" />

O Concello licita o arranxo das patoloxías estruturais do Auditorio

A Xunta de Goberno vén de autorizar esta mañá o inicio do proceso de licitación para reparar os danos, tanto exteriores como interiores, que presenta o novo Auditorio derivados dos seus problemas estruturais e das deficiencias construtivas. Para estas obras, que deberán estar rematadas nun prazo de 4 meses, destinase un total de 334.831 euros.

Un importe que a Administración local reclamará posteriormente á Xunta “como responsable inicial do deterioro do inmoble, unha circunstancia que está a impedir a súa apertura en condicións de seguridade para a cidadanía”, tal e como sinalan.

A este respecto, a tenente de alcaldesa Paula Alvarellos, lembrou que “durante o acto de recepción, o Concello intentou entregar ao ente autonómico os informes dos técnicos municipais onde xa daban conta dalgúns dos fallos advertidos nas dúas únicas visitas que lles deixaron realizar previamente e sen que, en ningunha desas ocasións, puidesen probar o funcionamento dos equipamentos “.

As actuacións comprenden a impermeabilización dos respiradorios e o desatasco dos sumidoiros, canlóns e baixantes. Así mesmo, se atallará a corrosión derivada das eivas que presentan as xuntas de dilatación e se arranxarán as comportas de saídas de fumes que provocan goteiras nos escenarios, entre outras intervencións.

O Concello deixará para unha segunda fase os traballos correspondentes á urbanización exterior do Auditorio, dentro dos que se inclúen máis aló do axardinamento da parcela – que xa estaba previsto – a modificación dos accesos para mellorar a accesibilidade ao inmoble enriquecendo os espazos con áreas estanciais dun alto valor paisaxístico que, alén de apoiar a funcionalidade cultural das instalacións, permitan o seu aproveitamento para concertos ou festivais ao aire libre.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo