Novas

Ferido un home en O Incio ao que lle caeu un muro enriba

Os feitos tiveron lugar ao fío das 14:00 horas, cando un home necesitou a axuda dos equipos de emerxencia ao resultar ferido tras caerlle un muro enriba cando trataba de realizar tarefas de limpeza na súa casa.

A chamada de alerta tamén foi realizada polo propio afectado, que indicaba que rematara atrapado despois que un muro caese enriba das súas pernas.

Decontado, os xestores do 112 pasaron aviso aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Sarria e aos efectivos de Protección Civil do Incio. Unha vez no punto, os equipos de intervención informaron ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia que o home puido liberarse polos seus propios medios. Deste xeito, o ferido foi trasladado en ambulancia consciente e con algunhas magulladuras.

Co fin de coñecer as circunstancias do suceso, os axentes da Garda Civil tamén acudiron ao lugar.

A Audiencia de Lugo condena a 23 anos de prisión ao home que asasinou á súa parella nas Gándaras

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo, de conformidade co veredicto do Tribunal do Xurado, condenou a 23 anos de prisión e a dez anos de liberdade vixiada ao home que asasinou a coiteladas á súa parella, en febreiro de 2020, nunha casa das Gándaras. Ademais, impúxolle a prohibición de aproximación ou comunicación, por calquera medio, coa nai, fillos e irmán da vítima, por un período de 33 anos, así como o pagamento dunha indemnización aos familiares da falecida de 225.000 euros.

O Tribunal do Xurado considerou probado que, entre as 18 horas do 6 de febreiro de 2020 e as 8 horas do día seguinte, se iniciou unha discusión entre o condenado e a súa compañeira sentimental, os cales comezaran a relación no verán. Durante o desenvolvemento da disputa ou unha vez finalizada, segundo o fallo, a muller foi ao baño, onde minutos máis tarde se dirixiu a súa parella, portando un coitelo, co que lle asestou, “con ánimo de matar”, catro puñaladas no pescozo, unha das cales lle seccionou a arteria carótide. O condenado, segundo a resolución, aproveitouse “da situación física que mostraba, tanto polo lugar no que se atopaba -no inodoro situado nun baño de escasas dimensións-, como en atención ao estado de intoxicación etílica que presentaba, unido á inxesta de medicamentos que tiña pautados”, a cal “a colocaba nunha situación de escasísima defensa”. A Audiencia indica que, no momento da agresión, o acusado, pese ao trastorno por consumo de alcol que padece, “presentaba intacta a súa capacidade de entender e querer”.

O Tribunal do Xurado deduciu que a súa intención era matar á súa compañeira sentimental “das probas periciais”, pois os forenses, segundo a sentenza, “foron determinantes ao concluír que unha coitelada no pescozo debe considerarse unha acción destinada a matar”, xa que comporta “un risco vital inequívoco”. Ademais, subliñaron que a traxectoria da coitelada fixo que penetrase “de maneira suficiente no pescozo, seccionándolle a arteria carótide”.

O Xurado tamén acolleu que concorre a agravante de aleivosía por desvalemento, o que implica que os feitos sexan constitutivos de asasinato, en lugar de homicidio, pois entende que o condenado se aproveitou dunha especial situación de desamparo da vítima, a cal impediu “calquera manifestación de defensa”.

Por último, considerou que o acusado presentaba “unha lucidez incompatible, non só co brote psicótico que defendeu, senón mesmo cunha inxesta alcohólica que lle minorase as súas capacidades”. Para iso, baseouse nos informes forenses e “nos actos posteriores levados a cabo polo acusado”, quen limpou o cuarto de baño e, posteriormente, chamou por teléfono aos seus pais “ata en tres ocasións”, urdindo con eles “unha coartada que haberían de manter xunto co seu irmán, quen finalmente se retractou do inicialmente sostido”. Ademais, tivo en conta o seu comportamento respecto das forzas da orde, que foi “obstrutivo e tendente a buscar a impunidade”. Contra a sentenza cabe presentar recurso.

Localmente Lucense celebrará unha festa temática baseada nos anos 70

O vindeiro xoves, 28 de xullo, a Tinería acollerá a festa temática Aqueles anos 70, como unha das accións de dinamización deseñadas de xeito específico para o desenvolvemento económico e social deste emblemático barrio da cidade, enmarcadas no movemento Localmente Lucense,

A cita do día 28 contará cunha ampla programación, que se estenderá de 11:00 a 22:30 horas, na Praciña Recanto do Miño, e incluirá unha sesión vermú con Dj, actividades para crianzas, un concurso infantil de baile, un espectáculo de circo, un mercadiño vintage con premios, unha concentración de vespas e, como broche final, un concerto.

Os comerciantes e particulares que desexen participar no mercadiño vintage, deberán inscribirse para optar a un dos postos que a organización habilitará e onde poderán expoñer os seus produtos ou servizos. Toda a información sobre a xornada, así como os formularios de inscrición poden atoparse en www.localmentelucense.gal/anos70

O certame Paradas anos 70, premiará os mellores postos do mercadiño vintage. As persoas e comercios inscritos e seleccionados para ocupar as paradas no mercadiño participarán automaticamente neste concurso. O xurado  percorrerá ao longo do día os diferentes postos e avaliará a presencia de elementos típicos dunha parada de mercadiño tematizada nos anos 70.

Os premios serán en forma de vales para gastar nos establecementos adheridos ao movemento Localmente Lucense. Haberá un total de cinco premios, dotados de 50 euros, á: mellor decoración; mellor caracterización; máis orixinal; versatilidade; e popularidade.

Por outra banda, o certame de baile infantil, premiará os mellores bailes de nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. As inscricións serán presenciais, o propio día do evento, de 12:00 a 19:00 horas, no stand Localmente Lucense (Rúa Tinería, nº 36). O xurado valorará a orixinalidade e alegría dos bailes e entregará tres premios de 50 euros, en forma de vales para gastar nos establecementos ahderidos ao movemento Localmente Lucense.

Programación da xornada

11.00 – 21.00 h. Música ambiental e photocall.

11.00 – 12.00 h. Pasarrúas con carriño musical informando das actividades.

11.30 – 12.00 h. Presentación irmandamento de barrios e do Concurso de Paradas.

12.00 – 14.00 h. Mercadiño vintage.

12.10 – 12.30 h. Rodeando a Muralla de Lugo: concentración de vespas a cargo de Vespa Lugo Equipo de Rescate.

12.00 – 14.00 h. Obradoiro infantil de maquillaxe e complementos dos anos 70.

13.30 – 15.30 h. Sesión vermú co DJ Fetén.

16.00 – 20.00 h. Mercadiño Vintage.

16.30 -18.00 h. Xogos cooperativos de onte, hoxe e sempre.

18.00 – 19.00 h. Espectáculo clown e circo.

19.30 – 20.30 h. Concurso de baile infantil anos 70.

20.30 h. Acto protocolar de irmandamento e entrega de premios.

21.00 – 22.30 h. Concerto de Los Alcántara.

Corte no servizo da Rede Municipal de Subministración de Auga previsto para hoxe 19 de xullo

O Concello de Lugo informa de que hoxe, 19 de xullo, procederá a cortar durante a tarde o servizo na Rede Municipal de Subministración de Auga en: Rúa do Fondal.

A Brigada de Augas estima que o servizo quedará restablecido esta mesma xornada.

Por outra banda, comunícase que resultou imperativo cortar a subministración de auga na Rúa Fermín Rivera e na parroquia de Orbazai, debido a unha avaría na que xa están traballando os operarios de mantemento, para intentar restablecer o subministro o antes posible.

O Concello pide desculpas á cidadanía afectada polas molestias que lles ocasionen estes cortes de auga.

Mitma pon en servizo un novo desvío na A-6 polas obras de reparación dos viadutos do Castro

O Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana (Mitma), con motivo das obras de reparación dos Viadutos do Castro, poñerá en servizo a partir de mañá mércores 20 de xullo de 2022 a partir das 11:00 horas un novo desvío desde a A-6 á N-6 situado entre os PP.KK. 428+600 e 432+500 da citada autovía. Con iso acúrtase en 6,6 km o desvío actual; que pasa de ter 10,7 km a través da N-6 a ter só 4,1 km, establecendo así a operatividade da autovía entre os PP.KK. 422+000 e 428+600.

Iso permitirá reducir en máis da metade o tempo de paso actual polo desvío tanto para vehículos pesados como para vehículos lixeiros (tanto en horas punta como en horas vale), quedando, no peor dos casos, entre uns 5 e 6 minutos.

O director xeral de Estradas de Mitma, Javier Ferreiro, informou dos detalles e da apertura do novo desvío, ao director xeral de Estradas e Infraestruturas da Junta de Castilla y León, Jesús Félix Porta García e ao director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, nunha reunión telemática mantida hoxe. Na devandita reunión, tamén se abordou o novo plan de mobilidade alternativa, exposto unha vez analizadas as diferentes propostas que se recibiron por parte doutras administracións. O Devandito plan inclúe tanto as distintas previsións do plan de desvíos como os roteiros alternativos que se expoñen para os transportes especiais que viñan utilizando a A-6 ao seu paso por Pedrafita do Cebreiro e que polas súas dimensións non poden utilizar os desvíos actuais. Unha posible solución para moitos dos transportes especiais nesta situación é a través da A-6 ata Benavente utilizando posteriormente a A-52, AG-53, AP-53 e AP-9 ata Ferrol. Dita roteiro alternativo implica a utilización do desvío das obras da “ligazón orbital” de Santiago, sito no p.k. 64 da AP-9. O paso polo devandito desvío efectuaríase en xanelas horarias.

Neste contexto, o director xeral de Estradas informou que outra solución en fase de estudo para o tráfico xeral con sentido Madrid é o establecemento do desvío desde a A-6 á N-6 no semienlace Leste de Pedrafita do Cebreiro sito no p.k. 431 da A-6. Así mesmo, esta última proposta permitiría o tránsito de vehículos especiais, en ambos os sentidos.

Rescatados catro persoas que facían sendeirismo en Cervantes

As catro persoas facían unha ruta sen sinalización en Cereixedo, Cervantes.

Un dos implicados contactou co 112 Galicia dez minutos antes das 22:00 horas da pasada noite. Indicaban que eran catro persoas as que facían unha ruta e que se perderan. Engadía que unha muller sufrira unha caída e que tiña dificultades para camiñar.

O envío das coordenadas do alertante facilitou aos axentes a súa localización.

Nada máis recibir a chamada do camiñante, o 112 Galicia pasou aviso á Garda Civil e aos efectivos de Protección Civil da localidade. Así mesmo, informou da situación ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Tras ser localizados, os axentes confirmaron que as persoas atopábanse en bo estado, no medio do monte, polo que se descartou a intervención dos profesionais sanitarios.

Continúa a alerta 2 nos lumes de O Courel e A Pobra do Brollón

Segue decretada a Situación 2 como medida preventiva no incendio forestal activo no municipio de Folgoso do Courel, parroquia de Vilamor, que rolda as 2.500 hectáreas segundo as últimas estimacións. Esta situación operativa de emerxencia declarouse pola proximidade do lume ao núcleo de Parada dos Montes. Este incendio permanece activo desde o xoves pasado. No seu control traballaron ata o momento 3 técnicos, 28 axentes, 40 brigadas, 28 motobombas, 1 pa, 1 unidade técnica de apoio, 7 avións e 9 helicópteros. Neste lume tamén despregou efectivos a Unidade Militar de Emerxencias (UME), que despregou efectivos na zona.

Continúa decretada como medida preventiva a Situación 2 no outro incendio forestal activo arestora tamén en Folgoso do Courel, parroquia de Vilamor. Este lume iniciouse o xoves pasado e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 300 hectáreas provisionais. Ata o de agora desprazáronse á zona 6 técnicos, 21 axentes, 32 brigadas, 21 motobombas, 1 pa, 5 avións e 3 helicópteros.

Así mesmo, segue decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal activo na parroquia de Seceda, tamén en Folgoso do Courel. Este lume iniciouse o venres pasado e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 1.100 hectáreas provisionais. No lugar levan traballado un total de 19 axentes, 29 brigadas, 14 motobombas, 6 avións e 6 helicópteros. Neste lume tamén participa a Unidade Militar de Emerxencias (UME).

A Pobra do Brollón

Segue decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal do concello lugués da Pobra do Brollón, parroquia de Saa. O incendio permanece activo desde o xoves pasado e afecta unha superficie provisional de 700 hectáreas. Ata o de agora téñense mobilizado para o seu control 3 técnicos, 30 axentes, 45 brigadas, 30 motobombas, 1 pa, 5 avións e 5 helicópteros.

Segue activo desde o xoves pasado outro incendio na Pobra do Brollón, tamén na parroquia de Saa, que segundo as últimas estimacións rolda as 50 hectáreas provisionais. No seu control levan traballado 1 axente, 1 brigada, 1 motobomba e 1 helicóptero.

Cervantes

Activo desde as 20,28 h. de onte un lume no concello lucense de Cervantes, parroquia de Cereixedo, que supera as 20 hectáreas. Ata o momento téñense mobilizado para extinguilo 4 axentes, 6 brigadas, 4 motobombas, 1 avión e 2 helicópteros.

Estabilizado ás 10,00 h. de hoxe o incendio forestal de Cervantes, parroquia de Donís, que rolda as 75 hectáreas provisionais. No lume -que se iniciou o xoves pasado- levan traballado ata o de agora 1 técnico, 6 axentes, 11 brigadas, 7 motobombas e 1 helicóptero.

Quiroga

Permanece controlado desde as 22,25 h. do sábado o incendio que se orixinara o xoves pasado tamén en Quiroga, parroquia de Outeiro. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 250 hectáreas provisionais. Para o seu control lévanse mobilizado 2 técnicos, 18 axentes, 17 brigadas, 16 motobombas, 2 pas, 4 avións e 4 helicópteros.

Segue controlado desde as 23,53 h. do sábado outro lume en Quiroga, parroquia de Nocedo, que rolda as 15 hectáreas provisionais. Orixinouse o venres e ata o momento levan traballado nel 1 técnico, 10 axentes, 11 brigadas, 9 motobombas, 2 avións e 3 helicópteros.

Antas de Ulla

Segue controlado desde as 22,50 h. de onte o lume da localidade luguesa de Antas de Ulla, parroquia de Santa Mariña do Castro de Amarante, que se orixinou a pasada tarde e que rolda as 40 hectáreas provisionais. Na súa extinción levan traballado 4 axentes, 3 brigadas, 3 motobombas, 1 pa e 2 helicópteros.

Abre o prazo para solicitar as bolsas e as 221 prazas ofertadas en residencias xuvenís

A Xunta abre durante un mes o prazo para solicitar as bolsas e as 221 prazas ofertadas en residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social e Xuventude para o curso 2022/2023, das que 15 corresponden ás persoas bolseiras que non pagan a taxa. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado venres a orde dirixida a persoas mozas de 16 a 30 anos de idade que por razóns de estudo ou traballo se vexan obrigadas a permanecer fóra do concello onde teñen a súa residencia habitual.

Todas as solicitudes deberán cursarse exclusivamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. As prazas serán en réxime de internado, o que inclúe aloxamento e mantenza, por un máximo de 11 meses dentro do calendario académico, agás os períodos de vacacións de Nadal e Semana Santa.

No que atinxe á distribución da oferta, 85 prazas correspóndense coa Residencia Altamar de Vigo, 76 co centro residencial lucense `LUG´ e 60 coa Residencia xuvenil Florentino López Cuevillas de Ourense. A convocatoria contempla a reserva dun 9% das prazas en cada unha destas instalacións para as mozas que sufran violencia de xénero e para mozas e mozos cuxas proxenitoras a sufrisen.
Na valoración das solicitudes teranse en conta aspectos como: a antigüidade na residencia; a renda da unidade familiar; a situación de familia numerosa ou monoparental; as condicións de orfandade e discapacidade; a residencia, segundo sexa dentro ou fóra de Galicia; outras circunstancias sociofamiliares e, no caso de solicitantes mulleres, estar embarazadas e/ou ser vítimas de violencia de xénero.

III Edición do Ciclo Experimenta

Os vindeiros días 21, 22 e 23 de xullo terá lugar a III Edición do Ciclo Experimenta nos exteriores do Museo Provincial, Xardíns do Pazo de San Marcos e Lugar de Reque no río Rato.

O Ciclo Experimenta naceu o pasado 2019, como un proxecto que xurde da incesante busca de dar outras vidas a agochados espazos da nosa cidade, e transformar o seu uso para outros destinos culturais e sociais para os que foron inicialmente deseñados, distintas artes coa música en directo como motor de movemento.
Con estes mimbres confecciónase o Ciclo Experimenta que Tele-Clube organiza, un ano máis, coa colaboración da Deputación de Lugo.

Por terceiro ano apostan pola conxugación do amor polas linguas (repite presenza o portugués e este ano incorporamos o asturianu), a poesía e a mixtura da música folclórica e máis tradicional con propostas innovadoras e routuristas, como eixos nos que se fundamenta esta nova andaina do Experimenta, que se desenvolverá en tres escearios distintos: os exteriores do Museo Provincial, os Xardíns da Deputación, e o Lugar de Reque no río Rato… impulsando o movemento que provoca cambios na percepción do espectador, actor principal do espectáculo, coa propia dinámica da combinación de tres espazos distintos, nalgúns dos máis representativos enclaves da nosa cidade, paseando do casco histórico ao río, do urbán ao rural, da pedra á auga, do tradicional ao novo.

Os artistas que participan nesta terceira edición son:

O xoves 21 de xullo inaugurando o Experimenta III, nos exteriores do Museo Provincial, poderemos escoitar a The Partisan Seed (Portugal) con algunha das súas primeiras composicións e, a bo seguro, tamén cancións do seu último traballo “Old Songs For a New Sun”, un disco grabado en plena pandemia e publicado o pasado 2021, confeccionado con cancións escritas ao longo dos anos e que ven a luz neste álbum.

O venres 22 de xullo estarán nos xardíns do Pazo de San Marcos, L-R, ou Leticia Baselgas e Rubén Bada, conforman unha das propostas máis orixinais da música asturiana dos últimos anos. No ano 2016, Leticia e Rubén poñen en marcha esta viaxe no espazo e no tempo para
reelaborar a música do país mantendo os ritmos tradicionais para o baile e engadindo sons como blues, jazz ou rock. Voz, pandeireta e guitarra eléctrica dan forma ao que eles etiquetan como post-folk asturianu.

O sábado 23 de xullo ás 13:00h na contorna máis rura, no lugar de Reque, no río Rato, será o dúo barcelonés, composto por Edi Pou á batería e outras cacharradas e Pau Rodríguez á guitarra, trompeta e outras tantas cacharradas, desatará os seus ritmos tribales, electrónicos e telúricos na despedida por todo o alto da terceira edición do Exprimenta. A música dos cataláns combina sabrosura e noise, polirritmos balineses e polimetrías africanas, hardcore e free jazz, física cuántica e debuxo libre, dadaísmo e drons.

 

Medio cento de usuarios de Aspnais farán un tramo do Camiño de Santiago en Paradela

Con motivo do Bicentenario do Concello de Paradela, por colaboración entre o Concello e a Asociación de Pais e Titores de persoas con discapacidade intelectual – ASPNAIS – medio cento de usuarios desta institución lucense, o próximo mércores, percorrerán un tramo do Camiño de Santiago nas terras de Paradela, acompañados de formadores e directivos desta institución, representantes do Concello e da Xunta de Galicia.

Os camiñantes serán recibidos e agasallados en Ferreiros, arredor das 12,00 h., polas autoridades que os acompañarán no Camiño, percorrendo a continuación o tramo entre os pobos de Ferreiros e As Cortes, de arredor de dous km.

No Campo da Festa de As Cortes almorzarán, e serán agasallados con tarta de Paradela. Voltarán a Lugo no autocar fletado polo Concello para este fin arredor das cinco da tarde.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com