Novas

O equipo de Drons da AXEGA súmase á busca do nonaxenario desaparecido na Pontenova

A busca dun nonaxenario que desapareceu na tarde do domingo refórzase esta mañá coa Unidade Operativa de Drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA).

Así, o Grupo de Apoio Loxístico (GALI) desprázase ata a parroquia de Xudán, na Pontenova, para colaborar no operativo coordinado polos axentes da Garda Civil e no que desde o pasado día 2 interveñen diversos recursos humanos e materiais.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ás 20:45 horas do domingo, cando un familiar do desaparecido chamou para indicar que este faltaba da casa desde unhas horas antes.

Ademais, neste operativo participan os membros do GES e de Protección Civil da Pontenova, así como algúns dos veciños da zona.

Plan de tráfico polas obras de peonalización do casco histórico

O Gabinete de Comunicación do Concello de Lugo informou de que, ante o inicio, previsto para hoxe martes,  2 de maio, dos traballos de peonalización do Centro Histórico, estivo a informar á veciñanza da zona do Plan de Tráfico inicial que se levará a cabo para posibilitar o comezo dos labores, a través do reparto de dípticos que se depositaron nas caixas de correo das vivendas e inmobles das rúas implicadas nas primeiras fases.

Trátase dun plan permeable e aberto a atender as necesidades de acceso e circulación das persoas residentes neste barrio, así como as dos establecementos que se ubican nel e que pode ir variando para contemplar as achegas que se realicen.

Maña mércores, terá lugar un encontro entre a alcaldesa, Lara Méndez, e a Plataforma Veciñal co fin de volver falar do Plan Tráfico, atendendo á súa solicitude para, entre outros asuntos, avaliar xunto ao persoal técnico municipal a viabilidade das súas propostas.

Médicos en folga

Neste tempo propicio para folgas e manifestacións é perfectamente lícito que os médicos se poñan en folga na defensa dos seus dereitos, aínda que esta folga ocasione trastornos ben diferentes dos que orixinan as da limpeza, do ensino ou do transporte.

Por unha mínima intervención no Hula, atopeime coa folga, e acepteino coa resignación do caso, contemplando a protesta de quen vía anulada por terceira vez unha intervención, tendo que pedir días libres no traballo e viaxar desde lonxe.

Aquel día contemplei a manifestación de médicos, con batas brancas, pitidos e consignas, e algún chip avisoume da non coincidencia da imaxe que teño dos Señores da Saúde con manifestantes coreando protestas.

Aceptamos proclamas de gandeiros, obreiros, funcionarios, sindicatos… por estimar que non teñen outro xeito de expresar a súa protesta. O dos médicos custa asumilo, como é difícil comprender que os profesionais da xustiza se manifestasen berrando cando o seu é a palabra xusta, o estudo da Lei e, se fixese falla, a confección colectiva dun recurso maxistral que fixese tremar á Administración, caer ao Ministro e revolucionar o aparato xudicial.

As eleccións non acelerarán procesos – retrasalos, tampouco -, pero os nervios están a flor de pel, os políticos máis receptivos, as solucións semellan máis doadas, e as folgas son un dereito… Hai paises que fan folga traballando máis. Eu avogaría polas folgas en silencio, mesmo tendo en conta que as procesións dos Caladiños son as que nos calan máis fondo.

 

As fragas protagonizaron a primeira xornada de “Ciencia na aldea”

A terceira edición das Xornadas de Desenvolvemento Rural Ciencia na aldea, comezou hoxe en Negueira de Muñiz, onde as  fragas foron as protagonistas nesta primeira xornada e nas que interviñeron: o presidente da Sociedade Galega de Historia Natural e investigador do CSIC Serafín González Prieto, que abordou a problemática dos lumes forestais,  María Melero, responsable do Programa Bosques, de WWF Adena, que tratou os retos de presente e futuro destes espazos naturais e  o presidente da Fundación Rosalía de Castro Anxo Angueira falou da presenza da temática natural na obra da autora de “Follas Novas”.

A xornada de mañá sábado,  centrarase en figuras pioneiras ou historicamente relevantes no estudo, conservación e divulgación da biodiversidade a nivel mundial como o cartógrafo Félix de Azara, pioneiro en documentar a biodiversidade de América do Sur; o científico Charles Darwin, que teorizou sobre a evolución das especies e a selección natural; o xeógrafo, naturista e explorador Alexander Von Humboldt, pioneiro do pensamento ecolóxico; o naturalista Carlos Linneo, que desenvolveu a nomenclatura científica de animais e plantas ou a entomóloga e ilustradora María Sybilla Merian. O programa inclúe tamén mesas redondas sobre divulgación científica e comunicación de temáticas relacionadas co rural e a conservación medioambiental.

O domingo está prevista unha xornada de portas abertas con paseos guiados polo Xardín de Polinizadores Fernando Fueyo, inaugurado nas xornadas do ano pasado, e polo nomeado como “Souto de Humboldt”, un bosque de castiñeiros centenarios na contorna do ecomuseo de El País del Abeyeiro que a Asociación Corripa está a poñer en valor como espazo de biodiversidade e memoria con ilustracións de David Despau.

 

 

Presentada a candidatura “Contamos” para acadar representación na Deputación

A coalición CONTAMOS presentou hoxe aos/ás candidatos/as ás alcaldías de sete concellos:  Lugo, Sarria, Becerreá, Samos, O Corgo, O Páramo e Meira. Os partidos que concurren son: Galicia Sempre, Partido Galego e Camiña Sarria.

Os candidatos/as que se presentan ás eleccións municipais baixo a candidatura conxunta de CONTAMOS para entrar na Deputación de Lugo, son: Carmen González López: candidata á Alcaldía de Lugo, Claudio Garrido: candidato á Alcaldía de Sarria, Manuel Martínez: candidato á Alcaldía de Becerreá, José Antonio Real: candidato á Alcaldía de Samos, Nuria Mera Balboa: candidata á Alcaldía do Corgo, Gumersindo Rodríguez Liz: candidato á Alcaldía do Páramo, Pablo Corbelle González: candidato á Alcaldía de Meira e Suso Ares, voceiro do Partido Galego

Claudio Garrido tomou a palabra para presentar o acto e facer unhas declaracións de o porque desta coalición e salientou que  “o obxectivo de CONTAMOS ao aglutinar estas sete candidaturas é tratar de conseguir un deputado provincial con dúas finalidades.

En primeiro lugar, poñer fin ás políticas discriminatorias, á marxinación e ao esquecemento que o actual goberno da Deputación Provincial leva practicando con estes concellos, refírome aos que somos máis rurais, nos últimos mandatos. En segundo lugar, condicionar determinadas políticas da institución provincial no propio Concello de Lugo”.

E continuou “como o propio nome indica, CONTAMOS quere reivindicar que estes municipios rurais tamén CONTAMOS, que estamos aí e que queremos que por fin se nos escoite e se nos trate de igual a igual, porque temos necesidades que atender con políticas de reequilibrio territorial, de discriminación positiva para evitar o abandono do rural e cunha repartición obxectiva e non segundo o criterio persoal do actual presidente da Deputación”.

O alcalde  de Sarria incidiu en que “os candidatos de CONTAMOS que estamos aquí non queremos esmolas e moito menos queremos ter que render pleitesía a quen as reparte. Reclamamos unha discriminación positiva para favorecer o reequilibrio territorial. E cremos que se dá a conxuntura política adecuada para conseguir ser a chave na Deputación Provincial. E dicímolo así, abertamente e sen complexos, queremos ser a chave da Deputación, porque esa é a realidade, non hai outro tipo de obxectivos: queremos ser a chave para condicionar as políticas provinciais e os intereses dos nosos veciños. O obxectivo é claro: quen queira ser presidente ou presidenta da Deputación, necesita o voto de CONTAMOS, vai ter que comprometerse por escrito a atender as peticións que se establezan no seu momento.

Garrido tamén pediu que isto no se tome como unha ameaza “E que isto non soe a chantaxe, porque non o é; é máis ben un acto de xustiza e de reparación da marxinación e discriminación que sufrimos desde hai anos. E non somos ningúns tolos; as nosas peticións serán sensatas e xustas. Serán peticións concretas para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e para poder afrontar determinados proxectos e infraestruturas que sen o apoio da institución provincial aos concellos máis pequenos resultaríanlles inasumibles.

O voceiro de CONTAMOS, destacou que comezan cun sólido chan de electores “CONTAMOS inciará a campaña cun chan electoral de máis de 4.000 votos que esperamos que supere os 5.500 o día 28 de maio”. Rematou.

ADEGA plantación eucaliptos

ADEGA denuncia novas plantacións ilegais de eucalipto na Serra do Xistral

Membros da Comisión de Montes da asociación ecoloxista galega ADEGA realizaron recentemente unha saída ao campo polos arredores da Serra do Xistral, motivados pola detección de múltiples infraccións relacionadas con plantacións ilegais de eucaliptos. Nunha soa xornada, na que se percorreron varias parroquias dos concellos de Abadín e Vilalba, próximas á Zona de Especial Conservación “Serra do Xistral” (ZEC ES1120015), foron detectadas 17 parcelas con plantacións ilegais de eucaliptos, 12 delas en zona de ampliación da Rede Natura 2000 (versión do ano 2008), e 2 en terreos pertencentes a montes veciñais en man común (MVMC), que en total supoñen 200 hectáreas.

Nesta visita puideron “constatar in situ a amplitude desproporcionada das recentes plantacións ilegais de eucaliptos nunha zona que aglutina grandes valores ambientais e paisaxísticos e que estivo incluída nas propostas de ampliación da Rede Natura 2000 que a Xunta de Galicia, previa advertencia da Unión Europea, elaborou en 2008 e reelaborou en 2011, sen que ningunha destas dúas propostas chegase finalmente a oficializarse”.

Se ben ADEGA xa vén denunciando desde hai anos que estes lugares de ampliación da Rede Natura 2000 “deberían estar xa protexidos, están sendo obxecto dunha destrución acelerada tanto por proxectos eólicos (aeroxeradores, pistas sobredimensionadas, subestacións, plataformas, gabias e tendidos eléctricos) como por plantacións masivas de eucaliptos”.

Os Codex Cinema estrean este venres “Plan 75” e “A impaciencia do corazón”

A partir de maña, venres,  os Codex Cinema estrean o filme xaponés “Plan 75”, do director Chie Hayakawa,  un fermoso conto humanista sobre o valor da vida, unha película conmovedora cunha narración sobria e reflexiva que trata o tema da eutanasia de forma delicada e futurista. Unha verdadeira obra mestra.

Sinopse: En Xapón, nun futuro próximo, o envellecemento da poboación acelérase. O goberno estima que, a partir de certa idade, os maiores convértense nunha carga inútil para a sociedade e pon en marcha o “Plan 75”. Este programa propón aos anciáns un acompañamento loxístico e financeiro para poñer fin á súa vida. Unha candidata ao Plan 75, Michi, un recrutador do goberno, Hiromu, e unha moza auxiliar de enfermería filipina, María, enfróntanse á toma de decisións de vida ou morte. Ou a un pacto mortífero.

 A outra estrea da semana nos Codex é  “A impaciencia do corazón”, do director Bille August e baseada na novela “A piedade perigosa”. É un  relato sobre a relación de dous mozos, a filla dun barón e un oficial do exercito, que se debate entre o amor e a compaixón.

Sinopse:  Coa inminente Primeira Guerra Mundial como telón de fondo, Anton un oficial obediente, vese confrontado pola súa amizade coa filla dun amigo, Edith, que está prostrada nunha cadeira de rodas. A medida que a relación evoluciona, Anton debátese entre os seus sentimentos, incapaz de decidirse.

Poden consultar toda a información e carteleira en: www.codexcinema.info

 

 

 

O xulgado exime ao Concello de Lugo de pagar 15,4 millóns ao promotor do Garañón

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Lugo rexeitou o recurso interposto contra o Concello de Lugo polo promotor da parcela do Garañón, no que lle reclamaba 15,4 millóns polos prexuízos que en 2011 lle ocasionaba a paralización da edificación. O recurso ante o xulgado foi presentado en xullo de 2013, despois de que a administración municipal rexeitase a solicitude de responsabilidade patrimonial que presentara en novembro de 2011.

O maxistrado rexeita a pretensión do construtor porque asegura que, en 2011, non concorría “un dano efectivo, avaliable economicamente e individualizado”. Así, salienta que “o que ocorreu nese momento, non posteriormente, ha de incardinarse dentro das marxes do razoable, non sendo a primeira, nin única vez, que ha de retrotraerse un procedemento administrativo por falta dun informe”.

“Se analizamos a situación urbanística a novembro de 2011, ou o estado de execución do convenio, debemos concluír que se operou unha retroacción do procedemento administrativo para solicitar informe á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia que, ulteriormente, resultou negativo, valorando non só a protección dos bens catalogados, sanatorio Portela e Termas Romanas, senón a cualificación do Parque Rosalía de Castro no Plan Xeral de Ordenación Urbana de 2011, publicado en 2012”, indica o xuíz no fallo, no que incide en que, nese momento,  “non concorría un incumprimento do convenio asinado en 2005 por parte da Administración municipal”.

Ademais, advirte que “a suspensión das actuacións entre 2014 e 2020, durante o tempo necesario para que se ditasen tres resolucións do Tribunal Superior de Xustiza, ata que o recorrente instou a súa continuación, non sandan a situación inicial de exercer unha acción de responsabilidade patrimonial de forma precipitada, nun momento en que non concorría un dano real e efectivo, nin un incumprimento substancial do convenio asinado entre as partes”.

A desestimación do recurso, segundo consta na sentenza, non leva aparellada a imposición de costas “tendo en conta que, no ámbito contractual en que nos atopamos, calquera das partes, Concello ou promotor, podía instar a resolución do convenio, vía correcta para solucionar o conflito xerado, non facéndoo, prolongando inxustificadamente unha situación xurídica anómala”. O fallo non é firme, pois cabe presentar recurso ante o TSXG.

Na sentenza o maxistrado explica que, finalmente, “a suspensión da execución da obra operouse como resultado dunha resolución ditada en sede dun proceso de instrución penal, iniciado en 2009 e arquivado definitivamente pola Audiencia Provincial en 2021”. Ademais, sinala que non se debe esquecer a entrada en concurso voluntario do recorrente e a súa empresa promotora en xullo de 2017, hoxe en fase de liquidación. O xuíz tamén destaca que a administración municipal optou, de acordo coa resolución adoptada o 16 de xuño de 2021, por “modificar o réxime urbanístico do polígono e considerar todo o terreo como zona verde, descartando toda a posibilidade de existencia de edificios, vedando xa toda posibilidade de cumprir o convenio asinado co recorrente, á vez que iniciou o expediente de demolición da estrutura da obra construída”.

A Xunta financia con 1,2m€ a contratación de 93 persoas perceptoras da Risga na provincia

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina 1.234.400 euros a financiar a contratación de 93 persoas perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) en 31 municipios de Lugo.

A Xunta vén de notificar a resolución aos 31 concellos de Lugo beneficiarios para que poidan proceder ás contratacións a través do Servizo Público de Emprego de Galicia; terán preferencia os maiores de 45 anos, os que teñan cargas familiares e os que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral.

O obxectivo deste programa é impulsar o emprego local e proporcionarlles experiencia e práctica profesional ás persoas en situación ou risco de exclusión social que reciben esta axuda. A distribución provincial de créditos calcúlase en función dos datos do paro, da poboación e dos perceptores da Risga que rexistra cada municipio.

Na provincia, os concellos con maior número de contratacións son os de Monforte de Lemos e Sarria, que poderán sumar 10 traballadores en cada caso. Pola súa banda, incorporarán a cinco persoas os municipios de Vilalba, Ribadeo, Chantada, Viveiro, O Saviñao e Burela.

Distribución por comarcas

No sur da provincia, as comarcas de Chantada, Terra de Lemos e Quiroga asumen 385.150 euros de orzamento para contratar a 27 traballadores nos municipios de Quiroga, Sober, Folgoso do Courel e Ribas de Sil, ademais dos xa citados de Monforte,   Chantada e O Saviñao.

Na Mariña contrataranse a 20 traballadores cun orzamento de 265.000 euros, nos  concellos de Mondoñedo, Barreiros, Burela e Xove, ademais de Ribadeo e Viveiro. Na Terra Chá os municipios de Begonte, A Pastoriza, Xermade e Guitiriz, xunto con Vilalba, reciben 176.200 euros para contratar a 13 persoas.

Na comarca de Lugo poderán contratar a 8 traballadores cun orzamento de 94.500 euros nos municipios de Castroverde, Outeiro de Rei, Guntín e Lugo; tamén incorporarán dous traballadores cada un dos concellos da Ulloa -Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei-, cun orzamento conxunto de 70.600 euros; e A Fonsagrada, Baleira e Negueira de Muñiz disporán de 67.600 euros para contratar a 5 persoas. Igualmente, resultaron beneficiarios das achegas Samos e Becerreá.

Suspéndese a folga de transporte de viaxeiros tras acadarse un preacordo na xuntanza da Mesa Galega

Sindicatos e patronal reuníanse as dez da mañá de hoxe na Mesa Galega do sector do Transporte, que tivo lugar no Consello Galego de Relacións Laborais, entre patronal e sindicatos. Unha xuntanza que rematou transcorridas máis de oito horas cun preacordo polo que se suspende a convocatoria de folga para os días 27 e 28 de abril, pero mantendo a convocatoria de folga indefinida a partir do día 8 de maio, porque “queda aínda unha parte importante por negociar”.

Xesús Pastoriza, responsábel do sector de Transporte da CIG e representante da central sindical na Mesa Galega, explica que se acordou a suspensión das dúas xornadas de folga ao a patronal aceptar pagar os IPC do 6,5% en 2021 e do 5,7% en 2022. Isto está condicionado a que se acade un acordo final porque, segundo matiza, “hai cuestións pendentes”.

O representante da CIG valora positivamente este avance porque implica que “o poder adquisitivo destes anos se recupera”. Porén subliña que queda pendente o referido a Lugo, porque as traballadoras e traballadores desta provincia “estiveron sen convenio nos anos 2017, 2018, 2019 e 2020, polo que queda aínda a negociación de todos estes anos”. En todo caso afirma que “polo menos o 21 e 22 xa os temos acordados”.

Marco galego

Tamén teñen acordada a apertura dun acordo marco galego do convenio onde “só imos presentar os puntos que levabamos nós na nosa plataforma”. Ao que no preacordo engadiron a matización de “sen menoscabo de que se puideran abrir outros puntos de negociación se ambas as partes, de mutuo acordo, así o deciden”.

O representante da CIG conclúe aavaliando moi positivamente que se teña conseguido que, en principio, “o marco negociador vai ser galego e sobre a plataforma da CIG”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com