Novas

Reducen o caudal na presa dos Peares para rescatar a unha persoa subida a un pilar da ponte de Pantón

Unha persoa alertou ao 112 Galicia e dixo que a había unha persoa subida a un pilar da ponte e tiña dificultades para saír debido ao forte caudal do río.

Coa baixada do nivel, efectuada desde a presa dos Peares, a persoa puido saír polos seus propios medios, malia que os Bombeiros de Monforte prestáronlle os elementos necesarios como cordas e un chaleco.

Todo rematou sen a necesidade dos profesionais sanitarios, aínda que si estaban alertados.

Quen chamou ao 112 para pedir axuda, indicou que era alguen do seu entorno máis próximo, e que o home estaba ben malia o acceso difícil. Concretamente, atopábase na ponte do ferrocarril que une Monforte con Peares.

Os Cines Codex estrean os filmes “O Inocente” e “O Castigo”

Os Codex Cinema estrean esta semana os filmes  “O Inocente” e “O Castigo”.

O Inocente, filme francés dirixido por Louis Garrel, que conta con dous premios César, ao Mellor Guión Orixinal e Mellor Actriz Secundaria. O Inocente é unha comedia romántica, é excéntrica, conmovedora e divertida.

Sinopse:cando Abel descobre que a súa nai, Sylvie, que ronda os sesenta anos, está a piques de casar cun home que está no cárcere, entra en pánico. Apoiado por Clémence, a súa mellor amiga, fará todo o posible para intentar protexela, mais o seu encontro con Michel, o seu novo padrasto, podería ofrecer a Abel novas perspectivas…..

A outra estrea da semana é “O castigo”, do director chileno  Matías Bize, que acada o Premio á Mellor Dirección no pasado Festival de Malaga.

No filme non só destaca o traballo do cineasta Matías Bize, tamén está a interpretación maxistral da súa protagonista Antonia Zegers.

Sinopse: Ana e Mateo buscan o seu fillo despois de telo deixado uns minutos só como castigo por portarse mal. Esta busca desesperada ten como escenario un bosque e unha carreteira. Mentres pasa o tempo sen que o fillo apareza, a parella terá que enfrontarse ao medo, á culpa, á fraxilidade da súa unión e outras revelacións relacionadas cos roles que representan na familia.

Poden consultar todos os horarios en: www.codexcinema.info

 

Escontrela será finalmente o candidato do Psoe en Sarria

Benjamín Escontrela que fora o candidato de Galicia Sempre nas anteriores eleccións municipais, será finalmente o candidato dos socialistas en Sarria. Logo da pugna que nos últimos meses se veu producindo entre os socialistas locais e o presidente da deputación, por querer Tomé impoñer a Escontrela.

A Executiva do PSdeG aprobou onte nunha reunión celebrada a última hora da tarde a proposta de candidatura, que foi validada pola Comisión de Listas nunha xuntanza inmediatamente posterior.

O novo candidato socialista, que afronta o  reto de, polo menos, manter a os resultados da anterior candidata socialista, foi apartado do goberno municipal, do que formou parte ata hai uns meses, polo actual alcalde Claudio Garrido, por mor duns problemas na residencia de anciáns de Sarria.

Escontrela ten previsto, se chega a alcaldía, a implantación dun “bo plan de servizos sociais, de axuda a domicilio, axuda no fogar e conciliación laboral e familiar Neste ámbito, considera esencial “unha reforma estrutural en todos os sentidos da residencia, que hai que ampliar e amañala, ademais de crear un centro de día, onde se poidan desenvolver talleres de memoria ou terapia cognitiva, entre outras actividades”.

Potenciar o Camiño de Santiago como recurso xerador de riqueza e emprego en Sarria, “onde podemos ofrecer todos os servizos que precisan os peregrinos para o seu benestar, tanto atención sanitaria as 24 horas, como servizos de tren ou albergues, entre outros”, é outra das súas apostas.

Para Benjamín Escontrela é así mesmo prioritario apoiar o medio rural, traballando dende o concello para dotar e mellorar todos os servizos dos veciños e veciñas, ben sexa en materia de saneamento, abastecemento ou estradas.

Unha vez ratificada a súa candidatura, Benjamín Escontrela presentará nas vindeiras datas a súa candidatura aos veciños e veciñas de Sarria.

 

Os Bombeiros rescatan a un home que caeu desde a ponte da autovía en Barreiros

Os feitos tiveron lugar ao redor das 23:15 horas de onte, martes, cando a Garda Civil de Tráfico recibiu un aviso por parte dos operarios de conservación da A-8 debido a que atoparan un turismo detido na marxe da vía no quilómetro 528, á altura de Barreiros e en sentido Asturias. Deste xeito, unha patrulla desprazouse ata o lugar e comprobou que unha persoa caera desde o alto da ponte. Permanecía consciente, pero precisaba asistencia sanitaria urxente.

Ao atoparse nunha situación de difícil acceso, o 112 Galicia solicitou a colaboración neste operativo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros e dos voluntarios de Protección Civil de Barreiros e dos axentes da Garda Civil.

Cando chegaron, os Bombeiros procederon a rescatar á persoa e a trasladaron en padiola ata a ambulancia, na que foi finalmente evacuada ao complexo hospitalario lucense.

A Xunta comunica ao concello a resolución favorable ao derrubamento do Garañón

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural notificou onte ao Concello de Lugo a resolución que autoriza o proxecto de demolición do edificio do Garañón e da urbanización no ámbito do URPI-58 do PXOM, así como da restitución ao estado orixinal dos terreos.

A resolución foi asinada e remitida a primeira hora da mañá, como as de todos os asuntos tratados na reunión do Consello Territorial de Patrimonio Histórico de Lugo celebrada o pasado venres.

A Dirección Xeral é favorable ao proxecto presentado, indicando que calquera modificación deste requirirá dunha nova autorización.

Rueda asina o acordo do Pacto pola Enerxía entre a Xunta de Galicia e Enagás

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou esta mañá o compromiso de Galicia para ser un territorio protagonista na produción e subministración de enerxía ao resto do mundo.
Así o afirmou logo da sinatura en Guitiriz co conselleiro delegado de Enagás, Arturo Gonzalo, do denominado Pacto pola Enerxía. Este acordo compromete á operadora
—líder en España na xestión e operación de infraestruturas de transporte de gas— a actuar como promotor do hidroduto entre Guitiriz e Zamora e a asegurar así a conexión enerxética da comunidade coa Península e Europa.
A empresa asume como obxectivo obter o recoñecemento deste nodo como Proxecto de Interese Común (PCI) para a Unión Europea e poder poñelo así en operación no 2030.
Segundo explicou o presidente, trátase dun “paso máis” nun proceso de transición enerxética “que xa está en marcha e ao que Galicia aspira a estar na cabeceira”.
Neste sentido, Rueda destacou que a comunidade reúne “todas as condicións para incorporarse a unha enerxía do futuro que xa é tamén do presente” e que non pode perder “unhas oportunidades que outros van aproveitar se as deixamos pasar”.

A sinatura do protocolo supón a incorporación de Enagás como empresa tractora na Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde, o que permitirá ao sector dispoñer do seu coñecemento e experiencia, soporte técnico e accións de promocións. A Alianza xa conta con dez compañías e outros dez clústeres e asociacións que representan a máis de 700 entidades.
O titular da Xunta cualificou o Pacto pola Enerxía como un paso máis que se suma ao proxecto a curto, medio e longo prazo que xa ten en marcha a comunidade.

Gómez Besteiro reivindica na súa toma de posesión a “política para as persoas”

O novo delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou hoxe na súa toma de posesión a “política para as persoas”, baseada na cooperación, no diálogo e na defensa do interese común.

Gómez Besteiro prometeu este mediodía o seu cargo sobre o artigo 14 da Constitución que proclama a igualdade perante a lei, nun acto institucional que contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o ministro de Sanidade, José Miñones e o secretario de Estado de Política Territorial, Alfredo González. Xunto a eles, asistiron os máximos responsables de institucións políticas, xudiciais e militares de Galicia.

Na súa intervención, o delegado do Goberno na Comunidade, repasou as prioridades cara esta nova etapa, na que se comprometeu a facer da Delegación “un Goberno a pé da rúa”, que teña como primeira premisa de acción a proximidade coa cidadanía. E, nesta liña, tendeulle a man ao presidente da Xunta de Galicia para “facer política de verdade entre todas as administracións” ante “unha oportunidade histórica” polos fondos do Plan de Recuperación do Goberno.

Xustiza social, económica e ecolóxica

No que respecta á xustiza social, lembrou a acción do Goberno fronte aos efectos da pandemia e da guerra, que demostra que “hai outra maneira de saír das crises: facelo sen deixar a ninguén atrás. Chegamos a todas as familias galegas e a todos os seus membros”, coa revalorización das pensións, a suba do salario mínimo, as becas ao estudo ou o ingreso mínimo vital”.

No eido da  xustiza económica, que “vai máis aló do simple investimento, e que se manifesta no Plan de Recuperación do Goberno e que chega a cada un dos concellos galegos, do máis grande ao máis pequeno”,

E, por último, a xustiza ecolóxica, que “impulsou a este Goberno a crear unha reconversión industrial” e que posibilita que Galicia reciba “investimentos millonarios para novas enerxías como o hidróxeno verde, para enerxía limpa nos municipios máis despoboados ou para a transición das centrais térmicas”.

Retos de seguridade

Como máximo responsable da seguridade do Estado en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro recoñeceu o traballo da Garda Civil e da Policía Nacional como garantes da liberdades públicas “con valor, dedicación e compromiso persoal”. Ante os máximos responsables do CNP e da Garda Civil en Galicia e trasladou o seu compromiso de continuar a mellora de plantillas iniciadas nesta lexislatura.

 

Elena Candia incorpora ao seu equipo a Ramón Cabarcos, Manuel Cortón e Miguel Couto

“Confío no traballo en equipo e na necesidade de contar cos mellores”: así se refería aos tres profesionais que vén de incorporar Elena Candia ao seu proxecto, Miguel Couto, Manuel Cortón e Ramón Cabarcos, dos que destacou que “son expertos formados e con experiencia, teñen altura de miras e priorizan Lugo ante calquera outra cousa”. A candidata do PP explicou que “mentres que a colaboración de Miguel Couto se cinguirá a dar apoio técnico asumindo a súa responsabilidade en Evislusa, os dous arquitectos irán na lista do Partido Popular” aclarando que “este equipo de expertos axudará a desbloquear tramitacións e licenzas para conseguir un Lugo dinámico e motor da provincia”.

Candia explicou que “un dos principais problemas da cidade é a falta de dilixencia na tramitación de licenzas” engadindo que “esta parálise frea o desenvolvemento do municipio, provoca fuga de empresas a outros municipios onde se lles dan facilidades”.

A popular matizou que “unha vez diagnosticado o problema, a mellor fórmula para conseguir que Lugo cambie, mellore e sexa unha cidade dinámica e amable para investir é contar cunha estrutra experimentada para reverter a situación actual”. Elena Candia tamén se referiu aos traballadores municipais indicando que “contará con todos os funcionarios, nos que creo e defendo” á vez que matizaba que “deben estar ben dimensionados e motivados baixo unha dirección política clara que non os poña como escudo cada vez que hai un problema”.

 

A Audiencia de Lugo condena a once anos de cárcere a un home por agredir sexualmente á filla menor de idade da súa parella

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a once anos de cárcere a un home por agredir sexualmente, de forma continuada, á filla da súa parella desde 2013, cando a menor tiña doce anos, ata 2015. O tribunal considera probado que o acusado, “prevalecéndose da convivencia familiar coa menor”, conseguiu “dobregala aos seus requirimentos sexuais e comezou a ter relacións sexuais con ela en 2013, aproveitando unha viaxe da súa nai á República Dominicana”.

Ademais dos once anos de prisión, os maxistrados impuxéronlle a prohibición de aproximarse e comunicarse coa vítima por calquera medio durante dez anos, así como oito anos de liberdade vixiada, a privación da patria potestade e inhabilitación para o exercicio dos dereitos de patria potestade, tutela, curatela, garda e acollemento por tempo de oito anos, e inhabilitación especial para calquera profesión ou oficio que conleve contacto regular e directo con menores de idade por un tempo de dez anos. En concepto de responsabilidade civil, o procesado deberá indemnizar á vítima con 9.000 euros.

Un millón de euros para mellorar a residencia de maiores da Milagrosa

A consellaría de Política Social e Xuventude,realizará unha reforma na residencia de maiores de A Milagrosa na que investirá un millón de euros. Así o anunciaron Fabiola García máxima responsable da consellería e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias,quen visitaron dita residencia, en Lugo.

As melloras suporán unha reorganización da entrada principal, tamén se modernizara a fachada, adecuaranse os ascensores e reordenarase a área sanitaria, entre outras actuacións. Desta maneira, este centro avanzará cara o novo modelo de coidados de Galicia, que ten como piares fundamentais unha reorganización dos espazos para facelos máis persoais, unha maior humanización dos centros, así como o uso de vantaxes tecnolóxicas e unha maior coordinación sociosanitaria.

A conselleira Fabiola García destacou que o Goberno galego está a transformar os piares do novo modelo de coidados en medidas e actuacións concretas. Mostra diso, explicou, son a transformación das habitacións de todas as residencias públicas autonómicas que se converterán en espazos intelixentes; tamén mediante a creación do primeiro censo de usuarios que integra información do Sistema galego de dependencia e da Historia Clínica Electrónica; ou da creación dos primeiros centros de coidados intermedios públicos de España, que se situarán nos concellos de Mos e Santiago.

 

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com