Novas

Si á Rolda Leste de Lugo

Desde a Federación provincial de Asociacións Veciñais “Lucus Augusti” de Lugo, defendemos, unha vez máis, tras máis de 10 anos facéndoo, a implementación e posta en funcionamento da Rolda Este, por constituír unha infraestrutura fundamental, necesaria e dunha utilidade incuestionable para a cidade de Lugo, xa que permitiría o desconxestionamento de tráfico da estrada perimetral do río Rato, ademais da Ronda das Fontiñas, e dos barrios da zona sur da cidade de Lugo; así como tamén para quen acode ao Hospital Universitario “Lucus Augusti” desde o sur da provincia lucense.

Desde a nosa entidade, solicitamos tamén, que o impacto ambiental que se derive da posta en funcionamento da tan necesaria Rolda Este, sexa, por suposto, o mínimo posible, e é ese  un labor que corresponde aos técnicos e que é, en todo caso, factible. Con todo, non entendemos que, en pleno ano 2023, a aparición ou existencia de especies “únicas” -vexetais ou animais- supoñan unha razón consistente e realista que impida a execución desta infraestrutura que, reiteramos, é fundamental para o desconxestionamento do tráfico na capital lucense, así como para lograr unha circulación de trafico fluída e adaptada aos tempos en que vivimos.

Non pretendemos, desde a nosa entidade, en ningún caso, danar a contorna natural do río Rato, e estudaremos o proxecto, a fin de facer alegacións que o poidan mellorar a este respecto. Somos, sen ningún tipo de dúbida, grandes defensores desta contorna natural privilexiada, e trataremos, por tanto, de atopar o equilibrio entre unha infraestrutura necesaria, como é a Rolda Este, e unha área verde que debemos preservar e coidar. Non nos parece serio, así mesmo, a formulación de certas alternativas para dedicar a outros fins dita partida orzamentaria plurianual. Debemos, entre todos, buscar o consenso e o equilibrio entre preservar un espazo natural único e pechar o anel perimetral de Lugo cunha infraestrutura imprescindible, en especial, para os veciños da zona sur da provincia lucense. Espazo natural do que, desde a Federación provincial de Asociacións Veciñais “Lucus Augusti” de Lugo, sentímonos moi orgullosos, e así o demostramos coa organización de actividades destinadas a promocionar o mesmo, como a camiñada anual pola devandita contorna ata o Ponte da Chanca, entre outras.

Lugo, mércores 8 de marzo de 2023

O feminismo de Lugo lerá dous manifestos nas manifestacións do 8M

As dúas organizacións que agrupan a diferentes colectivos feministas organizan hoxe dúas manifestacións diferentes e en paralelo.

Os dous colectivos feministas, sairán dende a explanada  do edificio da Xunta de Galicia ás 20:00h e percorrerá Rúa Teatro ata  Santo Domingo e rematarán unha, a do Foro Feminista, na Praza Maior e a de Feminismo Lugo 8M na Praza de Santa María.

O manifesto do Foro Feminista lerano varias mulleres e o de Feminismo Lugo 8M, Cintia Folgueira Cobos e Montserrat Valcarcel, e o seu lema será  Su lema será Loitamos pola xustiza social para todas. Servizos públicos feministas, xa!.

Os cines Codex proxectan mañá xoves un pase especial do documental “Bienvenido Mr. Banksy”

Os cines Codex proxectarán mañá xoves ás 20:30h o documental “Bienvenido Mr. Banksy” nun pase único e que contará coa presenza do seu director Carlos A. Quirós, que presentará o documental e no que ao final do mesmo haberá un pequeno coloquio.

O documental Bienvenido Mr. Banksy, un documental sobre a arte urbana, da produtora ferrolá Cuerda Floja, leva percorrido diversos festivais de cine internacionais e agora chega ás salas galegas.

A finais de agosto de 2017, no barrio de Canido en Ferrol, con Edu Hermida á cabeza, fixo un chamamento mundial nos medios para que o máis mediático artista da arte urbana, Banksy, participase na cita do ano na pequena cidade: o festival “Las Menindas de Canido”. Este filme narra, na voz do impulsor do festival, os enigmáticos acontecementos ocorridos en Canido durante os catro anos posteriores ao evento.

O Concello organiza un curso de piloto de drons

O Concello de Lugo, a través do Servizo de Prevención de Drogodependencias e outras adiccións, adscrito á concellería de Xuventude, organiza, un curso de piloto de drons, dentro da programación do Lugo +Xti 2023, subvencionada polo Plan Nacional sobre Drogas dirixido a lucenses de 16 a 39 anos, empadroados en Lugo.

A actividade dura 2 horas, en horario de 16.00 a 18.00 ou de 18.00 a 20.00, os xoves, venres e os sábados do 13 de abril ao 26 de maio. Os mozos e mozas interesados poden inscribirse de maneira individual ou en parella, xa que non se admitirá a máis de dous participantes na mesma sesión para asegurar a atención merecida e a oportunidade de participación de todos os asistentes.

O curso é gratuíto e conta con 75 prazas. As inscricións estarán abertas dende o 13 de marzo ao 13 de maio, a través da web: www.lugomasxti.org. e será por rigurosa orde ata cubrir prazas. As persoas interesadas deberán indicar a hora de preferencia no formulario de inscrición.

Ana Sandamil declarada culpable do asasinato da súa filla Desirée Leal

Ana Sandamil é declarada culpable de asasinar a súa filla Desirée en maio de 2019. O veredicto é o mesmo que o que se ditou hai una ano. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia decidira o pasado novembro anular o primeiro xuízo ante o recurso da defensa no que se alegaba que o veredicto non argumentaba ben o feito e a acusada non era consciente do que facía.

Na súa intervención neste segundo xuízo que rematou onte, Ana Sandamil pediu perdón e insistiu en que non recordaba nada do ocorrido aquela noite. Segundo o xurado popular a Ana Sandamil recoñecéselle un trastorno mental pero cando matou a nena non tiña as súas facultades afectadas.

A acusada volve a enfrontarse a unha sentencia de prisión permanente revisable por matar a súa filla Desirée Leal de 7 anos.

 

Íñigo Vélez, novo adestrador do CD Lugo

O CD Lugo e Íñigo Vélez de Mendizábal chegaron a un acordo para a incorporación do técnico ao club.

Vélez (Vitoria, 15-3-82) chega ao Anxo Carro como un dos adestradores máis novos a destacar no panorama nacional das últimas temporadas. Conseguiu o histórico ascenso coa SD Amorebieta a LaLigaSmartbank na temporada 20-21, e tamén atesoura unha traxectoria notable como futbolista en conxuntos como SD Eibar, Athletic Club de Bilbao ou CD Numancia, entre outros.

O novo adestrador dirixirá maña a súa primeira sesión no Ceao, en horario de maña.

 

Asociación de Veciños, Comerciantes, e Industriais Distrito da Milagrosa

Dende a Asociación de Veciños, Comerciantes, e Industriais Distrito da Milagrosa que preside D. Jesús Vázquez Varela, e que representa aos veciños e veciñas deste importante barrio da Milagrosa, con máis de 20.000 habitantes e que contamos con máis de 400 socios, queremos manifestar publicamente a nosa rotunda Felicitación polo exemplar labor que están a levar a cabo, tanto as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado dependentes da Subdelegación do Goberno, como por parte da Policía Local dependente do Concello de Lugo.

Cremos que están a desenvolver un labor moi efectivo no noso barrio, e que merece todos os nosos eloxios, por tanto, cumpre felicitar a estas Forzas de Seguridade polo seu labor no barrio da Milagrosa.

Vemos que a última xunta local de seguridade, foi efectiva, xa que se acordou deseñar un programa de seguridade para o barrio, e ese programa está a dar resultados. Vemos unha presenza permanente no barrio, tamén os seus operativos policiais a pé de rúa funcionando, tanto uniformados como non uniformados. Todo isto dá unha tranquilidade e seguridade ao barrio, insistimos en que vemos que os operativos están a funcionar, por tanto reiterámonos nas nosas felicitacións.

Somos conscientes de que o barrio ten unhas problemáticas complicadas, como a ocupación (nós sempre demandamos un cambio na lei de okupación, que faga máis efectivos os desaloxos). Tamén somos conscientes que temos problemas de tráfico de drogas, problemas asociados ás okupacións e á degradación do barrio. Con respecto aos locais coñecidos como afters na rúa Tui, manifestamos todo o noso apoio e solidariedade ás persoas da devandita rúa, especialmente aos veciños lindeiros cos locais, que teñen que sufrir diariamente ruídos, ameazas, altercados, … apoiamos totalmente a campaña de recollida de firmas que se está levando a cabo.

Propoñemos cambios na Lei de Espectáculos da Xunta de Galicia, así como axilidade nos trámites administrativos, que Policía Local pasa a través dos seus expedientes en base a incumprimentos de horarios, ruído, …

Apostamos pola Rehabilitación Integral, (ARI ou ARU). Levamos anos demandándoa.

Solicitamos ao Concello de Lugo, a máxima rapidez para levar a cabo a rehabilitación integral do barrio. Pedimos que se inicie xa unha campaña informativa dirixida aos propietarios da zona vella do barrio, para explicar as vantaxes, axudas, … dunha ARI ou ARU, é dicir dunha rehabilitación.

Ante toda esta problemática, nós pedimos, unidade e traballo coas diferentes administracións.

A Milagrosa sempre foi o Barrio dos Barrios, o Barrio Senlleiro de Lugo, por máis que algúns se empeñen en facernos crer que vivimos no
Bronx ou en Wichita Cidade sen Lei.

Asociación de Veciños Comerciantes e Industriais Distrito Dá Milagrosa.

 

 

Manifesto 8M de Si, hai saída

MANIFESTO 8M

Un ano mais, con motivo do 8M, Día da Muller, desde a Asociación Si, hai saída desexamos expresar os nosos desexos de que esta data chegue a ser un motivo real de celebración por ter acadado esa igualdade real entre homes e mulleres, na que tanto nos din que se avanzou, pero que, lamentablemente, baixo o noso punto de vista, non soamente non é así, se non que, en certos eidos, estamos a experimentar un claro retroceso.

Non se trata tan só de discriminación por razón de sexo, que segue a converternos as mulleres en cidadáns de segunda, nin de fenda salarial, nin do tan nomeado teito de cristal que nos dificulta ou mesmo nos impide acceder a determinados postos de traballo, sobre todo se estes son de responsabilidade, ou dos atrancos para conciliar, que ás veces se tornan imposibles de sortear, por mencionar tan so algúns exemplos, se non dunha sociedade que normaliza situacións, comportamentos, ou actitudes que críamos superadas, pero que seguen a estar moi presentes, de feito cada vez mais, e que podemos atopar no noso día a día, como poden ser determinados programas de Tv. que tratan ás mulleres coma auténticos obxectos e nos amosan como referentes feministas a outras que, por desgraza, están nas Antípodas do auténtico feminismo, sen ter en conta para nada o dano que isto ocasiona, sobre todo entre a mocidade, e atendendo soamente a acadar audiencia e a facer caixa, algo que este ano se está a facer presente de maneira especial, nunha auténtica vórtice de “realities”, docuseries, etc, etc, que nos presentan como auténticas iconas feministas a mulleres que, e con todo o respecto o dicimos, serian moi boas enriba dos escenarios ou diante das cámaras e cun discurso pretendidamente defensor dos dereitos das mulleres, pero que en ningún casolevaban nin levan á práctica na súa esfera mais privada, sendo a antítese do verdadeiro feminismo.

Obviamente, non podemos deixar de condenar do xeito mais enérxico e contundente a máxima expresión desta desigualdade, a violencia machista, que tantas e tantas vidas de mulleres, de nenas e nenos está a segar do xeito mais brutal, acadando cada vez unhas cotas mais e mais elevadas, ao mesmo tempo que, nun brutal e tráxico paradoxo, está cada vez mais normalizada e instalada na nosa sociedade, unha sociedade que cada vez lle presta menos atención, a menos que sexa para sacar rendemento dela, de tal xeito que para moitos está a ser unha fonte de lucrativos ingresos, disfrazada case sempre, eso si, de altruísmo.

Igualmente condenamos a utilización política que se está a facer desta letal lacra, algo isto que este ano, cunhas eleccións á porta, se está a evidenciar dun xeito indecente, comerciando coa dor, ignorando a auténtica raíz de tan grave pandemia, porque a violencia machista, guste ou non admitilo, constitúe xa, desde hai moito tempo, unha auténtica pandemia, na procura de votos, e, segundo os casos, de acadar ou manter o poder.

Non podemos nin queremos, ademais, deixar de manifestar a nosa preocupación e o noso cada vez maior temor ante a un Ministerio de Igualdade dirixido por quen semella estar mais preocupada pola súa proxección mediática, por lapidar miles e mais miles de euros en accións ilóxicas na súa maioría e totalmente inútiles en tanto non se atalle a orixe do problema, e queestá a deixar a tantas mulleres, vítimas da violencia machista, aos seus fillos e fillas, aos pes dos cabalos, cunha desprotección cada vez maior, e demostrando que, nin coñecen a realidade da violencia de xénero, nin teñen o menor interese en facelo, vivindo na súa burbulla de poder e deixando, cos seus continuos despropósitos, tráxicas mostras da nefasta xestión que delestán a facer.

Así mesmo, queremos amosar, unha vez mais, o noso profundo respecto polo auténtico feminismo, e o noso inmenso agradecemento e admiración por todas esas mulleres que, antes que nos, tanto loitaron para abrirnos camiño e acadar eses dereitos dos que hoxe gozamos, e o noso enérxico rexeitamento ante ese “pseudofeminismo” radical, excluínte e prepotente, que non soamente nos presenta aos homes como aos inimigos, como a maltratadores en potencia polo feito de ser homes, se non que maltrata a canta muller non comunga coas súas “doutrinas”, faltándolles ao respecto, chegando en ocasións mesmo ao insulto e outorgándose o dereito a decidir quen é ou non feminista cando elas son a viva manifestación do machismo mais rancio e radical.

O auténtico feminismo é o que se practica todos e cada un dos días do ano, non soamente dous días del, e de xeito coherente, facendo real esa suposta mensaxe de igualdade que tanto reivindican, pero que se contradí totalmente coas súas actitudes discriminatorias, excluíntes e mesmo vexatorias con canta muller ousa manifestar o seu desacordo con elas.
En Si,hai saída sempre avogamos, e así seguiremos a facelo, pola auténtica igualdade, pola que recoñece que homes e mulleres temos os mesmos dereitos e as mesmas
obrigas, e temos moi claro que nunca defenderemos ningunha postura que identifique esta, a de verdade, cunha loita de sexos. Para rematar, nunhas datas nas que se nos está a amosar como exemplo a moitas mulleres triunfadoras nos seus respectivos eidos profesionais, nos que chegaron a ser auténticas líder, cunha gran proxección, e de cuxos méritos e esforzo non dubidamos, e, por suposto, respectamos, pero aos que tampouco temos dúbida de que dificilmente terían chegado de non contar cun apoio económico, familiar, con facilidades para acceder a uns estudos, ou mesmo por proceder xa de sagas familiares que lles abriron camiño, queremos manifestar a nosa mais sincera homenaxe, o noso recoñecemento e a nosa admiración por tantas e tantas mulleres anónimas, auténticas superviventes, que, sen apoio ningún, sen mais recursos que a súa vontade, o seu esforzo, loitan cada día por saír adiante, por que aos seus fillos e fillas non lles falte de nada, deixando de lado, en moitos casos, a súa dor, o seu medo, e sen que ninguén, nin elas mesmas, recoñezan a súa auténtica valía, que é inmensa.

Asociación Si, hai saída

Dous novos simuladores instalados no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, manifestou hoxe que cos novos simuladores U-Space do Centro para o Desenvolvementos Tecnolóxico e a Innovación (CDTI), o Polo Aeroespacial de Galicia dótase dunha infraestrutura única en España e na contorna europea para a experimentación con vehículos aéreos non tripulados.

No acto de entrega deste equipamento instalado no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), en Castro de Rei (Lugo), Conde asegurou 2que vai permitir dar resposta a moitos dos retos que hoxe en día ten a regulación de voos con aeronaves non tripuladas, o que fará de Galicia e España un referente no desenvolvemento desta tecnoloxía e do marco regulatorio europeo para o sector”.

O vicepresidente económico salientou que “os dous simuladores foron desenvolvidos por medio dun contrato de Compra Pública Precomercial que lanzou o CDTI por un importe conxunto que suma 12,5 millóns de euros e que lle foron asignados a Indra e Boeing, xunto cun equipo de centros tecnolóxicos e outras empresas galegas e do resto de España”.

Ademais dos novos simuladores, Conde avanzou que “nas instalacións do Polo Aeroespacial de Galicia tamén se vai instalar unha infraestrutura de telecomunicacións 5G
e outra de ciberseguridade. Están apoiadas pola Administración autonómica e fóronlle adxudicadas a Telefónica e GMW Aerospace & Defence”.

Segundo lembrou, a través da Compra Pública Innovadora, “a Xunta de Galicia xa incorporou o uso de vehículos aéreos non tripulados a servizos públicos como o control
monitorizado do territorio, de pragas forestais e da auga, cun orzamento de case 3 millóns de euros. Agora, o programa de solucións que se desenvolve no Polo Aeroespacial de Galicia traballa en poder empregar esta tecnoloxía na atención sanitaria urxente no Camiño de Santiago, a monitorización de zonas forestais para a prevención e extinción de incendios, e na inspección e vixilancia pesqueira”.

A Furgoteca

A FURGOTECA chega a Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio e Negueira de Muñiz

A furgoteca, o novo servizo de bibliotecas móbiles da Xunta de Galicia, que arrancou hai uns días chega esta semana a cinco concellos da provincia.

Mañá martes estará en Folgoso do Courel, onde percorrerá as parroquias de Baldomir, Vilamor e Froxán. O mércores estará en O Incio (Centro Sociocultural), o xoves
en Negueira de Muñiz (praza do Concello), o venres en Cervantes (Dumia, Santo Tomé e Vilasante) e o domingo en Baleira (O Cádavo, Fonteo e Pousada).
Todo o calendario cos lugares e paradas que se realizarán nas vindeiras semanas están dispoñibles xa na páxina web cultura.gal/furgoteca , nos lugares de información habituais do concello ou a través das redes sociais.

Na furgoteca pódense levar en préstamo exemplares de libros, películas, música ou xogos físicos e dixitais así como publicacións periódicas como revistas e xornais. Tamén se poden facer os trámites de expedición de carnés de usuario, formación nos sistemas de préstamos dixitais, así como distintas actividades de formación. Teñen conexión a internet, equipos informáticos portátiles e impresora.

As bibliotecas móbiles son atendidas por persoal cun perfil técnico especialista en ocio educativo e animación sociocultural.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com