccións municipais da Pobra do Brollón

A candidatura socialista da Pobra do Brollón está composta polos seguintes candidatos e candidatas:

  1. Adolfo Rubio Pascual
  2. Javier Quiroga Castro
  3. Antonio Fernández Camino
  4. Tamara Rodríguez Pérez
  5. Adoración Fernández González
  6. Domingo Novoa Prieto
  7. Javier Maceda Rodríguez
  8. Raúl Díaz Rodríguez
  9. Marcos Méndez Vila

 

Suplente: Antonio Muñoz Cantero

 

A arte e a cultura local serán protagonistas coa SECAL 2023

A Semana de Exaltación da Cultura e Arte de Lugo (SECAL) terá lugar este ano entre os días 9 e 18 de xuño. Esta edición dedicarase á figura do pintor José Vázquez Cereijo. Os locais participantes do centro histórico cederán espazos de forma gratuíta para que os artistas locais poidan expoñer as súas obras durante eses días, buscando unha colaboración entre todos para promocionar aos creadores de Lugo.

A Semana orixinouse en 1995, a iniciativa de Lugo Monumental, e recuperouse o ano pasado para axudar a promocionar aos creadores locais de Lugo. A iniciativa principal é  a seguinte :os locais participantes do centro histórico colaborarán cos artistas lucenses cedendo espazos en de forma gratuíta para que os creadores poidan expoñer durante as súas obras durante eses días. Isto complementaríase con todas aquelas accións culturais que se queiran levar a cabo tales como: concertos, exposicións, recitais etc. Todos os posibles actores serán convidados a participar nunha acción conxunta que redundará en beneficio do conxunto destaca Lugo Monumental,

En principio terían cabida as seguintes categorías: Pintura, Escultura, Xoiería, Artesanía, Arquitectura, Música, Danza, Teatro, Cinema, Literatura, Fotografía… Para máis información pódese consultar na web de Lugo Monumental www.lugomonumental.es. Que fins persegue a organización da SECAL? • Dar a coñecer as iniciativas

O prazo remata o día 31 de maio. Os locais participantes elixirán o artista que queiran albergar no seu local e poñerase en contacto a ambas as partes para concretar a entrega de materiais e demais detalles.

Elena Candia creará un centro de respiro para persoas coidadoras

Como exemplo dos froitos que daría este traballo en rede “constante”, Candia visitou esta mañá a residencia de Calde, onde prevé “crear un centro de respiro para darlles apoio aos familiares de persoas con alzhéimer aproveitando os espazos sen uso do antigo hospital. Tal como sinalou, a acción das distintas entidades sociais permitiu que a sociedade luguesa fose avanzando en novos servizos, algo que agora o Concello debe completar e complementar”.

Plan Local de Saúde Mental

Outra das prioridades de Elena Candia é dar maior protagonismo á saúde mental, “unha cuestión moitas veces silenciada e estigmatizada que cómpre poñer no primeiro plano nunha provincia que lidera as taxas de suicidio a nivel nacional”. A este respecto, a candidata do PP afondou no seu compromiso de impulsar un Plan Local de Saúde Mental que inclúa actuacións como: a creación dunha rede de vivendas tuteladas, o establecemento de unidades de prevención do acoso escolar, do suicidio e tamén dos trastornos alimenticios na xente moza, o traballo en rede con centros educativos e entidades sociais para dar maiores e mellores coberturas. Asemade Candia aseverou que “na antiga sede de Aspnais, na Rampla de Claudio López,  se implicará de, xeito decidido, na ampliación e na blindaxe de usos vencellados á saúde mental”.

“O obxectivo é converternos nun Concello punteiro na atención ás necesidades das persoas”, subliñou Candia, ao tempo que apuntou que “ogallá moi axiña se lle dea á saúde mental a mesma importancia da que xa goza a saúde física”.

Estreitar a colaboración coas entidades sociais

Por outra banda, a candidata do PP tamén se comprometeu a “intensificar o apoio” aos colectivos de carácter social con medidas como a actualización do importe das subvencións municipais nominativas O establecemento de rebaixas fiscais para eles, o deseño dun selo de responsabilidade social para iniciativas locais que promovan a inclusión profesional de persoas con discapacidade.

CS presenta un plan que aposta por que os comedores escolares se abastezan de produtos locais

A candidata de CS á alcaldía, Olga Louzao, anunciou esta mañá o seu proxecto para que o alumnado de centros públicos consuman alimentos de proximidade nos comedores escolares e se eduquen en valores de apoio aos alimentos de Quilómetro 0.«Unha das grandes vantaxes que temos os lucenses é que temos produtos dunha altísima calidade. Por iso desde Cs non entendemos porqué nos nosos comedores escolares se utilizan cáterings onde os produtos consumidos non só carecen dunha traza de orixe, senón que os alimentos cocíñanse a máis de 100 quilómetros de distancia, noutras provincias.

Louzao subliñou que “é necesario que o próximo Goberno local cambie os criterios de adxudicación deste servizo». «Nós propoñemos que á hora de licitar os novos contratos para os comedores escolares, un dos criterios de adxudicación sexa que as empresas que se postulen utilicen produtos de gandeiros e agricultores locais na medida da oferta existente. Desta maneira xeramos un menor impacto ambiental e apoiamos ao noso sector primario. Ademais lograremos que os nosos fillos e fillas teñan unha alimentación de calidade nos centros escolares e non domina por criterios unicamente económicos”, propuxo a candidata lucense.

Entre as iniciativas propostas por Louzao inclúese que nos futuros hortos urbanos municipais da Garaballa “se reserve un espazo para abastecer aos comedores escolares de forma estacional e que a súa xestión posibilite actividades de carácter pedagóxico durante todo o curso escolar. «Investíronse 800.000 euros na creación destes hortos urbanos, polo que propoñemos que parte dos produtos que cheguen aos comedores procedan precisamente deste espazo reservando unha extensión do mesmo á produción de apoio aos centros escolares e a realizar actividades con carácter pedagóxico e divulgativo para alumnos de primaria e secundaria. Non podemos permitir que os máis de 800.000 euros provinte de fondos europeos destinados a este proxecto se convertan nun novo fracaso.

É necesario, dixo a alcaldable “que este espazo na Garaballa repercuta na sociedade lucense e imos sacar todo o seu potencial unha vez comprometidos os fondos, afirmou a candidata. “Co noso Plan de educación en Qm0 queremos introducir valores de proximidade nunha infancia cada vez máis afastada do sector primario. Tamén queremos que os nosos escolares sexan conscientes da importancia dunha alimentación sa e sostible. A administración local debe defender os intereses dos lucenses e non pode permitir que a alimentación dos nosos fillos dependa unicamente de empresas que avalen só unha oferta económica deixando de lado criterios fundamentais como o lugar de elaboración ou a orixe e a calidade dos produtos consumidos polos nosos fillos», concluíu Louzao.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com