Novas

O Concello levará a Xunta de Goberno a licitación das obras de peatonalización do centro

A alcaldesa de Lugo levará o mércores para a súa aprobación en Xunta de Goberno Local o inicio da licitación do 80% das obras incluídas na planificación ‘Zero: Corazón verde’, proxecto co que se vai a acometer a peonalización integral do recinto do casco histórico

Nestes pregos, inclúense as actuacións na Praza do Ferrol, nas rúas Praza do Ferrol e San Fernando, así como as que se executarán entre a porta da muralla ‘Bispo Odoario’ e Praza do Ferrol e nas rúas Montevideo, Bolaño Rivadeneira, Ramón y Cajal, Quiroga Ballesteros (tramo comprendido entre Bolaño Rivadeneira e San Froilán) e Amor Meilán (tramo comprendido entre Quiroga Ballesteros e San Fernando).  A peonalización da Praza de Ferrol sairá a licitación por 2,5 millóns de euros e terá un prazo máximo de execución de 8 meses, e o resto valóranse en 3,9 millóns de euros, cun prazo de 10 meses.

Méndez avanzou que quedaría pendente por licitar as obras na Praza de Santo Domingo e Rúa Teatro, que se levará nunha vindeira Xunta de Goberno Local.

A rexedora para acometer estas obras, acadou financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno central, cos fondo europeos NEXT Generation.

O PP lamenta que a cidade volva anegarse pola falta de limpeza dos sumidoiros

O PP esixe planificación e traballo para garantir que os sistemas de drenaxe funcionen non caso de fortes chuvias.

Antonio Ameijide lamenta que, “unha vez máis, a cidade quedase anegada e sumida no caos na tarde de onte debido as chuvias que colapsaron diferentes puntos da cidade unicamente porque dende o goberno de Lara Méndez e Rubén Arroxo non se presta atención á
correcta limpeza da rede de sumidoiros”
“Cada vez que chove con certa forza en Lugo, a cidade anégase por completo en diferentes puntos,circunstancia e debe unicamente á falta de traballo e preocupación do goberno local por mellorar o sistema de drenaxe da cidade e por manter limpa a rede de sumidoiros”, explica Ameijide
Por este motivo, dende o Grupo Municipal Popular presentarase “unha iniciativa no pleno para que o goberno local reaccione para evitar, na medida do posible, que se repitan situacións caóticas como a de onte e que, casualmente, sempre se repiten nos mesmos puntos da cidade cada vez que hai chuvias intensas”.

O Concello de Becerreá anda na procura dun solar para o novo centro de saúde

Ata o día 31 de outubro teñen os titulares de leiras próximas ao casco urbano de Becerreá para presentar ás ofertas ao concello. A cantidade máxima que destinará o consistorio para adquisición do solar será de 60.000 euros.

Manuel Martínez indicou que ademais do centro de saúde o edificio tamén albergará o PAC( Punto de atención Continuada). A idea de Martínez é que neste mesmo ano o concello lle entregue o solar ao SERGAS e que este estea rematado no ano 2024.

Entre as razóns que esgrime Manuel Martínez para facer esta obra son: Mala accesibilidade, eficiencia enerxética cero  e que o edificio non é do SERGAS. O Novo edificio construirao Sanidade que se fará cargo da súa construción e do seu posterior mantemento. mantemento.

O Concello organiza un acto simbólico polo Día Mundial da Saúde Mental

A Concellería de Benestar que dirixe Olga López, volve a apoiar este ano o Día Mundial da Saúde Mental -colaborando coa Fundación Salma- maña domingo, ás 19.00 horas, nunha iniciativa na que se convida á cidadanía a encher de cometas o ceo nas proximidades da Catedral co obxectivo de “normalizar esta enfermidade na nosa contorna”, explicou a edil.

A concelleira apuntou que “o próximo 16 de outubro será outra xornada importante para concienciar sobre os problemas de saúde mental”, mostrando o compromiso do Concello nesta ocasión con Fundación Salma, e con todas as asociacións que traballan neste sentido “pois o seu labor é indispensable e complementa á que levan a cabo as administracións”, concluíu Olga López.

A Fundación Salma

É unha fundación sen ánimo de lucro que traballa para mellorar as condicións das persoas con problemas de saúde mental. A nosa misión é dotar a Galicia dun modelo de xestión integral e multidisciplinar en materia de atención sanitaria e asistencia social para a saúde mental: un sistema que poña no centro os dereitos humanos das persoas con problemas de saúde mental, que entenda a saúde mental como un factor de progreso social, que parta dende os centros de saúde de atención primaria, e que conte co respaldo legal, a asignación de recursos e a planificación necesarias para a súa xestión eficaz e continuada.

Investigan un accidente na Praza da Milagrosa que causou danos na exposición da Axenda Urbana e os aparcabicis

A Policía Local investiga as causas dun accidente ocorrido a pasada madrugada, en torno ás 7:00 horas da mañá, na Praza da Milagrosa que se saldou con danos materiais que afectaron á exposición itinerante da Axenda Urbana que o Goberno de Lara Méndez puxo en marcha para achegar aos cidadáns información sobre o Plan de Acción do executivo de cara a 2030; así como aos aparcabicis instalados nesta praza.

Os axentes tratan de localizar ao condutor que se deu á fuga logo de ocasionar desperfectos nas xardineiras e elementos decorativos situados a carón dos paneis explicativos da exposición, ao tempo que danou a estrutura do aparcabicis. No lugar atopouse algún resto do vehículo, polo que a Policía Local está a investigar o suceso co fin de averiguar o causante dos danos.

Os Codex Cinema estrean hoxe Girasoles Silvestres do director Jaime Rosales

Hoxe venres chega a Codex Girasoles silvestres, novo filme do prestixioso director Jaime Rosales. A película foi presentada na Sección Oficial do Festival de San Sebastián. Conta no seu reparto con Anna Castillo,  Oriol Pla, Quim Ávila e Luís Marqués. A través de tres actos que tratan sobre as relacións de parella da personaxe protagonista, o director aborda o tema da masculinidade tóxica. Rosales propón unha mirada crúa e analítica, algo característico en toda a súa filmografía.

Asemade hoxe haberá un pase especial de Ciudad de la selva. Fuxidos e guerrilleiros nos montes de Casaio, documental dirixido por Miguel Riaño, quen presentará a proxección xunto a Carmen Blanco (ADVF) e membros do equipo arqueolóxico da produción, o acto contará con presentación e faldoiro. O filme conta a historia dos fuxidos do réxime franquista en torno á poboación galega de Casaio. Nestes montes houbo unha resistencia activa contra o fascismo grazas ao apoio de membros das comunidades locais.

O domingo 16 comezará a Retrospectiva Márta Mészáros coa proxección da primeira longametraxe da directora: A rapariga. Ás 18:30 Víctor Paz Morandeira, fundador da distribuidora Lost & Found que trae este ciclo ao noso país, e Chus Rodríguez, psicóloga e activista social e cultual, presentarán o filme. Márta Mészáros foi a primeira directora en gañar o Oso de Ouro da Berlinale en 1975 polo seu filme Adopción. Realizadora sempre comprometida a documentar os cambios da súa sociedade a través da mirada e os sentimentos de mulleres que non se deixan amedrentar polas circunstancias, o seu cinema recolle ecos da Nouvelle Vague francesa e dos clásicos soviéticos cos que se educou. A rapariga, filmada en 1968, gañou ao seguinte ano unha mención especial na Seminci de Valladolid.

Pódese consultar toda a programación en: www.caldiae.gal

O TSXG absolve a un acusado de abusar sexualmente dunha muller nunha lavandería de Lugo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) revogou a sentenza da sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo que condenou a oito anos e medio de prisión a un acusado de abusar sexualmente nunha lavandería, de forma continuada, dunha muller de 65 anos, a cal ten recoñecida unha discapacidade do 65,5 %. A Sala do Civil e Penal considera que os feitos non quedaron acreditados, polo que absolveu ao acusado. Así, indica que “existen contradicións entre as diversas declaracións prestadas pola denunciante, xa sexan relativas ao número e á natureza dos actos sexuais que lle serían impostos como á temporalización dos devanditos actos ou tamén ás circunstancias que os rodearían, así como imprecisións significativas”.

O tribunal, ademais, afirma que, a ese testemuño, “flutuante e falto de concreción”, se une “á carencia de verdadeiros elementos de corroboración (esenciais cando nos achamos ante o testemuño único da vítima-testemuña)”. Os maxistrados tamén salientan que non se fixo unha análise de credibilidade da vítima. Por iso, acolleron o recurso de apelación interposto polo procesado. Contra a sentenza cabe presentar recurso.

A Fiscalía investiga á Xunta pola vaga de lumes deste verán

A Fiscalía vén de remitir resposta ás denuncias presentadas polas diversas entidades que conforman “Por un Monte galego con Futuro” informando que incoará dilixencias coa fin de determinar a posíbel comisión dun delito contra o medio ambiente dos artigos 325 e 326 do Código Penal, relativo á protección da flora.

As entidades da plataforma Por un Monte Galego con Futuro denunciaban “o desleixo do goberno da Xunta de Galiza ante a vaga de lumes que nos meses de xullo e agosto produciran graves efectos nos montes e ecosistemas de máis valor de Galiza”.

Na súa denuncia sinalaban expresamente “á consellaría de Medio Rural pola súa inacción perante uns lumes que arrasaron ecosistemas de gran valor como o Parque Natural do Invernadoiro e Macizo Central ourensán, Serra do Courel, bisbarra de Valdeorras, Val de Monterrei, Montes da Cañiza, Montes da bisbarra do Ribeiro ou o Arenteiro, entre outros. E apuntaban que o dano producido polos incendios forestais, coa calcinación de miles de hectáreas de montes e destrución de ecosistemas, agravouse debido a que a maioría dos traballos de prevención de incendios previstos para o ano 2022 están sen facer a día de hoxe”

Para a plataforma “Por un Monte Galego con Futuro  o alcance e repercusión dos incendios forestais tería sido moito menor de activarse todo o operativo de Tempada de Máximo Risco de Incendios” tal e como estabelecía o PLADIGA 2022 e debíanse ter adoptado, ademais, as medidas complementarias estabelecidas nos protocolos de Protección Civil tanto da comunidade autónoma como do Estado español.

A plataforma afirmaba tamén, no escrito dirixido á Fiscalía, que “os indicadores diarios de incendios forestais permitían vaticinar que, en caso de focos iniciais de incendio forestal, estes podían converterse con facilidade en Grandes Incendios Forestais, como así lamentabelmente pasou a partires do 14 de xullo”,e que “producidos os primeiros focos iniciais, non se actuou en tempo e forma cos medios suficientes coa fin de intentar controlar a súa expansión e minimizar os efectos dos lumes tanto nos ecosistemas como os danos económicos e sociais que se podían producir”.

Por un Monte Galego con Futuro’ chamaba tamén a atención sobre a “dramática situación vivida en aldeas e poboacións, con varias casas calcinadas por uns incendios forestais incontrolados pola falla de medios, nomeadamente entre o 14 e o 27 de xullo. E recalcaban que o operativo para extinguir os incendios estivo desbordado desde o principio pola falla de medios técnicos, materiais e humanos”.

Xadrez no Camiño trae a Lugo tres grandes mestres internacionais

O torneo enmárcase no proxecto Xadrez no Camiño, organizado por Xaquedrum e financiado pola Xunta de Galicia ao abeiro da convocatoria de axudas para dinamizar a celebración do Xacobeo 2021-2022. Xadrez no Camiño trae a Lugo tres grandes mestres internacionais

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, realizou hoxe o saque de honra co que comezou unha intensa xornada con partidas durante a mañá e a tarde; nos días sucesivos terán só horario de tarde, a partir das 16.30 horas. Celébranse no salón de actos da Delegación, con entrada libre e gratuíta. Arias instou ao público en xeral “e, especialmente, aos afeccionados a este deporte, a aproveitar a ocasión de ver en acción a algúns dos mellores xadrecistas de ámbito mundial”.

Neste torneo participan os grandes mestres Vladimir Petkov, de Bulgaria; Alexa Strikovic, de Serbia, e Ilmars Starostits, de Letonia. Tamén o mestre internacional André Ventura, de Portugal, e os mestres fide Henrique Rey, Siem Van Dael (Holanda), Andrés Luque, e o lucense Pablo López Varela. Completan o cadro de participantes os xogadores lucenses David Pérez e Carlos Casares. A arbitraxe recae na húngara Klara Kovacs.

O programa Xadrez no Camiño inclúe actividades diversas, como unha exhibición no salón de columnas do Círculo das Artes, este sábado entre as 11 e as 14 horas a cargo de Vladimir Petkov, e outra no paseo da Mosqueira o domingo, de 18.30 a 20.30 horas, con Alexa Strokovich.

Tamén se desenvolve a iniciativa Xaque nas aulas e recreos inclusivos, en centros educativos de Lugo, Palas de Rei, Castroverde, Portomarín e Guntín.

Este venres Codex Cinema proxectará o documental “La ciudad de la selva”

O venres 14, ás 20:30,  en Codex Cinema haberá un pase especial de Ciudad de la selva. Fuxidos e guerrilleiros nos montes de Casaio, documental dirixido por Miguel Riaño, quen presentará a proxección xunto a Carmen Blanco (ADVF) e membros do equipo arqueolóxico da produción, o acto contará con presentación e faldoiro.

O filme conta a historia dos fuxidos do réxime franquista en torno á poboación galega de Casaio. Nestes montes houbo unha resistencia activa contra o fascismo grazas ao apoio de membros das comunidades locais


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com