Novas

Presentase o cartel que anunciará o Arde Lvcvs 2023

O cartel que anunciará a festa do Arde Lvcvs 2023 é obra do lucense Borja Mirón Chaos, quen o presentou baixo o título “Lucus Ignis”.

O xurado, integrado polo artista Manuel Andrés Pallín; por Mónica López, licenciada e doutorada en Belas Artes, e Antonio Cruz, profesor da Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón, valorou especialmente a limpeza do cartel, “directo e moi orixinal onde o autor foi capaz de plasmar nunha chama o espírito e o lume da Arde Lvcvs, unha festa que non se apaga”.

A entrega de orixinais efectuouse na Casa da Xuventude, onde quedarán expostos os 36 traballos presentados ao concurso. Todos eles pasaron primeiro polo filtro das redes sociais do Arde Lvcvs, onde se fixo unha votación popular na que participaron preto de 5.000 persoas para a preselección. O 50% dos carteis máis votados sometéronse á elección final do xurado. O gañador recibirá un premio valorado en 1.500 euros.

Traballadores do Grupo Leite Río inician mobilizacións para pedir melloras salariais

Persoal das factorías do Grupo Leite Río iniciaron esta maña mobilicacións para pedir melloras salariais. A primeira das concentracións que teñen previsto realizar tivo lugar esta maña diante da fábrica do Ceao 1 na avenida Benigno Rivera ás 12:30h .

Segundo os traballadores “a empresa está a esixir unha flexibilidade a coste cero, algo que os traballadores non poden asumir”.

Este primeiro parón tivo unha duración de catro horas, dende as 12:00h ata as 16:00h e teñen previsto continuar con máis mobilizacións a semana que ven.  Estas mobilizacións están convocadas pola CIG e UGT.

 

A luguesa María López Sández ingresa na RAG

María López Sández ingresou hoxe na Real Academia Galega como membro de número explorando a relación da paisaxe cos inicios do ensaísmo galego. A sesión arrincou gardando un minuto de silencio en memoria doutro académico de número, Salvador García-Bodaño, quen faleceu o pasado martes; e rematou coa entrega do diploma e a medalla de académica a María López Sández por parte do presidente da RAG. Víctor F. Freixanes salientou o labor investigador e creativo da nova académica, mais tamén a súa condición de docente. “Todos e todas nós somos fillos e fillas dun bo profesor”, expresou.

A filóloga e escritora, profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da Universidade de Santiago de Compostela, reivindicou a descrición da natureza como parte esencial da necesidade da autorrepresentación colectiva e puxo o acento na importancia da xeración dos 50 neste labor intelectual. “A paisaxe constitúe un dos eixos recorrentes, poida que o máis sobranceiro de todos, do pensamento galego”, afirmou no discurso que pronunciou na súa cidade natal.

A nova académica identificou o xermolo do ensaísmo no limiar de Cantares gallegos, exemplo de “autorrepresentación radical” que “constituíu o acto político máis poderoso da Galicia do século XIX”; e sinalou a Ramón Otero Pedrayo como figura clave para a eclosión a mediados do século pasado dun xénero que sempre constituíu para as linguas minorizadas “o último chanzo na loita polo seu recoñecemento como códigos de pleno dereito”.

O discurso de María López Sández préstalles unha atención especial aos autores lugueses dos anos 50, que foron parte destacada dunha xeración que construíu “unha obra coral” arredor da paisaxe. A investigadora gaba en concreto un par de textos, Abrente e solpor da paisaxe, de Celestino Fernández de la Vega, do que resalta a fondura filosófica e o entroncamento coa historia das ideas estéticas;  e Mito e realidade da Terra nai, de Xoán Rof Carballo, “un dos máis fermosos ensaios sobre a paisaxe galega”. “Detérmonos nestes dous ensaios esenciais do pensamento galego arredor da paisaxe é un modo de abrirmos a fiestra cara a esta preocupación central en toda a xeración de Galaxia e na súa escrita ensaística”, explica. Moitos e moitas, detrás de todos eles, seguiron a achegarse ao pensamento arredor da paisaxe. María López Sández fíxoo desde os formatos máis académicos, pero seguramente todos e todas o fixeron movidos, comparte ela, “por ese mesmo engado que nos chama desde un misterio último e íntimo do que abrolla a nosa emoción da terra, do noso habitar a paisaxe, inesgotable, que se revela na linguaxe poética e na construción literaria”.

Marilar Aleixandre foi a encargada de darlle resposta a María López Sández en nome da RAG nunha sesión extraordinaria pública que contou coa presenza de representantes das distintas institucións da vida cultural, política e cívica do país. A académica de número lembrou que María López Sández fai a número trece das mulleres elixidas numerarias e a número nove das académicas do pleno neste momento; e puxo tamén o acento no “empeño de esculcar o que fica nas marxes” e nas orixes dunha muller educada no ensino público. “O pobo traballador e labrego, as fillas de condutores de camións, as netas das exiliadas, merecen ter voz na Academia para contar a súa propia historia”, concluíu Marilar Aleixandre nunha emotiva intervención que indagou nas raíces familiares da nova académica cunha primeira parada na foxa común do cemiterio de Ceares (Xixón), onde en 1937 foi asasinado o seu bisavó paterno.

Lembranza de Darío Xohan Cabana

Antes de profundar no tema do seu discurso, titulado Onde abrolla o manancial: a paisaxe na raíz do ensaísmo galego, María López Sández rendeulle homenaxe a Darío Xohán Cabana (1952 – 2021), quen foi tamén veciño da cidade de Lugo e cuxa cadeira ocupa dende hoxe. E fíxoo lembrando en primeiro lugar o día que o viu por primeira vez en persoa, “cunha presenza solemne”, “senlleiro e contemplativo”, na mesma praza Maior que hoxe acolleu a súa recepción na RAG.

 

 ‘Apuntámonos a non beber’ o programa da Xunta que conta con 138 alumnos

Un total de 138 estudantes de ESO de catro centros educativos da provincia de Lugo participan este curso no programa da Xunta “Apuntámonos a non beber”, que ten por obxecto previr o consumo de alcohol entre os menores de idade, desenvólvese nos Centros Públicos Integrados (CPI) Dr. López Suárez do Saviñao, Nosa Señora da Asunción de Sarria e Luis Díaz Moreno de Baralla, así como no IES Fonmiñá da Pastoriza.

Segundo explicou Javier Arias, delegado da Xunta en Lugo, este programa imparte, ao longo do curso, charlas e intervencións de profesionais do ámbito sanitario dirixidas á mocidade, ao profesorado e ás familias, coa finalidade de previr que os mozos e mozas destas idades tomen alcohol e atrasar o inicio do seu consumo. As próximas xornadas programadas serán o 24 de marzo en Sarria, o 29 na Pastoriza e o 30 en Baralla; O Saviñao xa acolleu unha conferencia a principios deste mes.

Nestas sesións abordan cuestións como a definición de adición, as consecuencias de beber alcohol na saúde, os riscos que implica, as recomendacións da OMS, o problema social que supón, a lexislación vixente en Galicia arredor deste tema, os mitos que existen e o papel das familias á hora de inculcar hábitos de vida saudables.

Así mesmo, cada aula participante elabora un traballo en equipo que consiste na preparación dunha campaña de contrapublicidade do consumo de bebidas alcohólicas ou enerxéticas en calquera soporte (pode ser o deseño dun slogan, unha páxina web, un perfil nalgunha rede social ou ben outras propostas). Ao final, haberá un premio para os tres mellores proxectos.

Enmarcado no Plan Proxecta

Arias explicou que 26 centros de toda Galicia están a participar este ano no programa. Apuntámonos a non beber, que desenvolve a Consellería de Sanidade no marco do Plan Proxecta, promovido pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

O Plan Proxecta inclúe no curso actual 45 programas educativos diferentes que están en marcha en centros da Comunidade, relacionados cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, a normalización lingüística e os dereitos da infancia ou a mobilidade.

Esquerda Unida e Podemos “infrinxir a lei  urbanística en Lugo sae gratis”

Coa presentación  dunha demanda no tribunal  Contencioso-Administrativo por parte do Banco de Santander, o proxecto de derribo do Garañón quedou suspendido “sine die”. Ante este novo retraso Chus Rodríguez, candidata á Alcaldía de Esquerda Unida e Podemos Lugo ven de denunciar, logo de coñecer a noticia de que o citado banco acudía ao xulgado para paralizar o derribo do Garañón, “o prexuízo que isto supón para a nosa cidade”.

Despois de anunciar o derribo desta construción, incidía a candidata de EU-Podemos, “ este proxecto encargado á empresa pontevedresa Xestión Ambiental de Contratas por 578.035 euros que sairían do peto público”. E continuaba “a realidade é que neste mandato Lara Méndez non vai poder darlle ao botón de derribo e igual tampouco no seguinte, pois é posible que teña que deixar o bastón de mando”.

A comezos do ano 2017, o Tribunal Superior de Xustiza de Lugo anulou a ordenación urbanística das unidades onde se atopan as torres de O Garañón, logo de que anteriormente xa foran declaradas ilegais as súas licencias.

Dito edificio “nin sequera se axustaba ao que permitía a licencia outorgada polo propio Concello de Lugo”. Subliñaba a candidata á alcaldía por EU-Podemos ao Concello de Lugo.

Como resaltaba Rodríguez, “desde tempo antes e tamén posteriormente, Esquerda Unida e Podemos, denunciamos as múltiples irregularidades e malas actuacións en torno a dito proxecto urbanístico”.

Pero isto, segundo afirma Chus Rodríguez, “é un paso máis na carreira á contra para non demoler estes edificios, pois acaba de confirmarse tamén que é necesaria a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta para poder levar a cabo ese traballo e este órgano dispón de tres meses para autorizar ou denegar o derribo”.

A candidata da coalición, Chus Rodríguez remarca que “resulta clamoroso o doado e gratuíto que sae cometer infraccións urbanísticas e o difícil e complexo que é repoñer a legalidade, por recursos da banca e obstaculizacións varias nunha espiral burocrática paralizante”.

Rodríguez engadiu

 

 

 

 

que esa banca é “A banca que desafiuza das casas, a dos fondos voitre, a que sempre é rescatada polos gobernos de dereitas, a que sube os tipos de interese, agora preséntase como vítima perante os xulgados para paralizar o derribo deste grotesco símbolo da especulación urbanística.” Rematou.

 

Novo número da revista Cerna de ADEGA

A Asociación para a Defensa  Ecoloxíca  de Galicia ADEGA, edita un novo número de CERNA, a maior revista sobre o medio ambiente e ecoloxía de Galiza, xa dispoñible en formato dixital. A publicación ten entre os seus contidos, a Galiza das loitas ecoloxistas. a vaga eólica, incendios forestais e os 20 anos do Prestige.

Cerna pon o foco principal, coa intención de afondar nas agresións e nas fendas que o modelo extractivista e capitalista deixa sobre o noso territorio, e nas resistencias que se tecen fronte a elas. Así pois, abre a publicación a mobilización social no Día Mundial do Medio Ambiente os fitos históricos acadados nos tribunais, coas paralizacións cautelares conseguidas por ADEGA e a Plataforma en Defensa da Cordilleira Cantábrica para o macroproxecto integrado polos parques eólicos Campelo, Bustelo e Monte Toural, os tres de Greenalia.

Tamén ten o seu espazo na revista, grazas ao avogado Fernando de Abel, a loita contra a invasión eólica perante a Comisión Europea, onde ADEGA e a Coordinadora Eólica Así Non, denunciaron a vulneración de diversas Directivas da Unión na tramitación de proxectos de enerxía renovable na Galiza. O berro do ‘Nunca Máis’. Ademais, a través das páxinas de Cerna viaxamos tamén ata Turín, onde ADEGA participou no Climate Social Camp, e ata Brasil, dende onde chega unha esperanza renovada para a educación ambiental logo da elección de Lula para un terceiro mandato. Cerna trata igualmente neste número un elemento clave nas paisaxes galegas: os valados. Faino a través de dous artigos asinados pola arquitecta Mercedes Máquez e a xornalista Xulia Lomba canda ao canteiro conservador Xosé María Lomba.

A Xunta e a Federación Galega de Caza ultiman un novo convenio

A Xunta de Galicia e a Federación Galega de Caza (FGC) están a ultimar os termos e as actuacións concretas que se incluirán no novo convenio que teñen previsto subscribir ambas entidades de cara a renovar a relación de colaboración que manteñen de forma ininterrompida desde 2015.

A tal fin a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, mantivo recentemente unha reunión co presidente da entidade, Luís Eusebio Fidalgo, e mais co secretario xeral, José Moure, durante a que concretaron os últimos detalles do acordo e intercambiaron opinións sobre cales deberían ser as liñas fundamentais de acción.

Neste sentido, os tres coincidiron na necesidade de seguir colaborando no impulso da formación continua dos cazadores, en concreto, referíronse tamén aos primeiros cursos para obter a credencial como persoa cazadora con formación en materia de sanidade e hixiene que se impartiron en Santiago (2022) e Lugo (2023) co fin de capacitalos para controlar in situ as pezas de caza silvestre abatidas coa finalidade de ser destinadas ao consumo humano, así como do control de subprodutos animais non destinados a este fin.

Esta xuntanza foi a primeira que se celebra desde a recente renovación da xunta directiva da entidade logo de que o pasado mes de decembro tomara posesión dos seus cargos. De feito, Belén do Campo aproveitou o encontro para trasladarlles a disposición da Xunta a continuar mantendo o contacto directo e a colaboración co sector cinexético.

Lugo monumental

Lugo Monumental lanza a campaña “Con Moito Corazón”

Algo máis dun mes despois do terrible terremoto que destruíu cidades enteiras en Turquía e Siria, Lugo Monumental pon en marcha unha campaña de captación de fondos en apoio aos damnificados por ese terrible suceso, e farao  a traveso de Cruz Vermella.

Os responsables de Lugo Monumental declararon que esta asociación “non adoita levar a cabo campañas que excedan o seu ámbito territorial. É unha asociación de barrio e cínguese ao seu entoo. Con todo, é imposible non conmoverse ante a magnitude da traxedia na que tantos o perderon todo. Isto impulsou á Asociación para dirixirse á embaixada Turca para ofrecer axuda. Con todo, a representación turca en España comunicou á Asociación que estaban saturados para recibir axuda material polo que se dirixiron a Cruz Vermella, que opera no terreo en primeira persoa”

A razón de solicitar diñeiro está determinada  é “ porque a pesar de que as necesidades da poboación son roupas de abrigo e mantas, pero tamén alimentos e medicinas. Os produtos máis fáciles de obter e que sería máis sinxelo recoller (roupa por exemplo) tamén son os máis difíciles de transportar, polo que a pesar de que a intención orixinal era recoller aveños, Cruz Vermella explicou as dificultades de envialos ata a zona afectada”. Por iso a estratexia enfócase á recollida de achegas económicas, xa que Cruz Vermella compra na zona afectada ou nas máis próximas os artigos necesarios e facilita así a súa entrega a quen máis o necesitan e no menor prazo posible.

Por que agora? “Xa Pasou algún tempo desde o terremoto, pero as necesidades seguen sendo enormes. Con todo as achegas redúcense porque tras o shock inicial a solidariedade vaise atenuando. Precisamente por iso tentan facer un esforzo para manter esas achegas para unha zona que está devastada ata niveis inimaxinables”.

Elena Candia presenta a súa web “lugooprimeiro.com”

A candidata popular á alcaldía de Lugo, Elena Candia, presentou esta mañá a web www.lugooprimeiro.com que definiu como “unha nova ferramenta de contacto” da veciñanza de Lugo “para seguir a construír entre todas as persoas un proxecto de municipio do que eu son unha máis”.

Durante a rolda de prensa, Elena Candia explicou que o portal conta cun total de seis seccións: o decálogo de eixes de actuación, a presentación da candidata, unha recompilación en vídeo dalgunha das xuntanzas celebradas en barrios e parroquias, un espazo de ‘Eu apoio a Elena’, un formulario de contacto ao que se pode acceder dende o botón da ‘frontpage’ e un apartado coa actualidade da candidata. Tal e como detallou, o fío condutor da web é “indiscutiblemente” a participación e a apelación a sumarse a un cambio “que só será posible coa implicación masiva de toda aquela xente que, coma min, sente que Lugo é moito máis có que temos agora mesmo”.

Durante a súa comparecencia, a candidata popular tamén lles agradeceu “ser a cara visible de todas esas persoas que se achegan a nós na rúa dicíndonos que Lugo merece un cambio”, algo que tamén evidencia a participación nas xuntanzas en barrios e parroquias do municipio, que se recolle en varios vídeos da propia web.

O delegado da Xunta reúnese con Adega por mor da Rolda Leste

O delegado territorial, Javier Arias, recibiu hoxe ao secretario xeral da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Adega, Froilán Pallín, para analizar o proxecto da Rolda Leste, que tanta controversia está axerara dentro de asociacións e partidos políticos lucenses. Na xuntanza ambos estiveron acompañados polo xefe de servizo provincial da Axencia Galega de Infraestruturas, Gerardo Pallares. Segundo Javier Arias “foi un encontro cordial que serviu para explicar aspectos vitais para nós como a necesidade e os beneficios da obra e o mínimo impacto ambiental no parque do Rato, ademais de para resolver dúbidas sobre esta vía”.

Ademais, unha vez aprobado o proxecto da Rolda Leste e mentres segue aberto o período de información pública, a Xunta de Galicia, a través da Delegación Territorial de Lugo,ten previsto  desenvolver unha serie de reunións informativas con colectivos e veciñanza para explicar esta fase da Rolda Leste. “Pretendemos achegar o proxecto aos veciños e veciñas de Lugo, e estaremos a disposición de explicalo nos foros nos que sexamos requiridos”, sinalou o delegado.

 

 

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com