A Audiencia Provincial de Lugo absolveu unha parella acusada dun delito continuado de estafa relacionado cunha reforma nunha vivenda que non chegou a finalizarse, pola que recibira 39.831 euros. O tribunal considera acreditados os pagamentos, as deficiencias construtivas e a paralización municipal das obras, pero entende que non hai probas suficientes para demostrar que os acusados actuasen desde o principio coa intención de enganar.
A sentenza distingue entre os incumprimentos e os problemas técnicos constatados durante a reforma e os requisitos necesarios para apreciar un delito de estafa. Segundo a Sala, a documentación achegada e os informes periciais permiten acreditar a realización de traballos defectuosos e a existencia de decisións técnicas cuestionables, así como unha falta de planificación, pero non proban con certeza suficiente que a parella deseñase un plan previo para obter o diñeiro mediante unha falsa aparencia de capacidade ou vontade de cumprir o contrato.
Por este motivo, o tribunal acorda a absolución, ao considerar que non quedou demostrado o elemento intencional que esixe o delito de estafa.
A resolución non é firme e pode ser recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).






