Novas

Sobre a xestión do cemiterio municipal de Lugo

En Lugo tes que calcular cando morres e cantos días de vacacións che quedan, porque non é posible enterrar a un ser querido polas tardes, e se traballas pola mañá, vas ter que elixir entre faltar ao traballo ou ao enterro. Tampouco podes visitar as tumbas despois do mediodía, nin pasear polas tardes, por un cemiterio, que é referencia pola súa riqueza patrimonial e arquitectónica, porque pecha ás 14:30h.

Nunha entrevista á Concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, que concedía á Revista Funeraria, esta sacaba peito de que o cemiterio de Lugo estaba xestionado directamente polo Concello de Lugo, “a través de sus órganos y con medios propios”, subliñando tamén como problema de dito modelo, como “a burocracia e rixidez na tramitación, “patente, sobre todo en la gestión de personal, cuya dotación está sometida a complejos y lentos procesos”. A concelleira seguía defendendo a xestión do cemiterio por parte do Concello, “pretendemos una prestación óptima e integral del servicio público de cementerios donde se encuadra tanto la realización de los servicios solicitados de inhumación, exhumación, traslados, como el mantenimiento del recinto…”

Segundo estas declaracións, a Concellería do BNG defende a xestión pública do cemiterio, algo do que nos congratulamos desde Esquerda Unida, pois estamos fartas xa da externalización/privatización dos servizos públicos por parte deste Concello. O que resulta intolerable é que ese servizo público non funcione, funcione mal ou funcione a media xornada.

Agora reabriuse a controversia porque un dos poderes fácticos da cidade, o presidente da Federación Veciñal traslada a queixa, probablemente electoralista, que levamos facendo moitas veciñas desta cidade que tivemos que enterrar aos nosos mortos en “horario de mañá”.

Pero en vez de tentar solucionar o problema, contratando ao persoal preciso, o BNG enzárzase co PSOE nunha batalla máis deste goberno bipartito, ou mellor dito, destes dous gobernos que tratan, presuntamente, de gobernar a cidade. O BNG alega que no cemiterio hai tres prazas de traballadores vacantes, cuxa cobertura está solicitada á area de Persoal, da Concellaría de Paula Alvarello, do PSOE.

O PSOE, pola súa banda, contraataca alegando que “a xestión do cemiterio correspóndelle ao BNG” e propónlle que contrate este servizo a unha empresa, é dicir externalizandoa a súa xestión, xustifican, “mentres se tramita a creación de novas prazas.”

De todo isto poden extraerse varias conclusións: o PSOE e o BNG, xunto coa Federación Veciñal presidida por un señor que pide o voto para Lara Méndez, enrédanse nunha guerra na precampaña eterna á que nos teñen, tristemente acostumados, mentres a veciñanza de Lugo segue a sufrir a inacción deste/s goberno/s, ou a acción froito da improvisación, que son os dous estilos de exercicio de poder neste Concello de Lugo.

Por outra banda, cando resoa que a forma de solucionar un problema de falta de eficacia nun servizo público é externalizalo, podemos ir dando por feito que o futuro da xestión do cemiterio de San Froilán é a xestión por parte dunha empresa privada.

Así que, de momento, a solución ofrecida polo Concello de Lugo, por PSOE e BNG, é que o Concello contrate a unha empresa para os enterros, ou ben nos teremos que contratar o cortexo fúnebre para acompañar aos mortos.

Chus Rodríguez – Candidata á Alcaldía de Lugo por Esquerda Unida

Decálogo Elena Candia

Elena Candia presenta o seu decálogo de prioridades para gobernar Lugo

Elena Candia explicou que un dos eixos do seu decálogo son as medidas relacionadas co benestar. A candidata do PP dixo que “se é alcaldesa dará unha asistencia integral a persoas usuarias e coidadoras con centros de respiro, programa de apoio e centros de día” e explicou que “entre outros proxectos destaca a creación dun novos espazos de referencia para a atención especializada de persoas con alzheimer que se ubicará no antigo hospital de Calde”.

Antes da rolda de prensa a candidata do Partido Popular estivo visitando unha explotación gandeira en Argonde na parroquia de San Xoán do Campo e explicou que no seu proxecto “quere darlle o protagonismo que merecen ás 54 parroquias do concello de Lugo”.

A candidata tamén mantivo encontros con veciños en diferentes barrios: en Montirón lle trasladaron a necesidade de eliminar o requisito da cita previa e no barrio da Estación á veciñanza manifestou a súa decepción pola falta de impulso e de prazos para a chegada do AVE.

Candia recalcou a necesidade “de abrir o auditorio e ofrecer neste espazo unha programación con contido diverso que combine o talento local con proxección co talento que veña de fóra”.

A candidata do PP tamén visitou a nave dunha empresa de distribución do polígono do CEAO, un sector que sufre os problemas de aparcamento e cos que a candidata falou “do seu proxecto para crear máis prazas de aparcamento”.

Os Codex Cinema estrean o venres o filme “TÁR” que conta con seis nominacións aos Premios Oscar

Con seis nominacións aos Oscar, incluído Mellor Película, Mellor Dirección e Mellor Guión Orixinal chega aos Codex Cinema o filme TÁR cunha Cate Blanchett colosal para un filme brillante, intelixente, hipnótico e preciso. A partir do venres 10 con dous pases cada día.

O filme narra a vida de Lydia Tár semella un soño feito realidade en todos os sentidos. É unha das directoras de orquestra máis famosas e vangardistas. Por iso, dirixe a orquestra sinfónica alemá mentres espera o lanzamento do seu novo libro. Cando comeza a preparar o seu próximo concerto da coñecida Sinfonía nº.5 de Gustav Mahler,a súa vida comeza a desmoronarse en moi poucas semanas sen que ela poida facer nada para evitalo. A película Tár mergúllase nos mecanismos do poder e o seu impacto na sociedade actual.

OURO PURO, a película de Fatih Akin sobre o rapeiro Xatar, rodada con mestría e que narra a sorprendente vida de Xatar, cuxo nome real é Giwar Hajabi, Giwar, de orixe iraní pero afincado e criado en Alemaña que tivo unha  infancia e adolescencia moi particular que Fatih Akin recorre con gran pulso e interese.

O filme narra o camiño do rapeiro Xatar dende o gueto ata chegar ó cumio das listas musicais, vivindo polo camiño unha dramática historia de aventuras. Dende o inferno dunha cárcere iraquí, chegou a Alemaña de rapaz coa súa familia a mediados dos anos 80. Aínda que chegou ó máis baixo, gozou dalgunhas oportunidades e foi aprendendo dos seus moitos tropezos. En pouco tempo pasou de ser un delincuente a un gran narcotraficante. Tras a desaparición dun importante cargamento, decide saldar as súas débedas planeando un lendario atraco de ouro.

Asemade os Codex Cinema tamén estrean esta semana RABIYE KURNAZ CONTRA GEORGE W. BUSH, película dirixida por Andreas Dresen que busca render unha homenaxe ao carácter valente e amable da súa protagonista cunha forza interior fascinante.

A protagonista deste filme, Rabiye Kurnaz, é unha entregada e cariñosa ama de casa e nai de Bremen. A súa vida nos EEUU é tranquila ata que deteñen ó seu fillo e o levan a Guantánamo. Rabiye Kurnaz desesperada acode á policía e ás autoridades para denunciar o seu caso, pero ninguén lle fará caso. Comezará así unha longa batalla para a liberación do seu fillo que a levará á Corte Suprema dos EEUU en Washington. Terá como maior aliado ao avogado de dereitos humanos Bernhard Docke na súa loita por recuperar ao seu fillo.

 

 

O Concello busca o apoio da Xunta para a rehabilitación do cuartel de San Fernando

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, buscará o apoio do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para a rehabilitación do Cuartel de San Fernando como Museo da Romanización, a través da nova liña de axudas que impulsará o Ministerio de Turismo. Así, a rexedora anunciou, durante a visita a Lugo da secretaria de Estado de Turismo, Rosa Ana Morillo Rodríguez, que “o Concello concorrerá a esta nova liña de financiamento para a rehabilitación de edificios declarados BIC (Ben de Interese Cultural), co obxectivo de acondicionar o antigo cuartel de San Fernando como epicentro da cultura romana do Noroeste Peninsular”.

Durante a reunión que mantiveron na Casa Consistorial, Lara Méndez e Rosana Morillo, abordaron a declaración do Arde Lvcvs como Festa de Interese Turístico Internacional. O Concello aprobou no Pleno de novembro a solicitude deste distintivo, tras concorrer xa cinco anos da súa declaración como Festa de Interese Nacional, e remitiuna ao departamento de Industria, Comercio e Turismo. Neste senso, Morillo informou que “xa houbo avances na tramitación e en breves se realizará a resolución por parte do Ministerio”.

Por outra banda, a rexedora lucense presentoulle o Plan de Turismo Sostible baseado na enogastronomía. “Baixo o lema …Et edendo, Lucus: Un recorrido histórico pola enogastronomía, o obxectivo deste plan é converter a Lugo nun referente gastronómico e cultural atendendo ao forte compoñente histórico da cidade mediante a transformación do sector e a xeración de produtos e experiencias turísticas innovadoras”.

Entre as accións deste plan destaca a recuperación, con criterios de máxima eficiencia enerxética, na ribeira do Miño da Fábrica da Luz para a creación dun centro de enogastronomía. 

 No encontro que tivo lugar no Concello tamén participaron a concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Abelleira; o delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, e a subdelegada, Isabel Rodríguez.

Concello de Ribadeo e Torre

O TSXG rexeita a indemnización reclamada ao Concello de Ribadeo polo establecemento hostaleiro da Illa Pancha

A sección segunda da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou o recurso interposto por Eirobra, titular da concesión para a explotación do establecemento hostaleiro do faro de Illa Pancha, en Ribadeo, no que reclamaba 138.888 euros ao concello como indemnización polos danos e prexuízos que asegura que lle foron ocasionados polas resolucións da entidade local que, desde o día 5 de maio ata o 11 de decembro de 2017, lle denegaron a autorización para exercer a actividade empresarial. A Sala tamén declarou procedentes as resolucións en base ás cales se impuxo “o respecto ao acceso á illa”. Ademais, o TSXG salienta que non se apreciou irregularidade, pero “si un inicio da actividade cando non procedía”.

“Por consecuencia, non se evidencia a existencia duns prexuízos que teñan que ser resarcidos pola administración á vista da corrección xurídica da súa actuación, e de existir danos tan só serían imputables á apelante como consecuencia da improcedencia da apertura do establecemento”, indica o alto tribunal galego na sentenza, na que destaca que non se evidencia “a existencia dun funcionamento anormal da Administración municipal”.

O tribunal explica que o fundamento da reclamación se atopa “no tempo en que a empresa se viu obrigada a pechar as instalacións como consecuencia da imposición de condicións engadidas á licenza, a ineficacia de dúas comunicacións previas presentadas, así como do consecuente precinto por incumprimento da correspondente orde”.

Os maxistrados sinalan que se inicia a actividade “sen esperar ao transcurso dos quince días establecidos na lei, poñéndose ademais de manifesto a existencia de deficiencias que habían de ser emendadas no sentido indicado no informe do arquitecto municipal -conexión ao servizo municipal de auga, autorizacións sectoriais da fosa séptica, acreditación das condicións impostas na concesión da Autoridade Portuaria e prolongación da varanda conforme ás normas do Código Técnico de Edificación por razóns de seguridade para o público”. Dentro dese prazo de quince días, segundo afirman no fallo, “podía ser requirida para levar a cabo as necesarias correccións, coa correspondente visita de inspección a fin de verificar o seu cumprimento”.

En relación á obriga de permitir o acceso público á illa, recalca que “só unha vez que leva a efecto -ese requirimento-, se emite o informe favorable en base ao cal se pode considerar que pode comezar a actividade”. O TSXG, ademais, lembra que xa ditou unha sentenza o 28 de marzo de 2022 na que obrigaba á empresa hostaleira a obedecer ao concello no seu requirimento de manter aberta unha porta de acceso á ponte da Illa Pancha para o uso público.

Abre o prazo para solicitar as axudas do programa Galicia Renova Electrodomésticos

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, anunciou hoxe a apertura de prazo para solicitar as axudas do programa Galicia Renova Electrodomésticos.
Con este motivo, Conde visitou en Monforte de Lemos Electrodomésticos Domínguez, un dos 419 establecementos que xa están adheridos a esta convocatoria -76 da provincia de Lugo- que permanecerá aberta ata que se esgote o crédito, sendo a data límite o 30 de setembro.

Tal e como explicou, “o programa de axudas ten un dobre obxectivo: contribuír a que 20.000 familias galegas poidan adquirir electrodomésticos máis eficientes e reducir a factura eléctrica dos fogares, así como dinamizar as vendas no comercio de proximidade”.
Neste sentido, os comercios interesados poden adherirse ata o 30 de xuño.

Os apoios están dirixidos a persoas que residan en vivendas localizadas en Galicia e queiran renovar os seus equipos por outros da mesma tipoloxía e coa seguinte cualificación enerxética: frigorífico ou frigorífico conxelador A, B, C ou D; conxelador A, B, C ou D; lavadora A, B ou C; lavalouza A, B ou C; ou encimera de indución total.

As axudas son de concorrencia non competitiva -por orde de solicitude- e tramitadas a través de entidades colaboradoras. Os apoios poderán acadar o 25% do prezo do electrodoméstico para un consumidor xeral e do 50 ou 75% para os consumidores con máis dificultades, polo que, segundo a tipoloxía de electrodoméstico e o consumidor, as axudas irán desde os 100 aos 450 euros. Cada beneficiario só poderá recibir unha axuda para cada unha das tipoloxías cun máximo de tres electrodomésticos por beneficiario.

 

Lugo Monumental convoca IX Premio Lugo Monumental de Animación de Rúa

Lugo Monumental convoca no día de hoxe o IX Premio Lugo Monumental de Animación de Rúa, que terá lugar entre os días 17 e 21 de febreiro coa colaboración dos locais do centro histórico.

Tal e como recollen as bases publicadas hoxe, entenderase como “animación” calquera actividade que as agrupacións participantes consideren oportuna (música, teatro, monicreques, monólogos, maxia, xogos infantís…) e que contribúa a crear diversión e ambiente rueiro no centro histórico de Lugo. Poderanse ter en conta as mellores cancións, disfraces ou presentacións, pero o que máis pesará será a animación creada nas rúas do centro.

Para optar ao premio os participantes deberán enviar un correo electrónico ao enderezo asociacion@lugomonumental.es ou unha mensaxe de Whatsapp ao número 644 637 444 cos seguintes datos:

Nome do grupo

Número aproximado de participantes

Descrición da animación

Nome dunha persoa de contacto, teléfono e enderezo electrónico

O prazo de inscrición abrirase no momento da publicación destas bases e finalizará o día 16 de febreiro ás 23:59 horas.

Cada agrupación designará a un representante, que será o único interlocutor válido coa Organización para todos os efectos. En caso de resultar premiada, a agrupación faculta expresamente ao representante para recoller o premio obtido.

Premios

  • 1º Premio: 12 vales de 50€ por un importe total de 600,00 euros
  • 2º Premio: 6 vales de 50 € por un importe total de 300,00 euros
  • 3º Premio: 2 vales de 50 € por un importe total de 100,00 euros

Os premios entregaranse en vales de 50,00 euros trocables nas empresas asociadas a Lugo Monumental.

Os locais participantes son os que emitirán os seus votos, polo que é importante que os grupos se centren en animar as zonas onde se sitúan os 28 xuíces. Entregaráselles unha listaxe de locais con dereito a voto, que figuran nas bases da convocatoria, e haberá un mapa de Google coas localizacións.

Arde por completo un alpendre en Friol

Os servizos de emerxencia acudiron ao lugar da Torre da luz para extinguir un incendio que se declarou nun alpendre no que había leña acumulada.

Segundo indicaron os Bombeiros de Vilalba ao 112 Galicia, ardeu a construción por completo, sen que se rexistrasen danos persoais.

Arestora, os equipos de extinción continúan no lugar dos feitos co fin de eliminar os cascallos.

O 112 Galicia recibiu a alerta do incendio ao fío das 09:00 horas desta mañá, a través dunha persoa particular.

A partir de aí, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, do GES de Friol-Palas, dos Bombeiros de Vilalba, da Garda Civil, da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Friol e do persoal do Concello.

Comunicado de Si, hai saída polo crime machista de Baiona

A Asociación Si, hai saída condena o crime machista de Baiona e volve a incidir sobre a sensación de impunidade dos potenciais feminicidas.

Desde a Asociación Si, hai saída queremos expresar, como non podería ser menos, a nosa mais rotunda condena ante este novo e brutal feminicidio, o oitavo no que vai de ano, que segou, en Baiona, a vida de Beatriz Lijó, asasinada, presuntamente, a mans da súa ex parella.

Así mesmo, non podemos nin queremos deixar de incidir na incesante escalada de violencia machista que se está a producir desde hai xa moito tempo, por mais que se tente vendernos o contrario, e que, non nos cansaremos de repetir, está estreitamente relacionada coa sensación de case total impunidade dos agresores, dos potenciais feminicidas, aos que maltratar e asasinar mulleres lles sae case de balde ou con condenas que, en moitos casos, en demasiados, por desgraza, poderíamos cualificar case de ridículas.

De nada serven as pretendidas xustificacións co socorrido “non existían denuncias previas”, xa que, lamentablemente, son cada vez mais numerosos os casos nos que si existían, mais unha deficiente valoración do risco e unha mais deficiente aínda protección da vítima, cando non a total ausencia desta, favorecen que o seu agresor teña practicamente patente de corso para matar.

Como tampouco de nada serven todos os minutos de silencio, nin cantas concentracións se leven a cabo, se non se acometen medidas drásticas dende a raíz do problema.

É de puro sentido común que ningún maltratador que estea pensando en matar vaia deixar de facelo por moitos minutos de silencio ou manifestacións de repulsa que se leven a cabo, e que o único que podería disuadilos sería o temor as consecuencias mais rigorosas, algo aplicable igualmente a cantos, tendo a obriga de facelo, non protexen as vítimas do xeito que deberan.

Certamente, loitar contra a violencia de xénero é unha tarefa educacional, pero non o é menos que, desgraciadamente, non imos erradicar séculos de machismo da noite para a mañá, e, namentres, cumpre tentar aplicar medidas o mais eficaces posibles, que a palíen todo oposible, revisando e reformando un sistema que claramente non funciona, deixando de obviar aqueles eidos e actores nos que radica gran parte da responsabilidade, como radica, por suposto, en toda a sociedade, que, queiramos ou non asumilo, está a normalizala cada vez mais.

Así mesmo, non podemos pasar por alto a instrumentalización e a utilización como ferramenta política que se está a facer da violencia de xénero, na que sobran pretendidos e pretendidas especialistas, pero, e lamentamos ter que dicilo, pouca implicación real e demasiada “xestión de despacho”, como tampouco se pode obviar o mais que lucrativo negocio que para algúns e algunhas está a supoñer esta letal lacra, o que non deixa de ser un xeito mais de maltratar.

Loitar contra a violencia de xénero, é, non o esquezamos, unha tarefa de todos e todas nos que, a vista está, non se está a levar a cabo dun xeito eficaz.

 

Asociación Si, hai saída.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com