" />

A Xunta pide ao Concello que se responsabilice do estado do novo auditorio

A Xunta de Galicia insta ao Concello de Lugo a responsabilizarse do estado do auditorio de Magoi, que “recibiron en perfectas condicións no ano 2020 e abandonaron durante máis de dous anos permitindo o seu deterioro”.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, lembra que “a Consellería de Medio Ambiente realizou labores de mantemento, unha vez rematado o edificio e o equipamento, mentres o Concello dilataba a súa recepción durante anos”. Explica que resulta “sorprendente, raiando a frivolidade, que agora afirmen que recibiron a obra sen realizar as comprobacións correspondentes”. O que ocorre, continúa o delegado, “é que o inmoble non presentaba deficiencias pero leva dous anos pechado, con cristais rotos e sen mantemento”.

Arias entende que “este proceder é típico do Goberno local de Lugo, colocar paus nas rodas para dificultar os proxectos da Xunta e censurar o resultado, sexa cal sexa”; “pero a verdade é que os cartos públicos que van gastar nestes arranxos aforraríanse se tiveran aberto o auditorio en tempo e forma”, conclúe.

Pola súa banda dende o Concello de Lugo anuncian que este mércores adxudicarase o contrato para reparar as patoloxías estruturais exteriores e tamén interiores do novo Auditorio, “derivadas tanto das deficiencias construtivas como da falta de mantemento, por parte da Xunta de Galicia, desde que finalizou a execución do inmoble, en 2016, e ata que foi entregado á Administración local”.

O Executivo local, lembrou que “xa durante o acto de recepción, o Concello intentou entregar ao ente autonómico os informes dos técnicos municipais onde xa daban conta dalgúns dos fallos advertidos nas dúas únicas visitas que lles deixaron realizar previamente e sen que, en ningunha desas ocasións, puidesen probar o funcionamento dos equipamentos. Documentos que non quixo recibir pero que se lle fixeron chegar igualmente facéndoos coñecedores da situación”.

Porén, “unha vez recepcionada a dotación, o deterioro que se atopou foi superior ao agardado debido a que a Xunta non realizara nin as correspondentes probas nin tampouco ningún outro labor de conservación do inmoble e todas as garantías para poder arranxalas estaban caducas”. Logo dos estudos realizados, “nos que se cuantificaron máis de 200 danos, determinouse a necesidade de subsanar todas estas eivas para evitar, que nun futuro, as lesións das que adoecía incrementaran a envergadura das reparacións”. O contrato que se adxudicará esta semana Montajes Metálicos Ingalux, “permitirá amañar os múltiples danos ocasionados pola humidade que están a afectar ás cubertas, fachadas, estruturas, carpintería, revestimentos interiores e pavimentos, etc.”.

Dende o concello de Lugo sinalan que “reclamará posteriormente á Xunta de Galicia o importe das obras, por non realizar as probas dos equipamentos nin o mantemento do edificio, deixando caducar todas as garantías antes de acometer ao seu cargo a reparación”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo