Novas

Alar Galicia realizará en Lugo unhas xornadas para previr o suicidio

O director de Alar Galicia, Fernando González Truque, mantivo unha xuntanza co  delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, para comezar coa organización dunhas xornadas na sede do edificio administrativo da Xunta en Lugo.

Nas xornadas está previsto que participen especialistas do ámbito sanitario, xurídico e das forzas e corpos de seguridade. Estas xornadas divulgativas versarán sobre dous dos programas que desenvolve a entidade e que están financiados pola Consellería de Sanidade, orientados respectivamente a previr o suicidio e as condutas adictivas entre nenos e mozos.

O obxectivo é “sensibilizar sobre o impacto destas condutas entre a poboación nova e difundir as ferramentas das que a entidade po á disposición da pobación a nivel de toda Galicia para concienciar sobre estes problemas e previlos. Tamén para incentivar que se adhiran aqueles axentes cuxa intervención ten moita importancia neste ámbito, como os concellos a través dos traballadores sociais ou os propios centros educativos.

Un dos proxectos é o denominado Voitheia, que ten por obxecto reducir as taxas de suicidio entre poboación de 12 a 30 anos. Trata de dar cobertura a todas as áreas da vida dos afectados -ámbito familiar, escolar… – ofrecendo apoio e asesoramento gratuíto por parte de profesionais sanitarios e dun xeito totalmente confidencial. Unha das principais vantaxes é que permite prestar atención directa e inmediata aos afectados.

O outro programa, denominado Morpheo, está centrado en previr as condutas aditivas entre a xente moza. Tamén ofrece un servizo gratuíto con atención profesional en toda Galicia e pon o foco non só no abuso de substancias senón tamén das novas tecnoloxías. Así, ofrece estratexias para axudar aos nenos e adolescentes e ás familias a  regular o uso de recursos como internet, o móbil ou os videoxogos, entre outros aspectos.

Arias afirmou que este é un dos ámbitos nos que a Xunta colabora con Alar Galicia, que ten en marcha outras iniciativas co apoio de diferentes departamentos do Goberno galego como os programas de mediación social e intercultural, de coaching de menores  ou o de prevención da violencia de xénero.

Un home perde a vida ao caer dun balcón

Os axentes da Policía Nacional acudiron ao lugar dos feitos para tratar de aclarar as circunstancias deste suceso, que se produciu preto das once desta mañá.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, o señor caeu dun balcón na parroquia de Soñar e perdeu a vida.

Para atender á vítima ía xa en camiño unha dotación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, quen recibiu o aviso en primeira instancia.

Co fin de aclarar que puido causar a caída, tamén se desprazou unha patrulla da Policía Nacional.

Mato é Fuxan

Celebramos os 90 anos de Xesús Mato e os 50 do seu Fuxan os Ventos, presentando web e libro homenaxe en Paradela e Lugo. En Paradela rematamos con Xosé Lois Foxo tocando na gaita o “Alalá do Courel”, e en Lugo, con Xosé Luis Rivas-Mini cantando un anaco de “Fuxan os ventos”.

O que máis sona de Mato é “Fuxan”: autor de letra e música, creador e impulsor do grupo. Pero tamén promoveu vivendas para xente humilde e creou a Polifónica en Lalín… con el tivemos misas en galego na radio, Auxilia ou “Galicia canta ao Neno”; dirixiu o Orfeón Lucense e pasou 25 anos como crego da montaña. De paso, dirixiu centos de programas relixiosos na radio e asinou innumerables artigos na pensa escrita.

Con 90 anos recibe admirado o libro que percorre a súa peripecia vital, con 19 autores que o agariman, e un nutrido grupo de “matólogos” e “matófilos”, entendidos en Mato e admiradores do seu labor que lle renden homenaxe. E Mato soportou estoicamente loubanzas, apertas e sinatura de libros, afirmando que non fixo máis ca ser cura, e como cura tiña que atender ás almas dos feligreses pero tamén á súa vida, os seus problemas e as súas ledicias. Coida que a súa vida foi unha graza de Deus, e que se as cousas saen ben é porque Deus considera que son cousas boas.

Afirma que os anos o retiran do mundo activo, que as homenaxes que lle facemos son un exceso… e os amigos chegamos a un acordo con el, que está cumprindo escrupulosamente: déixanos facer, sabendo que ten que “deixarse querer”. Os que coñecemos a Mato, querémolo. Adolfo de Abel ten mencionado “Aquel cura que todos chamabamos Padre”. Para moitos, Mato o de Fuxan, é coma un pai.

Cementos Cosmos. Na sala de xuntas da Consellería, 4º andar foto xoán crespo 28/02/17

Aberto o prazo para o deseño do cartaz do Día Internacional da Muller

O obxecto do concurso é fomentar a promoción da igualdade dentro dos centros educativos galegos, a través dunha acción que visibilice a contribución das mulleres nos distintos ámbitos e promova a reflexión sobre os estereotipos de xénero que aínda existen na sociedade, as causas e a orixe da discriminación de xénero, así como o camiño que as mulleres tiveron que percorrer para ver recoñecidos os seus dereitos.

Establécense no certame tres categorías: a primeira, dirixida ao alumnado de infantil e aos cursos de primeiro, segundo, terceiro e cuarto de educación primaria; a segunda para o alumnado de quinto e sexto de educación primaria e de primeiro e segundo da ESO e de educación especial; e a terceira categoría para as alumnas e os alumnos de terceiro e cuarto da ESO e primeiro e segundo de bacharelato, de FP básica, de ciclos de grao medio e superior.

A imaxe gráfica que resulte gañadora poderá ser utilizada pola Xunta de Galicia na conmemoración do Día Internacional da Muller, así como para outras accións de sensibilización e promoción da Igualdade. As bases do concurso poden consultarse na seguinte ligazón: http://igualdade.xunta.gal/gl/actualidade/convocatoria-do-vi-concurso-de-carteis-do-8-de-marzo-de-2023-dia-internacional-da-muller.

Co fin de axilizar a recepción dos traballos, os centros deberán adiantar a proposta do traballo á Secretaría Xeral da Igualdade mediante o envío do cartel en formato PDF ou JPG e a información identificativa do anexo I (datos do alumnado e do centro educativo) ao seguinte enderezo electrónico: concurso8m.igualdade@xunta.gal. É preciso destacar que esta forma de envío non exime aos centros de entregar os traballos de acordo coas bases do concurso.

O certame está convocado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Quedará Lugo sen Rolda Leste?

Estamos en plena precampaña electoral e os partidos comezan a posicionarse nos asuntos máis diversos e entre eles, agromou estes días a tan agardada pola cidadanía, Rolda Leste. Quizais esteamos nos prolegómenos  dunha das polémicas sobre que pivotará a campaña electoral.   O PP acusa a Lara Méndez e Rubén Arroxo de non querer a Rolda Leste, unha infraestrutura moi agardada polos lucenses e que desconxestionará a estrada do Rato, un vial que non foi construído para soportar a densidade de tráfico que soporta diariamente.

O BNG ven de anunciar que convocará mobilizacións para que esta infraestrutura non se faga e a Alcaldesa de Lugo que vai enviar de novo o PXOM á Xunta. Mentres, o PP afirma que “o plan xa conta co informe favorable da Xunta”, polo que xa se pode aprobar.

Para os populares “é perigoso” que nos medios de comunicación amosen dúbidas e críticas pero, á hora da verdade, “non teñan a valentía suficiente para debater no pleno, que é o lugar no que hai que amosar claramente as opinións”. O BNG asegura que “iniciará unha campaña informativa sobre o proxecto da Rolda Leste”.   Os populares recordan que con anterioridade, “tanto PSOE como BNG uniran forzas para reclamar no pleno que a Xunta construíse a Rolda Leste”.

 

 

 

 

 

 

A Asociación Si, hai saída pide respecto para a intimidade da vítima de abusos sexuais de Baleira

Desde a Asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero, en relación co gravísimo casde reiterados abusos sexuais sufridos durante anos por unha nena, premeditados e cometidos dentro do seu eido familiar, e cuxas consecuencias todos coñecemos a través dos medios decomunicación, desexamos manifestar o seguinte: En primeiro lugar, e coma non podería ser menos, o noso rexeitamento e condena ante tan arrepiantes e crueis feitos e o todo o noso apoio e agarimo a vítima.

Así mesmo, non podemos deixar de expresar a nosa indignación ante a inexplicable e inxustificable demora deste proceso, paralizado desde o ano 2016, e en cuxos pormenores non imos a estendernos por ser estes coñecidos pola gran maioría a través, como dicíamos ao comezo, dos medios de comunicación, e porque alongaría demasiado a extensión deste comunicado.

Malia isto, non queremos deixar de alertar sobre un aspecto que se está a obviar, e que é, no noso xuízo, fundamental. Alguén se parou a pensar por un so momento, se todo este rebumbio mediático que se está a producir, manifestacións e concentracións incluídas, son o que a vítima desexa, ou, se, pola contra, prefire que se respecte a súa intimidade, o seu silencio, e se lle deixe continuar cunha vida que non é difícil imaxinar o doloroso e traumático que lle resultaría tentar refacela?

E que a ninguén se lle pasou pola cabeza que, probablemente, o último que desexe é que lle recorden unha e outra vez o inferno que viviu e que se lle está obrigando a revivir de novo?.

Bastante duro é xa facelo, se inevitablemente ten que ser así, por mor dos procedementos xudiciais, sen que se lle impoña tamén a través de accións que outros e outras decidiron por ela, alegando un apoio que mais ben é un castigo para a súa estabilidade emocional.

Non coñecemos a esta rapaza, e non sabemos, porén, o que pensa, pero o que si sabemos é como se senten as mulleres que pasan por este tipo de situacións tan abominables, e canto desexan tentar esquecer, pasar páxina e seguir coa súa vida con toda a discreción posible.

De feito, se ela mesma accedeu a chegar a un acordo, por algo será, e non esquezamos que estamos a falar dunha muller, na actualidade maior de idade, que toma as súas propias decisións.

Por outra banda, semella que ninguén está a ter en conta outro feito vital, como son os dous fillos menores da indutora de tan noxento delito e dun dos executores materiais.

Obviamente, eles non teñen a culpa de nada, pero, inevitablemente, serán, ou xa estarán a ser, dúas vítimas mais, aos que, por mais que se diga o contrario, sinalarán, non sendo este tipo deactos de ningunha axuda para eles, se non mais ben todo o contrario.

Hai moitos xeitos de expresar a indignación, de reclamar xustiza, e de facelo con contundencia, ademais, pero con discreción.

Evidentemente, isto non vai acompañado de lucimento público nin de sona mediática, pero se a finalidade é realmente pedir xustiza para a vítima, para todas as vítimas, isto non debería de importar.

A pregunta é, importa?. Que cada quen saque as súas conclusións.

Antón Baamonde en Lugo para presentar “Unha nova Olanda”

O vindeiro  venres no Vello Cárcere ás 19 horas, o pensador vilalbés Antón Baamonde presentará o seu último libro “Unha nova Olanda”, que trata sobre o papel que debería protagonizar Eurorexión Galiza-Norte de Portugal no concerto global.

Segundo Xosé Carlos Morell o libro é “un rigoroso ensaio de xeografía humana, que polo seu interese xeral, terá axiña versión internacional, posto que trata un feito que o nacionalismo galego tradicionalmente desconsidera. Galicia é policéntrica: está integrada por cidades cada unha cunha identidade. Mais non só: no seu espazo natural, formado por 6,5 millóns de habitantes, unha vez que a UE disolveu as fronteiras políticas, imponse a xeografía, a física e a humana: unha unidade de mercado con continuidades culturais e sociais”

Controversia entre nacionalistas e Xunta  pola Rolda Leste

Responsables de ADEGA reuníronse con concelleiros nacionalistas para estudar o trazado da Rolda Norte e o seu impacto ambiental e paisaxístico. A organización ecoloxista solicitou tamén xuntanzas cos demais grupos políticos representados no concello de Lugo e tamén co Delegado da Xunta en Lugo.

Ao remate da reunión o voceiro nacionalista opinaba que  “a obra de creación da Rolda Leste suporá un impacto ecolóxico importante, sobre todo nas carballeiras do río Rato que forman parte do cinto verde da cidade”.

Os nacionalistas sosteñen que “é o momento de abrir un debate sobre a súa necesidade e de concretar se esa é a forma correcta para abordar a construción de determinados tramos do vial”.

“A Xunta optimizou o trazado da Rolda Leste”

Pola súa banda o  delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, insistiu hoxe en que “a configuración do trazado da Rolda Leste optimizouse na procura do menor impacto ambiental e paisaxístico. Ademais lembrou que o trazado está recollido no PXOM como reserva viaria, ao tempo que explica que o proxecto está supervisándose para a súa aprobación provisional e sometelo a información pública, fase na que se solicitarán os informes preceptivos”.

Arias Fouz fixo fincapé na “redución significativa do posible impacto ambiental e visual dunha infraestrutura vital para a cidade de Lugo, na que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investirá un total de 19,6 millóns de euros, incluíndo o pagamento das expropiacións”.

En conclusión, explica Javier Arias, “estudouse a fondo o proxecto para optimizalo e facelo cun menor impacto paisaxístico e ambiental, polo que a proposta entregada responde a estas premisas”.

Hai que lembrar que se trata dunha estrada de 2,8 km desde a glorieta da LU-530, continuando a fase xa executada e cunha sección de dous carrís por sentido.

 

 

 

Ecoloxistas en Acción acudirán a protesta diante do Congreso

Ecoloxistas en Acción Galiza considera inaceptable a medida, que pon por diante do interese xeral da poboación as contas de resultados das grandes empresas do sector enerxético, aumentando o seu marxe de manobra a costa da desfeita territorial.

Neste senso, a meirande parte dos grupos locais galegos de Ecoloxistas en Acción (Ártabra, Barbanza, Coruña Centro, Costa da Morte, A Mariña, Lugo, Sarria-Monforte, Terra Chá, Galego Trasmontano e Galicia Centro) teñen unha posición definida e contraria sobre a instalación de macroproxectos renovables que se están a levar a cabo en moitos territorios peninsulares porque poden provocar un dano irreparable coa súa implantación forzosa a nivel terrestre ou mariño.

Non se entende que as autoridades, como representantes públicos da cidadanía, afasten o seu comportamento de todo aquelo que aporta un ben a sociedade, todo o que lle reporta beneficios ecosistémicos, como a biodiversidade, as paisaxes os acuíferos ou o medio mariño. Sen embargo, parecen ir en dirección contraria lexislando a prol das multinacionais promotoras deste tipo de proxectos.

“Un golpe de estado ambiental no Congreso”

Ecoloxista en Acción cualifican este Real Decreto como “Un golpe de estado ambiental no Congreso”, xa que hoxe marte 24 de xaneiro, en sesión extraordinaria, o Congreso dos Deputados “convalidará o Real Decreto Ley 20/2022, con dous artigos (os 22 e 23) que permite que proxectos de renovables a gran escala -de máis de 50 MW- non estean suxeitos a ningún tipo de avaliación ambiental e podan ser aprobados por silencio administrativo, algo que só favorece ás grandes empresas promotoras ao tempo que anula á cidadanía, promove a despoboación e pon en risco a conservación da biodiversidade”.

Máis de 440 entidades de  todas as comunidades autónomas, vinculadas aos territorios afectados, entre as que se encontran grupos sociais e ecoloxistas e mesmo concellos veñen de amosar o seu rexeitamento cidadán nun documento conxunto publicado en macrorenovablesno.org, un movemento que loita pola xustiza climática e apoia unha transición ás renovables baseada no autoconsumo, a eficiencia enerxética, a priorización de zonas antropizadas para a instalación de proxectos e as comunidades enerxéticas dentro dun modelo distribuído e xusto.

Neste senso, Ecoloxistas en Acción, que a nivel maioritario oponse en Galicia á instalación sen control de megaparques eólicos terrestres e mariños polos seus moitos impactos negativos, considera que “o RDL 20/2022 non se axusta ás normativas europeas, vulnerando o Convenio de Aarhus de participación cidadá e mesmo chegando a privar ás entidades ambientais da posibilidade de coñecer os expedientes en tramitación e formular alegacións, algo contrario a regulamentación europea 2022/2577, que precisamente establece a necesidade previa dun proceso de zonificación e a realización dunha avaliación ambiental estratéxica, condicións que de maneira irregular veñen de ser obviadas no texto legal hoxe sometido a debate”.

 

 

 

Catorce mozas contratadas por medio do programa Talento 30

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana,acompañada polo delegado da Xunta en Lugo Javier Arias o portavoz do PP no concello e a cadidata a alcaldía Elena Candia, puxo en valor hoxe en Lugo o programa de axudas da Xunta Talento 30 para impulsar en Galicia o emprego xuvenil. Nunha visita a empresa lucense   Arenal Perfumerías, beneficiaria desta iniciativa con 14 mozas e mozos contratados cos apoios autonómicos, sinalou que o Goberno galego ten como prioridade incrementar as oportunidades laborais da mocidade de Galicia.  O Plan conta cun investimento de 12,2 millóns de euros para mellorar a empregabilidade dos máis novos. É un programa mixto que, ademais de apoiar a contratación, ofrece formación en competencias brandas, demandas polo mercado laboral actual. A iniciativa, ademais, conta con dúas liñas de axudas: Talento 30 en prácticas para aquelas persoas con titulación e Talento 30 formación en alternancia para aquelas que carecen de cualificación profesional.

En palabras de Lorenzana, con Talento 30 búscase reter o talento das novas xeracións e afianzar o futuro de Galicia “para facer da nosa comunidade autónoma unha terra de oportunidades para as nosas mozas e mozos”, rematou.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com