Concello de Ribadeo e Torre

O TSXG rexeita a indemnización reclamada ao Concello de Ribadeo polo establecemento hostaleiro da Illa Pancha

A sección segunda da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou o recurso interposto por Eirobra, titular da concesión para a explotación do establecemento hostaleiro do faro de Illa Pancha, en Ribadeo, no que reclamaba 138.888 euros ao concello como indemnización polos danos e prexuízos que asegura que lle foron ocasionados polas resolucións da entidade local que, desde o día 5 de maio ata o 11 de decembro de 2017, lle denegaron a autorización para exercer a actividade empresarial. A Sala tamén declarou procedentes as resolucións en base ás cales se impuxo “o respecto ao acceso á illa”. Ademais, o TSXG salienta que non se apreciou irregularidade, pero “si un inicio da actividade cando non procedía”.

“Por consecuencia, non se evidencia a existencia duns prexuízos que teñan que ser resarcidos pola administración á vista da corrección xurídica da súa actuación, e de existir danos tan só serían imputables á apelante como consecuencia da improcedencia da apertura do establecemento”, indica o alto tribunal galego na sentenza, na que destaca que non se evidencia “a existencia dun funcionamento anormal da Administración municipal”.

O tribunal explica que o fundamento da reclamación se atopa “no tempo en que a empresa se viu obrigada a pechar as instalacións como consecuencia da imposición de condicións engadidas á licenza, a ineficacia de dúas comunicacións previas presentadas, así como do consecuente precinto por incumprimento da correspondente orde”.

Os maxistrados sinalan que se inicia a actividade “sen esperar ao transcurso dos quince días establecidos na lei, poñéndose ademais de manifesto a existencia de deficiencias que habían de ser emendadas no sentido indicado no informe do arquitecto municipal -conexión ao servizo municipal de auga, autorizacións sectoriais da fosa séptica, acreditación das condicións impostas na concesión da Autoridade Portuaria e prolongación da varanda conforme ás normas do Código Técnico de Edificación por razóns de seguridade para o público”. Dentro dese prazo de quince días, segundo afirman no fallo, “podía ser requirida para levar a cabo as necesarias correccións, coa correspondente visita de inspección a fin de verificar o seu cumprimento”.

En relación á obriga de permitir o acceso público á illa, recalca que “só unha vez que leva a efecto -ese requirimento-, se emite o informe favorable en base ao cal se pode considerar que pode comezar a actividade”. O TSXG, ademais, lembra que xa ditou unha sentenza o 28 de marzo de 2022 na que obrigaba á empresa hostaleira a obedecer ao concello no seu requirimento de manter aberta unha porta de acceso á ponte da Illa Pancha para o uso público.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com