Novas

O bono turístico da Xunta poderá gastarse ata finais de ano

Un total de 156 negocios de toda a provincia de Lugo participan este ano na campaña Bono Turístico #QuedamosenGalicia, que volve estar activa tralo paréntese do verán e seguirá en marcha ata o 31 de decembro.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, destacou que “o obxectivo do programa é seguir mellorando as cifras de ocupación nas datas con menor rexistro de visitantes”. Subliñou “a excelente acollida desta iniciativa turística, que o ano pasado inxectou máis de 1,3 millóns de euros ao sector na provincia”.

Arias visitou hoxe o hotel Méndez Núñez, un dos aloxamentos adheridos na capital lucense, onde os beneficiarios dos bonos teñen a opción de empregalos nos 28 negocios que se sumaron á campaña.

No conxunto da provincia de Lugo os galegos e galegas que desfruten das tarxetas poden elixir entre 58 hoteis, 30 casas rurais, 22 apartamentos, 13 pensións, 8 albergues, dous cámpings e dúas vivendas turísticas. Tamén participan 21 axencias de viaxes.

O Caudal Fest presenta un avance do seu cartel para a edición de 2023

Para os amantes da boa música, o Caudal Fest – que en 2023 que se celebrará o 15 e 16 de setembro – presenta xa un avance do seu cartel, as primeiras confirmacións de bandas da quinta edición da #Últimagranfestadoverán, que contará con artistas da talla de Vetusta Morla, Sidonie, La La Love You, Ojete Calor e Berto.

Caudal Fest 2023:

Vetusta Morla, é unha banda española de indie rock orixinaria de Tres Cantos, Madrid, que canta en español. A seguinte confirmación é Sidonie, un grupo español de indie rock e rock psicodélico orixinario de Barcelona fundado en 1997. Os seus compoñentes son Marc Ros (1974, cantante, guitarra e baixo), Jesús Senra (1972, segundas voces, baixo, sitar, guitarras eléctrica e acústica) e Axel Pi (1974, batería, táboas e bongos).

La La Love You é unha banda española cuxa sede esta en Parla, aínda que ensaian na cidade de Alcorcón, de estilo Punki-Pop. E, por último, Ojete Calor é unha formación musical formada por Carlos Areces e Aníbal Gómez que se define como “subno-pop”, etiqueta coa que lles gusta definirse aos seus compoñentes. As súas letras fan referencia ás “especies autóctonas” que vagan polos festivais de música, barrios modernos das capitais españolas, e individuos que adoptan o cotián como extraordinario.

Finalmente, Berto é unha revelación da música en galego tralo grande éxito acadado co seu proxecto Verto xunto co seu compañeiro Fernando Peleteiro “Fer”. Agora presenta o seu primeiro disco en solitario visibilizando temas de actualidade como a saúde mental, sendo un dos estandartes da música urbana e con temas de bachata ou techno-rumba.

Horarios especiais nas liñas de bus durante o San Froilán

O Concello anunciou os horarios especiais das distintas liñas de bus urbano que se aplicarán durante o San Froilán.

Os dias 4, 7, 8 e 11 de outubro, as liñas 1.2, 1.4, 9, 10, 12 e 13 ampliarán o horario de servizo.

Liña 1.2 Campus USC- O Ceao – Hula 

Desde as 22:37 (Sindicatos) prologa o seu percorrido ata as 03:07 (Sindicatos). suprime a chegada ao HULA, e desde Avenida Benigno Rivera seguirá por  Avenida  Infanta Elena e Paulo Fabio Máximo, continuando o seu percorrido habitual.

A parada da Praza de Bretaña quedará suprimida , instalarase unha alternativa en Celso Emilio Ferreiro, na esquina con Ramón Ferreiro

Final de percorrido nas Termas.

Liña 1.4 Campus USC- O Ceao – Hula

Desde as  22:42 (Obras Públicas) prolóngase ata as 03:12 (Obras Públicas). Varía o trazado, suprimindo a visita ao Ceao e dando a volta en Infanta Elena

A parada da Praza de Bretaña quedará suprimida , instalarase unha alternativa en Celso Emilio Ferreiro, na esquina con Ramón Ferreiro

Final de percorrido nas Termas.

Liñas 9/12 Casco Histórico (Bolaño) – Abella e Casco Histórico (Bolaño) – Pol. Gándaras

Desde as 22:15 (Bolaño), circulará ata as 03:15 (Bolaño)

Liñas 10/13 Ronda Muralla (Sindicatos) – As Gándaras e Ramón Ferreiro – Cemiterio

A partir das 22:30 (As Gándaras), circulará ata as 03:00 (Cemiterio). Modifícase a parada de Ramón Ferreiro (Feminino), que se ubicará temporalmente en Ramón Ferreiro nº 14

De Cine

En tempos, en Vilalba había dous cines aos que os nenos íamos coma a unha festa. O goce comezaba cando faciamos cola na porta, seguindo dentro cando tardaba o comezo da proxección e cantábamos o estribillo incomprensible de “Que salga el toro, el torero y la liebre en el medio”. As protestas eran estentóreas cando o proxectista tapaba unha escea que se supoñía non apta para nenos, cando un corte evidenciaba que algo faltaba na cinta ou cando o cambio de rollo obrigaba a un descanso.

Desde entón o ambiente cambiou ben, e é raro que se produza unha trifulta nun espectáculo público, xa pola melloría do nivel educativo, ou porque agora se controlan os comportamentos.

Na Semana de Cine de Lugo tivemos proba de exquisito nivel nas formas do público cando a proxección se interrumpeu por culpa dun arquivo informático. Mentras se intentaba a reparación, ás escuras, o público gardou silencio respectuoso e expectante, escoitou as primeiras explicacións, e seguiu agardando ata que comprobamos que non atopabamos solución, abandoando o local sen a menor protesta, mesmo consolando aos organizadores, sabéndoos os primeiros damnificados polo acontecido.

Foi sorpresa grata para a organización o nivel cívico e comprensivo dos lucenses cinéfilos, que non só contrasta cos comportamentos de antano de nenos e maiores, senón de algúns actuais xa que se conta que nun festival audiovisual galego no que houbo un corte na proxección, e diante das explicacións da organización, se produciu unha pitada que fixo época.

En Lugo, sorrisos comprensivos e comportamento exemplar. Auténticamente, de cine.

Os traballos no xacemento de Proendos sacan a luz un hórreo romano

Os traballos no xacemento arqueolóxico de Proendos veñen de sacar á luz a superficie completa dun hórreo romano, unha estrutura única no noroeste da Península Ibérica pola disposición dos seus muros paralelos. Así o comprobou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita á actuación no concello de Sober.

Tal e como explicou o responsable autonómico de Cultura, “Os achados no xacemento de Proendos sitúan este xacemento como un lugar fundamental para comprender a chegada do imperio romano ao noroeste peninsular e a articulación da paisaxe agrícola da Ribeira Sacra”, expuxo.

Este proxecto permitiu identificar o tamaño completo do hórreo romano localizado na última campaña. Trátase dunha estrutura de máis de 5 metros de ancho e 7 de largo que ocupa unha área de 44,5 metros cadrados. Ademais, no transcurso da intervención tamén se identificou unha posible plataforma de acceso ao mesmo e un conxunto de lousas que bloquean as rúas de ventilación e que, segundo os especialistas da empresa Tempos Arqueólogos S.L, encargada da escavación, poderían indicar o seu uso en diferentes momentos, posteriores ao século I. Tamén foron localizados catro muros de estruturas indeterminadas e que continúan máis aló dos límites da escavación.

Os Bombeiros extinguen un incendio nunha nave de transportes en Rábade

Momentos antes das 15 horas, o 112 Galicia recibía a chamada dun particular, quen alertaba dun lume nunha das naves situadas no polígono industrial de Rábade. Descoñecían a orixe do incendio, pero ao abrir as portas do local, dedicado ao sector dos transportes, saía unha importante cantidade de fume de cor negro e confirmaban, dende os instantes iniciais, que non había persoas feridas polas lapas nin intoxicadas polo fume.

Ante a potencial gravidade da situación, desde o 112 coordinouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Vilalba e da Garda Civil. Así pois, a rápida actuación dos servizos de extinción conseguiu limitar os danos e impediu a propagación das chamas, que finalmente afectaron a un estante no que se almacenaba material de caucho, que ardeu por completo.

Os Bombeiros daban por finalizada a súa intervención no punto ás 16 horas desta tarde.

Premiados da segunda edición do certame de Tik Tok #LugoPolaIgualdade

O concurso en TikTok #LugoPorLaIgualdad, organizado pola Concellería de Muller e Igualdade co obxectivo de sensibilizar sobre a trata de mulleres con fins de explotación sexual xa ten vídeos gañadores.

Jessica Fernández Cerdeira é a gañadora do primeiro premio deste certame, dotado con 200 euros e Elma Palomar Giménez e Liena Vicen son as gañadoras do segundo, dotado con 100 euros.

O xurado estivo formado pola Concelleira de Muller e Igualdade, Silvia Alonso, o xefe do servizo de Igualdade do Concello de Lugo, Valentín López, a directora do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo, Marga Soilán, e a educadora social da entidade Aliad-Ultreia, que atende e acolle a mulleres vítimas de trata e explotación sexual.

As pezas gañadoras pódense ver nas seguintes ligazóns:

1º premio: https://vm.tiktok.com/ZMFeT22Yx/

2º premio: https://vm.tiktok.com/ZMNw5CUQL/

ADEGA convoca a XI Limpeza Simultánea de Praias galegas para o 14 e 15 de outubro

ADEGA convoca un ano máis a Limpeza Simultánea de Praias, que desta volta acada a súa XI edición, e terá lugar na fin de semana do 14 e 15 de outubro. Esta xornada de voluntariado ambiental ten o propósito de concienciar a sociedade na loita contra a contaminación mariña.
Foron chamados a participar nesta limpeza simultánea de praias e denunciar esta problemática ambiental os centros de ensino, escolas de surf e mergullo, clubs de piragüismo e vela, pescadores, mariscadoras, concellos do litoral, e entidades de todo tipo de Galiza, tanto públicas
como privadas, ademais das persoas particulares.

As limpezas serán ecolóxicas, non mecanizadas, e tratarán de eliminar boa parte dos residuos que están nas praias coa idea de chamar a atención da sociedade sobre a súa contaminación procedente nomeadamente de terra adentro. As principais causas desta problemática ambiental débense situar no modelo de consumo e produción baseado no modelo “usar e tirar”, a deficiente xestión dos residuos que xeramos e a falta de concienciación dalgúns sectores da poboación. Todo iso provoca que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos, procedentes en parte da industria do mar (pesca, extraccións…), pero tamén dos nosos fogares.

Actualmente xa hai preto de 30 areais e 20 entidades voluntarias anotadas para a limpeza de praias e mantense aberto o prazo para as novas adhesións. ADEGA ofrecerá asesoramento ás entidades participantes e proporcionaralles o material divulgativo e os protocolos de limpeza.

limpeza

O Concello incrementará o servizo de limpeza durante o San Froilán

O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, deu conta esta mañá do dispositivo que o servizo de limpeza viaria e recollida de lixo porá en marcha durante o San Froilán.

O edil destacou que os técnicos municipais, en colaboración coa adxudicataria, planificaron os traballos tendo en conta a programación festiva, incidindo naquelas xornadas e espazos nas que, pola realización de espectáculos ou pola organización de actividades, se agarda unha elevada presenza de público.

Fernández sinalou que haberá reforzos nos operativos de mañá e tarde e se habilitarán na contorna un maior número de contedores de quita e pon, incluíndo o paso dun recolector, a partir das 6 da mañá, para retirar os residuos de bares e restaurantes. Igualmente se fará un aseo especial do estacionamento do Seminario onde se desenvolve o San Froilán Miúdo e da praza da Milagrosa, que acolle espectáculos de maxia, alén das localizacións nas que está previsto a celebración de concertos.

O responsable de Medio Ambiente fixo fincapé en que o servizo de limpeza se reforzará sinaladamente nas xornadas do 5, 8, 9 e 12 de outubro nas que se agarda unha maior aforo.

Por outra banda, Miguel Fernández adiantou que dende hoxe quedarán instalados 43 wc’s portátiles, 10 deles para persoas con mobilidade reducida en distintos puntos do recinto feiral, que se limparán a diario.

As cabinas, algunhas delas con ducha, ubicaranse nas Prazas de Santa María (4), Horta do Seminario (5), Avilés (2) e na Mosqueira (2), no patio do Edificio Administrativo do Concello (4), explanada do Pavillón (4), nas Costas do Parque (4), e nas rúas Doutor García Portela (4), Puro Cora (7), e Vila de Foz (3) ademais de na urbanización de Garabolos (4), para o asentamento das caravanas-vivenda dos barraquistas.

O Mitma elabora un protocolo de vialidad invernal debido ao desvío da A-6 en Pedrafita

O Ministerio de Transportes, Movilidade e Axenda Urbana (Mitma) elaborou un protocolo de vialidade invernal xunto coa Dirección Xeral de Tráfico do Ministerio do Interior, a Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia e Xunta de Castilla e León onde se recollen as alternativas ao tráfico de vehículos pesados en caso de alerta de nevadas nas estradas N-6 e A-6 na zona de Pedrafita do Cebreiro. No devandito protocolo estableceuse que cando exista climatoloxía adversa (nivel amarelo por nevadas) e durante o tempo que dure o aviso será necesario restrinxir ao tráfico de vehículos pesados no tramo comprendido entre as ligazóns de Villamartín da Abadía, León (PK 400 da A-6) e Nadela, Lugo (PK 488 da A-6) para evitar o seu paso pola zona afectada polos desvíos existentes en Pedrafita do Cebreiro. A previsión do Ministerio é que este protocolo de vialidad invernal teña carácter provisional xa que o próximo inverno polo menos un dos viadutos estará operativo para a circulación de vehículos en ambos os sentidos.

Os vehículos pesados que circulen pola A-6 en sentido A Coruña deberán abandonar esta vía no P.K. 400, ligazón de Toral dos Vaos (León) e utilizar as estradas N-120 (ata A Pobra do Brollón, Lugo), LU- 652 (ata Bóveda, Lugo) e CG 2.2, retornando á A-6 no PK 488, ligazón de Nadela. En sentido Madrid, farase o mesmo desvío en sentido inverso, polo que se abandonará a autovía A-6 na ligazón de Nadela (Lugo PK 488) e circularase polas estradas CG 2.2, LU-652 e N-120 para conectar novamente coa A-6 na ligazón de Toral dos Vaos. Actualmente, a estrada autonómica CG 2.2 (Nadela-Sarria-Monforte) atópase en obras no tramo A Pobra de Xiao-Sarria, polo que o tráfico está desviado a través da LU-546.

Está prevista a súa reapertura a finais do mes de novembro se a meteoroloxía permíteo. Realizaranse avisos previos destas restricións en paneis de mensaxes da DXT así como en todas as canles oficiais de comunicación do Organismo cando exista alerta meteorolóxica de nevadas e estará sinalizada o roteiro para seguir nos puntos de conexión entre as distintas estradas. Nestes episodios, a Agrupación de Tráfico da Garda Civil reforzará a súa presenza o tramo de desvío velando pola seguridade, regulando e vixiando o tráfico. Están previstos varios puntos de almacenamento de camións que estean a circular polo tramo afectado.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com