Novas

Pechando o ano de Florencio Delgado Gurriarán

Lugo acolle desde hoxe a mostra itinerante da Xunta “Compromiso na distancia”, que percorre a vida e figura do homenaxeado nas Letras Galegas 2022, Florencio Delgado Gurriarán. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, visitou a Biblioteca Pública de Lugo acompañado da súa directora, María Isabel Pérez Fórneas, para inaugurar a dita exposición, que permanecerá na biblioteca lucense ata o próximo 10 de novembro. De aí pasará a Pontevedra e, finalmente, pechará a súa itinerancia en Celanova.

A mostra, que se enmarca nas máis de 150 actividades da programación das Letras Galegas 2022 impulsadas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, consta de diferentes zonas explicativas nas que se fai un completo percorrido pola vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán, desde a súa infancia ata a súa madurez, incluíndo as súas experiencias en terras mexicanas e o regreso a Galicia coas primeiras publicacións.

Inaugurada a mostra ‘Fuxan os Ventos. 50 anos de historia’

A mostra ‘Fuxan os ventos. 50 anos de historia’ inaugurada este sábado 22 de outubro no Vello Cárcere da cidade de Lugo, coincidindo co 50 aniversario da data do primeiro concerto deste grupo de música galego no III Festival das San Lucas de Mondoñedo, está integrada por unha gran diversidade de formatos e conta con achegas de diferente procedencia.

Carteis de actuacións de todos os anos, fotografías, recortes de prensa, libros de poetas, manuscritos, os propios discos, vídeos e audios -inéditos nalgúns casos- conforman esta exposición que conta con tres bloques diferenciados: un sobre a cronoloxía do grupo, outro sobre o seu universo creativo e un terceiro, máis pequeno, dedicado ás súas lembranzas.

A mostra, amosa o universo creativo do grupo e recolle distintas pezas que permiten analizar os seus referentes literarios e detallar a súa relación cos propios poetas. Concretamente, a exposición saca á luz o traballo con Marica Campo, Darío Xohán Cabana ou Manuel María, xa que  a agrupación era, sobre todo, unha  formación vocal, polo que ademais de interpretar e reinterpretar cancións tradicionais, tamén fixeron un interesante traballo de divulgación da poesía galega, musicando poemas dos autores antes nomeados (os tres de Lugo), doutros autores galegos e mesmo creacións propias, ao que tamén contribuíron  outros autores que non subían ao escenario co grupo, pero que compuxeron temas propios como Xesús Mato, autor da canción que da nome ao grupo e  alma mater do proxecto e  Antón Campelo que puxo música a algunha canción das máis emblemáticas de Fuxan.

Esta exposición permitirá ás e os visitantes escoitar por primeira vez a canción ‘O corvo’ recollida nunha maqueta do ano 1975, que non pasou a censura. Fuxan os Ventos non saíu en ningún disco. Esta e outras cancións pódense escoitar en distintos puntos de audio que recollen gravacións de ensaios de cancións coñecidas, pero nun formato distinto.

Os nove membros actuais do grupo -Antón Castro, Xosé Vázquez, Pedro Lucas, Xoán L. Fuertes Saavedra, Carmen Vázquez, Tereixa Novo, Maruxa Fociños, Alfonso Fernández e Moncho Díaz-, agasallaron ao público cantando algúns dos seus temas tanto na sesión inaugural do mediodía coma no segundo acto que se celebrou á última hora da tarde. En ambos casos, os convites que era preciso reservar con antelación estaban esgotados dende hai días.

Horario de visitas

A mostra poderá visitarse no Vello Cárcere ata o 22 de xaneiro de 2023. Polas mañás en horario de 11:00 a 14:00 horas e polas tardes entre as 17:00 e as 20:30 horas de domingo a mércores e entre as 17:00 e as 22:30 horas de xoves a sábado.

O Concello de Becerreá retoma o proxecto da gran senda do Navia

O Concello de Becerreá ven de solicitar unha axuda á Consellería de Medio Ambiente con cargo aos fondos habilitados pola Unión Europea, coñecidos como NexGenerationEU, para a execución de diversas actuacións na mellora da infraestrutura de uso público para o uso turístico.

Os traballos pretenden a “execución de diversas actuacións na reserva da biosfera os Ancares lucenses e montes de Cervantes, Navia e Becerreá, no concello de Becerreá”.

Ademais o Concello de Becerreá pretende executar traballos que se integran dentro da Conservación e xestión da biodiversidade e dos recursos naturais:

Os obxectivos a cumprir son, entre outros, a Conservación de hábitats terrestres e especies, a recuperación da actividade tradicional da zona; a mellora da infraestrutura de uso público existente para o uso turístico. A máis salientable desta accións a levar a cabo é, sen dúbida, a de crear unha ruta de sendeirismo que recorrería as marxes do Río Navia dende o seu nacemento en Pedrafita do Cebreiro ata a súa desembocadura en Navia (Asturias).  Esta iniciativa “xa fora aprobada polo anterior goberno da Deputación é parece ser esquecida pola actual goberno provincial. Ante esta situación o Concello de Becerreá tomou a iniciativa de recuperar dito proxecto no ámbito do seu municipio dada a importancia que ten e tería a súa construción para toda a comarca”.

A alcaldesa de Lugo lamenta que “a Xunta ignore nos orzamentos o centro histórico de Lugo”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, lamentou hoxe que o anteproxecto de orzamentos da Xunta de Galicia “ignore tanto as débedas e compromisos adquiridos hai anos cos e coas lucenses como as súas competencias, ao non incluír partidas para o Centro Histórico, a conservación do patrimonio, os barrios e o rural.  Mesmo menospreza os proxectos anunciados por Feijóo para Lugo xusto antes de marchar para Madrid”.

Méndez tachou “de falta de respecto a Lugo que o presidente, Alfonso Rueda, impuxese, sen consenso, unha día (o 24 deste mes) para reunirse con ela para escoitar as necesidades da cidade, cita que se se celebrará xa cos orzamentos presentados”. Lembrou que, “pola contra, ela lle solicitou a reunión o 31 de maio, 15 días despois de tomar posesión, polo que tivo seis meses para reunirse comigo e coñecer o sentir de Lugo; agora, a xuntanza do luns se presenta como un mero trámite e unha foto baleira de contido”.

Na súa valoración do anteproxecto de orzamentos, a alcaldesa destacou “o nulo compromiso co Centro Histórico, onde a Xunta elude as súas responsabilidades ao non existir partidas económicas para a recuperación de vivendas nin para o Hospital de San Miguel e a Casa Torre, así como para o Museo da Romanización de Galicia ou para a recuperación dos fornos romanos atopados na UI-7 do barrio da Tinería e que constitúen unha das maiores concentracións deste tipo de infraestrutura industrial do noroeste peninsular”.

Méndez advertiu, ademais, que “a Xunta se esquece, outro ano, dos barrios, como o de Paradai, Sagrado Corazón e Estación, os principais beneficiados de que finalice o Plan Paradai tras 21 anos desde o seu inicio. Os  orzamentos inclúen a mesma partida de 500.000 euros de todos os anos, que nunca se executa. Entendemos que tampouco no 2023, debido a que xa anunciou a candidata do PP que esa obra non é prioritaria porque non lle dá réditos políticos”, lembrou.

O PP pedirá ao pleno que Lugo reforce a rede de prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida

O Grupo Municipal do Partido Popular pedirá no pleno deste mes a elaboración dun planeamento de accesibilidade da cidade, tomando en consideración as prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida, incrementando o número das mesmas e facilitando información en tempo real da súa localización e dispoñibilidade a través dunha APP.

Explica Macamen López que esta iniciativa “ten moita importancia, xa que cómpre facilitar a localización das mesmas e a súa correcta identificación non so para os lucenses que precisen facer uso delas, senón para fomentar a acollida de visitantes e turistas facilitando mapas que indiquen as zonas de aparcamento, facendo especial fincapé na localización das prazas para persoas de mobilidade reducida, polo que se podería considerar a posibilidade de incluír esta información en plataformas de mapas online e navegadores (como Google Maps, por exemplo)”.

Para Macamen López “é o momento de avanzar a unha mobilidade accesible en Lugo. Non son precisos proxectos excesivamente
ambiciosos, simplemente un planeamento estudiado minuciosamente con planeamentos que permitan avanzar progresivamente pola senda da accesibilidade de xeito que non quede ninguén polo camiño do desenvolvemento urbano”.

Sesión de cine no Bicentenario de Paradela

Mañá sábado 22, ás 16:30 horas, na Casa da Cultura “Manuel Rodríguez López” de Paradela, terá lugar unha sesión cinematográfica enmarcada dentro dos actos do Bicentenario do Concello, que se está a celebrar no decurso do segundo semestre do presente ano.

Nesta sesión vaise proxectar “Maiores de Paradela”, unha produción audiovisual realizada por Begoña Pérez López con motivo do Bicentenario da institución municipal, con intervención dos paradelenses Xesús Mato Mato, Julio Varela Rodríguez, Ermitas López Arias e Francisca Jorge López, que relatan experiencias da súa infancia e mocidade, nun achegamento á vida de Paradela de mediados do pasado século.

Así mesmo, e continuando co ciclo dedicado ao Camiño de Santiago, vaise proxectar a película “El final del Camino” (2009), unha cinta en clave de comedia romántica, protagonizada por Fernando Tejero, Malena Alterio e Ana Milán, con situacións cómicas e aloucadas, con algún toque romántico, que ten por marco o Camiño Francés a Compostela, do que Paradela é un fito destacado.

A entrada á proxección será libre ata completar o aforo.

O II Foro Think Tank terá lugar o vindeiro luns no Balneario Augas Santas de Pantón

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias Fouz, e o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López, presentaron hoxe en Lugo o II Foro Think Tank que nesta ocasión leva por título “Ribeira Sacra: aposta de futuro”, unha das múltiples iniciativas que ambas entidades levan organizando por toda a provincia no marco do programa Conecta Lugo.

Este encontro terá lugar no Balneario Augas Santas de Pantón o vindeiro luns e contempla tres mesas de traballo nas que se afondarán nas fortalezas e debilidades de sectores clave na zona sur da provincia, como o turístico, o agroalimentario ou o vitivinícola. Tamén se adiantará información sobre as novas liñas de axudas que se están preparando dende a Xunta de cara ao vindeiro exercicio.

Clausura a cargo do vicepresidente económico

O programa do foro comprende tres mesas de traballo: “Excelencia e sustentabilidade como camiño no turismo”; “O potencial do sector agroalimentario” e “O viño como porta ao mundo”. Nelas participarán representantes de entidades da Xunta como a Axencia Galega de Innovación, o Igape, a Axencia Galega de Turismo de Galicia ou Agacal, así como do C.R.D.O Ribeira Sacra e empresas como Vinigalicia, Galletas Daveiga, Alibós, Arias Moniz ou Máis que Románico, entre outras. O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación clausurará o evento.

Na páxina web da CEL pódese consultar o programa completo e formalizar inscrición, se ben polo momento as novas reservas de praza pasarán directamente a lista de espera.

 

 

Un home foi excarcerado despois de que o coche no que circulaba envorcase na A6 ao seu paso por Lugo

O accidente produciuse na A-6, no punto quilométrico 491, en sentido a Madrid.

O 112 Galicia rexistrou este accidente uns minutos antes das 10:30 horas, a través da chamada de varias persoas particulares. Segundo indicaban, un coche envorcara e un home que viaxaba no interior tiña dificultades para saír do vehículo.

Axiña, con estes datos, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Lugo, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e ao servizo de mantemento da autovía.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, os Bombeiros fixeron uso do material de excarceración para liberar ao varón e, posteriormente, foi trasladado nunha ambulancia ao Hospital Universitario Lucus Augusti.

Tacto rectal

Hai uns corenta anos, a un compañeiro fixéronlle unha proba relacionada con problemas intestinais, que debía ser similar ao “tacto rectal” pero con medios mecánicos, o que lle provocara sensacións inédidas e desagrables. Aos bárbaros que o rodeabamos, pura inconsciencia, causabanos hilaridade a situación e agora, ao lembrala, dame vergoña.

O “tacto rectal” debe ser a versión simplificada e moderna daquela situación aínda que, polo que parece, sigue impoñendo. Tamén polo que parece, fixéronmo dúas veces. Unha, o médico de cabeceira, hai tempo. Outra, un especialista que se asombraba de que eu non lembrase ese feito sete meses despois.

Como non vai lembrar esa consulta se se lle fixo un “tacto rectal”?, dixome. Pois non, non me lembro, confesei. A causa posible, argüín, é que veño preocupado polo meu maior problema, diabético-renal, e o demais o cerebro esquéceo. Faltoume decirlle que cando vou a unha consulta vou disposto a todo, e superada a proba reintégrome – moi condicionado, eso sí – á vida normal.

O especialista non quedou conforme, e algo mencionou da miñá idade – non sei se favorable ou a contraria – e proseguiu a consulta. Eu estaba cunha gripe que xa duraba oito días, moito peor ca o Covid que me veu en maio, e tiña que facer equilibrio coas explicacións, a puñeiteira mascariña e as fontes do narís… polo que o médico tendeume un manoxo de panos de papel para que sonase os mocos.

Non sei o que apuntaría nas súas notas, pero teño por certo que foi a peor impresión que a alguén lle teño causado. Como non me recetou nada – bueno, si, unha biopsia – supoño que o meu caso non ten moito amaño.

 

Nas vindeiras semanas abrirá o novo Centro Social Multifuncional de Lamas de Prado

En apenas unhas semanas, a cidadanía lucense poderá dispoñer dun novo centro social en Lamas de Prado. As instalacións prestarán servizo a unhas 20.000 persoas dos barrios do Carme, A Cheda, Abuín-Abella e Castiñeiro, así como de diversas parroquias do rural.

A alcaldesa de Lugo a compañada pola edil responsable de área,  deu a coñecer esta mañá o estado no que se atopa a construción do inmoble, practicamente xa rematado e ao que só lle restan pequenos aspectos burocráticos como a contratación do mantemento do ascensor e da subministración eléctrica, así como a instalación do mobiliario, actual e multifuncional, acorde aos diferentes usos que se contemplan tanto no interior como no exterior do centro”, indicou.

A rexedora explicou que a dotación disporá de dúas plantas e un soto, que funcionará de xeito independente. De maneira que a planta baixa, que terá unha distribución flexible, albergará actividades recreativas e formativas, coas que facilitar a convivencia de todo tipo de persoas usuarias, mentres que a planta superior se destinará a tarefas de traballo social.

“A zona de recreo (Planta Baixa) terá unha distribución flexible, con tabiquería móbil, o que permitirá adaptar a distribución das particións interiores ás finalidades e actividades que se vaian a desenvolver en cada momento. E contará, tamén, cunha zona que se poderá empregar como salón de actos para 150 persoas, ludoteca, sala de conferencias, de lectura, de xogos, de ximnasia ou de baile. Mesmo disporá dun escenario hidráulico con diferentes alturas”, avanzou.

“Pola contra, a parte administrativa (1º Planta) foi organizada en franxas de sentido lonxitudinal ao longo do edificio, para acoller unha zona de información, 7 despachos – intercomunicados a través dun corredor de seguridade – dúas zonas de espera, un arquivo e aseos. E o soto centrará a súa funcionalidade en albergar os baños da Planta Baixa, o cuarto de instalacións e o almacén xeral”, referiu Lara Méndez.

Pola súa banda, Olga López destacou que o centro permitirá ofrecer asesoramento á poboación e atención na tramitación das axudas sociais pero tamén a impartición de formación e cursos, e de programación recreativa ou de ocio como o baile, teatro, espectáculos, xogos, etcétera.

En canto aos recursos humanos, contará cun equipo interdisciplinar constituído por traballadore/as sociais, educadore/as, animadore/as, auxiliares e conserxería.

O proxecto enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% pola UE a través dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), aínda que a alcaldesa destacou tamén o aproveitamento que se fixo das sinerxías co programa Life Lugo+Biodinámico “xa que a madeira, de orixe galega, foi o principal elemento estrutural da edificación, na liña do Impulso Verde e en consonancia urbanismo sustentable que xa é a marca que define a nosa cidade”, concluíu.

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com