" />

A Audiencia de Lugo condena a 23 anos de prisión ao home que asasinou á súa parella nas Gándaras

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo, de conformidade co veredicto do Tribunal do Xurado, condenou a 23 anos de prisión e a dez anos de liberdade vixiada ao home que asasinou a coiteladas á súa parella, en febreiro de 2020, nunha casa das Gándaras. Ademais, impúxolle a prohibición de aproximación ou comunicación, por calquera medio, coa nai, fillos e irmán da vítima, por un período de 33 anos, así como o pagamento dunha indemnización aos familiares da falecida de 225.000 euros.

O Tribunal do Xurado considerou probado que, entre as 18 horas do 6 de febreiro de 2020 e as 8 horas do día seguinte, se iniciou unha discusión entre o condenado e a súa compañeira sentimental, os cales comezaran a relación no verán. Durante o desenvolvemento da disputa ou unha vez finalizada, segundo o fallo, a muller foi ao baño, onde minutos máis tarde se dirixiu a súa parella, portando un coitelo, co que lle asestou, “con ánimo de matar”, catro puñaladas no pescozo, unha das cales lle seccionou a arteria carótide. O condenado, segundo a resolución, aproveitouse “da situación física que mostraba, tanto polo lugar no que se atopaba -no inodoro situado nun baño de escasas dimensións-, como en atención ao estado de intoxicación etílica que presentaba, unido á inxesta de medicamentos que tiña pautados”, a cal “a colocaba nunha situación de escasísima defensa”. A Audiencia indica que, no momento da agresión, o acusado, pese ao trastorno por consumo de alcol que padece, “presentaba intacta a súa capacidade de entender e querer”.

O Tribunal do Xurado deduciu que a súa intención era matar á súa compañeira sentimental “das probas periciais”, pois os forenses, segundo a sentenza, “foron determinantes ao concluír que unha coitelada no pescozo debe considerarse unha acción destinada a matar”, xa que comporta “un risco vital inequívoco”. Ademais, subliñaron que a traxectoria da coitelada fixo que penetrase “de maneira suficiente no pescozo, seccionándolle a arteria carótide”.

O Xurado tamén acolleu que concorre a agravante de aleivosía por desvalemento, o que implica que os feitos sexan constitutivos de asasinato, en lugar de homicidio, pois entende que o condenado se aproveitou dunha especial situación de desamparo da vítima, a cal impediu “calquera manifestación de defensa”.

Por último, considerou que o acusado presentaba “unha lucidez incompatible, non só co brote psicótico que defendeu, senón mesmo cunha inxesta alcohólica que lle minorase as súas capacidades”. Para iso, baseouse nos informes forenses e “nos actos posteriores levados a cabo polo acusado”, quen limpou o cuarto de baño e, posteriormente, chamou por teléfono aos seus pais “ata en tres ocasións”, urdindo con eles “unha coartada que haberían de manter xunto co seu irmán, quen finalmente se retractou do inicialmente sostido”. Ademais, tivo en conta o seu comportamento respecto das forzas da orde, que foi “obstrutivo e tendente a buscar a impunidade”. Contra a sentenza cabe presentar recurso.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo