Novas

Aberto o prazo para solicitar axudas ás asociacións para a dotación e mellora de servizos no rural

A Deputación de Lugo abriu este mércores o prazo para solicitar as subvencións do Programa de Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, unha liña de axudas da institución provincial destinada ás asociacións para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas do rural que conta cunha dotación económica de 300.000€. Son de concorrencia competitiva e poderán optar durante un mes -ata o vindeiro 28 de setembro- as entidades asociativas da provincia, segundo aparece recollido no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do día de onte, 27 de
setembro, cando se publicaron as bases do programa.

Poden pedir estas axudas, que oscilarán entre os 1.000 e os 6.000€, entidades asociativas, tales como asociacións e agrupacións de veciños e veciñas, comunidades de usuarios e usuarias de augas, asociacións de mulleres rurais, comunidades de montes ou asociacións de gandeiros, agricultores ou produtores forestais da provincia para realizar investimentos en inmobles ou equipamentos.

Entre as actuacións subvencionables atópase a mellora, adecuación do firme ou sinalización de vías públicas comunais e os seus accesos; as obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais nos que a entidade desenvolve a súa actividade; adquisición de equipamentos para os locais que resulten necesarios para o funcionamento común da entidade; obras novas de mellora, reforma e reparación das infraestruturas e instalacións das traídas de augas comunitarias, promovidas por comunidades de usuarios de augas; construción de depósitos de auga comunitarios ou acondicionamento e recuperación dos existentes, así como das súas captacións, canalizacións e acometidas; e obras de acondicionamento e recuperación de espazos públicos comunais, fontes comunais e a súa contorna. As obras deben realizarse entre o 1 de outubro de 2022 e o 30 de xuño de 2023.

Este programa, de ampla repercusión social, enmárcase no traballo da Deputación para dotar de máis e mellores servizos ós veciños do rural e así contribuír a fixar poboación.

Quescrem presenta no Fórum Gastronómico o seu proxecto pioneiro de transformación de permeato en biogás

A firma Quescrem de Castro Ribeiras de Lea, foi seleccionada polo comité organizador do Fórum Gastronómico 2022 (GFG) para expoñer no maior evento gastronómico do norte de España o seu proxecto pioneiro que converte o permeato en biogás.

A planta de Quescrem, absolutamente innovadora, aproveita todos os subproductos líquidos da súa produción, como o permeato, para producir biogás. O permeato é un subproducto lácteo que se xera no proceso de elaboración do queixo.

Quescrem foi premiada por esta iniciativa sostible, a primeira destas características en España. Durante anos o permeato foi tratado en Quescrem na súa maior parte como un residuo, xestionado a través de xestores de residuos, o que supoñía un custo importante para a empresa, polo que era necesario buscar unha solución.

Desde a posta en marcha da nova planta, rexistrouse un aforro enerxético do 30%, unha redución do 90% dos residuos orgánicos xerados, e un descenso do 30% dos custos asociados á xestión de residuos.

O GFF é o evento gastronómico profesional máis importante do norte de España. Converteuse, desde a súa primeira edición en Galicia no ano 2008, no punto de encontro imprescindible para os profesionais do ‘food service’ no noroeste da península, celebrándose os seus catro últimas edicións na cidade da Coruña. O Fórum, que se celebra en Expocoruña, dedicou de novo un dos seus espazos á reflexión e o diálogo entre científicos e personalidades da gastronomía: o FórumLab. Esta mañá, o relatorio sobre ‘Alimentos, agricultura e pesca sostibles’, tivo a Quescrem como un dos protagonistas. Jesús Zapico, director de Industria 4.0., explicou como a multinacional, que mantén a súa sede no rural, explorou varias alternativas ata chegar a unha solución sostible e circular. A planta de biogás permite a Quescrem levar a cabo o seu obxectivo de respecto ao medio ambiente e os recursos naturais, ademais de obter un considerable aforro enerxético, unha menor dependencia de combustibles fósiles e unha redución das emisións de gases contaminantes, creando riqueza coa xeración de materias reaproveitables como os lodos fertilizantes.

 

CCOO denuncia falta de persoal e deficiencias de seguridade nos pisos de acollida do Concello

A sección sindical de CCOO denunciou na Inspección de Traballo distintas irregularidades laborais na Casa da Muller do Concello de Lugo, que xestiona pisos de acollida para as mulleres vítimas de violencia machista. As cuestións denunciadas polo sindicato afectan a puntos como a conciliación, a saúde no traballo ou a xornada realizada. A medida tomouse tras a falta de resposta ou as respostas «incoherentes» por parte da Administración local ás peticións formuladas polo sindicato, que tamén se queixa da falta de persoal.

“A situación máis grave denunciada é a esixencia de que o persoal da Casa da Muller faga labores que non forman parte do seu cometido profesional, como por exemplo mantemento das caldeiras, que por riba están en mal estado, co consecuente risco”, sinala CCOO.

O sindicato lembra “que estas funcións non están previstas na relación de postos de traballo (RPT), nin contan coa preceptiva avaliación de riscos laborais —conforme marca a lei—, polo que esta obriga entendemos que non se axusta á legalidade”.

“Ante o risco que isto supón, o sindicato rexistrou un escrito o pasado 15 de xullo, que máis de dous meses despois aínda non foi respondido. Isto, malia se teren dado situacións tan perigosas como un enchufe cheo de auga”, advirte CCOO.

O sindicato tamén pon de manifesto “a falta de persoal para este servizo e a ausencia de vontade política por parte do Concello para atender esta demanda. Por exemplo, unha praza de traballadora de familia, vacante por xubilación, non se cubrirá porque o Goberno local optou por crear unha praza máis de policía á custa deste servizo. Outro tanto acontece cunha praza de psicoloxía, actualmente ocupada pola xefatura do servizo de Muller e Igualdade”.

CCOO sinala “que a falta de persoal non só implica unha maior carga de traballo para o resto, senón que produce unha mingua na calidade dun servizo público que atende a mulleres nun momento e nunha situación especialmente vulnerables”.

A Xunta adxudica sete parcelas de solo empresarial no polígono das Gándaras

A Xunta de Galicia adxudicou esta mañá 7 parcelas de solo empresarial no polígono industrial das Gándaras, en Lugo, cunha superficie total de 21.218 metros cadrados. As parcelas foron adxudicadas esta mañá en réxime de compravenda no marco da reunión da Comisión Executiva da empresa pública Xestur.

O importe total das adxudicacións no parque lucense ascende a 1.281.070 euros, unha vez aplicada xa sobre o prezo de venda unha bonificación de 1.062.830 euros.

As empresas adxudicatarias destas parcelas corresponden ao sector da xestión de residuos, de instalación de climatización e frío industrial, carburantes, sistemas de enerxías renovables, carpintería e construción.

 

Detido por homicidio imprudente o home que provocou un accidente mortal na ronda do Carme

Os feitos tiveron lugar onte ao redor das 23:30 horas cando un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo desprázase á confluencia da Rolda do Carmen coa rúa Santiago xa que se produciu un accidente de circulación.

Os axentes ao chegar comproban que un turismo, que circulaba pola Rolda do Carme, chocara coa parte dianteira contra a posterior dunha motocicleta que estaba detida no semáforo na confluencia da rúa Santiago, desprazándoa violentamente e quedando o seu condutor tirado na calzada.

Que se procede ao auxilio inmediato deste condutor, de 50 anos de idade, requirindo a presenza dunha ambulancia do 061 cuxo facultativo certifica o seu falecemento.

Os policías observan que o condutor do turismo, un home de 65 anos e veciño desta cidade, presenta signos de embriaguez polo que é sometido ás probas de detección alcohólica lanzando un resultado POSITIVO de 0,78 mg/l, procedendo á súa detención por un presunto delito de homicidio imprudente con resultado de morte, instruíndose dilixencias para o Xulgado de Garda.

Un mozo de 35 anos perde a vida mentras montaba unha atracción para as festas do San Froilán

O accidente tivo lugar ás 15:45h cando o rapaz que traballaba na montaxe da estrutura dunha atracción do San Froilán caeu dunha escaleira a varios metros de altura.

Inmediatamente, desde o 112 coordinouse a acción dos diferentes servizos de emerxencias. Nun primeiro momento, os axentes da Policía Nacional que se desprazaron ata o punto apuntaban á posibilidade de que o traballador puidese estar falecido, o que finalmente se confirmou coa chegada do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. No operativo tamén participou unha patrulla da Policía Local de Lugo.

A Xunta da continuidade ao obradoiro de emprego Vía Künig que comparten Becerreá, As Nogais e Baralla

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade dará continuidade ao obradoiro de emprego Vía Künig, que comparten os concellos de Becerreá, As Nogais e Baralla, cunha nova edición. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na entrega de diplomas aos 20 alumnos traballadores que participaron na terceira edición deste proxecto e anunciou que xa está aprobada unha cuarta que se porá en marcha nas vindeiras semanas e, como novidade, ampliará a duración dos nove meses a un ano.

En total, os dous obradoiros formarán 40 persoas en actividades relacionadas coa construción, grazas a un investimento conxunto de 851.000 euros por parte da Xunta.

Nos últimos meses, os participantes en Becerreá traballaron na peonalización da rúa O Souto e a travesía da Preira, a construción de vestiarios e aparcadoiro para persoas con discapacidade nas instalacións do parque móbil e a reconstrución da fonte de A Carunchada. Acondicionaron a nave da antiga escola taller das Nogais como punto de atención ao peregrino e urbanizaron a contorna, ademais de rehabilitar o lavadoiro e a fonte de Doncos. Pola súa banda en Baralla reformaron a báscula de Sobrado, un camiño en Piñeira e a rúa Fabeiro.
Os 20 alumnos traballadores que tomen o relevo executarán unha senda peonil paralela á N-VI entre Becerreá e Cereixal e outra paralela á mesma estrada na Ferrería, xa no municipio das Nogais. En Baralla ampliarán o centro sociocultural para punto de atención ao peregrino.

Nos obradoiros de emprego os participantes reciben formación teórica e práctica en especialidades con boas perspectivas de empregabilidade, ao tempo que asinan un contrato de traballo que lles garante un salario e a adquisición de experiencia laboral; tamén acceden a un certificado de profesionalidade con validez en toda España.

Ademais, os obradoiros duais Vía Künig inclúen incentivos á contratación para catro participantes, que se traducen en contratos en empresas da contorna para desenvolver funcións relacionadas coa aprendizaxe recibida, por un mínimo de tres meses a xornada competa.
Na selección dos participantes teñen prioridade as persoas con especiais dificultades de inserción no mercado laboral, como mulleres, emigrantes retornados, vítimas de violencia de xénero, persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, parados de longa duración, maiores de 45 anos ou persoas en risco de exclusión social.

Mañá abre o prazo para solicitar os 9 hortos urbanos da Deputación

A Deputación de Lugo abrirá mañá, 27 de setembro, o prazo para que as persoas ou entidade interesadas en optar a algún dos 9 hortos urbanos que quedan dispoñibles no Paseo do Río Rato formulen a súa solicitude. Así o recolle o Boletín Oficial da Provincia (BOP) deste luns,
onde se especifica toda a documentación que é necesario presentar para formalizar a petición dunha parcela.

O prazo de solicitude é de 10 días hábiles a contar dende mañá martes, polo tanto, rematará o vindeiro 11 de outubro. Os beneficiarios terán dereito a utilizar os hortos de maneira gratuíta durante un período de dous anos.

A adxudicación farase a través dun proceso de concorrencia competitiva no que primarán criterios sociais, como estar en situación de desemprego, ser representante dun centro educativo ou traballar para un colectivo social, entre outros. Os usuarios e usuarias deben ser
persoas físicas ou representantes de asociacións e ser veciños do concello de Lugo ou dalgún municipio limítrofe.

A asignación individualizada de cada horto por solicitante e unidade familiar realizarase ás 10:00 horas do luns, 16 de xaneiro de 2023, nas dependencias da Deputación de Lugo.
Pódese consultar máis información na web da Deputación: http://www.deputacionlugo.gal/gl/temas/medioambiente/hortosrato.

Palmarés da XLIV Semana de Cine de Lugo

Estes son os premios acadados polas peliculas que se presentaron aos distintos apartados da 44 Edición da Semana de Cine de Lugo

Premio do Público á Mellor Película da Sección Oficial: MENTES MARAVILLOSAS (Francia, 2021) de Bernard Campan (2,56 puntos).
A puntuación do público para o resto das películas presentadas foi a seguinte:

LA PAMPA (Peru, 2022) de Dorian Fernández-Moris (2,46 puntos).

EL AMOR EN SU LUGAR (España, 2021) de Rodrigo Cortés (2,39 puntos).

QAZI (Alemania-Pakistan, 2021) de Anil Fastenau (2,13 puntos).

UNA LIBRERIA EN PARIS (Italia, 2021) de Sergio Castellito (1,57 puntos).

LOS INVENTADOS (Arxentina, 2021) de Leo Basilico, Nicolas Longinotti, PabloRodriguez Pandolfii (1,45 puntos).

Premio do Xurado a Mellor Película do “Cine das Nacionalidades”: EL PARQUE (España, 2021) de Rogelio Enríquez Soto.

Premio do Xurado á Mellor Película Documental: PESSOAS (España, 2020) de Arturo Dueñas.

Premio do Públicoe e do Xurado á Mellor Película Galega: JULIA (Galicia, 2020) de Jacob Lagüela Castro.

Premio do Público á Mellor Curtametraxe (As curtas tamén son cine): NEGOCIADORA (España, 2021) de Alfredo Andreu Rios

A Organización e o Xurado da XLIV SECILUGO (44 Semana de Cine de Lugo) conceden cadansúa MENCION ESPECIAL ás seguintes películas, polo especial tratamento dos temas, ás persoas e ao cine:

LA LUZ DEL FARO (España, 2021) de Pablo de la Fuente Arcos.

A VIRXE ROXA (España, 2021) de Marcos Nine.

BIENVENIDO MR. BANKSY (España, 2021) de Carlos A. Quiros.

DORES (Galicia, 2020) de Coral Piñeiro.

SALAMANDRA (España, 2021) de Dario Autran. O SON DA BALEA (Galicia, 2021) de Daniel Suárez Rubini.

ROMPENTE (España, 2022) de Eloy Dominguez Serén.

DEVORADORA DE NENOS (Galicia, 2022) de Fran X. Rodriguez.

ELAS (Galicia, 2021) de Aaron Siebert.

LA METAFISICA DEL ASESINO (España, 2021) de Rubén Méndez.

A COMUNIÓN DA MIÑA PRIMA ANDREA (Galicia, 2021) de Brandan Calviño.

REFLEXIÓNS DE UNHA AVARICIOSA (Galicia, 2022) de Noa Alvárez Pastoriza, Maxuca Bruña.

ONCE UPON A PLACE (España, EE.UU., 2019) de Celia Novis.

AIMRA. TIERRA DE NADIE (España, 2021).

LA PALABRA MALDITA (España, 2121) de Javier Alvárez Solís. DUNA (España, 2021) de Dany Campos.

ACOUA (Arxentina, 2020) de Guido Simonetti.

EN EL SEGUNDO IZQUIERDA (España, 2021) de Marco Araujo.

PORAPPE (España, 2021) de Jesus Martínez.

TUK-TUK (Exipto, 2021) de Mohamed Kaeidr.

RE-ANIMAL (España, 2021) de Ruber Garcera.

YVM (España, 2022) de Euloxio Fernandez.

GLOBO (España, 2021) de Jo´se Antonio Campos.

WATANI (España, Inglaterra, 2020) de Joan Pauls.

MAÑANA VOLVERE (España, 2022) de Hugo de la Riva.

Xabier Díaz & Aduferias de Salitre abrirán o San Froilán na praza Santa María

ESta mañá presentaronse dous novos concertos que se unen ás confirmacións do San Froilán 2022.

Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, acompañados pro Margarida Mariño e Cántigas e Frores serán os encargados de abrir o San Froilán o día 4 de outubro na praza Santa María ás 21:00h.

Ás 23:00h e tamén na praza Santa María o saxofonista Dani Nel.lo que xunto coa Barcelona Big Blues Band serán os encargados de ofrecer un torrente sonoro na tradición de bandas como as de T-Bone Walker ou Johnny Otis.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com