Jorge Prado inaugurará este xoves cunha exhibición o novo circuíto de motocross de Teixeiro

O piloto lucense Jorge Prado participará este xoves na inauguración oficial do novo circuíto municipal de motocross en Teixeiro, ao que dá nome o laureado deportista, doble campión do mundo nesta disciplina. O evento terá lugar a partir das 17:00 horas e será aberto ao público e totalmente gratuíto.

“O Club Motopark Lugo será o encargado de xestionar a pista –en funcionamento dende o pasado mes de xullo– durante os próximos tres anos, ata un máximo de cinco, achegando un canon anual de 2.150 euros; deberá, ademais, compatibilizar o uso do circuíto coa celebración de eventos programados polo Concello nestas instalacións”, tal e como indicou Mauricio Repetto, concelleiro de Xuventude e Deportes.

O club lucense encargarase, así mesmo, da execución dun programa de mantemento e conservación da instalación; deberá facerse cargo de diferentes labores de mantemento, entre as que se atopan: a súa limpeza diaria, tanto das zonas de aparcamento, paddock, zonas de público e demais espazos verdes do recinto; o desbroce e limpeza do entorno; ou o mantemento do circuíto, cos medios mecánicos necesarios, para a recuperación do trazado, logo de cada sesión de adestramentos ou, no seu caso, de celebrarse unha competición.

Por outra banda, deberá presentar unha memoria anual da actividade realizada con detalle do número de usuarios, cuotas ou entradas abonadas pola utilización da pista, así como os gastos asumidos e realizados. No caso de que os ingresos obtidos superen os custos reais reflectidos en dita memoria, este exceso deberá destinarse a melloras na parcela ou aos fins que se acorde co Concello, para atender os gastos ou custos derivados das actuacións municipais no circuíto.

Características da nova pista Jorge Prado

O novo circuíto Jorge Prado, executado polo Concello en terreos municipais na parroquia de Teixeiro, conta con 2.000 metros de pista e 10 metros de ancho, medidas aptas para celebrar campionatos a nivel internacional. Para a súa execución aproveitáronse os desniveis naturais do terreo para facer parte dos saltos. Deste xeito, conta cunha ampla variedade de saltos e trazadas para todos os niveis; así mesmo, tamén disporá dalgún salto mais técnico para os pilotos máis experimentados.

A parcela conta tamén cun espazo habilitado para o paddock e reservouse unha zona para a práctica de quad cros, enduro e trial. No deseño da pista tamén participou, achegando o seu coñecemento e ideas, o organizador do Gran Premio de España de motocross que se celebra anualmente na Comunidade de Madrid, Diego Muñoz.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com