" />

Os obradoiros de tecnoloxía crea R chegan a Lugo

Os obradoiros crea R continúan o seu percorrido de outono e esta fin de semana achegarán á capital lucense este plan didáctico pensado para
os/as pequenos/as da casa coas novas tecnoloxías e a innovación como eixos centrais.

A idea básica é incidir na aprendizaxe e o emprendemento fomentando, de forma lúdica, as habilidades emocionais e sociais e a creatividade en nenos e nenas de 7 a 12 anos. Este sábado 22, entre as 11:00 e as 13:00 h, os/os pequenos/as poderán achegarse, no espazo multiusos
de Afundación Abanca Lugo ((Praza Maior, 16/ Praza Santa María, s/n, 27001) a conceptos fundamentais de condutividade e electrónica; e aprenderán a deseñar tamén as bases dun sistema automatizado de rega.

Nos obradoiros crea R de Lugo haberá tres propostas para os/as máis novos/as, en función da súa idade:
“Contos que cobran vida”. Para nenas e nenos de 7 e 8 anos. Creando tinta condutiva, aprenderán a integrar conceptos de electrónica con pilas e elementos condutores. Cando saiban como funcionan, artellarán un conto para, finalmente, engadir luces led á súa historia.

“Sala de operacións”. Para nenas e nenos de 9 e 10 anos. Dunha maneira educativa e divertida, mediante a creación dun ‘xogo de operacións’ que deseñarán e programarán ao seu gusto, os/as pequenos/as aprenderán conceptos básicos de condutividade e sinais dixitais, e tamén o funcionamento dun curtocircuíto. Todo iso, a través da chamada placa microbit e de diferentes elementos electrónicos.

“Sistema de rega intelixente”. Para nenas e nenos de 10 a 12 anos. Aprenderán a deseñar un sistema automatizado que detecta o nivel de humidade e a temperatura das plantas para saber cando deben regarse, baseándose en sensores de humidade, un sensor térmico integrado e unha placa controladora. Ademais, crearán, dunha maneira visual e amigable, un sistema que lles sirva para entender os datos obtidos.
A través dunha experiencia divertida, os/as pequenos/as conseguen ter máis seguridade en si mesmos/as e dar saída ao seu talento. Aí están, ademais, os valores do emprendemento e o núcleo dos chamados “conceptos STEAM”: Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas. Á vez, deixan de ser meros/as consumidores/as pasivos/as de tecnoloxía e botan man dela creando e aprendendo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo