Novas

O Mitma elabora un protocolo de vialidad invernal debido ao desvío da A-6 en Pedrafita

O Ministerio de Transportes, Movilidade e Axenda Urbana (Mitma) elaborou un protocolo de vialidade invernal xunto coa Dirección Xeral de Tráfico do Ministerio do Interior, a Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia e Xunta de Castilla e León onde se recollen as alternativas ao tráfico de vehículos pesados en caso de alerta de nevadas nas estradas N-6 e A-6 na zona de Pedrafita do Cebreiro. No devandito protocolo estableceuse que cando exista climatoloxía adversa (nivel amarelo por nevadas) e durante o tempo que dure o aviso será necesario restrinxir ao tráfico de vehículos pesados no tramo comprendido entre as ligazóns de Villamartín da Abadía, León (PK 400 da A-6) e Nadela, Lugo (PK 488 da A-6) para evitar o seu paso pola zona afectada polos desvíos existentes en Pedrafita do Cebreiro. A previsión do Ministerio é que este protocolo de vialidad invernal teña carácter provisional xa que o próximo inverno polo menos un dos viadutos estará operativo para a circulación de vehículos en ambos os sentidos.

Os vehículos pesados que circulen pola A-6 en sentido A Coruña deberán abandonar esta vía no P.K. 400, ligazón de Toral dos Vaos (León) e utilizar as estradas N-120 (ata A Pobra do Brollón, Lugo), LU- 652 (ata Bóveda, Lugo) e CG 2.2, retornando á A-6 no PK 488, ligazón de Nadela. En sentido Madrid, farase o mesmo desvío en sentido inverso, polo que se abandonará a autovía A-6 na ligazón de Nadela (Lugo PK 488) e circularase polas estradas CG 2.2, LU-652 e N-120 para conectar novamente coa A-6 na ligazón de Toral dos Vaos. Actualmente, a estrada autonómica CG 2.2 (Nadela-Sarria-Monforte) atópase en obras no tramo A Pobra de Xiao-Sarria, polo que o tráfico está desviado a través da LU-546.

Está prevista a súa reapertura a finais do mes de novembro se a meteoroloxía permíteo. Realizaranse avisos previos destas restricións en paneis de mensaxes da DXT así como en todas as canles oficiais de comunicación do Organismo cando exista alerta meteorolóxica de nevadas e estará sinalizada o roteiro para seguir nos puntos de conexión entre as distintas estradas. Nestes episodios, a Agrupación de Tráfico da Garda Civil reforzará a súa presenza o tramo de desvío velando pola seguridade, regulando e vixiando o tráfico. Están previstos varios puntos de almacenamento de camións que estean a circular polo tramo afectado.

Aprobado o Orzamento para o ano 2023 do Consorcio Provincial de Bombeiros

O Presidente da Deputación e do Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, presidiu este xoves o Pleno desta entidade no que se aprobou un Orzamento de 5,6M€ para o ano 2023. A Deputación achega o 50% do presuposto.

Estes orzamentos garanten o funcionamento dos seis parques do Consorcio –Monforte de Lemos, Chantada, Sarria, Barreiros, Vilalba e Viveiro-, que contan con 20 efectivos cada un.
Dos 5.650.023,19M€ que contempla o Orzamento do 2023, un total de 4,5M€ están destinados a facer fronte aos salarios dos traballadores e traballadoras, 987.000€ a gastos correntes, preto de 90.000€ ao fondo de continxencia e 57.000€ a investimentos.

Polo que respecta aos ingresos, proveñen das achegas da Deputación e da Xunta de Galicia a partes iguais e de UNESPA (Asociación Empresarial del Seguro).

O Concello inicia o proceso de licitación para a xestión da cafetería do Parque Rosalía

O Concello de Lugo autorizou, en Xunta de Goberno, a apertura do procedemento para licitar a xestión da cafetería do Parque de Rosalía de Castro, logo de que a área de Contratación actualizara os pregos para adecualos ao contexto económico e social actual.

Así, a responsable de Gobernanza, Paula Alvarellos, explicou que o canon para a súa explotación sairá a concurso por un mínimo de 1.500 euros ao mes (18.000 € anuais).

A concesión, que se suma ás outras tres que actualmente o Concello mantén en vigor (nas piscinas do Parque da Milagrosa e das Pedreiras e no CEI Nodus) ten unha duración de cinco anos e poderá ser prorrogada até un máximo de dez.

Codex Cinema estrea dúas películas que amosan o pasado e o presente do cinema francés

Codex Cinema estrea este venres un dos filmes máis lendarios da historia do cinema francés e obxecto dun culto apaixonado por parte da cinefilia dende a súa estrea en 1973. Falamos de “A mamá e a puta”, colosal película dirixida por Jean Eustache e protagonizada por dúas das
figuras máis destacadas do cinema da nouvelle vague, Jean-Pierre Léaud e Bernadette Lafont, ademais da, naquel momento emerxente, Françoise Lebrun. O filme presentouse no Festival de Cannes dese ano onde acadou dous premios: o Gran Premio do Xurado e o premio FIPRESCI.
Durante todo este tempo A mamá e a puta non contou con distribución doméstica, soamente uns cantos privilexiados puideron desfrutala en pases especiais en filmotecas, salas especializadas, festivais de cine ou nalgún eventual pase televisivo. Agora, logo dunha restauración levada a cabo por Les Films du Losange, Filmin trae a España este filme decisivo.

Antes de que apareza na súa plataforma de streaming gozará de pases en filmotecas e salas. Filmada nos anos inmediatamente posteriores a Maio de 1968 e en moitos dos gloriosos espazos da rive gauche parisiense, A mamá e a puta aborda o amor e o sexo con asombrosa franqueza; sen ningún indicio de moralismo asistimos a un filme río que afronta os problemas máis incómodos e as flagrantes contradicións de calquera relación sentimental. Trátase dunha película moi discursiva e elocuente. No entanto, detrás de todo este falar, especialmente da farfalla da personaxe de Alexandre (Jean-pierre Léaud), agóchase unha inmensa angustia e un baleiro existencial que semellan brotar dese Maio de 1968 aquí convertido nunha abstracción, nun eco lonxano. O estilo fílmico de Eustache, moi sinxelo, sustentando en case todo a película
nun emprego sinxelo do plano/contraplano suliña ese baleiro. A imaxe queda nun segundo lugar detrás da palabra.

A outra estrea da semana en Codex Cinema é “Lume”, penúltima longametraxe da prestixiosa directora francesa Claire Denis. Conta cun reparto encabezado por algúns dos mellores intérpretes actuais do país galo como é o caso de Juliette Binoche, Vincent Lindon e Grégoire Colin. Lume foi presentada no Festival de Berlín deste ano onde acadou o Oso de Prata á Mellor Dirección.
O guión foi co-escrito durante o confinamento entre a propia Denis e Christine Angot, nel adáptase unha novela desta última, Un tournant de la vie.

Na trama preséntase un incómodo triángulo amoroso entre os tres intérpretes principais. As autoras do texto intentaron transcender a simplicidade enganosa da situación de partida e destruír os clichés habituais que hai sobre o ménage à trois ou sobre a muller que está entre dous homes e que sofre; desta maneira a historia sempre camiña sobre a corda frouxa e, ao evitar caer nos tópicos, consegue afondar na complexidade dos sentimentos humanos. A directora tamén esquivou acceder ao pasado das personaxes: “Unha película é coma unha casa. Cando construín esta non precisei engadirlle máis habitacións para facela habitable. A textura das personaxes non reside nas súas biografías, reside no seu presente”.

Como vén sendo habitual ao longo de gran parte da filmografía de Denis, a banda sonora é obra de Stuart Staples, líder do famoso e prestixioso grupo musical Tindersticks.

Poden consultar todos os horarios na páxina: www.caldiae.gal

 

A Asociación Si, hai saída remite un escrito ao Ministro do Interior alertando sobre as deficiencias na protección as vítimas de violencia de xénero

Desde a Asociación Si, hai saída, ante o máis que evidente repunte de casos de violencia de xénero, especialmente daqueles nos que, malia ter denunciado as vítimas aos seus agresores, e existir, nalgúns dos casos, antecedentes previos por violencia machista, ou mesmo unha orde de afastamento, estas foron gravemente agredidas por eles ou asasinadas, evidenciando as graves deficiencias na protección que se lles debería ter prestado, a falta de seguimento aos agresores, e o muro de silencio co que sempre se tapan estes casos, especialmente cando, como sucedeu varias veces no que levamos de ano, o propio agresor forma parte ou ten algún tipo de vínculo coas FCSE, obviando a realidade, vimos de remitir un escrito ao Ministro do Interior, Fernando Grande Marlaska, solicitando unha urxente revisión dos criterios de selección
dos integrantes das FCSE encargados da asistencia e protección as vítimas de violencia machista, así como do funcionamento das Ufam (Unidade de familia e axuda a muller), que, entendemos, deixa en moitas ocasións, e en datas nas que é previsible o risco de aumento de
agresións machistas, nunha situación de clara indefensión.

Os integrantes do Club Ritmo Lugo conseguen 45 medallas nos Nacionais de Hip Hop e Bailes Caribeños

Os integrantes do Club Ritmo Lugo alzáronse cun total de 45 medallas nos Campionatos de España de Hip Hop e Bailes Caribeños (Salsa on2, Merengue, Bachata e Salsa cubana) celebrados en Narón (Ferrol). En concreto, os bailarines lucenses conseguiron 14 medallas de ouro; 16 medallas de prata; e 15 medallas de bronce.

Este mércores foron recibidos pola alcaldesa de Lugo que os felicitou polo seu gran éxito e desexou a mellor das sortes aos nove integrantes de Ritmo Lugo que acaban de ser seleccionados para competir no Mundial IDO World Dance Organization, que se celebrará os próximos 27 a 30 de outubro en Varsovia, Polonia, “estaremosvos apoiando dende a distancia para que levedes o nome de Lugo ao máis alto”, apuntou Lara Méndez.

Peche á circulación da estrada LU-P-1301 por obras

A estrada provincial que conecta Pedrafita do Cebreiro con Seoane do Courel, a LU-P-1301, pecharase á circulación dende este venres, 30 de setembro, ata o venres, 7 de outubro.

O corte farase en horario de 9:00 a 19:00 horas, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 8,600 e 11,880, debido aos traballos de mellora que está acometendo a Deputación de Lugo na vía. A circulación quedará aberta pola noite, dende as 19:00 horas ata as 9:00, e durante a fin de semana poderase circular.

A Policía Local notifica a suspensión de actividade da discoteca Puro Teatro

A Policía Local vén de notificar o Decreto de Suspensión do funcionamento da actividade da discoteca Puro Teatrosita en Doutor Fleming, coa advertencia de que de non facelo no prazo indicado de 72 horas, efectivos deste Corpo procederán a precintar  este venres o establecemento.

A medida cautelar, da que informaba hoxe o Intendente da Xefatura, Jesús Piñeiro, adóptase despois de varias actuacións dos axentes nas que se constatou a superación dos valores máximos de emisión de ruídos que proban a existencia de contaminación acústica e logo de que o Concello lle xa abrira un expediente ao local, denunciado previamente en diferentes ocasións.

Esta é a cuarta intervención deste tipo que a Policía Local realiza no último ano, ao abeiro da directriz dada pola alcaldesa de actuar categoricamente contra os negocios que propicien disturbios e prexudiquen a covivencia cidadá.

A rexedora explicou que este establecemento de ocio nocturno “permanecerá pechado mentres o seu titular non presente a documentación requirida polo Servizo de Licenzas e esta sexa informada favorablemente polos técnicos municipais”.

Aberto o prazo para solicitar axudas ás asociacións para a dotación e mellora de servizos no rural

A Deputación de Lugo abriu este mércores o prazo para solicitar as subvencións do Programa de Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, unha liña de axudas da institución provincial destinada ás asociacións para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas do rural que conta cunha dotación económica de 300.000€. Son de concorrencia competitiva e poderán optar durante un mes -ata o vindeiro 28 de setembro- as entidades asociativas da provincia, segundo aparece recollido no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do día de onte, 27 de
setembro, cando se publicaron as bases do programa.

Poden pedir estas axudas, que oscilarán entre os 1.000 e os 6.000€, entidades asociativas, tales como asociacións e agrupacións de veciños e veciñas, comunidades de usuarios e usuarias de augas, asociacións de mulleres rurais, comunidades de montes ou asociacións de gandeiros, agricultores ou produtores forestais da provincia para realizar investimentos en inmobles ou equipamentos.

Entre as actuacións subvencionables atópase a mellora, adecuación do firme ou sinalización de vías públicas comunais e os seus accesos; as obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais nos que a entidade desenvolve a súa actividade; adquisición de equipamentos para os locais que resulten necesarios para o funcionamento común da entidade; obras novas de mellora, reforma e reparación das infraestruturas e instalacións das traídas de augas comunitarias, promovidas por comunidades de usuarios de augas; construción de depósitos de auga comunitarios ou acondicionamento e recuperación dos existentes, así como das súas captacións, canalizacións e acometidas; e obras de acondicionamento e recuperación de espazos públicos comunais, fontes comunais e a súa contorna. As obras deben realizarse entre o 1 de outubro de 2022 e o 30 de xuño de 2023.

Este programa, de ampla repercusión social, enmárcase no traballo da Deputación para dotar de máis e mellores servizos ós veciños do rural e así contribuír a fixar poboación.

Quescrem presenta no Fórum Gastronómico o seu proxecto pioneiro de transformación de permeato en biogás

A firma Quescrem de Castro Ribeiras de Lea, foi seleccionada polo comité organizador do Fórum Gastronómico 2022 (GFG) para expoñer no maior evento gastronómico do norte de España o seu proxecto pioneiro que converte o permeato en biogás.

A planta de Quescrem, absolutamente innovadora, aproveita todos os subproductos líquidos da súa produción, como o permeato, para producir biogás. O permeato é un subproducto lácteo que se xera no proceso de elaboración do queixo.

Quescrem foi premiada por esta iniciativa sostible, a primeira destas características en España. Durante anos o permeato foi tratado en Quescrem na súa maior parte como un residuo, xestionado a través de xestores de residuos, o que supoñía un custo importante para a empresa, polo que era necesario buscar unha solución.

Desde a posta en marcha da nova planta, rexistrouse un aforro enerxético do 30%, unha redución do 90% dos residuos orgánicos xerados, e un descenso do 30% dos custos asociados á xestión de residuos.

O GFF é o evento gastronómico profesional máis importante do norte de España. Converteuse, desde a súa primeira edición en Galicia no ano 2008, no punto de encontro imprescindible para os profesionais do ‘food service’ no noroeste da península, celebrándose os seus catro últimas edicións na cidade da Coruña. O Fórum, que se celebra en Expocoruña, dedicou de novo un dos seus espazos á reflexión e o diálogo entre científicos e personalidades da gastronomía: o FórumLab. Esta mañá, o relatorio sobre ‘Alimentos, agricultura e pesca sostibles’, tivo a Quescrem como un dos protagonistas. Jesús Zapico, director de Industria 4.0., explicou como a multinacional, que mantén a súa sede no rural, explorou varias alternativas ata chegar a unha solución sostible e circular. A planta de biogás permite a Quescrem levar a cabo o seu obxectivo de respecto ao medio ambiente e os recursos naturais, ademais de obter un considerable aforro enerxético, unha menor dependencia de combustibles fósiles e unha redución das emisións de gases contaminantes, creando riqueza coa xeración de materias reaproveitables como os lodos fertilizantes.

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com