Novas

Santiago Rodríguez e e Pepe Pol Premios de Xornalismo en Begonte

Santiago Rodríguez López, biólogo lucense, profesor da Universidade de Bristol U.K., ven de gañar o primeiro premio do XLVII Certame de Xornalismo sobre o Nadal, convocado polo Centro cultural “José Domínguez Guizán” de Begonte, co seu artigo “Caladas mensaxes gorecidas no Belén de Begonte”, publicado en Galicia Digital (www.galiciadigital.com), dotado con 600€ e estatuíña de Sargadelos.

O segundo premio, dotado con 300€ e estatuíña, concedeuse a “As zocas da espiritualidade en Begonte están”, do profesor e escritor Pepe Pol, de Montefurado-Quiroga.

O Xurado estivo formado por Javier Arias Fouz, Delegado Territorial da Xunta de Galicia; José Ulla Rocha, Alcalde de Begonte; Jesús Domínguez Guizán, Presidente do Centro cultural convocante; Blanca Pacín Somoza, Bibliotecaria, e José Rodríguez Gómez, secretario do Centro Cultural.

Os premios serán entregados o próximo sábado, 28 de xaneiro, ás 17,00, h., no de curso dos actos de clausura do Cincuentenario do Belén de Begonte, no salón de actos do Centro cultural, impulsor do Belén.

 

María Xesús López candidata á alcaldía de Samos

A actual portavoz e concelleira do Bloque Nacionalista Galego en Samos, María Xesús López (Chus), foi eleixida por unanimidade pola asemblea local da organización como candidata para ás vindeiras eleccións municipais de maio.

López subliñou,“saímos a gañar para acadar un Samos mellor, nestes anos traballamos en positivo coa presentación de  iniciativas para mellorar a calidade de vida da veciñanza de Samos, mais agora é o momento de continuar con ese traballo desde a Alcaldía e desenvolver un proxecto de futuro para Samos”

A candidata destacou “estamos confeccionando unha candidatura baseada na experiencia, mais con novas incorporacións, para que desde o minuto un  poñamos en marcha un proxecto sólido e rigoroso para sacar o mellor de nós, de todo Samos, un proxecto que ilusione e afiance vida aquí”

Para rematar afirmou “saímos para transformar e acadar o maior benestar á veciñanza de Samos, estamos convencidos de que é o momento de darlle un cambio á política deste concello con firmeza, e o BNG é a única forza capaz de facelo posíbel”

 

 

Reunión da Subdelegada do Goberno co Sindicato Unificado de Policía

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, recibiu hoxe ao secretario xeneral de Galicia do Sindicato Unificado de Policía (SUP), Roberto González; quen estivo acompañado polo secretario provincial, Alfonso Darriba, para tratar as principais demandas desta organización policial.

Durante a reunión, os representantes do SUP trasladáronlle á subdelegada as propostas e reivindicacións máis importantes en materia laboral e profesional deste sindicato para o Corpo Nacional de Policía na provincia de Lugo.

Isabel Rodríguez agradeceu aos representantes da organización a súa vontade de manter unha comunicación fluída co Goberno e sinalou que no 2023 “chegarase ao número máximo de axentes da historia da comunidade, coa nova oferta de emprego público”

Por último, a subdelegada lembrou que a provincia de Lugo e Galicia son “territorios seguros, cunha taxa de criminalidade moi por debaixo da media estatal, grazas á eficacia na resposta da Policía”.

 

 

 

Sen eles, fai máis frío

Cada día, cada pobo perde algún dos seus habitantes; perda vital a escala persoal e familiar á que o colectivo non reacciona, aínda que deixa un oco que ninguén pode encher. Pero hai desaparicións que fan tremer ao colectivo, porque son exemplos nos que mirarnos. E Lugo ven de sufrir dúas perdas que afectan á parte máis sensible da cidade nas persoas de Jesús e Arcadio, Jesús-Quico de Sargadelos, activista cultural, e Arcadio Silvosa, xornalista; dúas persoas imprescindibles.

Jesús de Sargadelos, 94 anos, era unha institución cultural e convertíu a súa Galería nunha ágora, casa común, convocando e albergando vida. Arcadio Silvosa, trinta anos menos, era un referente nos medios de comunicación, e mesmo na política, aínda que só lle puido dedicar a esta noble arte un tempo breve. Tiña devoción polo deporte, pola amizade, polo humor, pola cidade e pola xente.

Despedímolos agora, aínda que a esquiva saúde nos últimos tempos impediulles actividades e presencias públicas. E cando xa non están, debemos ter presente o ben público que fixeron, e lamentar a súa ausencia cun algo de egoísmo por sernos necesarios individual e colectivamente.

Jesús e Arcadio foron exemplo de lucenses necesarios para que a cidade respire polos poros da cultura, da verdade, do entusiasmo, das cousas que merecen a pena. Que hai máis, que poden vir máis, pero non sobra ninguén. E estes son irreemplazables.

Que a terra lles sexa leve; que sexan felices no lugar de destino. Quedamos un pouco orfos sen eles. E acudo ás palabras con que Jesús pechaba os actos en Sargadelos: “Abríguense ao saír, que xa fai frío”. Sen Jesus e Arcadio, fai máis frío en Lugo.

O xeodestino Ancares-Terras de Burón, “un territorio vivo e con moito futuro”

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, animou hoxe en Fitur a “desfrutar do mellor da Galicia interior no xeodestino Ancares-Terras de Burón, un territorio vivo e con moito futuro”.

Arias interviu na presentación da campaña Ecoturismo na Montaña de Lugo, centrada neste xeodestino, que organizou no expositor de Galicia o GDR Montes e Vales Orientais. “A natureza e a paisaxe abandeiran a oferta turística desta zona, con grande potencialpara crecer como un referente do ecoturismo de calidade, sostible e responsable co coidado do inmenso patrimonio natural e cultural que atesoura”, apuntou.

Arias puxo en valor a importancia dos xeodestinos como símbolos da unión entre concellos para potenciar o turismo, un labor no que contan co impulso da Xunta, que achegou 30.000 euros ao GDR Montes e Vales Orientais a través dun convenio de colaboración para desenvolver produtos e accións promocionais arredor deste destino.

“O Goberno galego aposta por todas aquelas iniciativas que contribúen a enxalzar os valores diferenciais deste singular territorio”, incidiu Arias. No caso do convenio coa asociación de desenvolvemento rural, o financiamento vai destinado á creación e consolidación de produtos e experiencias turísticas como a de Cociña dos Ancares-Terras de Burón ou a rede de Micropaisaxes.

Segundo estudo sobre o prezo dos aparcadoiros feito por Lugo Monumental

Nesta ocasión Lugo Monumental  estúda os prezos dos aparcadoiros públicos, propiedade do Concello de Lugo e os privados.

Aparcar no estacionamento municipal é máis caro da zona na primeira hora e está entre os máis caros nas seguintes, con estreitas marxes cos máis custosos pero grandes diferenzas cos máis baratos.

Entre 2011 e 2021 os aparcadoiros públicos subiron 12 céntimos. Só en 2022 subiron 29 céntimos, case o triplo que na década anterior xunta. O pasado día 10 de xaneiro, e tras a publicación das elevadas tarifas aprobadas polo Goberno Local para os aparcamentos subterráneos públicos no BOP do 28 de decembro de 2022, a Asociación Lugo Monumental realizou un estudo que demostraba que a cidade sufría os prezos máis caros de Galicia no relativo a aparcamentos céntricos. O devandito aumento supón unha nova rémora para o centro histórico da cidade, que ve como se van reducindo as posibilidades de aparcadoiro en superficie e encarécense as alternativas públicas. A airada reacción do Goberno Local, que acusou á Asociación de prexudicar á zona por publicitar este feito (cando só poñemos sobre a mesa unha realidade causada pola propia administración, que é a que prexudica á zona) e de mentir (usando para iso os termos “terxiversación” e “rumbo”), non foron rebatidos máis que con datos doutros aparcamentos, a maior parte deles privados, e situados noutras zonas que non eran comparables. Ese “contraestudio” do Goberno inspirou a esta Asociación para investigar as tarifas dos aparcamentos privados da contorna do centro histórico, datos que recolle o estudo adxunto (e que foron obtidos dos prezos expostos polos propios aparcadoiros, sen colaboración directa dos titulares dos mesmos), e a nosa sorpresa é que na primeira hora os aparcamentos municipais son os máis caros do centro, e na segunda e terceira horas tamén están entre os máis custosos habendo unhas mínimas diferenzas cos máis caros (de tan só 7 céntimos no caso máis extremo) mentres que as distancias con outros máis baratos no recinto amurallado ou a súa contorna inmediata son moita maiores (ata 1,13 euros). É rechamante que uns aparcamentos que son propiedade da administración pública e que foron construídos en terreos que non tiveron custo económico (por ser rúas da cidade, das que é titular o Concello) sexan máis caros para o usuario que os creados pola iniciativa privada en locais ou terreos que si tiveron unha importantísima repercusión económica, como é evidente.

Evolución histórica dos prezos públicos: Tamén chama a atención a enorme subida de prezos deste ano, a maior da serie histórica. Disparáronse un 10,4%, cifra moi superior ao 6,1% de subida do IPC entre xaneiro e decembro de 2022. Ese 4,3% adicional a IPC foi xustificado polo Goberno Local (que falaba dun 1,5% adicional e non do real 4,3%) alegando que se compensa así a redución de prazas dos aparcamentos pola conversión de 3 prazas en 2. Sorprendentemente para efectuar esa “compensación” non se requiriu a demostración dun quebranto económico por parte da concesionaria, o que fai que esteamos ante unha rechamante situación en que se aumenta o número de usuarios (por ter mellores prazas para aparcar) e ao mesmo tempo prorrógase a concesión e auméntanse os prezos, todo iso tras subir xa os mesmos un 5,10% en xaneiro de 2022. Lugo Monumental reitera as propostas xa remitidas ao Goberno: Ante esta dura realidade, a Asociación propón ao Concello as seguintes vías alternativas de actuación: 1. Conveniar coa empresa concesionaria a gratuidade da primeira media hora de estacionamento, o que sería compensado polo Concello mediante o pago dunha tarifa reducida (xa que se incrementaría notablemente a afluencia). 2. Reducir ao máximo posible a tarifa de uso dos aparcadoiro tendo en conta todo o anterior, tanto o feito de ser uns prezos moito máis caros que noutras cidades (mesmo nalgunhas onde a concesionaria é a mesma) como o feito de que os aparcadoiros son de propiedade municipal. 3. Estudar o rescate da concesión, indemnizando á empresa concesionaria e explotando devanditos aparcadoiros mediante fórmulas de economía social e con prezos reducidos que garantan a liberdade de acceso ao centro histórico de lucenses e visitantes.

 

Candia activa no instagram @elenacandialugo

A oficina electoral de Elena Candia informa que a candidata botou andar no Instagram @elenacandialugo, para contestar ás preguntas da cidadanía. O funcionamento será o seguinte “cada xoves abrirase un espazo de 24 horas para que os lucenses envien as súas preguntas e a candidata conteste”

Con esta acción a candidata do PP a alcaldía “ busca cercanía, contacto e unha relación de ti a ti, con total transparencia e sen filtros” Candía declarou que “os políticos se queremos estar preto da xente temos tamén que facilitar a comunicación nos medios nos que está a xente como é o caso de Instagram”.

A candidata  recalcou que “non me gusta ser unha unha política de despacho. O que quero é ser unha política da xente, de falar directamente, de escoitar, de dar participación e de analizar… Pensó que só así se pode ser útil e aplicar unha xestión útil a Lugo”

Agromuralla denuncia a “trampa” da rebaixa do ive do leite e o desconto no gasóleo

A Asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla denuncia que algunhas das medidas aprobadas polo Goberno central para facer fronte á inflación supoñen “unha trampa para as explotacións leiteiras”. Segundo Agromuralla, “Como consecuencia da rebaixa do IVE do leite do 4% ao 0%, as empresas están deixando de pagar o IVE aos gandeiros nas súas facturas pola compra do leite, mentres que as explotacións teñen que seguir pagando o imposto nas súas compras de medicamentos ou outros insumos, sen ter posibilidade de compensalo nas declaracións trimestrais coas cantidades cobradas por este concepto”.

Esta situación, vai provocar un “desaxuste financeiro importante nas granxas”, denuncia Agromuralla, xa que se trata de cantidades importantes que as explotacións non van poder recuperar até dentro de máis dun ano.

“No trimestre ingrésase a diferencia resultante do IVE repercutido menos o soportado, polo que a cantidade a abonar non vai ser compensada e imos ter que agardar ata o 31 de decembro para poder solicitar a devolución, que non o cobraremos ata maio de 2024”, denuncia Agromuralla.

Diferenzas entre explotacións

Esta medida supón ademais unha “discriminación entre explotacións”, xa que a aplicación da rebaixa do IVE vai depender do réxime no que se atopen encadradas á hora de determinar o rendemento da súa actividade.

Esta situación de IVE “ao 0% afecta unicamente ás explotacións que están en Estimación Directa, un sistema ao que están obrigadas aquelas que facturan máis de 250.000 euros ao ano, pero polo que apostan cada vez máis ganderías con ingresos inferiores a medida que se van profesionalizando. A modalidade de declaración mensual do IVE non está estendida entre as granxas galegas debido á complexidade na súa xestión e os custes engadidos que carrexa”.

Pola contra, “as explotacións que permanecen no sistema de Módulos, moitas veces ganderías pequenas, seguirían cobrando o IVE pola venda do seu leite, neste caso o 10,5%, xa que non fan declaración trimestral e considérase un ingreso máis da explotación”.

Gasóleo Agrícola

Ao igual que no caso da rebaixa do IVE ao leite, segundo Agromuralla, o sistema escollido para o mantemento da bonificación de 20 céntimos por litro ao gasóleo agrícola supón “que os gandeiros teñamos que adiantar os cartos”, denuncia Agromuralla, xa que a axuda concederase aos agricultores que exerzan o seu dereito á devolución das cotas do Imposto Especial de Hidrocarburos. A devolución poderase solicitar a partir do vindeiro 1 de abril pero non se cobrará até o 2024”.

“Os produtores de leite estamos facendo de banco para o Goberno, financiando as súas medidas de cara ás eleccións”, quéixanse en Agromuralla. O desaxuste contable provocado en moitas granxas vai facer que teñan problemas de liquidez nun momento de custos de produción elevados como os que se dan neste momento, xa que o feito de non ingresar IVE pola venda do leite vai afectar ao diñeiro circulante do que dispoñen as explotacións para pagar investimentos, créditos e compras”. Rematan.

Presentada a iniciativa un paseo do Sistema Solar

Esta mañá presentou a iniciativa un paseo polo sistema solar, coa que o concello propón unha ruta pola cidade coa que coñecer os distintos planetas e corpos do sistema solar. O concelleiro Felipe Rivas, responsábel da concellería de Educación e Difusión do Coñecemento, estivo acompañado na presentación da ilustradora Noemí López, responsable do deseño dos distintos paneis.

Segundo responsables do concello a “iniciativa ten un gran potencial tanto para a veciñanza de Lugo e o turismo que se achegue á cidade como para os centros de ensino, que poderán estudar o Sistema Solar dun xeito distinto, seguindo o paseo e vendo as ilustracións”.

Cada un dos 11 paneis do paseo do sistema solar achegan información relevante sobre o sol, os 8 planetas, o cinto de asteroides e Plutón, como o seu tamaño, a cantidade de satélites cos que contan ou os tempos de rotación arredor do sol.

Imaxe: Pixabay

 

Dispositivo especial para garantir a seguridade peonil e do tráfico rodado ante a alerta de temporal

Ante as previsións meteorolóxicas que advirten nas próximas horas dunha alerta amarela por precipitacións en forma de neve con acumulacións de ata 4 centímetros nunha cota inferior a 300-500 metros, o Concello vén de poñer en marcha un dispositivo especial para garantir a seguridade peonil e de vehículos en todo o municipio.

A Administración local dispón do acopio de 5 toneladas de sal e de diversos medios mecánicos entre os que se atopan cinco esparexedoras, unha sobre camión para botala na calzada e catro carriños para beirarrúas e de tres coitelas quitaneves, novamente unha sobre camión para calzadas e as outras dúas sobre varredoras, así como de dous tractores con pa.

Dende o Goberno local faise un chamamento á cidadanía, recomendándolle extremar as precaucións en todo tipo de desprazamentos e pide que se eviten correr riscos innecesarios para non incorrer en situacións de perigo.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com