Novas

Javier Arias solicita ao Concello que faga públicos os informe das supostas deficiencias do novo auditorio

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, solicitou hoxe ao Concello de Lugo que faga públicos os informes das supostas deficiencias do novo auditorio, “eses que primeiro aconsellaban obras por importe de 300.000 euros, logo subiron a 800.000 euros, e días despois a máis de 1 millón de euros, para agora licitar obras por 334.000 euros”, sinalou.

Arias lembrou que “o Concello recibiu o auditorio sen opoñer ningún tipo de reparo, tras anos dilatando ese momento e obrigando á Administración autonómica a asumir actuacións que non lle correspondían, como a dotación do equipamento e o mantemento durante ese período”. “É unha absoluta incongruencia que o Concello fale agora da responsabilidade da Xunta e de problemas estruturais ou construtivos. O problema, sabémolo todos, é que o abandonou, e que lle vén grande xestionar unha das mellores infraestruturas culturais de Galicia”, indicou.

Así, o delegado territorial lamentou que “un auditorio que estaba chamado a ser un referente no ámbito cultural para a provincia, non está a disposición dos lucenses debido aos sucesivos atrancos e escusas do goberno local desde o momento en que esta infraestrutura estivo rematada”.

Sacan á luz parte da muralla do castro de Santa María en Cervantes

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades está a executar unha actuación arqueolóxica para sacar á luz parte da muralla do Castro de Santa María, no municipio de Cervantes. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe a evolución dos traballos que, explicou, suporán “mellorar o coñecemento, conservación e posta en valor deste sobranceiro xacemento”.

A intervención céntrase na escavación dun tramo de 60 metros cadrados do sector Leste da muralla que delimita o castro, co fin de coñecer as súas características estruturais. Tamén se procede á consolidación puntual das estruturas arqueolóxicas escavadas nos anos 90 do pasado século.

Previamente, realizáronse tarefas de limpeza manual de muros, pavimentos e outros elementos, así como unha roza na zona leste, que consistiu fundamentalmente en eliminar as especies de monte baixo (fentos, silvas, xestas, toxos…) da superficie de actuación.

Está previsto que o traballo de campo remate nos vindeiros días, e que no mes de decembro estea lista a memoria técnica que documentará os achados e avances realizados.

Características do conxunto

O xacemento, situado na parroquia de Santa María do Castro, corresponde a un poboado mineiro datado nos séculos I-II da nosa era. O conxunto está integrado, ademais, polos restos de explotacións mineiras na súa contorna inmediata e por unha igrexa e unha necrópole na súa croa que se remonta cando menos ao século XIV.

Os estudos realizados revelaron numerosos datos sobre o período de transición das culturas prerromanas ao mundo romano, que explotaba os xacementos auríferos do río Navia e os seus afluentes. As minas son mostra dunha interesante corta de explotación a ceo aberto de considerables dimensións, para aproveitar o mineral aurífero primario, asociado a mineralizacións de ferro.

O conxunto foi declarado Ben de Interese Cultural en novembro do ano 2019. Desde entón, a Consellería leva investidos preto de 34.000 euros na súa investigación e mantemento.

 

Volve o programa de Benestar en Balnearios que oferta prazas para os meses de novembro e decembro

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, presentou hoxe no Balneario Iberik Auga Santas de Pantón o programa de Benestar en Balnearios para persoas maiores. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a orde de convocatoria desta iniciativa, que ofertará preto de 640 prazas en establecementos de balnearios para os meses de novembro e decembro.

A Xunta de Galicia retoma este programa despois do parón provocada pola covid-19. Ofrécense estadías de dez días en réxime de pensión completa en 15 establecementos de toda a comunidade.

Esta iniciativa está destinada a todos os maiores de 60 anos e tamén a aqueles que superen os 55 e sexan pensionistas, para mellorar a súa calidade de vida ao fomentar actitudes positivas cara o autocoidado da saúde e favorecer as relacións sociais.

Ademais de impulsar a calidade de vida das persoas maiores, este programa pretende apostar polo sector dos balnearios que é punteiro na Comunidade. Todo aquel que queira solicitar a súa participación pode facelo desde este mesmo luns e ata o día 24.
Preferentemente poderase realizar por sede electrónica da Xunta de Galicia, aínda que tamén é posible facelo de xeito presencial en calquera rexistro oficial Administración autonómica ou oficina de Correos.

Dúas persoas foron excarceradas ao caer por un desnivel o coche no que circulaban no Saviñao

O 112 Galicia tivo coñecemento do accidente, que ocorreu no punto quilométrico 4 da LU-P-5818, ás 17:15 horas.

Foi unha persoa particular quen alertou nese momento do sinistro ao 112 Galicia. Segundo indicaba aos xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, un coche caera por un terraplén, ao saírse da vía á altura da parroquia de Vilacaiz. Engadía na súa comunicación que escoitaba a unha persoa pedir auxilio desde o interior do vehículo, que rematou nunha zona de abundante vexetación.

A partir de aí, desde o CIAE 112 Galicia requiriuse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Chantada, da Garda Civil de Tráfico e de Protección Civil.

Tras ser liberadas polos Bombeiros de Chantada, as dúas persoas que circulaban no vehículo recibiron os primeiros auxilios e, posteriormente, foron trasladadas a un centro médico.

Nace a iniciativa “Lugo é Camiño” co obxectivo de promocionar o patrimonio dos municipios que atravesan as rutas xacobeas

A proposta “Lugo é Camiño”, que nace con vocación de continuidade, desenvolverase nesta primeira fase en colaboración coa Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Xapón, a American Pilgrims on the Camino, a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Arxentina, e a Associação Brasileira dos Amigos do Caminho de Santiago. Deste xeito, dirixirase a catro dos países que historicamente teñen achegado maior volume de peregrinos.

A Xunta de Galicia impulsa este proxecto  para a difusión internacional do Xacobeo. A iniciativa Lugo é Camiño foi presentada hoxe na sede do colectivo coa presencia, entre outros, do seu presidente, Ángel Trabada; o delegado territorial, Javier Arias; o director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño, Ildefonso de la Campa, e o presidente da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño, Jorge Martínez.

O obxectivo é promocionar o patrimonio e a riqueza dos 31 municipios lucenses atravesados polas rutas xacobeas, e para elo servirase da realización de conferencias virtuais coas catro asociacións citadas, a difusión específica nas súas webs e redes sociais, a elaboración de trípticos monográficos e a creación dunha páxina web específica que estará accesible en catro linguas (galego, español, inglés e xaponés).

Arias gabou a iniciativa e sinalou que “está claro que compartimos obxectivos coa Asociación de Amigos do Camiño, xa que ademais de poñer en común experiencias e promocionar as distintas variantes xacobeas, suporá abrir novas oportunidades económicas no rural, coa influencia do Camiño e dos seus valores como eixo principal”.

 

O Concello licita o arranxo das patoloxías estruturais do Auditorio

A Xunta de Goberno vén de autorizar esta mañá o inicio do proceso de licitación para reparar os danos, tanto exteriores como interiores, que presenta o novo Auditorio derivados dos seus problemas estruturais e das deficiencias construtivas. Para estas obras, que deberán estar rematadas nun prazo de 4 meses, destinase un total de 334.831 euros.

Un importe que a Administración local reclamará posteriormente á Xunta “como responsable inicial do deterioro do inmoble, unha circunstancia que está a impedir a súa apertura en condicións de seguridade para a cidadanía”, tal e como sinalan.

A este respecto, a tenente de alcaldesa Paula Alvarellos, lembrou que “durante o acto de recepción, o Concello intentou entregar ao ente autonómico os informes dos técnicos municipais onde xa daban conta dalgúns dos fallos advertidos nas dúas únicas visitas que lles deixaron realizar previamente e sen que, en ningunha desas ocasións, puidesen probar o funcionamento dos equipamentos “.

As actuacións comprenden a impermeabilización dos respiradorios e o desatasco dos sumidoiros, canlóns e baixantes. Así mesmo, se atallará a corrosión derivada das eivas que presentan as xuntas de dilatación e se arranxarán as comportas de saídas de fumes que provocan goteiras nos escenarios, entre outras intervencións.

O Concello deixará para unha segunda fase os traballos correspondentes á urbanización exterior do Auditorio, dentro dos que se inclúen máis aló do axardinamento da parcela – que xa estaba previsto – a modificación dos accesos para mellorar a accesibilidade ao inmoble enriquecendo os espazos con áreas estanciais dun alto valor paisaxístico que, alén de apoiar a funcionalidade cultural das instalacións, permitan o seu aproveitamento para concertos ou festivais ao aire libre.

Morre un home ao ser alcanzada a súa furgoneta por un tren de mercadorías en Rábade

O falecido conducía unha furgoneta cando foi atropelado polo convoi, no que ninguén resultou ferido.O accidente tivo lugar nun paso a nivel de Rábade, situado sobre a estrada LU-107.

O 112 Galicia recibía unha chamada do persoal de ADIF, momentos antes das 11:25 horas desta mañá, na que daban conta do sucedido e indicaban que o único ocupante da furgoneta estaba atrapado a consecuencia da colisión. Polo tanto, solicitouse a intervención dos Bombeiros de Vilalba, que nestes momentos se atopan no lugar traballando na excarceración da persoa. Tamén se desprazaron axentes da Garda Civil e membros dos servizos ferroviarios de ADIF.

O persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 só puido confirmar o pasamento do condutor da furgoneta, mentres que a circulación da vía ferroviaria permanece cortada para asegurar a intervención dos servizos de emerxencias.

Os cines Codex abrirán este mércores día de San Froilán

Esta semana os cines Codex abrirán a partir de mañá mércores onde continuaran coas proxeccións de O Acusado, Crimes do Futuro e Lume e onde a partir do venres contará con dúas estreas: un dos maiores éxitos críticos do cinema galego e unha importante novidade de cinema español.

A primeira estrea da semana é Jacintomultipremiada longametraxe do compostelán Javi Camino que dende o verán de 2021 tivo un triunfante percorrido no circuíto de festivais onde acadou decenas de premios, entre eles tres Mestre Mateo e o Premio do Público da Sección Panorama Fantástico no Festival de Sitges. Protagonizada polo actor e monologuista Pedro Brandariz, traxica e prematuramente falecido en febreiro, Jacinto é unha historia que acontece nunha aldea ficticia chamada Mallou. Alí producirase un encontro entre dúas culturas: un mundo rural condenado a desaparecer e a moderna subcultura black metal. Trátase da primeira longametraxe rodada por Camino con medios profesionais e dunha das apostas de cinema fantástico do noso país máis importantes dos últimos anos.

A outra estrea da semana é La consagración de la primavera, nova longametraxe de Fernando Franco logo de dirixir dúas películas fundamentais do cinema español da pasada década: La herida (2013) e Morir (2017). O filme participou na Sección Oficial do pasado Festival de San Sebastián e conta no seu reparto con Vàleria Sorolla na súa primeira longametraxe, Telmo Irureta e Emma Suárez. O filme narra como Laura, quen chega a Madrid a estudar Química, atópase sola e sen cartos. O azar brindaralle un encontro determinante con David, un mozo con parálise cerebral, e a súa nai Isabel. Unha película que reflexiona sobre a madurez a importancia de analizarse avaliarse a un mesmo.

Poden consultar todos os horarios na páxina: www.caldiae.gal

Triciclos eléctricos incrementarán o servizo de limpeza durante o San Froilán

O servizo municipal de limpeza viaria e recollida de lixo contará dende hoxe cunha ducia de triciclos eléctricos que, se ben se empregarán de forma permanente nos dispositivos ordinarios de traballo, estes días permitirán xa ao persoal intensificar o baleirado de papeleiras do centro da cidade durante as festas patronais.

Estes triciclos poderán ser cargados nos diferentes cuarteliños que se están habilitando na capital. Instalacións onde as brigadas que asumen as tarefas de aseo da cidade poden organizarse antes de iniciar a súa quenda. Actualmente xa se atopan operativos dous dos catro previstos, en San Isidro Labrador e Catasol, mentres que proximamente entrarán en fucionamento os situados en Río Ser e Clérigos. Este último exercerá, alén, como Oficina de Atención ao Público e Aula Medioambiental co obxectivo de canalizar nela as demandas da veciñanza e fomentar a concienciación cidadá ao respecto da conservación e coidado da cidade.

Pulseiras identificativas para os menores durante o San Froilán

Protección Civil repartirá dende hoxe pulseiras no recinto feiral para os nenos e nenas onde se recollerá o contacto dos proxenitores ou titores para a súa rápida localización.

A  iniciativa está enfocada a incrementar a seguridade dos menores durante o San Froilán en caso de que se perdan debido a masiva afluencia de xente que se dará cita durante estas festas.

Deste xeito, a agrupación de voluntarios de Protección Civil de Lugo repartirá polo feiral dende hoxe e ata o 12 de outubro, pulseiras que incorporarán un espazo en branco para que os pais, nais ou titores inclúan os datos de contacto onde se lles poderá chamar en caso de que o menor se extravíe.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com