A Policía Local de Lugo incorpora seis vehículos híbridos con lectores de matrículas e cámaras

Concello de Lugo incorporou seis vehículos híbridos á frota da Policía Local, equipados con sistemas de lectura de matrículas, cámaras de gravación e material específico para intervencións policiais. A renovación dos medios materiais acompáñase de cambios no cadro de persoal, coa incorporación de novos axentes.

Os vehículos dispoñen de dous dispositivos de lectura de matrículas conectados á base de datos da Dirección Xeral de Tráfico (DGT), que permiten detectar posibles incidencias relacionadas con vehículos subtraídos, ordes de busca, embargos xudiciais ou vehículos incluídos nas listaxes de interese policial vinculadas ao sistema VioGén.

O equipamento inclúe tamén cámaras para gravar as intervencións, co obxectivo de documentar as actuacións policiais, así como sistemas de detección de obstáculos e alertas de presenza de peóns. Os vehículos son do tipo SUV, teñen motor híbrido de 200 cabalos e cambio automático.

A dotación complétase con etilómetros de mostraxe, medidores láser de distancias, lanternas, botiquíns, elementos de sinalización e ferramentas para actuacións de emerxencia. Cinco dos seis vehículos incorporan, ademais, un espazo para o traslado de persoas detidas, separado do posto dos axentes mediante unha mampara.

Os coches contan tamén con tabletas e lectores de microchips para identificar animais, xunto con equipamento policial específico. Segundo a información municipal, estes recursos permitirán ás patrullas atender distintas incidencias con maior autonomía.

Reforzo do persoal

A renovación da frota coincide con medidas de ampliación do persoal policial. A Xunta de Goberno Local aprobou o nomeamento de tres policías como funcionarios de carreira e está prevista a incorporación de catro axentes de mobilidade.

Estas prazas forman parte da Oferta de Emprego Público aprobada en xuño polo actual equipo de goberno, que contempla un total de 12 prazas de acceso libre e dúas de promoción interna.

A incorporación dos vehículos e o reforzo do persoal forman parte das actuacións municipais destinadas a renovar os recursos da Policía Local e mellorar a atención das incidencias relacionadas coa seguridade cidadá e viaria.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com