Codex Cinema estrea dúas películas que amosan o pasado e o presente do cinema francés

Codex Cinema estrea este venres un dos filmes máis lendarios da historia do cinema francés e obxecto dun culto apaixonado por parte da cinefilia dende a súa estrea en 1973. Falamos de “A mamá e a puta”, colosal película dirixida por Jean Eustache e protagonizada por dúas das
figuras máis destacadas do cinema da nouvelle vague, Jean-Pierre Léaud e Bernadette Lafont, ademais da, naquel momento emerxente, Françoise Lebrun. O filme presentouse no Festival de Cannes dese ano onde acadou dous premios: o Gran Premio do Xurado e o premio FIPRESCI.
Durante todo este tempo A mamá e a puta non contou con distribución doméstica, soamente uns cantos privilexiados puideron desfrutala en pases especiais en filmotecas, salas especializadas, festivais de cine ou nalgún eventual pase televisivo. Agora, logo dunha restauración levada a cabo por Les Films du Losange, Filmin trae a España este filme decisivo.

Antes de que apareza na súa plataforma de streaming gozará de pases en filmotecas e salas. Filmada nos anos inmediatamente posteriores a Maio de 1968 e en moitos dos gloriosos espazos da rive gauche parisiense, A mamá e a puta aborda o amor e o sexo con asombrosa franqueza; sen ningún indicio de moralismo asistimos a un filme río que afronta os problemas máis incómodos e as flagrantes contradicións de calquera relación sentimental. Trátase dunha película moi discursiva e elocuente. No entanto, detrás de todo este falar, especialmente da farfalla da personaxe de Alexandre (Jean-pierre Léaud), agóchase unha inmensa angustia e un baleiro existencial que semellan brotar dese Maio de 1968 aquí convertido nunha abstracción, nun eco lonxano. O estilo fílmico de Eustache, moi sinxelo, sustentando en case todo a película
nun emprego sinxelo do plano/contraplano suliña ese baleiro. A imaxe queda nun segundo lugar detrás da palabra.

A outra estrea da semana en Codex Cinema é “Lume”, penúltima longametraxe da prestixiosa directora francesa Claire Denis. Conta cun reparto encabezado por algúns dos mellores intérpretes actuais do país galo como é o caso de Juliette Binoche, Vincent Lindon e Grégoire Colin. Lume foi presentada no Festival de Berlín deste ano onde acadou o Oso de Prata á Mellor Dirección.
O guión foi co-escrito durante o confinamento entre a propia Denis e Christine Angot, nel adáptase unha novela desta última, Un tournant de la vie.

Na trama preséntase un incómodo triángulo amoroso entre os tres intérpretes principais. As autoras do texto intentaron transcender a simplicidade enganosa da situación de partida e destruír os clichés habituais que hai sobre o ménage à trois ou sobre a muller que está entre dous homes e que sofre; desta maneira a historia sempre camiña sobre a corda frouxa e, ao evitar caer nos tópicos, consegue afondar na complexidade dos sentimentos humanos. A directora tamén esquivou acceder ao pasado das personaxes: “Unha película é coma unha casa. Cando construín esta non precisei engadirlle máis habitacións para facela habitable. A textura das personaxes non reside nas súas biografías, reside no seu presente”.

Como vén sendo habitual ao longo de gran parte da filmografía de Denis, a banda sonora é obra de Stuart Staples, líder do famoso e prestixioso grupo musical Tindersticks.

Poden consultar todos os horarios na páxina: www.caldiae.gal

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com