Novas

Cortada a estrada de Piñeiro a Lamacarreira en Carballedo

A estrada provincial LU-P-1009, que conecta os núcleos do Piñeiro e Lamacarreira por Buciños, en Carballedo, quedou cortada onte á noite a causa dun corremento de terrasprovocado polas fortes choivas da pasada fin de  semana. Aínda que o firme non se viu afectado, as precipitacións provocaron a formación dunha cavidade debaixo da vía, á altura dopunto quilométrico 1,500, que podería afectar á seguridade na circulación de vehículos.

 

Foto: unha estrada cortada o pasado ano.

Vixilancia en horario nocturno para os aparcamentos subterráneos de Lugo

Desde a Federación de AA.VV. “Lucus Augusti” de Lugo expoñemos a situación actual que vive a cidadanía de Lugo -ademais de calquera visitante que acuda á nosa cidade- no relativo aos aparcamentos subterráneos da capital lucense. A nosa demanda focalízase no horario nocturno, xa que os diferentes condicionantes existentes na actualidade supoñen unha situación de desamparo para calquera persoa, en xeral, e en caso de emerxencia, en particular -podendo carrexar consecuencias-. Actualmente -ano 2023-, non existe vixilancia en horario nocturno levada a cabo por persoal físico, de maneira que, cando o dono dun vehículo estacionado no aparcamento acode a recollelo, non dispón de axuda persoal algunha. Doutra banda, os posibles -e lamentablemente frecuentes fallos técnicos- deixan, novamente ao usuario do aparcamento, nunha situación delicada. Se o código do
ticket non funciona ao acceder para recoller o vehículo, o dono do mesmo atópase á intemperie, de noite -coas condicións climatolóxicas de frío e choiva propias da cidade de Lugo-, e sen máis recursos que un número de teléfono -xa que tampouco se facilita terminal telefónico algún para realizar a chamada. Número de teléfono, por outra banda, que será atendido por unha persoa que se atopa a moitos km. de distancia física de quen ten o problema, coas consecuentes dificultades que iso carrexa. Circunstancia similar é a que sucede no caso de que o dono do vehículo perda o ticket; quedándolle como única vía de “axuda” un número de teléfono de emerxencias nas mesmas condicións que o suposto anterior. Outra posible eventualidade, sería a situación de que o dono do vehículo non dispoña de cambio en metálico no momento de realizar o pago; quedándose sen alternativas nin axuda persoal de ninguén para liquidar esta circunstancia, ademais do feito de que, en horario nocturno non lle será fácil atopar un establecemento público aberto no que poder cambiar efectivo. Motivados por toda a problemática descrita, desde a Federación de AA.VV. “Lucus Augusti” de Lugo, solicitamos que se negocie coa empresa concesionaria dos aparcamentos da capital lucense para que sexa obrigatoria a vixilancia física nocturna -levada a cabo, por, polo menos, 1 persoa por aparcamento- que permita aos usuarios mitigar a sensación de desamparo que viven en horario nocturno.

 

Lugo, xoves 5 de xaneiro de 2022.

Consideracións de Esquerda Unidaao respecto da ZBE no centro de Lugo

O pasado 14 de decembro, a alcaldesa Lara Méndez, convocaba a vecindade e comerciantes do casco histórico de Lugo para falar do proxecto “Zero: Corazón Verde”, xa licitado a unha empresa catalá, que pretende converter o casco histórico nunha zona de baixas emisións con control do tráfico. Máis tarde, o 28 de decembro, a Alcaldía anunciou a apertura do proceso de licitación das obras da praza de Santo Domingo, orzamentadas en tres millóns de euros, que completan o devandito proxecto.

Ao respecto, desde Esquerda Unida queremos trasladar as seguintes consideracións:

1. Empresa adxudicataria. No Concello de Lugo contamos coa empresa municipal EVISLUSA para o desenvolvemento de solo e vivenda, que podería terse encargado, cando menos, de parte deste proxecto urbanístico.

2. Non deben xeneralizarse en Lugo solucións pensadas para outras cidades. Lugo ten as súas particularidades, sen embargo o goberno municipal xeneraliza recetas pensadas para outras cidades. No caso que nos ocupa, o que serve para Barcelona ou Madrid, cidades cun alto grado de contaminación no centro urbán, non ten por que servir para Lugo. Por que é escollido o casco histórico de Lugo para crear esta zona de baixas emisións, cando é un punto no que existe menos tráfico, ao estar maioritariamente peonalizado?

É obvio para calquera lucense que existen avenidas con moito máis tráfico na cidade, como as Fontiñas, habitualmente colapsada de coches, que precisarían dun maior control de entrada e saída de vehículos.

É innegable que debemos coidar de contaminación a nosa cidade, pero que non nos enganen utilizando o barrio do casco histórico de Lugo como “zona zero”, cando o maior problema de contaminación non está dentro de murallas, senón, precisamente, fora. Un problema que se acentúa xenerando desprazamentos, como no caso do proxectado “barrio multiecolóxico” nas aforas da cidade ou a tan repetida ronda leste.

3. Deben conservarse as paradas de autobús urbano. No devandito proxecto elimínanse as paradas de autobús no centro, o cal dificulta o transporte para moitas persoas, entre as que está a poboación maior, con máis dificultade de mobilidade, e que é un dos grupo poboacionais máis representativos da zona. O servicio de transporte urbano debe ser a principal alternativa aos desprazamentos en vehículos privados.

5. Queremos humanizar, pero o Concello cementa. Necesitamos barrios con vida e inclusivos, con poboación asentada, con espacios de esparexemento, con zonas verdes, con actividade económica. O goberno local non humaniza, cementa sobre o asfalto, e trata de impoñelo como modelo de peonalización. Non pensaron espazos para o lecer e desfrute das persoas maiores, nin das crianzas. Non queremos máis prazas frías, chairas baleiras sen lugares, por exemplo, onde cobixarse da choiva ou do sol.

6. Evitar que o casco histórico se converta nun parque temático. O casco histórico é un barrio máis da cidade que ten más dun tercio das vivendas abandonadas, perdeu e perde poboación, sofre o peche constante de locais comerciais. Sen embargo, no trasfondo do proxecto de ZBE no centro de Lugo está a consagración do casco histórico como un parque temático, transformándoo nunha paisaxe estática de cemento, enfocada unicamente ao turismo, chea de apartamentos turísticos, coa conseguinte expulsión da veciñanza. As actuacións do goberno municipal están a converter o centro histórico nun gran solar urbano baleiro e sen vida, agás para os visitantes.

6. Participación cidadá. Desde EU demandamos a apertura dun verdadeiro proceso de participación cidadaná no que se escoite á veciñanza e se dea resposta ás súas necesidades reais.¿Onde está a participación cidadá cando o goberno municipal expón un proxecto xa licitado sen a consulta previa e precisa á veciñanza afectada?

As queixas que escoitamos da veciñanza do casco histórico seguen sendo as mesmas dende hai anos, sen que este Concello solucionase ningunha delas: por exemplo, a falla de fibra óptica na meirande parte das rúas do centro da cidade e a carencia de aparcamentos. Isto conleva que moitas empresas e autónomos decidan mudarse do centro a outras zonas. E tamén supón un sobrecuste para calquera reparación ou instalación nas vivendas desa zona porque apenas existen posibilidade de aparcar para prestar eses servicios. Sen embargo, a Alcaldía négase a responder as inquedanzas da veciñanza e comerciantes do casco histórico, no seu inmovilismo habitual.

7. Planificación. Para rematar co tráfico é necesario un urbanismo planificado orientado a tal finalidade, cunha visión de conxunto, fronte ao modelo do goberno municipal baseado na zonificación.

Seguindo a improvisación e as ocurrencias do goberno municipal, interveñen no casco histórico pero tamén trasladan o problema a outras zonas da cidade. Ao limitar o uso dos vehículos no casco histórico, que xa estaba limitado pola progresiva peonalización, o colapso de tráfico vai dirixirse a outras zonas.

Sen embargo, o goberno municipal non soluciona os problemas de tráfico en zonas conflitivas como as saídas dos colexios nin aclara que coches, e con que distintivos, van poder circular ou non, no perímetro ZBE.

O TSXG rebaixa de 23 a 20 anos de prisión a condena imposta ao home que asasinou á súa parella a coiteladas nas Gándaras

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rebaixou de 23 a 20 anos de cárcere a pena de prisión imposta ao home que asasinou a coiteladas á súa parella, en febreiro de 2020, nunha casa das Gándaras. Ademais, o alto tribunal impúxolle a prohibición de aproximación ou comunicación, por calquera medio, coa nai, fillos e irmán da vítima por un período de 30 anos, en lugar de polos 33 fixados na sentenza de primeira instancia. A Sala do Civil e Penal do TSXG, que acolleu o recurso presentado polo condenado, explica que no fallo emitido pola Audiencia Provincial de Lugo “non existe” a motivación sobre a determinación da pena. “Non hai nin unha soa referencia a circunstancias relativas ao autor ou ao propio feito sobre as que asentar unha condena a 23 anos de prisión”, recalca.

Os maxistrados lembran na resolución “a constante xurisprudencia do Tribunal Supremo e do Tribunal Constitucional sobre a necesidade de motivación das sentenzas en canto á extensión da pena”. O tribunal indica que a morte aleivosa “xa resulta considerada na propia penalidade ordinaria do asasinato”, así como que a relación sentimental “tamén foi tida en conta na apreciación da agravante de parentesco”. Os xuíces destacan que o resto dos elementos que figuran na sentenza da Audiencia Provincial de Lugo, entre eles “buscar unha coartada, limpar a escena do crime ou obstaculizar a acción policial”, son “actos que non fundamentan unha maior antixuridicidade ou culpabilidade dignas de ser retribuídas á alza”. Por conseguinte, acolleron o recurso de apelación e rebaixaron a pena.

O TSXG acepta na sentenza o relato de feitos probados do fallo da Audiencia Provincial de Lugo, no que explica que o Tribunal do Xurado considerou probado que, entre as 18 horas do 6 de febreiro de 2020 e as 8 horas do día seguinte, se iniciou unha discusión entre o condenado e a súa compañeira sentimental, os cales comezaran a relación no verán. Durante o desenvolvemento da disputa ou unha vez finalizada, segundo a resolución, a muller foi ao baño, onde minutos máis tarde se dirixiu a súa parella, portando un coitelo, co que lle asestou, “con ánimo de matar”, catro puñaladas no pescozo, unha das cales lle seccionou a arteria carótide.

O condenado, segundo a resolución, aproveitouse “da situación física que mostraba, tanto polo lugar no que se atopaba -no inodoro situado nun baño de escasas dimensións-, como en atención ao estado de intoxicación etílica que presentaba, unido á inxesta de medicamentos que tiña pautados”, a cal “a colocaba nunha situación de escasísima defensa”. A Audiencia indica que, no momento da agresión, o acusado, pese ao trastorno por consumo de alcol que padecía, “presentaba intacta a súa capacidade de entender e querer”.

O Tribunal do Xurado deduciu que a súa intención era matar á súa compañeira sentimental “das probas periciais”, pois os forenses, segundo a sentenza, “foron determinantes ao concluír que unha coitelada no pescozo se debe considerar unha acción destinada a matar”, xa que comporta “un risco vital inequívoco”. Ademais, salientaron que a traxectoria da coitelada fixo que penetrase “de maneira suficiente no pescozo, seccionándolle a arteria carótide”. O Xurado tamén estimou a concorrencia da agravante de aleivosía por desvalemento, o que implicou que os feitos fosen constitutivos de asasinato, en lugar de homicidio, pois entendeu que o condenado se aproveitou dunha especial situación de desamparo da vítima, a cal impediu “calquera manifestación de defensa”.

Por último, entendeu que o acusado presentaba “unha lucidez incompatible, non só co brote psicótico que alegou, senón mesmo cunha inxesta alcohólica que lle minorase as súas capacidades”. Para iso, baseouse nos informes forenses e “nos actos posteriores levados a cabo polo acusado”, quen limpou o cuarto de baño e, posteriormente, chamou por teléfono aos seus pais “ata en tres ocasiones”, urdindo con eles “unha coartada que haberían de manter xunto co seu irmán, quen finalmente se retractou do inicialmente sostido”. Ademais, tivo en conta o seu comportamento coas forzas da orde, que foi “obstrutivo e tendente a buscar a impunidade”. Contra a sentenza do TSXG cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Dúas estreas excepcionais para este comezo de ano nos Codex

Esta semana estréanse nos Codex dous filmes de grande interese, por unha banda “OS VERDES ANOS” do extraordinario cineasta portugués e “LIVING”  do director inglés Oliver Hermanus. este filme ven precedido dunha excelente crítica e sen dúbida será un éxito nas pantallas dos Codex.

 OS VERDES ANOS

Inédita en España, a ópera prima de Paulo Rocha, filmada nun esplendoroso branco e negro, é a punta de lanza do novo cinema luso. «O mellor cinema portugués é herdeiro de Paulo Rocha» (João Bénard da Costa).

Sinopse: Con dezanove anos,Julio arriba a Lisboa dende a súa aldea para traballar de zapateiro co seu tío Raúl. Traba amizade con Ilda, unha mandadeira que visita con frecuencia a zapatería e de quen o seducen a súa independencia e desenvoltura. Os mozos comezan a saír como noivos nun romance que se verá truncado polo choque coa súa realidade cotiá.

LIVING

O escritor Kazuo Ishiguro e o director Oliver Hermanus adaptan o guión dunha das películas máis recordadas de Akira Kurosawa para trasladalo ao  Londres da postguerra. Un Bill Nighy brillante pon o broche de ouro á que, sen dúbida, será recordada como unha das grandes actuacións da súa carreira.

Sinopse: 1950, Londres. Williams é un veterano funcionario que vive enterrado baixo os papeis da oficina mentres no mundo exterior a cidade reconstrúese tras a II Guerra Mundial. Ao recibir un demoledor diagnóstico médico, baleira a súa conta de aforros e diríxese cara a  costa. Prometese facer dos seus últimos días un tempo significativo, pero dáse conta de que non é quen de facelo. Logo de que un misterioso descoñecido o leve á cidade, Williams séntese intrigado por unha moza, compañeira de traballo a que parece posuír a vitalidade que el perdeu. Coa axuda da súa optimista compañeira, Williams pon todo o seu empeño en facer feliz, dun modo sorprendente, ao seu entorno.

LugoSiradio

Volven os debates políticos a LugoSiRadio no 107.4 da FM

Co comezo deste ano electoral tamén comezan os debates políticos en LugoSiRadio. Todos os días de 19:00h a 20:00h no dial 107.4 da FM, políticos, expolíticos e analistas destriparan as claves da política lucense e luguesa. Para saber de primeira man as vicisitudes e tramas que circulan nos diferentes partidos políticos, así como as estratexias que van seguir ata as eleccións municipais de maio.

En STOA nome do programa de debate, os tertulianos de cada día procuraran desembeleñar as diferentes estratexias que xa están a desenvolver os partidos.

Este ano o programa trae novidades, xa que algúns dos debates serán realizados nun lugar onde poderán asistir ata 200 persoas en directo e o propio público poderá formular preguntas aos tertulianos.

Debate móbil

Outra novidade do programa é que será itinerante e trasladarase a algunhas vilas da provincia onde os políticos e analistas locais desentrañaran as liñas das diferentes agrupacións políticas que seguiran de cara a acadar o poder nas vindeiras eleccións municipais.

Cortada a estrada provincial á presa dos Peares en Carballedo por un corremento de terras

A estrada provincial LU-P-1010, que conecta A Touza coa Granxa no concello de Carballedo, quedou cortada esta tarde a causa dun corremento de terras provocado polas fortes choivas destes días. A Deputación xa sinalizou o corte da vía, que dá servizo á presa dos Peares, e mañá comezará cos traballos para despexar o paso á altura do punto quilométrico 3,500. Rematadas estas actuacións elaborará a valoración económica e técnica dos danos causados.

 

Foto: unha estrada da provincia de Lugo.

Pasando de política

Foron días crispados na política nacional; tranquilos en Lugo. En oficinas, na educación, no tráfico; maiores e nenos, vivimos xornadas normais, axustando a vida ao ritmo que marcan idades, estacións, traballo ou lecer, sen o entusiasmo que alborotou Brasil nin ao arrepío que arrebatou o panorama xudicial, político e social do Estado.

No que parecen poñerse de acordo nas alturas da nosa sociedade é que vivimos unha crise política de gravedade inédita na democracia, na que o Goberno toma decisións que parecen á carta para grupos afíns, e o Partido Popular pon os obstáculos posibles, mesmo recurrindo ao Constitucional, que paraliza o xogo político para clarificar a situación.

Nas alturas do poder crúzanse argumentos e insultos, arden as Redes, encéndense os ánimos… pero a vida no país segue como se nada diso interesase, e as preocupacións ostensibles van do Euribor ao custo da vida; das vacacións de Nadal á posible retracción económica. Se o problema altera aos políticos, a nivel popular pasa desapercibido. E o Rei, con sentidiño, advirte sobre o tema, pero non a gusto de todos.

Imos ter que aprender do fútbol: España, eliminada por Marrocos no turno de penalties… Arxentina gañou a penalties o Mundial. E a todos parece xusto, sen pensar se quen tira os penalties é progresista ou conservador. En cambio, no Constitucional, os conservadores por un gol (un voto), gañaron un partido no máis alto, porque para un conservador e un progresista a mesma Lei non di o mesmo.

Ou o futbol está máis asentado ca a política, ou a política ten invadido campos que non lle pertencen. Mentras, os cidadáns pasamos da política e dos políticos.

A Asociación Si, hai saída lanza unha nova mensaxe de alerta ante a última vaga de asasinatos machistas

Desde a Asociación Si, hai saída, en relación coa tráxica vaga de crimes machistas acontecidos neste Nadal que aínda non rematou, desexamos manifestar o seguinte:

En primeiro lugar, lembrar que esta vaga non é froito da casualidade, se non, agás algunha escasa excepción, o resultado dunha serie de graves eivas na protección das vítimas e da falta de prevención ante un mais que demostrado incremento da violencia de xénero
nestas datas por múltiples factores, como poden ser a maior convivencia entre parellas con conflitos previos, as xuntanzas familiares, o consumo de alcohol ou outras substancias, o intercambio de menores por mor das vacacións, etc, etc, etc.

Cada ano, desde que comezamos a nosa traxectoria, hai case 9, desde Si, hai saída, dado o noso traballo en estreito contacto coas vítimas, e, porén coa súa realidade, alertamos do exposto anteriormente, do cal hai constancia por escrito, non soamente a nivel local, se non chegando mesmo a dirixirnos a algunha institución a nivel nacional, como sucedeu este mesmo ano no que nos diriximos ao Ministro de Interior, Fernando G. Marlaska, pregando que non se dera a mesma situación de desprotección de anos anteriores, con Ufam e comisarías baixo mínimos, sen obter resposta algunha, nin moito menos resultado ningún.

É totalmente inxustificable que fora preciso ter chegado a estes tráxicos extremos para que, desde o ministerio de Igualdade, que conta, desde que chegaron ao poder, no seu haber, cun mais que considerable aumento da violencia de xénero, para que se convocara un comité de
crise, ao que, irónicamente, denominan urxente, tras o cal manifestan ter conclusións tan obvias como as expostas por nos anteriormente, coma se foran, ademais, algo novo, así como para solicitar unha xuntanza co ministro do Interior ante as evidentes eivas no seo dos CFSE,
priorizando claramente campañas, actuacións e aparicións mediáticas cuxo resultado a vista está.

Igualmente inxustificable e alarmante é que o propio ministro Grande Marlaska manifeste que esta vaga de crimes constitúe unha proliferación inusual e que non responde a ningún patrón temporal nin doutro tipo, demostrando así, non soamente o seu total descoñecemento da realidade da violencia de xénero, se non que a súa prioridade é desviar a atención de que él é un dos grandes responsables do que está suceder por tolerar o que está a acontecer no seo dos CFSE, e que é, obviamente, da súa directa competencia.

Non esquezamos que moitas das mulleres asasinadas tiñan denunciado, e que mesmo se deron casos nos que existían ordes de afastamento, sen que se estivera a facer, pola contra, seguimento ningún da vítima nin do agresor o que deixa claramente patente que, a maior o
risco, maior desprotección.

Non podemos, ademais, pasar por alto o feito de que, no acabado de rematar 2022 foron varios os casos relacionados coa violencia de xénero ou coa violencia vicaria no que se viron implicados membros dos CFSE, e, como xa manifestamos en ocasións precedentes, non se trata de condenar a un colectivo, pero tampouco de negar a realidade.

É, por outra banda, arrepiante, comprobar como, lonxe de buscar solucións coherentes, urxentes e prácticas, se segue a politizar a violencia de xénero, a sacarlle rendemento, e a tentar acadar méritos de cara a vindeiros procesos electorais, a costa de tanta dor, de tantas vidas.
Aproveitamos para lembrar que a loita contra a violencia machista nin é unha competición entre as CCAA, a ver quen arroxa unha menor ou maior porcentaxe de vítimas ou denuncias, nin se debe fragmentar como semella que se pretende facer, e, de feito, se fai.
É, ou debería ser, unha loita conxunta, na que todos os actores que intervimos nela, e toda sociedade en xeral, temos a nosa parte de responsabilidade.

É, así mesmo, lamentable, que se continúe sen escoitarnos a aqueles que traballamos directamente coas vítimas, que coñecemos de primeira man a súa realidade, sinxelamente por negarnos a obter rendemento desta letal lacra e que temos como única prioridade axudar as vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos.

Tamén a nivel local temos que seguir lamentando a total falta de colaboración por parte dunha institución vital para a loita contra a violencia de xénero, como é a Policía Nacional, algo que ven sucedendo desde comezos do ano 2017, co cambio de responsable da mesma, botando
por terra un magnífico traballo coordinado que se levou a cabo durante mais de tres anos, do que se beneficiaron moitas vítimas, o cal era o obxectivo, priorizando cuestións puramente persoais, que nada teñen que ver con esta loita, e que non son, ao noso entender, o mellor
exemplo de profesionalidade, nin de implicación, máxime ante a situación tan grave que estamos a vivir, malia que desde Si, hai saída estivemos, en todo momento, dispostos a reconducir esta situación, da cal, e con toda humildade o dicimos, temos claro que non somos
para nada culpables, se non todo o contrario, xa que se nos prexudicou de xeito mais que notable, poñendo toda clase de atrancos ao noso traballo, que incluíron, en mais dunha ocasión, claros intentos de desprestixiarnos.

Son, o temos moi claro, momentos para loitar, para traballar, unidos, se a preocupación é real, e non para leas mais propias de patio de colexio. Estamos loitando para tentar axudar a mulleres, a nenas e nenos, a saír do terror, e, tal vez, para salvar algunha vida.
Afortunadamente, temos que dicir todo o contrario no que atinxe ao eido xudicial, no que contamos con todo o apoio e ao que manifestamos o noso profundo agradecemento por colaborar nesta loita dura, longa e para a que, polo momento, non se albisca, nin de lonxe,
unha solución.

Para rematar, non podemos por menos que manifestar a nosa profunda tristura ante unha sociedade que, cando non pasou nin unha semana dun tráxico e cruel rosario de crimes machistas, polos que se amosaba consternación, aparente dor, xa os relegou, aos poucos días, ao esquecemento mais absoluto.

En Si, hai saída nin esquecemos , nin mudamos a nosa prioridade que é axudar a cantas vítimas sexa posible, e aos seus fillos e fillas.
Cos nosos erros, por suposto, e dentro das nosas mais que limitadas posibilidades, pero sempre, con mais forza se cabe, e coa mesma vontade e coa mesma fe non que estamos a facer que o primeiro día.

Asociación Si, hai saída.

Os Reis Magos visitan o Círculo das Artes

O Círculo das Artes organiza un Festival Infantil de Reis. A Granja Show Musical será a encargada de amenizar unha velada marcada pola música en directo e animacións cos personaxes favoritos de péquelos. A Granja Show ofrece un percorrido musical polos temas máis famosos da discografía infantil: a Galiña Turuleta, Cóxegas,… e ademais conta con invitados moi especiais: Mary Poppins, a Patrulla Canina, e moitos máis.

Ás 18.00 horas, S.S. M.M. de Oriente chegarán ao Círculo, para atender as peticións de péquelos. Todos os nenos gozarán dunha merenda gratuíta.

A festa será o vindeiro mércores 4 de xaneiro de 17.00 a 20.00 horas no Salón Rexio.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com