Novas

Acordo maioritario dos traballadores de Alcoa á proposta presentada pola multinacional

Acordo maioritario dos traballadores de Alcoa á proposta presentada pola multinacional para garantir o re-arraque da produción de aluminio. Con máis do 73% de votos do persoal de Alcoa aprobouse o novo acordo negociado coa empresa. 

Este novo acordo contempla entre outras cuestións o retraso no re-arranque completo da fábrica que estaba previsto para o ano 2024 ata outubro de 2025 a cambio dunhas melloras salariais.

No seu comunicado, Alcoa sinala que este acordo “portexe aos traballadores e aumenta as inversións na planta de aluminio”. Alcoa comprometese a non  iniciar ningún ERTE ou ERE ata decembro de 2026.

Pola súa banda a multinacional aporta un total de 191 millóns de dólares para inversións de capital e gastos no reinicio da actividade.

Corre con nos Corre con nos

Cortes de tráfico previstos con motivo da celebración da carreira nocturna do Corre con Nós

Dende a área de Xuventude e Deportes trasáladase información relativa aos cortes de tráfico previstos para mañá, sábado, e as vías afectadas pola celebración da carreira noctura do Corre con Nós.

Os horarios e vías afectadas serán os seguintes:

12:00 a 21:00 horas. Rúas afectadas pola montaxe da infraestrutura: Tramo Avda. Ramón Ferreiro anexo Praza Horta do Seminario con desvío de vehículos por Salvador de Madariaga

17:30 a 20:30 horas. Rúas afectadas polas carreiras de Menores: Avda. Ramón Ferreiro desde cruzamento Ángel López Pérez ata Pintor Corredoira (ambas as marxes).

17:30 a 20:30 horas. Rúas afectadas:

Avda. Rodríguez Mourelo (ambas as marxes)

Carril interior e carril anexo exterior Pza. Avilés.

Circulación aberta en todo momento desde Puro Cora e desde Avda Doutor Gracia Portela cara a Pintor Corredoira.

A organización dividirá os dous carrís que bordean a rotonda da Pza. De Avilés para que convivan corredores e vehículos en circulación.

Avda. Ramón Ferreiro ambas as marxes desde Ángel Lopez Pérez ata rotonda cruce Mariña Española (ambas as marxes).

O Castiñeiro conta cunha nova pista deportiva

O barrio do Castiñeiro conta cunha nova pista deportiva unha das máis populosas da capital.

A instalación, integrada nunha parcela municipal de 800 m² entre as rúas Juana la Loca e Ramón Piñeiro, dispón de céspede artificial – para facilitar o seu coidado e mantemento – e estará delimitada por un peche perimetral.

A rexedora, acompañada polos concelleiros de Medio Ambiente,e de Xuventude e Deporte, participou no acto inaugural que incluíu, alén dun partido de fútbol amistoso entre a rapazada do barrio e o equipo Lugo Sala, unha chocolatada e a visita de varios xogadores do CD Lugo.

A apertura da pista coincide na mesma semana na que tamén se anunciou a renovación integral das zonas infantís do Castiñeiro. Unha intervención coa que tamén se unificarán os diferentes espazos de lecer que se aglutinan nesta contorna contribuíndo, así, a favorecer a convivencia interxeracional. A obra, que suporá un investimento de 365.000 euros, contempla un parque de xogos con tirolina, rocódromo e elementos inclusivos para crianzas con espectro autista.

“Os fillos doutros” e “Teño soños eléctricos” a partir de mañá nos cines Codex

Codex Cinema estrea este venres os filmes “Os fillos doutros” e ” Teño soños eléctricos”.

“Os Fillos doutros” un filme francés da escritora e directora Rebecca Zlotowski. quen a partir da figura dunha muller de 40 anos, sen fillos e namorada, imprime un sutil retrato do desexo e a dificultade para concebir, nun mundo onde o entorno familiar e social está punzando nos sentimentos. O filme conta a historia de Rachel que ten 40 anos e ningún fillo. Ela ama a súa vida: os seus estudantes de secundaria, os seus amigos, os seus ex, as súas clases de guitarra… Ao namorarse de Ali, encaríñase con Leila, a súa filla de 4 anos. Ela arróupaa e ámaa como se fora dela, pero amar aos fillos doutras persoas é un risco que vale a pena correr.

A segunda estrea da semana é “Teño soños eléctricos”. Un drama dirixido pola costarricense Valentina Maurel e que gañou o Premio Horizontes á Mellor Película Latinoamericana no pasado Festival de San Sebastián. O filme é unha coprodución a tres bandas entre Costa Rica, Francia e Bélxica, narra a vida de Eva que non aguanta o feito de que a súa nai queira reformar a casa e desfacerse do gato, que, desorientado dende a separación dos seus pais, ouríñase en todos os lados. Quere marchar e vivir co seu pai que está a vivir unha segunda adolescencia. Eva ségueo mentres tenta reconectarse co seu desexo de converterse nunha artista e de volver a atopar o amor. Pero, como alguén que cruza un océano de adultos sen saber nadar, Eva tamén descubrirá a rabia que a devora e que herdou del sen sabelo.

 

 

Escrito á Fiscalía de “Si, hai saída” polo caso de Baleira

Desde a Asociación Si, hai saída fixemos chegar, no día de hoxe, un escrito a Fiscalía, no cal solicitamos unha investigación sobre a que entendemos é unha inxustificable e incomprensible paralización, concretamente desde o ano 2016, no proceso relativo ao caso de Baleira, no que unha menor sufriu reiteradas violacións desde que contaba tan so 7 anos, instadas pola súa propia irmá e executadas pola parella e o cuñado desta, e que, finalmente, se saldará con tan só 3 anos de prisión para cada un deles, e unha indemnización para a vítima despois de que esta aceptara chegar a un acordo.

Se ben hai uns días manifestábamos o noso total desacordo coas mobilizacións públicas convocadas por estes feitos, por considerar que, ademais de revitimizar a afectada están a vulnerar a súa intimidade, a súa tranquilidade, e o seu desexo de pasar páxina como demostra o feito de que aceptara un acordo, e non esquezamos que a vítima é sempre a que ten a última palabra, algo ao que ninguén ten dereito, así como tampouco a decidir por ela, atendendo tan so a vontade de quen convoca tales actos, algo no que nos reafirmamos, isto non quere dicir, baixo ningún concepto, que non condenemos rotundamente unha demora de tal calibre, para a que, entendemos, non existe xustificación algunha e que deixa en evidencia a desprotección na que se atopan as mulleres que son vítimas de calquera tipo de violencia, así como a consideración que se lle da a violencia machista, sendo considerado, a vista dos feitos, un delito secundario, algo que pode causar moito dano, non soamente no caso que nos ocupa, se non porque pode ser un elemento disuasorio para outras mulleres que estiveran pensando en denunciar ao seu agresor.

Non esquezamos, ademais, que hai dous menores, fillos da instigadora e dun dos autores materiais de tan brutais aldraxes que se estarán a ver gravemente afectados por todo o acontecido.

Por todo isto, solicitamos a Fiscalía unha investigación, e que se depuren responsabilidades, algo perfectamente compatible co respecto a intimidade da vítima.

Asociación Si, hai saida

 

Lugo contará con barredoras 100% eléctricas

Dende esta mesma semana e até mediados de febreiro, incorporanse ao servizo municipal de limpeza viaria un total de 6 varredoras e dúas baldeadoras 100% eléctricas e que, proximamente, o farán outras tres varredoras máis de gran envergadura para calzadas.

“Tratase de vehículos equipados ao máximo para a prestación do servizo”,  avances que o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, explicou polo miúdo. “No caso das varredoras, que poderán circular a unha velocidade máxima de 25 km/h, están dotadas coa mellor batería da súa clase o que redundará na súa operatividade e vida útil. Cunha carga de ata 1.200 kg de peso contan con dous cepillos de varrido frontal e unha tolva de aluminio con sistema de reciclado de auga mentres que as baldeadoras, que poden alcanzar os 40 km/hora, levan conexións hidráulicas dianteiras e traseiras, con acoplamentos para bomba de auga, fregadora, etc que mesmo permiten o seu funcionamento con cadeas de neve. Características técnicas, todas elas, que reverterán directamente na súa versatilidade e que aumentarán a eficacia das tarefas de aseo”, engadiu o edil.

EU denuncia o estado de abandono e inseguridade do aparcadoiro do campo de fútbol de As Gándaras

A candidata de Esquerda Unida á alcaldía ao Concello de Lugo, Chus Rodríguez visitou nestes días os arredores do campo de fútbol municipal de As Gándaras, logo de recibir múltiples queixas da veciñanza “sobre o estado lamentable no que se atopan os accesos ao campo e a zona que, a meirande parte de usuarios das instalacións e familias, empregan como aparcadoiro”. Fochancas, buratos, auga e barro, poboan a parte de atrás do campo, convertido nun lameiro onde é doado quedar atascado co vehículo.

Neste estadio municipal xogan e adestran moitos equipo da cidade, desde categorías infantís ata maiores e tamén xogan moitos equipos visitantes nas correspondentes ligas e competicións de fútbol.

A iluminación deficiente, os buratos do chan de tamaño considerable, xunto co encharcado e embarrado da rúa, amosan unha imaxe deplorable que contrasta co estado do terreo de xogo, que hai uns poucos anos se acondicionara con céspede artificial.

O pasado mes de novembro, ademais, caeu unha rama dunha árbore sobre un dos vehículos estacionados, sen que por fortuna neste caso, houbera danos persoais.

Chus Rodríguez indica que “para os usuarios e familias dos rapaces que aquí xogan e adestran, así como para os que veñen de fora a xogar e teñen que aparcar nos arredores do campo, resulta difícil non atascar o coche nas numerosas fochancas que hai no chan, ademais de resultar perigoso, pois poden producirse accidentes, dado o estado embarrado e, por zonas, anegado de auga”. Por outra banda, remarcou que, “se Lugo é unha cidade recoñecida pola súa aposta polo deporte infantil e xuvenil, a imaxe que ofrecemos cuns accesos e aparcadoiro para un estadio coma esta é deplorable, pois aseméllase máis a un campo de batalla, que a un campo de fútbol”.

A candidata de EU a Alcaldía de Lugo, exíxelle ao Concello de Lugo “a inmediata mellora e acondicionamento dos accesos e zona de aparcadoiro do campo municipal de fútbol de As Gándaras, así como unha iluminación e sinalizacións adecuadas, de cara a evitar accidentes”.

 

Eolicos

Ecoloxistas en Acción alerta dos graves impactos do parque eólico Picato

Segundo o informe técnico presentado por Ecoloxistas en Acción, “os 13 aeroxeradores a instalar provocarán a descontextualización do patrimonio cultural e un impacto visual e paisaxístico irreparable”. Neste senso, a afección para a vía histórico-cultural do Camiño de Santiago considérase “inasumible, xa que dende os 700 metros de altitude na que se pretenden situar as liñas de aeroxeradores a vista alcanzará non só ao Camiño Primitivo senón que chegará a observarse dende Lugo e a súa muralla romana, Patrimonio da Humanidade”.

Esta situación, prosigue o informe, “determina un dano irreparable para a a cidade, condicionando a visibilidade da súa contorna inmediata e deixando en papel mollado o estipulado no Convenio Europeo da Paisaxe (Florencia, 2000), que sinala que este desempeña un papel importante de interese xeral nos campos cultural, ecolóxico, ambiental e social, constituíndo ademais un recurso favorable para a actividade económica xa que a súa correcta protección e a dos seus valores e áreas de influencia pode contribuír á creación de emprego.

Afectación directa ao Camiño Primitivo

Segundo Ecoloxistas en Acción, cómpre tamén destacar que o Camiño Primitivo a Santiago transcorre a escasos metros ao norte dos aeroxeradores máis próximos (máquinas 1 á 9) e un amplo tramo atravesa a poligonal do parque eólico Picato.

Estamos a falar dunha das rutas do Camiño do Norte, a ruta de interior, a cal ten o máximo recoñecemento patrimonial ao estar incluída na lista de Patrimonio Mundial da Unesco dende o 2015, polo que segundo o punto 1 do artigo 75 incluido no Título VI da Lei 5/2016 do 4 de maio, de Patrimonio Cultural de Galicia ten a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC).

Ante isto resulta incomprensible que “debido a esta gravísima afección Naturgy, como empresa promotora, non aporte ningún estudo de expertos no Camiño de Santiago que de maneira imparcial acredite que o impacto deste proxecto enerxético non terá unha grave afectación sobre a Ruta Xacobea”.

Nesta liña Ecoloxistas en Acción Galiza considera imprescindible que “calquera decisión da Administración galega que impacte sobre o valor histórico e sobre o futuro do Camiño de Santiago sexa respaldada por especialistas de maneira profesional e independente”.

 

Carlos Portomeñe presenta o seu libro libro “La Matanza de Atocha y otros crímenes de Estado”

O vindeiro venres 3 de febreiro ás 19.30 horas e na librería Trama, Carlos Portomeñe, concelleiro de Esquerda Unida na pasada lexislatura, presentará o libro “La Matanza de Atocha y otros crímenes de Estado. Anatomía de la Transición”. Acompañando ao autor estará Joaquín Recio, editor e membro da Asociación Andaluza de Víctimas de la Transición.

O PP insiste na necesidade de renovar a rede de abastecemento de augas de O Ceao

O PP indica que urxe renovar a rede de augas do polígono de O Ceao,  “tras ver os problemas dos efectivos de emerxencias para sufocar as lapas pola falta de presión de auga na zona no incencio de O Ceao, algo que se certificou nos informes municipais sobre o incendio, o Concello de Lugo segue sen renovar os problemas de presión de auga do polígono”

Ante esta situación, Antonio Ameijide, amparándose nos informes municipais sobre o incendio, ven imprescindible proceder á renovación da rede de augas desta zona industrial xa que se especificou que “a presión de auga nas rúas onde tivo lugar o lume era unha cuarta parte da que había noutros puntos do polígono (de entre 0.6 e 0,8 kg/cm2), mentres que, por exemplo, na rúa dous Carpinteiros, á carón da ITV hai unha presión de 3,8 kg/cm2”. Para o popular “cómpre realizar esta renovación o máis axiña posible e pide ao goberno de Lara Méndez que deixe de ampararse na escusa que dan sempre para sortear este problema: que non existen queixas de industriais, que non é unha zona na que se produzan avarías pero que á hora da verdade quedou demostrado que urxe unha renovación da rede”.

Ameijide ve esta resposta de PSOE e BNG como “un intento de minimizar un problema grave que preocupa aos industriais da zona despois da situación vivida. Incluso, tanto Lara Méndez como Rubén Arroxo votaron, no pleno de febreiro do ano pasado, dunha iniciativa do PP na que solicitábamos renovar a rede de augas do Ceao coa finalidade de aumentar a presión e garantir o servizo de extinción de incendios”.

Dende o PP advirten que “no caso de que o goberno local precise aumentar directamente a presión de auga para actuar nun posible incendio na zona existe o risco, nunha porcentaxe moi elevada, de sufrir rebentóns ou roturas na rede xa que as tubarias son moi antigas, de fibrocemento, polo que moitas delas xa superaron con creces a súa vida útil”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com