Inaugurada a mostra ‘Fuxan os Ventos. 50 anos de historia’

A mostra ‘Fuxan os ventos. 50 anos de historia’ inaugurada este sábado 22 de outubro no Vello Cárcere da cidade de Lugo, coincidindo co 50 aniversario da data do primeiro concerto deste grupo de música galego no III Festival das San Lucas de Mondoñedo, está integrada por unha gran diversidade de formatos e conta con achegas de diferente procedencia.

Carteis de actuacións de todos os anos, fotografías, recortes de prensa, libros de poetas, manuscritos, os propios discos, vídeos e audios -inéditos nalgúns casos- conforman esta exposición que conta con tres bloques diferenciados: un sobre a cronoloxía do grupo, outro sobre o seu universo creativo e un terceiro, máis pequeno, dedicado ás súas lembranzas.

A mostra, amosa o universo creativo do grupo e recolle distintas pezas que permiten analizar os seus referentes literarios e detallar a súa relación cos propios poetas. Concretamente, a exposición saca á luz o traballo con Marica Campo, Darío Xohán Cabana ou Manuel María, xa que  a agrupación era, sobre todo, unha  formación vocal, polo que ademais de interpretar e reinterpretar cancións tradicionais, tamén fixeron un interesante traballo de divulgación da poesía galega, musicando poemas dos autores antes nomeados (os tres de Lugo), doutros autores galegos e mesmo creacións propias, ao que tamén contribuíron  outros autores que non subían ao escenario co grupo, pero que compuxeron temas propios como Xesús Mato, autor da canción que da nome ao grupo e  alma mater do proxecto e  Antón Campelo que puxo música a algunha canción das máis emblemáticas de Fuxan.

Esta exposición permitirá ás e os visitantes escoitar por primeira vez a canción ‘O corvo’ recollida nunha maqueta do ano 1975, que non pasou a censura. Fuxan os Ventos non saíu en ningún disco. Esta e outras cancións pódense escoitar en distintos puntos de audio que recollen gravacións de ensaios de cancións coñecidas, pero nun formato distinto.

Os nove membros actuais do grupo -Antón Castro, Xosé Vázquez, Pedro Lucas, Xoán L. Fuertes Saavedra, Carmen Vázquez, Tereixa Novo, Maruxa Fociños, Alfonso Fernández e Moncho Díaz-, agasallaron ao público cantando algúns dos seus temas tanto na sesión inaugural do mediodía coma no segundo acto que se celebrou á última hora da tarde. En ambos casos, os convites que era preciso reservar con antelación estaban esgotados dende hai días.

Horario de visitas

A mostra poderá visitarse no Vello Cárcere ata o 22 de xaneiro de 2023. Polas mañás en horario de 11:00 a 14:00 horas e polas tardes entre as 17:00 e as 20:30 horas de domingo a mércores e entre as 17:00 e as 22:30 horas de xoves a sábado.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com