Novas

Os obradoiros de tecnoloxía crea R chegan a Lugo

Os obradoiros crea R continúan o seu percorrido de outono e esta fin de semana achegarán á capital lucense este plan didáctico pensado para
os/as pequenos/as da casa coas novas tecnoloxías e a innovación como eixos centrais.

A idea básica é incidir na aprendizaxe e o emprendemento fomentando, de forma lúdica, as habilidades emocionais e sociais e a creatividade en nenos e nenas de 7 a 12 anos. Este sábado 22, entre as 11:00 e as 13:00 h, os/os pequenos/as poderán achegarse, no espazo multiusos
de Afundación Abanca Lugo ((Praza Maior, 16/ Praza Santa María, s/n, 27001) a conceptos fundamentais de condutividade e electrónica; e aprenderán a deseñar tamén as bases dun sistema automatizado de rega.

Nos obradoiros crea R de Lugo haberá tres propostas para os/as máis novos/as, en función da súa idade:
“Contos que cobran vida”. Para nenas e nenos de 7 e 8 anos. Creando tinta condutiva, aprenderán a integrar conceptos de electrónica con pilas e elementos condutores. Cando saiban como funcionan, artellarán un conto para, finalmente, engadir luces led á súa historia.

“Sala de operacións”. Para nenas e nenos de 9 e 10 anos. Dunha maneira educativa e divertida, mediante a creación dun ‘xogo de operacións’ que deseñarán e programarán ao seu gusto, os/as pequenos/as aprenderán conceptos básicos de condutividade e sinais dixitais, e tamén o funcionamento dun curtocircuíto. Todo iso, a través da chamada placa microbit e de diferentes elementos electrónicos.

“Sistema de rega intelixente”. Para nenas e nenos de 10 a 12 anos. Aprenderán a deseñar un sistema automatizado que detecta o nivel de humidade e a temperatura das plantas para saber cando deben regarse, baseándose en sensores de humidade, un sensor térmico integrado e unha placa controladora. Ademais, crearán, dunha maneira visual e amigable, un sistema que lles sirva para entender os datos obtidos.
A través dunha experiencia divertida, os/as pequenos/as conseguen ter máis seguridade en si mesmos/as e dar saída ao seu talento. Aí están, ademais, os valores do emprendemento e o núcleo dos chamados “conceptos STEAM”: Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas. Á vez, deixan de ser meros/as consumidores/as pasivos/as de tecnoloxía e botan man dela creando e aprendendo.

Chus Rodríguez encabeza a unha única lista de consenso nas primarias de EU Lugo

Chus Rodríguez, psicóloga e funcionaria da Xunta, membro da Coordinadora nacional de EU, encabezou a única candidatura presentada no proceso de primarias de EU Lugo.

A Coordinadora Nacional de EU puxo en marcha en setembro un proceso de primarias abertas de cara á configuración das listas electorais para as eleccións locais de 2023, tanto para as listas propias como para unha posible participación en candidaturas plurais de converxencia, en cumprimento dos Estatutos federais de IU. O proceso da Agrupación de Lugo seguiu o regulamento e calendario de eleccións primarias establecido pola Coordinadora Nacional para os diferentes concellos de Galicia, nos que ademais de militantes tamén participarán persoas simpatizantes.

Chus Rodríguez e Isabel Sánchez encabezaron unha única lista de consenso na Asamblea local, e contaron co aval e o apoio unánime de toda a agrupación.

Seguindo o calendario establecido, a Coordinadora Nacional proclamará este sábado 22 de outubro a Chus Rodríguez como candidata de EU á alcaldía de LUGO.

“Unicorn Wars” e Un año, una noche”, as dúas estreas desta semana nos Codex

Sons Galiza Comunicación, S.L. Esta semana chega a Codex Unicorn Wars, segunda longametraxe de animación do coruñés Alberto Vázquez logo da triunfante Psiconautas, los niños olvidados (2015) e posuidor dunha prestixiosa e prolífica traxectoria no ámbito da curtametraxe animada. O novo filme participou nas seccións oficiais do Festival de Annecy e do Festival de Sitges. Unicorn Wars é un relato bélico que reflexiona sobre a tenrura e a maldade.

A outra estrea deste semana nos  Codex é Un año, una noche, novo filme do xironés Isaki Lacuesta que chega a salas logo de concursar na Sección Oficial do Festival de Berlín deste mesmo ano. Trátase dunha adaptación do libro Paz, amor y death metal de Ramón González, supervivente en novembro de 2015 do atentado terrorista da sala Bataclan. Contando co protagonismo de Quim Gutiérrez, Alba Guilera, Natalia de Molina e C. Tangana, Lacuesta ofrece unha visión analítica deste traumático suceso e das consecuencias psicolóxicas que teñen que afrontar os superviventes, persoas que non volverán a ser as mesmas.

E o domingo 21, ás 18:00, continúa a Retrospectiva Márta Mészáros coa proxección da segunda longametraxe da directora: Vencellos (1969). Ás 18:00 o xornalista Nico Carreira presentará o filme. Márta Mészáros foi a primeira directora en gañar o Oso de Ouro da Berlinale en 1975 polo seu filme Adopción.  Vencellos concurso na Quincena dos Realizadores do Festival de Cannes de 1969. A protagonista é inusual na obra de Mészáros, que habitualmente retrata o día a día de mulleres traballadoras. Esta burguesa está prisioneira da súa propia familia polo rol de muller de ben que lle é asignado

 

 

Novas inundacións no HULA

CIG- Saude quere denunciar a situación que se viviu no día de hoxe no Hospital Universitario Lucus Augusti debido “ás inundacións que houbo en diversas zonas do edificio, como a planta cuarta de hospitalización, ou outras zonas na planta 0 do edificio”.
“Debido a esta esperpéntica situación as traballadoras víronse obrigadas a actuar urxentemente para achicar a auga e salvar o material, así como tamén foi necesario o traslado dalgún doente xa que o seu cuarto vírase afectado pola auga”, sinalan dende CIG-Saude.

Tamén a deputada do Bloque Nacionalista Galego no Parlamento galego, Olalla Rodil, presentará diversas preguntas no Parlamento “esixindo ao Goberno da Xunta de Galiza explicacións polos feitos transcurridos no día de hoxe no hospital universitario Lucus Augusti de Lugo”.

A Xunta anuncia a rehabilitación da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón

A Xunta de Galicia vén de consignar nos Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2023 unha partida de 1 M€ coa cal se vai acometer a
rehabilitación integral da Escola de Arte e Superior de Deseño, EASD Ramón Falcón, de Lugo. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, nunha visita a este centro de ensinanzas de réxime especial.

Román Rodríguez deu conta do proxecto, que nestes momentos está en supervisión, e que, segundo dixo, “a previsión é que estea concluído antes de que remate este ano co obxecto de sacalo a licitación no primeiro trimestre de 2023”.
Ademais da anunciada rehabilitación na Ramón Falcón, tamén se acometerán as rehabilitacións integrais do colexio Paradai e dos institutos Anxel Fole, Lucus Augusti e Ollos Grandes ou o centro de biomasa que dará servizo ao complexo no que se sitúan estes dous IES xunto co CIFP Politécnico, o colexio Anexa e a Facultade de Formación do Profesorado.

Descrición do proxecto

A falta de pechar o proxecto definitivo, a rehabilitación integral da Ramón Falcón suporá a renovación das ventás e dos vidros de todo o centro así como dos aleiros da cuberta e o cambio da iluminación existente por luminarias tipo LED.
A maiores tamén se substituirá a actual caldeira de gasóleo por unha de biomasa, co conseguinte aforro enerxético e medioambiental.
Esta é unha das catro Escolas de Arte e Superiores de Deseño de Galicia, na que uns 240 estudantes cursan estudios superiores de grao en Deseño de interiores e en Deseño gráfico, así como de ciclos formativos de grao superior de Gravado e estampación, de Cerámica artística ou de Fotografía e de grao medio de Serigrafía artística.

Un mozo choca contra cinco vehículos estacionados e da positivo en alcol

Os feitos ocorreron sobre as 20:50 horas de onte cando un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo se despraza á Avenida das Américas xa que se producira un accidente de circulación no que o condutor dun vehículo perdera o control do mesmo impactando contra CINCO vehículos estacionados.

Os axentes observan que devandito condutor, que resultou ser Novel (20 anos de idade) e xa cun antecedente por alcoholemia, presentaba signos de inxerir bebidas alcohólicas, sendo sometido ás probas de detección alcohólica lanzando un resultado POSITIVO de 0,25 mg/l, cando a taxa máxima para este tipo de condutores é de 0,15 mg/l, instruíndose dilixencias.

Escolares dos Ancares limpan o río Ser en Navia de Suarna

Escolares dos Ancares participaron este luns nunha xornada de limpeza do río Ser, en Navia de Suarna, cunha axuda que lle outorgou a Deputación de Lugo ao colectivo SER, que preside o cineasta Óliver Laxe.
Participaron rapaces e rapazas que estudan no IES de Becerreá dos municipios de Navia de Suarna, Becerreá e Cervantes, e tamén un grupo de veciños voluntarios que se uniu á actividade. Antes de comezar, Óliver Laxe explicoulles en que consiste o labor do colectivo SER e o significado da figura da Reserva da Biosfera, resaltando os valores polos que Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá forma partes territorios recoñecidos pola UNESCO. Logo, conformáronse grupos de traballo e desprazáronse ata o río para limpar o río de plásticos e lixo.
Con esta actividade tamén se sinalizou o Castro do Teso da Ermida, que se atopa ao carón do río, coñeceuse a aldea de Vilela e púxose especial fincapé en que a rapazada identifique os elementos patrimoniais e paisaxísticos, á vez que distingue os elementos que contaminan o
medio e impiden o seu desenvolvemento natural. Outro dos aspectos sobre os que se reflexionou na xornada foi o problema dos lumes forestais, incidindo na importancia da prevención.
A actividade incluíu un xantar, e pola tarde os participantes clasificaron o lixo e logo depositárono no punto limpo de Becerreá.

Reixtro Civil

Un xulgado de Lugo impón 18 meses de cárcere á dona dun can que morreu de fame

O Xulgado do Penal número 1 de Lugo condenou a dezaoito meses de cárcere á dona dun can ao que, segundo consta na sentenza, “tivo encerrado, coa buceira constantemente posta durante semanas, ou mesmo meses, causándolle a morte por inanición”. Ademais, impúxolle a inhabilitación para o exercicio de profesión ou comercio que teña relación cos animais e para a tenza de animais durante un período de catro anos. A maxistrada considera probado que a propietaria do can, un cruzamento de labrador de dous anos, o tivo encerrado nunha pequena terraza do seu domicilio, situado en Ribadeo, durante un período de tempo que non se puido determinar, “coa buceira posta e chea de papeis, de modo tal que non podía nin comer nin beber”.

O animal ingresou o 17 de maio de 2018 nunha clínica veterinaria da localidade “en estado de shock e cunha situación de desnutrición severa, hipotermia, deshidratación, cos belfos do fuciño inflamados e sen responder practicamente a estímulos”, segundo indica a xuíza na resolución. Finalmente, faleceu o 18 de maio de 2018 “por mor da súa deficitaria situación, derivada da falta de coidados adecuados”.

No fallo, a titular do Xulgado do Penal número 1 de Lugo indica que unha veciña, testemuña dos feitos, relatou que o viu un día na terraza “en condicións paupérrimas, coa buceira posta chea de papeis e sen auga nin comida”. Tamén asegurou, segundo a sentenza, que, aínda que ela só viu ao animal encerrado ese día, o oía “laiar” a diario. Ademais, destaca que no informe veterinario consta que o animal levaba “moito tempo (semanas ou meses) nas peores condicións”, o que os profesionais deduciron “do estado da súa pel e da súa extrema delgadez”.

Os veterinarios, segundo resalta a maxistrada, “non atoparon ningunha enfermidade que fose responsable do estado que presentaba o can”. A coautora do informe tamén especificou durante o xuízo que o animal tiña unha marca ao redor do fuciño causada por ter a buceira permanentemente posta e con papeis metidos dentro.

A maxistrada sinala que, “á vista da gravidade da conduta” da condenada por un delito de malos tratos animais, imponlle a pena máxima prevista polo tipo (artigo 337.3 do Código penal). Contra o fallo cabe presentar recurso de apelación.

O programa “Coidados Porta a Porta” continúa o seu percorrido pola provincia

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou esta mañá a unidade móbil situada desde o martes e ata mañá na praza do Concello de Folgoso do Courel. Durante o encontro destacou que esta iniciativa continúa o seu percorrido por todos os concellos galegos, agás as sete cidades, a través do cal leva beneficiado a 22.000 persoas maiores. Tan só na provincia de Lugo son máis de 5000 as persoas maiores de 55 anos que recibiron os seus servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria.
Para participar neste programa, os usuarios tan só terán que solicitar cita previa nos números de teléfono 622 748 283 ou 623 546 992, ou ben a través do seguinte enderezo electrónico: coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal. Por medio de oito autobuses, a Consellería de Política Social e Xuventude facilita coidados médicos e de saúde en xeral preto dos fogares das persoas maiores, evitándolles desprazamentos fóra da súa contorna e posibilitando que poidan seguir vivindo alí onde prefiran.
Este programa desenvolveuse por primeira vez de maneira piloto en 2019, cunha moi boa acollida entre os concellos e a veciñanza, de aí que este ano se recuperase e ampliase a todos os municipios galegos. O director xeral sinalou que esta iniciativa permite incidir na importancia de achegar os servizos ao carón das persoas maiores para que poidan vivir esta etapa das súas vidas onde eles prefiran.

Codex Cinema proxecta maña un documental sobre a trata de mulleres

Os cines Codex proxectan maña, Día Europeo contra a Trata de Persoas, o documental “Quería Ser” sobre a Trata de Mulleres e a súa explotación sexual.  O documental, dirixido por David Alonso e Julio Seijas, narra as experiencias de mulleres vítimas da trata.

“Quería ser. Sueños bajo la luz roja” é un documental que aborda a trata e a explotación sexual dende a testemuña e o punto de vista das mulleres que foron vítimas; tamén os seus sonos, as súas experiencias, os seus proxectos e a súa visión sobre os homes e a igualdade.
A proxección comezará ás 20:30h e o prezo de cada entrada será de cinco euros, dispoñibles exclusivamente na billeteira dos Codex. De cada entrada un euro será doado a Aliad-Ultreia. Trala proxección haberá un coloquio onde participarán os directores e a xente de Aliad-Ultreia.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com