Novas

Reunión de Elena Candia cos responsables do Campus Terra

A candidata popular Elena Candia, afirmou hoxe nunha mesa de traballo que mantivo co vicerreictor, os decanos e os directores das Escolas universitarias do Campus Terra que “é imprescindible que haxa unha transferencia de coñecemento da Universidade coa cidade” engadindo que  “os universitarios e o profesorado deben formar parte do deseño, das estratexias e dos proxectos do Lugo do futuro”

Candia puntualizou que “hai un conxunto de medidas que son fundamentais non só para reter o talento local senón tamén para atraer aos estudantes de fóra do municipio” engadindo que é importante visualizar que “hai oportunidades de traballo para que estes universitarios queden en Lugo e fagan, despois desta etapa universitaria, a súa vida aquí”.

Para reforzar esta conexión do Campus Terra coa cidade Candia propón vía convenio recorrer ao talento local e, en vez de contratar asistencias técnicas fóra  aproveitar a formación e a experiencia do profesorado e dos equipos de investigación”

Para apoiar o talento dos universitarios a alcaldable popular propón entre outras cuestións: crear novos espazos con viveiros de empresas par os recen titulados; en materia de vivenda habilitar unha liña de axudas para facilitar os alugueres de pisos e a construción dunha residencia universitaria; crear unha bolsa de axudas para a contratación de alumnado egresado do Campus Terra por parte de empresas;

activación de bolsas de prácticas remuneradas co concello; fondos para liñas de colaboración para asentar grupos de investigación

A candidata do PP tamén comprometeu un reforzo das liñas de autobuses urbanos para mellorar a conectividade do Campus coa cidade

A popular insiste na necesidade de reclamar a mellora das infraestruturas “un elemento clave á hora de que un estudante elixa un ou outro campus para a súa formación académica”.

Os socialistas denuncian que o concello non amaña os accesos ás adegas de Vilachá na Pobra de Brollón

O Grupo Socialista da Pobra do Brollón fíxose eco das denuncias e das queixas da veciñanza polo mal estado no que se atopa os accesos ás adegas milenarias de Vilachá. Concretamente na Abelaira, na parroquia de Vilachá de Salvador, é onde se atopan estas construcións tradicionais.

Este entorno, denuncian os socialistas, “está completamente abandonado, os camiños cheos de bulleiro e sen poder transitar por eles, nin andando nin en coche, dando unha imaxe penosa e de abandono moi lamentable do noso concello”.

O candidato socialista á Alcaldía, Adolfo Rubio Pascual, sinala que “non entende o estado de abandono por parte do Concello no mantemento e roza destas zonas turísticas tan concorridas, nas que ademais se promoven visitas guiadas”.

Nesta liña, denuncia que, “por unha banda, o Concello impulsa o turismo, pero non acompaña esta medida con outras accións de mantemento e conservación do seu entorno natural, algo fundamental para poder promovelo. Cremos que para potenciar o turismo hai que coidar primeiro o gran patrimonio do noso municipio”.

Por iso, o socialista avanza que traballará xunto coa candidatura por promover “un turismo sostible, capaz de dinamizar a nosa economía e poñer en valor o noso rico patrimonio cultural, coa axuda de todos e todas. E executaremos un plan de mantemento e conservación das rutas turísticas da nosa vila, xunto co amaño das pistas a través das diferentes axudas para investimentos”.

 

 

Ciudadanos presenta un Plan municipal para emprendemento da mocidade 

A voceira municipal de CS, Olga Louzao, anunciou esta mañá que o seu grupo presentará ao pleno do próximo xoves un Plan municipal para a inclusión da mocidade no tecido empresarial lucense.

“Na última década, case 50.000 mozos e mozas marcharon da nosa comunidade, subliñou Louzao. Lugo ten unha das taxas de natalidade máis baixas de todo o país. “Nos últimos anos seguimos a perder poboación nova e vemos como os nosos fillos e fillas teñen que marchar para traballar. Lamentablemente, Lugo lidera todas estas estatísticas negativas a nivel galego. É necesario que a administración local se implique neste grave problema silenciado», sinalou a concelleira da formación liberal.

O paquete de medidas proposto por Louzao inclúe axudas ao emprendemento xuvenil para afrontar o pago de cotas á Seguridade Social durante os seis primeiros meses ou un plan de emprego e de formación xuvenil “consensuado e pactado con empresas e institucións colaboradoras co fin de diminuír a taxa de paro xuvenil na cidade e aumentar as súas oportunidades e a súa inserción laboral, adaptando a formación á demanda laboral específica do noso tecido empresarial”.

“Esta situación ten importantes consecuencias no transcurso da súa formación e posterior inserción laboral. Os datos revelan taxas máis baixas de emprego, emancipación, propiedade da vivenda, natalidade e en calidade de vida en comparación coa xeración anterior. Por iso propoñemos Crear e dotar de orzamentos unha axuda ao aluguer para que persoas novas poidan acadar unha emancipación real en Lugo. Apostamos tamén por aumentar a súa participación nas decisións municipais elaborando do regulamento de funcionamento do Consello da Mocidade, para que sexa o máis participativo posible como así nos reclaman os nosos mozos en cada un dos encontros que mantemos cos distintos colectivos. A súa opinión debe ser fundamental”, proseguiu.

E engadiu “Debemos desenvolver o potencial de Lugo espazo universitario, reforzando os vínculos coa USC á hora de pór en marcha iniciativas dirixidas á poboación universitaria”.

 

Adiante polo Corgo nova incorporación á coalición “Contamos”

“Contamos” a coalición de partidos que se presenta ás eleccións para acadar representación na Deputación de Lugo, remata de incorporar  unha nova candidatura a esta iniciativa. A candidatura do Corgo, Adiante polo Corgo,  está encabezada  por Nuria  Mera Balboa, que ocupou o terceiro posto nas listas do Psoe nas anteriores eleccións municipais por este concello e Marta López Abeledo, que ocupara o segundo lugar na mesma lista nas anteriores eleccións á alcaldía do Concello de O Corgo.

Con esta incorporación, “Contamos” presentará listas en: Becerreá, Sarria, Samos, O Páramo e O Corgo.

En Becerreá, o candidato será o actual alcalde, Manuel Martínez; Sarria contará con Claudio Garrido ao fronte da lista; en Samos repetirá o concelleiro, Xosé Real; en O Páramo, o ex-alcalde do PP Gumersindo Vázquez; e en O Corgo, como xa queda dito, será Nuria Mera.

A coalición segue a medrar e en vindeiras datas podería pecharse a candidatura de Meira, así como outras coas que se está a traballar en diferentes Concellos do partido xudicial de Lugo.

Aberto o prazo para solicitar praza nos campamentos de verán

A Consellería de Política Social e Xuventude abre hoxe o prazo para solicitar praza nos campamentos de verán destinados a rapaces e rapazas de entre 9 e 18 anos, que se estenderá durante 10 días hábiles, ata o 2 de maio. En Lugo oferta 1.780 prazas, distribuídas en 30 quendas ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro en seis instalacións da provincia.

Igualmente, poden solicitarse desde hoxe as prazas nos campos de voluntariado en Galicia, entre elas as 135 que se ofrecen na provincia de Lugo. Están dirixidos a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos e a convocatoria estará aberta ata 3 días antes do comezo de cada campo.

A Campaña de Verán ten como lema este ano ‘O verán que sempre vas lembrar’ e contará cun total de 11.200 prazas para mozas e mozos entre os 9 e os 30 anos de idade en campamentos, campos de voluntariado (en Galicia, noutras Comunidades Autónomas e no estranxeiro), minicampamentos e outras propostas.

No que respecta aos campamentos da provincia, celebraranse no albergue xuvenil de Area, en Viveiro; na Devesa, en Ribadeo; nos Chacotes, en Palas de Rei; no albergue Benigno Quiroga de Portomarín, no Lug II na capital, e en Carballedo.

Entre as novidades da campaña deste ano destaca o desenvolvemento dun novo campo de voluntariado en Pantón, no castro da Guítara. Así mesmo, en Castro de Rei terá lugar outro específico para mozos galegos no exterior, no castro de Viladonga. Completan a oferta da provincia os campos de Folgoso do Courel, Guitiriz, A Pobra do Brollón, Palas de Rei, Friol e Quiroga.

Ao respecto, cómpre lembrar que tamén está aberto o prazo para presentar solicitudes para os campos de traballo internacionais, e o 2 de maio abrirase o dos campos noutras comunidades autónomas. Este ano mantéñense os intercambios con País Vasco (Álava-Araba), Castela e León, Estremadura e A Rioxa e incorpóranse, como novidade, os de Castela- A Mancha, Madrid e Cantabria.

A participación na Campaña de verán 2023 realizarase mediante inscrición individual ou múltiple, no caso de irmáns. Todos os detalles da oferta poden consultarse na páxina web de Xuventude.

As solicitudes para os campamentos e os campos de voluntariado presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, ben a través da sede electrónica da Xunta de Galicia para o caso dos campamentos, ou ben mediante formulario en liña na páxina de Xuventude no segundo caso.

Esta maña Lugo volve estar tomada polos tractores

A Asociación Gandeiros Galegos da Suprema convocaron unha manifestación esta maña a partir das 11:30h para reivindicar uns mellores prezos para a súa carne. Como se pode ver na fotografía tomada na autovía de entrada a Lugo, os tractores estanse a dirixir cara o polígono de As Gándaras, para dende alí partir cara a Infanta Elena, rúa Sil, Castelao e ronda da Muralla, ata chegar ao edificio da Xunta.

Esta situación implica que no centro da cidade será difícil a circulación de vehículos polo que os usuarios que necesiten acceder ao centro deberán ter en conta esta manifestación.

 

Aclaración ao caso Becerreá

En relación coa noticia publicada nos medios de comunicación o pasado 12 de Abril, na que se daba a coñecer a intención de Martina Gómez, irmán da falecida Ana Gómez, a veciña de Becerreá brutalmente asasinada pola súa ex parella en Becerreá no ano 2016, despois de que esta acudira a solicitar axuda a Casa da Muller de Lugo, axuda que, supostamente, non lle foi prestada, ou, a lo menos, non do xeito que requeriría, segundo a versión da primeira, sendo, como dicimos, asasinada esa mesma tarde,de denunciar ao Concello de Lugo, e dado que, unha vez mais, a nosa asociación, Si, hai saída, é nomeada en relación con este lamentable suceso, desexamos, de xeito urxente e imperioso, facer as seguintes aclaracións, agardando que sexa a derradeira vez que isto se faga preciso.

En primeiro lugar, de novo, como nas ocasións precedentes, desexamos manifestar o noso respecto por Martina Gómez, pola súa dor, así como pola de todos aqueles que queren a asasinada Ana, e o seu desexo de que se faga xustiza, e lamentamos a que, de novo, é unha nova mostra de oportunismo do colectivo que di apoiala e que xa nos ten acostumados ao seu modus operandi de subirse ao carro dos casos de violencia de xénero con sona mediática e en datas moi oportunas, sendo este tan so un exemplo, aparecendo en rolda de prensa tan so uns días antes do 25N no ano 2020, ou agora,tres anos despois, en plena precampaña electoral.

Tras o asasinato de Ana Gómez, e despois de que, a comezos do 2017, a súa irmá fixera pública a suposta e gravísima neglixencia na atención recibida por Ana na Casa da Muller de Lugo, desde Si, hai saída fixemos chegar, o 7 de Marzo dese mesmo ano, un escrito a Fiscalía solicitando que se investigaran os feitos para determinar se, efectivamente, esta se producira, e que, de ser así, se depuraran responsabilidades, pero deixando claro, como de novo o facemos, que EN NINGÚN MOMENTO ACUSAMOS A NINGUÉN, xa que, obviamente, nos non estabamos presentes e non podemos afirmar algo que descoñecemos, se ben consideramos que, dada a enorme gravidade do acontecido, xa que estamos a falar da vida dunha muller, se debería, sen ningunha dubida e de xeito ineludible, chegar ao fondo da cuestión.

Non lembramos, por certo, que ninguén, incluída a plataforma que agora mesmo semella levar a voz cantante neste asunto, se inmutara nin manifestara preocupación ao respecto ata o ano 2020, catro anos despois,no que, repetimos, nunhas datas moi oportunas, previas ao 25N, e, xustamente nun ano no que non se puideron levar a cabo manifestacións por mor da pandemia, convocaron unha rolda de prensa na que comunicaban a súa intención de presentar unha reclamación ao Concello.

O 14 de Marzo do 2017, tan so unha semana despois da presentación do noso escrito, se nos notificaba, desde a Fiscalía, o arquivo da nosa denuncia, deixando claro que o motivo de tal arquivo era, e reproducimos literalmente:

Los hechos mencionados están siendo objeto de una investigación penal más amplia que en la actualidad se encuentra en trámite, como refiere la misma solicitante” .

Dito doutro xeito, nin negaba nin afirmaba a posibilidade de que tal neglixencia se cometera, se non que manifestaba que xa existía un procedemento aberto polo cal se estaban a investigar os feitos, e non se podería porén, iniciar unha nova investigación polos mesmos,pero non porque a nosa denuncia carecera de fundamento, como pode chegar a desprenderse do manifestado desde o Concello, independentemente de que esa suposta mala praxis existira ou non.

Esta resolución, puntualizamos, foi aportada, despois de que nos fora solicitada o pasado Xoves, 13 de Abril, ao Concello de Lugo, de xeito, obviamente, voluntario, xa que a nosa prioridade sempre foi, é, e seguirá a ser, colaborar na medida do posible na loita contra a violencia de xénero, e que a asistencia e protección as vítimas sexa correcta e a que realmente precisan, algo que, por desgraza, aínda dista moito de facerse efectivo.

Na aclaración do Concello feita chegar aos medios o Venres, 13 de Abril, faise constar o seguinte:

A Casa da Muller e o persoal municipal non pode denunciar en reemplazo das mulleres vítimas de violencia de xénero a situación na que se atopan ante as forzas de seguridade, que son as que cumpren coa función de protección física ás mesmas”.

Lamentamos ter que dicir que, neste punto, discrepamos.

Evidentemente, a Casa da Muller ou o persoal municipal non pode denunciar “en reemplazo das mulleres”, pero non se trata de reemplazar se a muller é remisa a denunciar, como,por desgraza, tantas veces sucede.

Lembramos que calquera persoa non soamente pode, se non que ten, temos, a obriga de facelo ante o coñecemento ou a sospeita da existencia dunha situación de violencia de xénero, como recolle a lei, e, especialmente, un organismo das características da Casa da Muller.

Artículo 544 ter

1. El Juez de Instrucción dictará orden de protección para las víctimas de violencia doméstica en los casos en que, existiendo indicios fundados de la comisión de un delito o falta contra la vida, integridad física o moral, libertad sexual, libertad o seguridad de alguna de las personas mencionadas en el artículo 173.2 del Código Penal, resulte una situación objetiva de riesgo para la víctima que requiera la adopción de alguna de las medidas de protección reguladas en este artículo.

2. La orden de protección será acordada por el juez de oficio o a instancia de la víctima o persona que tenga con ella alguna de las relaciones indicadas en el apartado anterior, o del Ministerio Fiscal.

Sin perjuicio del deber general de denuncia previsto en el artículo 262 de esta ley, las entidades u organismos asistenciales, públicos o privados, que tuvieran conocimiento de alguno de los hechos mencionados en el apartado anterior deberán ponerlos inmediatamente en conocimiento del juez de guardia o del Ministerio Fiscal con el fin de que se pueda incoar o instar el procedimiento para la adopción de la orden de protección.

Ao fío do protocolo e coordinación coas FCSE a partir das 10 da noite que tamén menciona o Concello na súa aclaración, non podemos por menos que puntualizar que na comisaría, no caso de que unha muller acuda a denunciar unha agresión machista pola noite, deberá facelo na ODAC (Oficina de atención al ciudadano), coma se se tratara de calquera outro delito, xa que non queda ninguén de servizo na Ufam polas noites, e o mesmo sucede, como xa repetimos en incontables ocasións, as fins de semana, pontes e festivos, malia que, por suposto, disto non é responsable o Concello, pero, unido ao feito de que sucede o mesmo no resto de eidos directamente relacionados coa atención as vítimas da violencia machista nos momentos nos que, precisamente, mais risco corren, fai patente o desprotexidas que poden chegar a estar.

Para rematar, desde Si, hai saída non podemos por menos que destacar o feito de que se deixaran transcorrer tres anos mais, 6 en total desde o asasinato de Ana, para presentar esta denuncia, e lamentar e condenar do xeito mais rotundo a utilización que, de novo, se está a facer da dor ocasionada pola violencia machista por parte de quen di estar a loitar contra ela, e facer un chamamento aos partidos políticos, nestas datas tan proclives, en plena precampaña, da súa utilización, das súas vítimas, como ferramenta electoral, fomentando así, ademais, certos comportamentos e certas actuacións daqueles e daquelas que priorizan o seu afán de notoriedade e por conseguir rendemento dunha lacra que tanta dor está provocando e tantas vidas está costando.

Non esquezamos que a violencia de xénero é algo que nos pode pasar a todas, que loitar contra ela é unha obriga de toda a sociedade, e que tan culpable é quen a executa materialmente, coma quen a utiliza no seu proveito.

A Xunta financia con 1,4 m€  contratos para a prevención de incendios na provincia de Lugo

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade notificoulles hoxe aos concellos a resolución das axudas do programa Aprol Rural, que permitirá contratar a 99 persoas desempregadas para desenvolver labores de prevención de incendios forestais na provincia de Lugo.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explicou que as achegas acaban de ser aprobadas e comunicadas ás entidades locais. Suman case 1,4 M€ (1.391.840 euros) e benefician a 66 municipios lucenses.

A actividade que desenvolverán estes traballadores estará relacionada maioritariamente coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes e a xestión da biomasa.

Segundo o establecido nas bases da convocatoria, os contratos son a tempo completo e teñen unha duración de nove meses. Os apoios inclúen a contía de todos os custos salariais por cada persoa contratada, segundo o convenio colectivo vixente. As administracións locais incorporan entre un e tres traballadores e para a súa asignación teñen preferencia os concellos emprendedores e os fusionados.

En canto ao reparto por comarcas, na Mariña destínanse 349.250 euros a financiar 25 contratos; na Zona Sur a Xunta apoia 22 traballadores cun investimento de 307.340 euros, e a Terra Chá e Meira reciben 209.550 euros para 15 empregados.

Na comarca de Lugo as axudas suman 181.610 euros para promover 13 contratos; na área de Sarria facilítase a incorporación de nove persoas desempregadas coa concesión de 132.000 euros; nas comarcas da Fonsagrada e Os Ancares outras nove con 128.260 euros; e na Ulloa seis con apoios por importe de 83.820 euros.

 

ADEGA celebrou a súa 47ª Asemblea Xeral en Lugo

A asociación ecoloxista ADEGA celebrou este pasado sábado, 15 de abril, a súa 47ª Asemblea Xeral de socias e socios, na que fixo balance do traballo desenvolvido ao longo do ano 2022 e na que tamén acordou as liñas estratéxicas da organización para este 2023.

As socias e socias de ADEGA determinaron manterse firmes na defensa do territorio contra a invasión eólica, ás portas da que será a maior ofensiva da historia da organización fronte aos proxectos eólicos que se autoricen e que teñan un especial impacto sobre o patrimonio natural e cultural, co apoio das plataformas sociais. ADEGA traballará co obxectivo de involucrar en maior medida as sociais e delegacións nesta campaña e sopesará tamén a súa participación en experiencias prácticas de autosuficiencia ou soberanía enerxética”.

Outra das liñas estratéxicas confirmadas pasa pola custodia do monte e a “afronta contra a masiva eucaliptización”. Socias e socios acordaron prestar especial atención ás “plantacións ilegais máis graves e facer campaña de seguimento das xa presentadas. Tamén potenciará proxectos de custodia en fincas doadas e impulsará máis accións directas sobre o terreo de voluntariado a prol do bosque galego”.

Os residuos e a economía circular é a terceira e últimas das liñas acordada en asemblea xeral. Promover “unha campaña activa contra o modelo SOGAMA e o seu incumprimento dos obxectivos europeos, ademais de ampliar a oferta de ADEGA en formación en compostaxe e procurar maior especialización no eido, están entre os obxectivos prioritarios neste sentido”. As sociais determinaron, igualmente, fomentar e mellorar as relacións institucionais para o emprendemento de proxectos conxuntos.

Propostas de resolución aprobadas

Así mesmo, as persoas sociais presentes na asemblea aprobaron un total de catro propostas de resolución, entre elas, o apoio á folga estudantil convocada por “Erguer. Estudantes da Galiza para este 25 de abril por un ensino público e de calidade contra a privatización e a desgaleguización.

En materia eólica, ADEGA acordou manter o seu compromiso coa Coordinadora Eólica Así Non. E fai un chamamento para que a cidadanía acuda a manifestación do vindeiro 23 de abril en Compostela para “esixir o rexeitamento de novas autorizacións de proxectos eólicos mentres non haxa unha planificación pública, ordenada e ao servizo do pobo”.

ADEGA dedicou outra das súas propostas a Ence, “unha das industrias máis lesivas para o futuro do país e cuxa decisión do Tribunal Supremo de darlle continuidade na Ría de Pontevedra responde a unha inmoralidade manifesta que perpetúa a inxustiza”. É por iso que a asociación deixou constancia do seu apoio e agradecemento a todas as persoas, asociacións e institucións que non deixarán de loitar para que Ence marche da ría.

Elena Candia presenta a candidatura do PP ao Concello de Lugo

O Partido Popular presentou a súa candidatura ao Concello de Lugo. Elena Candia, xunto co delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias e outros dirixentes do partido.

Segundo a candidata popular a lista “ é un reflexo da sociedade lucense xa que está integrada por veciños e veciñas de distintos perfís, onde por primeira vez figuran dúas mulleres ao fronte da lista”.

RENOVACIÓN

 A candidatura que presenta Candia está moi renovada pois “nos 13 primeiros postos hai 10 caras novas con respecto á lista de 2019, onde destacan profesionais de recoñecido prestixio tanto no eido técnico e de xestión coma no campo sanitario e de servizos sociais”

Destaca como número dúas Cristina Sanz, ata de agora parlamentaria por Lugo no Parlamento Galego e Enrique Rozas, ex concelleiro e que volve a primeira liña política pola porta grande. Tamén é de destacar a presencia de Ramón Manuel Cabarcos Rodríguez director da EASD Ramón Falcón, aínda que esta último xa fora presentado a semana pasada.E des destacar tamén a presenza de Ameijide que volvera estar presente no pleno do concello catro anos máis.

Elena Candia explicou que “as diferentes sensibilidades políticas que aglutina esta lista están pensadas tanto para un goberno cos pés na terra, que non se conforme con querer imitar Vancouver ou Pontevedra, como para ser a correa de transmisión das necesidades e propostas de todas esas persoas que comparten con nós a necesidade de mellorar Lugo”

CANDIDATURA PP LUGO 2023-2027

     1. María Elena Candia López

https://www.lugooprimeiro.com/wp-content/uploads/2023/03/PP_CV_ElenaCandia_.pdf

  1. Cristina Sanz Arias

Licenciada en Económicas con postgrao en “Especialización en Gestión y Dirección Comercial de Cooperativas y Pymes”. Diploma de Estudos Avanzados en Economía e Administración de Empresas, Experta Universitaria en Dirección Financeira da Empresa, Deputada do Parlamento de Galicia. Voceira do Consello de Contas, vicevoceira de Industria e Vicepresidenta Comisión Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento de Galicia. Foi  ex subdirectora de Investimento del Igape.  En excedencia.

  1. Enrique Ceferino Rozas López.

Xubilado do Ministerio de defensa. Foi xerente do Padroado de deporte do Concello de Lugo (1985- 1999), concelleiro entre os anos 2003 e 2019 e vicepresidente da xunta local así como vicesecretario de política municipal da xunta provincial.

  1. Antonio Ameijide Osorio

Enxeñeiro civil e de Obras Públicas especializado en Transporte e Servizos Urbanos. Con experiencia de 11 anos asumindo diferentes responsabilidades no Grupo Municipal, sendo na actualidade o seu vicevoeiro. Tamén preside a Comisión de Infraestruturas do PPdG.

  1. Javier Vázquez Prado

Diplomado en maxisterio con experiencia de 27 anos  na docencia. Neste momento é xefe de Gabinete da Casa de Galicia de Madrid. A nivel orgánico é Secretario de organización do PP de Lugo.

  1. Flor Rubinos Rois

Directiva da federación de asociacións e movemento veciñal dende hai 23 anos. É una persoa moi vinculada á zona rural. Na actualidade é a presidenta da asociación de Piñeiro Rancho de Muxa e do Polvorín San Xosé de As Gándaras.

  1. Silvia Colmenero Guzmán

Enxeñeira Superior Industrial e Graduada en Minas. É funcionaria da Xunta, na que ademais de técnica facultativa é interventora da ITV da provincia de Lugo. Tamén desempeña o cargo de Delegada do Ilustre Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia.

  1. Ramón Manuel Cabarcos Rodríguez

Director da EASD Ramón Falcón.

Este arquitecto colexiado con Postgrao en Xestión Urbanística e con Cátedra de Ensinanzas artísticas é autor, entre outras, dunha publicación sobre  desenvolvemento urbanístico da cidade de Lugo.

  1. Agustín Gallego Vigo

Empresario del sector de servicios sociais (YELPAGALSLU). Curso Superior Universitario na Especialización en xestión pública e xestión privada de servizos sociais y sanitarios. Na actualidade preside a Asociación Cultural Lugo Sempre.

  1. Aurora Aida Goás Castro

Médico de medicina familiar e comunitaria. Na actualidade traballa na unidade de hospitalización a domicilio e na de Coidado paliativos do HULA.

  1. Gustavo Enrique Díaz Rey

Licenciado en dereito, secretario da Asociación Española contra o cancro e voluntario na pastoral de migración de Lugo e eventos para a dar visibilidade á realidade migratoria.

  1. María del Mar Caballas Piñeiro

Licenciada en socioloxía; máster de Recursos Humanos e graduada de Relacións Laborais e Recursos Humanos. Traballa nunha asesoría. Na actualidade é concelleira do Grupo Municipal.

  1. Damián Carballo Méndez

Empresario no sector da hostalaría no casco histórico.

  1. Manuel Chousa Maciñeiras

Empresario da hostalería e Presidente da Asociación de Hostaleiros de Fontiñas e Vicepresidente da Asociación de Coches Clásicos e Históricos de Lugo. Colaborador do partido.

  1. Águeda Valín Armas. Directora da Residencias das Gándaras
  2. Khadija Mazi Dihaj. Traballadora do sector da hostalaría
  3. Mauro Rodríguez Baliña. Funcionario
  4. Manuel Cortón Muinelo. Arquitecto
  5. Cristina Fernández González. Estudante. Secretaria Xeral de Novas Xeracións en Lugo
  6. María José Blanco Freire. Presidenta Asociación Síndrome de Down.
  7. María del Carmen Fernández Álvarez. Traballadora no SERGAS
  8. Santiago Amedo Ramos. Psioterapeuta. Presidente de Novas Xeracións.
  9. Luis Asorey Daviña. Arquitecto
  10. José Benito López Abad. Médico de familia. Centro de San Roque.
  11. Reyes Costas Manzanares. Avogada.

    SUPLENTES

Manuel Otero Méndez (Cadramón)

Bárbara Quintas Cuña

Iago Rodríguez Ulla

Oscar Poy Franco

Gloria Enríquez Sanjurjo

Manuel Rodríguez Arias

Bélgica Nathalie Taveras Auyoa

Christian Fernández Díaz

María Cristina Cadórniga Vega

Ramón Carballo Páez


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com