O BNG de Lugo presentará emendas aos orzamentos da Xunta para 2027 co obxectivo de impulsar un parque nos terreos da actual estación de autobuses, así como a rehabilitación do barrio da Tinería e a recuperación do Cuartel de San Fernando.
A principal proposta da formación nacionalista consiste en trasladar os dous millóns de euros previstos para a continuidade da Rolda Leste á redacción do proxecto e á primeira fase de execución do parque. O portavoz municipal, Rubén Arroxo, defende que esta alternativa permitiría ampliar as zonas verdes do centro da cidade, fronte a unha infraestrutura viaria que, segundo sostén, afectaría a espazos verdes existentes.
O proxecto do BNG contempla crear un espazo peonil de máis de 27.000 metros cadrados, un aparcadoiro soterrado e unha zona de parada para as liñas de transporte interurbano, aproveitando o traslado da estación de autobuses á futura intermodal. A proposta inclúe tamén unha conexión entre a rúa Dinán e a avenida Anxo López Pérez.
A iniciativa forma parte das emendas que a formación presentará ás contas autonómicas, nas que tamén reclama cinco millóns de euros para continuar a rehabilitación integral da Tinería e unha dotación económica similar para recuperar o Cuartel de San Fernando e destinalo a un museo de historia galaico-romana.
Sobre este último inmoble, o BNG expresa a súa preocupación polo anuncio do Concello e da Xunta de trasladar os achados arqueolóxicos á Domus do Mitreo. A formación considera prioritario avanzar na rehabilitación do edificio e garantir a súa protección e seguridade. A cuestión será abordada tamén nunha iniciativa que os nacionalistas prevén defender no pleno municipal.






