Novas

Candia propón para o barrio da Milagrosa “máis seguridade e apoio ao comercio”

Elena Candia anuncia que nos próximos días activará un punto de asesoramento para as persoas afectadas por okupacións. A popular tamén porá a disposición da cidadanía un díptico con información básica sobre os pasos que hai que dar para recuperar unha propiedade privada na que entraron okupas. A candidata explica que esta proposta “é unha medida inmediata para dar resposta ás numerosas peticións que lle fixeron chegar os veciños da Milagrosa na reunión que tivo lugar o pasado mércores 23 de novembro”.

Esta acción de asesoramento, que se vai centralizar na sede do Partido Popular na rúa Poeta Ramón Cabanillas, forma parte dun paquete de medidas nas que a candidata está a traballar e que pivotan en catro eixes.
Primeiro, Candia afirma que “cando sexa alcaldesa implantará unha delegación da Policía Local no barrio da Milagrosa a modo de extensión
da central de San Fiz co obxectivo de que os axentes gañen terreo en actuacións de proximidade nun barrio onde a poboación incrementouse
nos últimos anos acollendo e facilitando a integración”.

En segundo lugar, a candidata do PP quere impulsar un plan de rehabilitación e recuperación dos inmobles con axudas e bonificacións.
“Este programa repercutirá tamén na mellora dos espazos públicos dotándoos de servizos e de aparcadoiros”

En terceiro lugar, e de forma paralela á rehabilitación, “é fundamental poñer en marcha un plan de dinamización con iniciativas para apoiar aopequeno comercio e establecer liñas de subvención específicas para axudar ao comercio de proximidade”.

A popular sinala que “todas estas accións deben ir da man dun plan de intervención social coordinado dende Servizos Sociais”, nese senso, Candia “promoverá un plan de formación e de inserción laboral específico para o barrio”.

 

Mercado de Nadal "Merca o Teu 2013" Mercado de Nadal “Merca o Teu 2013”

Mañá xoves inaugurase o Mercado de Nadal da campaña Nadalmente Lucense

Este xoves, estrearase na Praza Maior, o Mercado de Nadal da campaña Nadalmente Lucense. Unha iniciativa que se enmarca na estratexia de recuperación post pandémica para potenciar aos establecementos da cidade como a mellor opción e os mellores produtos para agasallar aos nosos seres queridos nestas festas.

A alcaldesa de Lugo, acompañada polo Señor e a Señora Claus, serán os encargados de abrir as portas do Poboado Miúdo nunha cerimonia de inauguración que arrincará ás catro e media da tarde.

Dende esa hora (16:30 horas) e até entrada a noite (21:00 horas) a Praza Maior locerá con todo o seu esplendor ofrecendo música, actividades e tamén unha saborosa chocolatada.

O poboado, composto por 5 casiñas de cores (vermello, verde, azul, laranxa e morado) – en representación dos diferentes distritos que atende a estratexia Localmente Lucense – exercerá de zona de esparexemento para as crianzas, onde permanecerá instalado un photocoll do que poderán saír cunha imaxe para o recordo dun Nadal máxico.

Os nenos e nenas da cidade poderán, alén, poñer a proba todo o seu enxeño no Laboratorio de Xogos, un espazo con múltiples divertimentos no que as e os adultos serán tamén ben recibidos.

A xornada inclúe, así mesmo, unha Disco Móvil dirixida por un elfo que convidará a cantar e a escorrentar o frío a pequenos e grandes por igual, mentres que os seus compañeiros, aproveitando as melodías, dirixirán unha sesión de actividades cooperativas e coreografías para toda a familia.

Como merenda, a área de Cohesión Social – encargada da organización do evento – convidará dende a Cabana de Lambetadas a unha saborosa chocolatada, aderezada polos Zancudos de Laponia, que percorrerán o mercado interactuando coas persoas asistentes e os comerciantes e deixándose retratar sen reparos con quen lle lo solicite.

Serán Os Ildefonsos, tres nenos grandes que seguen tocando as cancións que os facían felices no Nadal, os que, co seu Concerto de Cantos poñan o broche de ouro ao acto.

O Mercado, que manterá unha estética de inspiración europea, estará composto por 20 casetas de madeira que se poñen a disposición dos comerciantes de maneira gratuíta, por quendas semanais.

Así, congregaranse na Praza Maior, comercios do propio Centro Histórico pero tamén das Gándaras, a Residencia, Paradai, San Roque, a Milagrosa e a Avenida da Coruña, Fontiñas, Augas Férreas, Albeiros, Garabolos, Recatelo ou o Sagrado Corazón, ofrecendo mercancía tan variada como artesanía, moda, lámpadas, artigos de regalo e librería ou papelería, fotografía, beleza, antigüidades, floristería e mesmo panedería e alimentación.

No Mercado de Nadal terán cabida, tamén, durante todo o mes múltiples actuacións de promoción, divulgación e sensibilización nos distintos barrios da capital, de cara a fomentar o consumo na hostalería e establecementos das diferentes contornas.

Deste xeito haberá: sets decorativos con temática de Nadal nas principais prazas, con buzóns de peticións (Praza Agro do Rolo; Horta do Seminario; Praza de Augas Férreas; Praza Camiño Primitivo; Praza Fonte dos Ranchos e Sagrado Corazón), animación de rúa a cargo de dous animactores caracterizados de elfos navideños; agasallos LocaLmente Lucense de Nadal; e sorteos de vales de compra todos os venres de decembro.

Lugo celebra o XXII aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade cunha gala cultural

Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe unha gala cultural en conmemoración do XXII Aniversario da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade; estivo conducida polo xornalista Xulio Xiz e contou coa asistencia do delegado territorial, Javier Arias.

Actuaron o conxunto vocal Lugh, o quinteto de metais da Asociación Músico Crisanto, o mago Rafa, e alumnos e alumnas do Conservatorio de Danza de Lugo, e presentouse o videoxogo de realidade virtual Descubre a Muralla, creado por “Unha de Romanos” co patrocinio da Xunta -a través de Turismo de Galicia- con motivo desta efeméride.

Asi mesmo, amosouse parte do traballo de investigación e conservación da Muralla que realiza a Xunta ao longo do ano, cun vídeo sobre a musealización da galería que atravesa os muros e outros elementos atopados no entorno da porta Bispo Odoario. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades investiu 78.780 euros nesta intervención, executada nos últimos meses.

Asemade a área de Cultura do Concello achegou ao Coro do Hospital de Lugo que interpretou o concerto O cantar da nosa lingua, unha proposta que explora a historia da lingua galega, desde o medievo ata a actualidade, achegando cancións dos distintos períodos. No concerto celebrado esta tarde na Mosqueira, o Coro do Hospital de Lugo interpretou a lírica medieval dos trovadores e neotrovadores, a música tradicional dos séculos escuros e as creacións dos séculos XIX e XX.

Este concerto únese á campaña #LugoMurallaÚnica posta en marcha pola área de Cultura, “un proxecto que está a visibilizar a nosa Muralla a nivel internacional e que destaca o feito de ser a a única muralla romana do mundo que se conserva completa”, explicou Maite Ferreiro. A campaña #LugoMurallaÚnica consta de 7 entrevistas en 6 idiomas (inglés, francés, italiano, portugués, castelán e galego) que darán a coñecer distintos aspectos históricos e culturais da Muralla de Lugo dende a perspectiva de 7 persoas nacidas fóra, pero que viviron ou viven na cidade.

Falece unha persoa ao ser alcanzada por un tren en Bóveda

Sucedeu no punto quilométrico 376 da liña férrea CV-800, entre as estacións de Rubián e Oural.

O persoal de Adif contactou co 112 Galicia para dar conta dos feitos, ao fío das 16:30 horas. Segundo indicaba, o tren estaba detido no lugar do accidente, a seiscentos metros da estación de Rubián, en sentido Ourol. Engadía que o convoi transportaba mercadorías non perigosas.

Con estes datos, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Monforte de Lemos e dos axentes da Garda Civil. Tamén se desprazou ao lugar do accidente persoal de seguridade de Adif.

Segundo indicou Adif ao 112 Galicia, a liña ferroviaria non estaba electrificada ao non ter catenaria. Deste xeito, os servizos de emerxencia puideron acceder con seguridade ata o lugar onde se atopaba a persoa alcanzada polo tren.

Os Bombeiros de Monforte comunicaron ao 112 Galicia que a persoa estaba nunha zona accesible da vía, polo que non tiveron que intervir para liberala. Pola súa banda, os servizos sanitarios nada puideron facer por salvala.

Nestes momentos, as forzas da orde tratan de esclarecer as circunstancias do suceso.

Presentación do libro A Paradela dos máis novos

No CEIP San Miguel de Paradela vén de presentarse o libro A PARADELA DOS MÁIS NOVOS, publicado polo Concello de Paradela con motivo do seu bicentenario como Institución, coa colaboración da Xunta de Galicia.

O libro, creación do Colectivo Egeria, ten un total de 64 autores -os máis novos paradelenses- do CEIP de Paradela e dos institutos Xograr Afonso e Gregorio Fernández, de Sarria. Son 44 alumnos de infantil e primaria e 20 de ESO e BAC, dos Institutos Xograr Afonso (6) e Gregorio Fernández (14).

En 120 páxinas, os paradelenses máis novos reflicten a Paradela na que viven en narracións e debuxos que conforman un calidoscopio dun concello (“Senda infinita”) de camiños, árbores e augas, fito do Camiño Francés a Compostela.
Falan os rapaces do que ten Paradela e do que lle falta, da diminución da poboación, das festas e dos xogos, dos animais e da natureza, da súa terra e das súas familias.

Danlle especial carácter ao libro os debuxos de Fani Padullés, artista catalana afincada en Paradela, autora así mesmo das pinturas que iluminan a Biblioteca do CEIP San Miguel.
Participaron na presentación o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; o Alcalde de Paradela, José Manuel Mato; a directora do CEIP San Miguel, Adela López; a profesora Lola Chaos, a artista Fani Padullés e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz.

Detido un home polo asasinato de Cristina Cabo Buján

Esta mañá de martes a policía detivo a un home como o principal sospeitoso do asasinato de Cristina Cabo Buján, achada morta na noite do domingo na súa vivenda na rúa Quiroga.

O detido de orixe colombiano, atópase en dependencias policiais á espera de pasar a disposición xudicial.

Cristina Cabo Buján de 42 anos e que rexentaba un negocio na rúa Mallorca, apareceu morta a tarde/noite do pasado domingo, logo de que un familiar dera a voz de alarma ao non ter noticias dela en todo o día. A policía dirixiuse ata o seu domicilio na rúa Quiroga e atopou o cadáver de Cristina no seu dormitorio e con varias puñaladas.

 

O Concello de Vilalba presentou a Feira do Capón 2022

O Concello de Vilalba presentou hoxe nun acto celebrado no Parador a Feira do Capón 2022, que volverá a celebrarse o mércores 21 de decembro na praza da Constitución.

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e a concelleira de Feiras e Mercados, Antia Rama, acompañadas de criadoras e criadores e da corporación municipal, presentaron esta mañá o programa da Feira.

O evento arrancará o 21 de decembro ás 10:00 horas coa apertura ao público da feira, onde o capón estará arroupado, como nos últimos anos, “por exquisitos produtos do noso concello e arredores: desde queixo de San Simón ou o roscón de Vilalba ata carnes, mermeladas, mel ou as filloas de Muimenta”, explicou Antía Rama.

As 11.30 horas chegará o momento máis importante da feira, coa entrega de premios ás criadoras e criadores e o sorteo do mellor par de capóns seleccionados polo xurado. Os asistentes que queiran levarse a casa gratis uns dos mellores capóns da feira soamente terán que deixar o seu nome na caseta da organización.

Trala entrega de premios, de 12.30 a 14 horas, na foodtruck que haberá na praza repartiranse 300 tapas de capón para que todo o mundo probe e disfrute deste manxar. Haberá tres elaboracións diferentes, feitas con capón e capón da raza por Antonio Díaz, cociñeiro da AUTGA Autóctonas especializado en produtos locales e autóctonos.

No acto proxectouse un breve documental do proceso de crianza do capón gravado pola TIC (Fundación para o Desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e a Comunicación.

Un incendio queima unha casa en Guitiriz

Ningunha persoa resultou ferida, pero foi necesario que unha motobomba do distrito forestal da zona acudise para abastecer de auga aos Bombeiros de Vilalba e aos efectivos do GES de Friol-Palas.

O incendio orixinouse ao fío das 17:45 horas, nunha casa do lugar de Trasparga.

Unha persoa particular alertou do incendio ao 112 Galicia e, de xeito inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia requiriuse a intervención dos Bombeiros de Vilalba e do GES de Friol-Palas. Ademais, púxose a situación en coñecemento da Garda Civil e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Guitiriz. Está previsto que tamén acuda unha motobomba do Concello para colaborar nas tarefas de extinción do incendio.

Os Bombeiros de Vilalba indicaron ao 112 Galicia, despois de rematar os labores de extinción, que a casa ardeu practicamente na súa totalidade. A vivenda era completamente de madeira e o lume estendeuse da cheminea a todas as estancias. Confirmaron, tamén, que ningunha persoa resultou ferida.

Asemade o 112 Galicia informou de que unha muller foi rescatada despois de caer nunha zona de obras en Monforte de Lemos.

Os feitos sucederon nun lugar de difícil acceso, preto do Museo do Ferrocarril.

Ata alí acudiron os Bombeiros de Monforte de Lemos, que colaboraron cos servizos sanitarios para rescatar á muller, mediante o uso dunha cadeira sanitaria e unha padiola. Tras ser evacuada á ambulancia, foi trasladada a un centro hospitalario, xa que estaba desorientada.

Ao fío das 14:45 horas, unha persoa particular contactou co 112 Galicia para alertar da situación da muller. Segundo indicaba, caera ao lado das vías do tren.

Acto seguido, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Monforte de Lemos e da Policía Local. Ademais, informouse á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade e a Adif.

Segundo confirmaron os Bombeiros de Monforte de Lemos ao 112 Galicia, a muller estaba nunha zona de obras, a catro metros de distancia da vía do tren.

A Xunta pide ao Concello que se responsabilice do estado do novo auditorio

A Xunta de Galicia insta ao Concello de Lugo a responsabilizarse do estado do auditorio de Magoi, que “recibiron en perfectas condicións no ano 2020 e abandonaron durante máis de dous anos permitindo o seu deterioro”.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, lembra que “a Consellería de Medio Ambiente realizou labores de mantemento, unha vez rematado o edificio e o equipamento, mentres o Concello dilataba a súa recepción durante anos”. Explica que resulta “sorprendente, raiando a frivolidade, que agora afirmen que recibiron a obra sen realizar as comprobacións correspondentes”. O que ocorre, continúa o delegado, “é que o inmoble non presentaba deficiencias pero leva dous anos pechado, con cristais rotos e sen mantemento”.

Arias entende que “este proceder é típico do Goberno local de Lugo, colocar paus nas rodas para dificultar os proxectos da Xunta e censurar o resultado, sexa cal sexa”; “pero a verdade é que os cartos públicos que van gastar nestes arranxos aforraríanse se tiveran aberto o auditorio en tempo e forma”, conclúe.

Pola súa banda dende o Concello de Lugo anuncian que este mércores adxudicarase o contrato para reparar as patoloxías estruturais exteriores e tamén interiores do novo Auditorio, “derivadas tanto das deficiencias construtivas como da falta de mantemento, por parte da Xunta de Galicia, desde que finalizou a execución do inmoble, en 2016, e ata que foi entregado á Administración local”.

O Executivo local, lembrou que “xa durante o acto de recepción, o Concello intentou entregar ao ente autonómico os informes dos técnicos municipais onde xa daban conta dalgúns dos fallos advertidos nas dúas únicas visitas que lles deixaron realizar previamente e sen que, en ningunha desas ocasións, puidesen probar o funcionamento dos equipamentos. Documentos que non quixo recibir pero que se lle fixeron chegar igualmente facéndoos coñecedores da situación”.

Porén, “unha vez recepcionada a dotación, o deterioro que se atopou foi superior ao agardado debido a que a Xunta non realizara nin as correspondentes probas nin tampouco ningún outro labor de conservación do inmoble e todas as garantías para poder arranxalas estaban caducas”. Logo dos estudos realizados, “nos que se cuantificaron máis de 200 danos, determinouse a necesidade de subsanar todas estas eivas para evitar, que nun futuro, as lesións das que adoecía incrementaran a envergadura das reparacións”. O contrato que se adxudicará esta semana Montajes Metálicos Ingalux, “permitirá amañar os múltiples danos ocasionados pola humidade que están a afectar ás cubertas, fachadas, estruturas, carpintería, revestimentos interiores e pavimentos, etc.”.

Dende o concello de Lugo sinalan que “reclamará posteriormente á Xunta de Galicia o importe das obras, por non realizar as probas dos equipamentos nin o mantemento do edificio, deixando caducar todas as garantías antes de acometer ao seu cargo a reparación”.

A Asociación Si, hai saída condena o asasinato dunha muller na nosa cidade

Desde a ASOCIACIÓN SI, HAI SAÍDA queremos manifestar a nosa dor e a nosa mais ROTUNDA CONDENA ante o asasinato dunha muller na nosa cidade, ademais de transmitirlles as nosas condolencias e todo o agarimo a familia e achegados da falecida, así como a Plataforma Feminista de Lugo, da cal formaba parte.

Así mesmo desexamos facer un chamamento a prudencia e a máxima cautela, evitando asumir papeis que non nos corresponden, e que mesmo poden chegar a prexudicar o traballo daqueles que están a levar a cabo as investigacións pertinentes.

Asociación Si, hai saída


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com