" />

De Cine

En tempos, en Vilalba había dous cines aos que os nenos íamos coma a unha festa. O goce comezaba cando faciamos cola na porta, seguindo dentro cando tardaba o comezo da proxección e cantábamos o estribillo incomprensible de “Que salga el toro, el torero y la liebre en el medio”. As protestas eran estentóreas cando o proxectista tapaba unha escea que se supoñía non apta para nenos, cando un corte evidenciaba que algo faltaba na cinta ou cando o cambio de rollo obrigaba a un descanso.

Desde entón o ambiente cambiou ben, e é raro que se produza unha trifulta nun espectáculo público, xa pola melloría do nivel educativo, ou porque agora se controlan os comportamentos.

Na Semana de Cine de Lugo tivemos proba de exquisito nivel nas formas do público cando a proxección se interrumpeu por culpa dun arquivo informático. Mentras se intentaba a reparación, ás escuras, o público gardou silencio respectuoso e expectante, escoitou as primeiras explicacións, e seguiu agardando ata que comprobamos que non atopabamos solución, abandoando o local sen a menor protesta, mesmo consolando aos organizadores, sabéndoos os primeiros damnificados polo acontecido.

Foi sorpresa grata para a organización o nivel cívico e comprensivo dos lucenses cinéfilos, que non só contrasta cos comportamentos de antano de nenos e maiores, senón de algúns actuais xa que se conta que nun festival audiovisual galego no que houbo un corte na proxección, e diante das explicacións da organización, se produciu unha pitada que fixo época.

En Lugo, sorrisos comprensivos e comportamento exemplar. Auténticamente, de cine.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo