Novas

Abre ao tráfico un tramo da nova autovía entre Lugo e Sarria

A apertura ao tráfico deste tramo da nova autovía de titularidade autonómica entre Lugo e Sarria, produciuse este venres, a partir das 11:00 horas da mañá.
Máis en concreto, nesta primeira fase, abre ao tráfico o treito de 9,70 km da calzada dereita do novo tramo da autovía en sentido Sarria. Isto é, a calzada en sentido crecente para o tráfico que vai dirección a Sarria, desde o punto 13+500, ligazón da Pobra de San Xiao, ata punto 23+200, na ligazón de Sarria centro.

Ademais, tamén se abrirá ao tráfico un tramo de 1,2 km da calzada esquerda do novo tramo da autovía en sentido Lugo. Concretamente, a calzada en sentido decrecente para o tráfico que vai dirección a Lugo, desde o quilómetro 23+200, no enlace de Sarria centro, ao punto
quilométrico 22, no enlace de Sarria norte.

En paralelo, a Xunta segue a ultimar os traballos da 1ª fase desta autovía. A partir de mañá quedará como única afección o desvío do tráfico en sentido Monforte-Lugo pola estrada LU- 546, entre os enlaces de Sarria norte e A Pobra de San Xiao.
Deste xeito, nesta última fase, os traballos céntranse na capa de rodaxe na calzada de desdobramento, así como os correspondentes á disposición de sinalización horizontal e acabados, co obxectivo de rematar as obras este outono.

Paralelamente, segue en proceso a 2ª fase da autovía, tras a adxudicación da redacción do proxecto construtivo que completará o
desdobramento da infraestrutura ata Lugo. Esta segunda fase da autovía abrangue 13,5 km, entre A Pobra de San Xiao e a conexión coa A-6 en Nadela.
Este traballo, adxudicado por case 270.000 €, ponse en marcha para poder dispoñer xa a mediados de 2023 dun proxecto de trazado para someter a información pública. O Goberno galego leva investido máis de 135 millóns de euros na construción, nos peores anos da crise económica, da vía de altas prestacións entre Sarria e Monforte, rematada no ano 2015, e agora continúa co seu desdobramento.

O vindeiro domingo o Orfeón Lucense lembra ao seu fundador D. José Castiñeira Pardo

O próximo domingo, o Orfeón Lucense vai lembrar ao seu fundador D. José Castiñeira Pardo polos 33 anos do seu pasamento e 40 da creación do Orfeón fusionando varias agrupacións que el dirixía.

A lembranza concretarase na misa das 13,00 h. na Catedral de Lugo, onde Castiñeira foi Prefecto de música, que será cantada polo Orfeón Lucense, dirixido polo seu titular, Marcos Fernández Mosquera, e oficiada por Luis Varela Castiñeira, coengo da Catedral e sobriño do P. Castiñeira, que estará acompañado por Xesús Mato, anterior director do Orfeón.

Despois da misa, diante da tumba de Castiñeira no claustro da Catedral, efectuarase unha ofrenda floral; Nuria Fernández Álvarez interpretará unha peza á viola, e o Orfeón cantará dúas cancións do seu fundador. Finalmente, os membros do Orfeón depositarán flores diante do busto de Castiñeira, erixido por este colectivo, na Praza do Seminario.

Máis de 800 establecementos da provincia sumáronse á segunda edición da campaña Bono Activa Comercio da Xunta

Máis de 800 establecementos da provincia de Lugo xa se sumaron á segunda edición da campaña Bono Activa Comercio da Xunta, que esgotou os bonos entre a cidadanía nos tres primeiros días desde que abriu o prazo para solicitalos, o pasado luns.

Así o explicou hoxe o delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, que xunto ao presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, visitou tres das máis de 240 tendas adscritas na capital lucense. Arias destacou que ata o 30 de novembro poden seguir inscribíndose novos locais desde a páxina web bonosactivacomercio.gal , onde tamén poden consultarse os negocios participantes.

No caso dos clientes, cada un dispón dun bono de 30 euros que terá a oportunidade de utilizar ata o 31 de decembro nos negocios adheridos.

Como novidade, este ano amplíanse os tramos de desconto e os importes, de tal xeito que para compras a partir de 20 euros e inferiores a 30, o desconto será de 5 euros; para compras a partir de 30 e inferiores a 50, será de 10 euros; e para as que superen os 50 euros será de 15.

Arias destacou o éxito da segunda edición desta medida da Xunta, que busca “atraer clientela aos negocios locais nunhas datas especialmente importantes para o comercio”. Apuntou que na mesma liña a Administración galega ten en marcha outras medidas para incentivar as vendas a nivel local, como o Bono Cultura, que os consumidores poderán descargar a partir do 2 de novembro.

 

 

A Federación de Asociacións Veciñais demanda o arranxo urxente do leirapárking do Hula

Dende a Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti da provincia de Lugo demandan o urxente arranxo do pavimento do Leirapárking, “xa que coas primeiras choivas do outono, o coñecido Leirapárking ou aparcadoiro gratuíto do Concello de Lugo, que está situado enfronte á entrada principal do Hospital Universitario Lucus Augusti -Hula-, atópase nun estado lamentable,  está todo cheo de fochancas, o cal dificulta tanto o aparcamento como o tránsito, provocando danos nos vehículos que o utilizan”

Ante esta situación a Federación de Asociacións Veciñais de Lugo, solicitan que “se realicen urxentemente as obras de mellora do devandito aparcadoiro, cubríndoo cunha capa de saburra e as convenientes obras de mantemento, drenando o terreo para evitar esta problemática”.

Dúas estreas de cinema francés a partir de maña venres nos cines Codex

 
Esta semana Codex Cinema inclúe na súa programación dúas estreas que amosan a incrible saúde do cinema francés e un novo filme da retrospectiva da cineasta húngara Márta Mészáros, que terá lugar o domingo 30 ás 18:00h coa proxección da segunda longametraxe da directora: Non choredes, preciosas (1970). Ás 18:00 o músico Alfonso Espiño presentará o filme. Márta Mészáros foi a primeira directora en gañar o Oso de Ouro da Berlinale en 1975 polo seu filme Adopción. 
Hoxe xoves 27 contiúan as dúas estreas da semana pasada, Unicorn Wars e Un año, una noche. E a partir de maña venres,  28 chega a Codex Os cinco diaños, nova longametraxe da cineasta francesa Léa mysius.  O filme causou moi boas sensacións na Quincena dos Realizadores do Festival de Cannes e na Sección Oficial do Festival de Sitges; conta ademais co protagonismo de Adèle Exarchopoulos, unha das actrices máis recoñecidas no cinema do país galo dende a súa participación en A vida de Adéle (2013), e de Sally Dramé.
Asemade tamén se estrea en Codex O oficio de aprender, novo filme do francés François Favrat. A película está inspirada no traballo das compagnons, organizacións de artesáns moi frecuentes en Francia, que forman a mozos e mozas nestes oficios. Dentro destas organizacións hai uns valores fundementais que percorren a película: a axuda mutua e o traballo manual.
Pódese consultar toda a programación en: www.caldiae.gal

Olga Capón Moreno nomeada presidenta da xestora do PP de Láncara

Olga Capón Moreno foi nomeada presidenta da xestora do PP de Láncara. Diplomada en Relacións Laborais e cunha ampla experiencia profesional en recursos humanos e xestión administrativa, esta veciña da parroquia de Bande asume a presidencia da xestora da agrupación local do Partido Popular “moi ilusionada por facer cousas por Láncara” e co obxectivo de “sumar” dende “o respecto, a humildade e o traballo”.
A nova presidenta da xestora dará a coñecer nas vindeiras semanas ao resto do equipo que conformará a xunta xestora do partido ata a celebración do correspondente congreso local. A xestora será a encargada de nomear ao candidato ás vindeiras eleccións municipais co obxectivo de alcanzar a alcaldía.

Capón Moreno considera prioritaria “a creación de emprego para favorecer que a xente poda vivir e traballar en Láncara e aposta por resaltar o noso patrimonio, coidar o medio ambiente, potenciar o deporte e, por suposto, o benestar social vencellado ao coidado dos maiores, a atención aos máis pequenos e a oferta de actividades para os rapaces e rapazas e tamén para as mulleres nas mesmas condicións que os homes”. Ademais, “é fundamental garantir os servizos aos veciños e veciñas e facer que sexa atractivo vivir no noso concello para todos aqueles que xa nos sentimos orgullosos de Láncara”. Así mesmo, aposta por “unha boa xestión dos recursos materiais e humanos”.

A popular destaca o potencial do municipio “moi ben situado e con moitos recursos”, pero lamenta que “o actual goberno non atenda ás pistas para ofrecer comunicacións en bo estado aos veciños e veciñas de tódalas parroquias nin se preocupe polas traídas de auga”. Estes son dous servizos fundamentais para o importante sector gandeiro do municipio ao que, ademais, cre que “hai que revisarlle os impostos”.

Jorge Prado inaugurará este xoves cunha exhibición o novo circuíto de motocross de Teixeiro

O piloto lucense Jorge Prado participará este xoves na inauguración oficial do novo circuíto municipal de motocross en Teixeiro, ao que dá nome o laureado deportista, doble campión do mundo nesta disciplina. O evento terá lugar a partir das 17:00 horas e será aberto ao público e totalmente gratuíto.

“O Club Motopark Lugo será o encargado de xestionar a pista –en funcionamento dende o pasado mes de xullo– durante os próximos tres anos, ata un máximo de cinco, achegando un canon anual de 2.150 euros; deberá, ademais, compatibilizar o uso do circuíto coa celebración de eventos programados polo Concello nestas instalacións”, tal e como indicou Mauricio Repetto, concelleiro de Xuventude e Deportes.

O club lucense encargarase, así mesmo, da execución dun programa de mantemento e conservación da instalación; deberá facerse cargo de diferentes labores de mantemento, entre as que se atopan: a súa limpeza diaria, tanto das zonas de aparcamento, paddock, zonas de público e demais espazos verdes do recinto; o desbroce e limpeza do entorno; ou o mantemento do circuíto, cos medios mecánicos necesarios, para a recuperación do trazado, logo de cada sesión de adestramentos ou, no seu caso, de celebrarse unha competición.

Por outra banda, deberá presentar unha memoria anual da actividade realizada con detalle do número de usuarios, cuotas ou entradas abonadas pola utilización da pista, así como os gastos asumidos e realizados. No caso de que os ingresos obtidos superen os custos reais reflectidos en dita memoria, este exceso deberá destinarse a melloras na parcela ou aos fins que se acorde co Concello, para atender os gastos ou custos derivados das actuacións municipais no circuíto.

Características da nova pista Jorge Prado

O novo circuíto Jorge Prado, executado polo Concello en terreos municipais na parroquia de Teixeiro, conta con 2.000 metros de pista e 10 metros de ancho, medidas aptas para celebrar campionatos a nivel internacional. Para a súa execución aproveitáronse os desniveis naturais do terreo para facer parte dos saltos. Deste xeito, conta cunha ampla variedade de saltos e trazadas para todos os niveis; así mesmo, tamén disporá dalgún salto mais técnico para os pilotos máis experimentados.

A parcela conta tamén cun espazo habilitado para o paddock e reservouse unha zona para a práctica de quad cros, enduro e trial. No deseño da pista tamén participou, achegando o seu coñecemento e ideas, o organizador do Gran Premio de España de motocross que se celebra anualmente na Comunidade de Madrid, Diego Muñoz.

A UNED de Lugo recibe o Premio Nacional de Boas Prácticas dos centros asociados pola súa iniciativa PlanetaOds

O premio reafirma á institución lucense como modelo de concienciación a favor do desenvolvemento sustentable pola súa loita contra o cambio climático, divulgación do patrimonio natural e promoción da Axenda2030. É o terceiro galardón consecutivo outorgado polo Consello Social da UNED a unha boa práctica do centro lucense, cunha dotación de 5000 euros. A iniciativa premiada está dirixida por Ana Belén Traseira e Carlos García, e inclúese no proxecto #LugoNaturalMente o cal ten como finalidade concienciar da necesidade de vivir dun modo máis sustentable, reforzando o compromiso das administracións e da cidadanía para alcanzar o dezasete grandes Obxectivos da Axenda 2030 que contribúen a preservar o planeta e facer posible un futuro máis próspero para as xeracións vindeiras.

O proxecto premiado consiste na selección de 17 efemérides anuais, coa finalidade de profundar na difusión de cada unha delas, a través dunha peza audiovisual breve e dunha conferencia gratuíta, emitida en directo e diferido a través da canle de YouTube do centro, e impartida por un profesional de recoñecido prestixio. Por exemplo, o día da loita contra o cambio climático contouse coa participación da directora da Cátedra UNESCO de Educación Ambiental da UNED.

Implicouse a institucións públicas, empresas, colectivos profesionais, asociacións, ONG, … de ámbito local para que participen e así poder conformar un coñecemento eficiente de proximidade, contribuíndo deste xeito ao desenvolvemento territorial sustentable. Deuse a coñecer a través desta iniciativa diferentes enclaves do patrimonio natural da provincia de Lugo e mostráronse proxectos que poderían replicarse noutros puntos da nosa xeografía e que contribúen, notablemente, á sustentabilidade e á loita contra o despoboamento rural lucense.

Menos mal que chove

Vivimos unha tormenta perfecta na terceira década dun século que soñamos de progreso e resultou brutalmente agresivo e opresor, como se quen decide experimentase connosco para calibrar a nosa resistencia.

Un conflito bélico convertido en problema mundial enfronta aos dous bloques políticos do vello mundo, onde o que parece máis tolo ameaza con bombas nucleares. E a guerra non só repercute nas aportacións de material bélico e no aumento do militarismo, senón tamén no subministro de gas ou no de cereais imprescindibles para a nosa alimentación.

Xéranse incrementos de prezos brutais, non só nos produtos vinculados á área bélica, senón practicamente en todo o que consumimos, nunha dinámica imposible de asumir pola clase media, que agora poucos saben o que significou.

As reglas do mercado non permiten a fixación de prezos, polo que o goberno opta polo máis doado de subvencionar combustibles en lugar de cortar o problema de raiz, polo difícil que resulta regular a actividade dos que impoñen condicións. E os consumidores soportamos incrementos de dous díxitos no índice de prezos, que resultaría brutal se fose crible, porque todos experimentamos que ou se trucan os resultados, ou non inclúen os produtos que máis nos afectan.

Prométennos aumentos de pensións e soldos, para que pechemos os ollos a unha realidade insoportable. E nesta terra na que en tempos sobraba auga, suspiramos porque chova, como se a auga fose a solución. Pois se o refrán quere que “as penas con pan sexan menos penas”, con tan negra situación, mesmo xa andamos máis contentos porque para afogar penas, alomenos xa viñeron as choivas.

Este sábado terá lugar a I Festa das Meigas no barrio da Tinería

O barrio da Tinería acollerá este sábado a I Festa das Meigas con motivo da celebración do Samaín: a programación inclúe un concurso en redes sociais; unha xincana con varias probas; así como a presenza de dous animactores caracterizados que percorrerán as rúas dos diferentes barrios de Lugo, do 24 ao 28 de outubro de 18:00 a 20:00 horas e o 29 de outubro de 12:00 a 14:00 horas.

A actividade do sábado enmárcase, así mesmo, dentro das accións de dinamización específicas do movemento Localmente Lucense para o desenvolvemento económico e social do barrio da Tinería. Deste xeito, coa finalidade de dinamizar as rúas desta zona emblemática da cidade e apoiar aos establecementos de proximidade instalados no viveiro de empresas que habilitou o Concello, porase en marcha unha ampla programación que dará comezo ás 11:00 horas e se estenderá ao longo de todo o día.

Haberá actuacións musicais, pasarrúas, batucada, obradoiros para nenos e nenas e de maquillaxe, chocolatada, un concurso de caracterización e un espectáculo infantil. Toda a información e as bases do certame poden consultarse a través da páxina web: https://localmentelucense.gal/meigas/

Programación

De 11.00 a 21.00 h. Música e photocall.

De 11.00 a 12.00 h. Pasarrúas con carriño musical que percorrerá as rúas do barrio difundindo as actividades do movemento LocaLmente Lucense.

De 12.00 a 14.00 h. Obradoiro infantil “Complementos de meigas/os”: con materiais doados de traballar crearemos máscaras, gatos, sombreiros, basoiras… e complementos de meigas desde as máis clásicas ás máis extravagantes.

De 12.30 h. a 13.30 h. Batucada itinerante a cargo do grupo de percusión Asociación Cultural Bloco de Meigallo ambientando e dinamizando a zona.

De 13.30 h. a 15.30 h. Sesión vermú a cargo de DJ Marcon Peón xunto ao gañador do concuro de DJ´s LocaLmenteLucense Kiko Dj.

De 16.00 a 17.00 h.  Obradoiro de maquillaxe para quen queira infiltrarse na festa e ir ambientado coa temática da xornada. Crearemos meigas diferentes.

De 17.00 h a 18.00 h. Espectáculo infantil “Cores. contos e rock and roll” a cargo de Ramona Órbita.

De 18.00 h a 20.00 h. Gastronomía de meigas: espazo para lambetadas dulces, taller e chocolatada gratis ata fin de existencias.

De 18.30 h a 19.30 h. Batucada itinerante a cargo do grupo de percusión Asociación Cultural Bloco de Meigallo ambientando e dinamizando a zona.

De 20.00 h a 20.30 h. Concurso desfile “A/o meiga/o mellor vestida/o” para todos os xéneros. Pódese participar individualmente, en parella ou grupo. Inscricións máis abaixo nesta web ou o día da festa, de 12.00 a 19.00 h. na rúa Tinería nº36.

  • 1º PREMIO: vale de 300 euros para gastar nos establecementos do movemento
  • 2º PREMIO: vale de 200 euros para gastar nos establecementos do movemento
  • 3º PREMIO: vale de 100 euros para gastar nos establecementos do movemento

De 20.45 h. Entrega de premios.

De 21.00 h. Actuación musical de The Big Party.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com