Novas

Indignación da Asociación de Veciños “Porta de Lugo”

A Asociación de Veciños “Porta de Lugo” quere facer pública a indignación dos veciños do barrio coa xestión de obras por parte do BNG e Rubén Arroxo; se antes foi a praza da Igrexa cuxas obras consistiron inicialmente en dar unha cementada na praza, desatendendo as peticións veciñais de humanización, que posteriormente remendaron con 4 bancos de madeira e 2 maceteiros cun loureiro cada un (dos cales un, xa secou en menos dun mes).

Agora indicaron que ían substituír o muro e piso do corredor de saída da segunda planta do Ascensor de máis ou menos 25 mts. de longo que levamos 2 anos solicitando por risco de esborralle (sería esta unha obra que non debería superar os 15 días en tempo de execución), pero non resultou así e a obra leva en execución máis de 21 días e aínda queda un tempo para a súa finalización, o que está a xerar innumerables molestias aos residentes na área do Polígono Sagrado Corazón, porque a saída á planta nº 2, é a única que permite o acceso directo sen escaleiras nin empinadas costas, tanto para cadeiras de rodas, coches de bebé ou persoas con mobilidade reducida, pero esta situación non preocupa ao BNG, xa que as obras estiveron paralizadas “sen razón” a maior parte do tempo transcorrido, traballando algún día a media xornada ou por horas.

Ante esta situación “Porta de Lugo” solicita a intervención directa da alcaldesa de Lugo, para solucionar esta situación e rematar a obra de forma inmediata.

AA. de VV. Porta de Lugo.

O tráfico na N-VI quedará restablecido maña no seu traxecto habitual

O tráfico da Nacional VI quedará restablecido mañá, mércores, no seu traxecto habitual, suprimíndose, deste xeito, o desvío provisional habilitado na marxe esquerda da estrada, en sentido A Coruña, con motivo das obras de renovación do paso soterrado,

O desvío, que se activou en febreiro, desenvolveuse sen problemas a pesar de que é unha estrada cun volume de tráfico elevado, de máis de 25.000 vehículos diarios. O mesmo foi necesario para executar as obras de ampliación e mellora do paso soterrado, así como a humanización da súa contorna, co fin de mellorar as conexións a pé e en bicicleta desde a trama urbana ao Miño, unha das apostas do Concello a través da estratexia DUSI Muramiñae.

Tamén se reporán o resto de servizos na N-VI e o valado, que se levará a cabo coa mesma tipoloxía de peche que o existente, consistente en malla de simple torsión sobre pés dereitos separados 4 metros entre si. A continuación, acometerase a renovación da senda peonil para facela máis cómoda e accesible para os usuarios.

Aprobado no Pleno o convenio entre a Deputación e o Concello para a apertura da residencia de Navia

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes por unanimidade o convenio específico entre a institución provincial e o Concello para a apertura do Centro de Atención a Maiores (CAM) de Navia de Suarna.
O Presidente, José Tomé Roca, e o Alcalde naviego, José Fernández, asinarán o acordo este mesmo xoves, cando a institución organiza na residencia unha xornada de portas abertas para que a veciñanza coñeza en primeira persoa as instalacións ante a súa próxima entrada en
funcionamento.

Este convenio é o ultimo trámite entre administracións que faltaba para poder abrir o CAM e supón un investimento de máis de 3M€ ata o ano 2025, segundo explicou durante o Pleno o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen tamén subliñou que o
documento garante a prestación pública do servizo e establece a prioridade de acceso ás prazas para a veciñanza de Navia de Suarna e logo para a dos municipios limítrofes e do resto da provincia.

Así mesmo, recolle que a Deputación se compromete a efectuar o financiamento previsto, a actuar como órgano de contratación e a impulsar un equipo técnico especializado no ámbito dos servizos sociais. Pola súa banda, o Concello comprométese a colaborar coa institución provincial e a facer as achegas económicas previstas. O seguinte paso da Deputación de cara á apertura da residencia será aprobar na Xunta de Goberno a licitación do contrato para as prestacións básicas.

Maña mércores terá lugar a presentación da terceira edición do ciclo Experimenta

Mañá mércores 29 de xuño ás 14:30h terá lugar a presentación da terceira edición do ciclo Experimenta que organiza Tele-Clube coa colaboración da Deputación de Lugo. Será ás 14h nos Xardíns do Pazo de San Marcos.

O Ciclo Experimenta naceu o pasado 2019, como un proxecto que xurde da incesante busca de dar outras vidas a agochados espazos da nosa cidade, e transformar o seu uso para outros destinos culturais e sociais para os que foron inicialmente deseñados, distintas artes coa música en directo como motor de movemento.
Con estes mimbres confecciónase o Ciclo Experimenta que Tele-Clube organiza, un ano máis, coa colaboración da Deputación de Lugo.
Con esta terceira edición (despois da parada técnica obrigada pola pandemia) podemos presumir de consagrar un ciclo experimental no que as músicas e os lugares van da man para darnos unha volta pola cidade, e pola mente, menos coñecida; percorrendo a través de sons, aos que non estamos habituadas a escoitar desta forma, ubicacións da nosa vila polos que pasamos de camiño a outros espazos. Deteñamos esta voráxine vital que nos maltrata e paremos unha hora, hora e media, para afondar nas sensacións e emocións que se desatan coas músicas e lugares que redescobriremos xuntas neste paseo.
Na programación do Experimenta está a pretensión de seren buceadoras etnográficas e a procura de rescatar o vello da nosa cultura, coa incorporación do novo, tamén importado – ¿por que non?-, nunha comunión harmoniosa de riqueza, beleza e diversidade cultural,
como somos as veciñas desta cidade.
Por terceiro ano apostaremos pola conxugación do amor polas linguas (repite presenza o portugués e este ano incorporamos o asturianu), a poesía e a mixtura da música folclórica e máis tradicional con propostas innovadoras e routuristas, como eixos nos que se fundamenta esta nova andaina do Experimenta, que se desenvolverá en tres escearios distintos: os exteriores do Museo Provincial, os Xardíns da Deputación, e o Lugar de Reque no río Rato… impulsando o movemento que provoca cambios na percepción do espectador, actor principal do espectáculo, coa propia dinámica da combinación de tres espazos distintos, nalgúns dos máis representativos enclaves da nosa cidade, paseando do casco histórico ao río, do urbán ao rural, da pedra á auga, do tradicional ao novo.
PROGRAMACIÓN:
Xoves 21 de xullo – 20:30h. Exteriores do Museo Provincial: THE PARTISAN SEED (Barcelos, Portugal – folk intimista)
Venres 22 de xullo – 20:30. Xardíns do Pazo de San Marcos: L-R (Asturies – post-folk asturianu)
Sábado 23 de xullo – 13h. Lugar de Reque, río Rato: Za! (Catalunya – sabrosura e noise.

O poemario “O espello de Celia” de Brenda Mondelo presentase hoxe na librería Trama

Hoxe, martes, ás 19,00 h., na Librería Trama, será presentado o poemario O ESPELLO DE CELIA, de Brenda Mondelo, editado
por Medulia. Presentarán o libro, ademais da autora, Sabela Pérez Fórneas, Directora da Biblioteca Pública provincial de Lugo, e o
xornalista Xulio Xiz.
Os dous, membros dos xurados de narración e Poesía da Biblioteca, coñeceron a Brenda con dez anos de idade (2004), cando comezou a gañar premios de poesía do Certame desta Institución ata os dezaseis, idade límoite de participación.
Brenda foi alumna do Colexio Divino Maestro, onde a súa profesora Teresa Rodríguez Pol a introduciu no mundo da literatura en galego, e da escrita no noso idioma, conseguindo que a pequena poeta se iniciase no mundo da poesía onde agora, con 27 anos, publica o seu primeiro libro.
Brenda, da que os xurados da Biblioteca gardan unha lembranza e agarimo permanentes, naceu na aldea do Seixo, en Pedrafita do Cebreiro, estudando aa primeiras letras no Ceip Uxío Novoneyra do Courel, ata os seis anos. Veu logo para Lugo vivir cos seus avós, e estudar ata rematar o bacharelato. Aos dezaseis anos foi para Madrid, e aló graduose en xornalismo e ciencias políticas. Agora traballa como xornalista en Lugo.

Francisco de Fientosa

Francisco Vega Ceide, naceu en Santa Locaia de Castro de Rei hai 110 anos. Aínda mozo o século XX escribía versos maxistrais en galego: “Imos coller niños novos / agora que é primadeira. / Na beira do amor somentes / o choupal do corpo dela”. Coñecido como Francisco de Fientosa e considerado o “Lorca galego”, soñaba: “Sentada na soleira / ti fías. A raiola / é unha freixa de sol / que abanea a túa roca.”

Sobre Fientosa sábeo todo o escritor de Castroverde Ricardo Polín, que recompilou a súa obra en “A primeira luzada”. Dese libro, o tamén escritor de Castro de Rei, Xosé Otero Canto, escolmou a poesía galega, analizouna polo miúdo e publicou o estudo en Galicia Digital. Son uns versos sorprendentes: “Ao vir o neno mencer / sempre te atopo no leito / agruchada coma o verme / na folliña do loureiro”.

Publícase agora “Imos coller niños novos…”, con estes poemas galegos verquidos ao castelán, vasco, catalán e portugués, co que oitenta e seis anos despois do seu pasamento aos 24 anos no terrorífico Madrid de 1936, a poesía galega de Fientosa pode ser coñecida nos cinco idiomas literarios da Península Ibérica.

Fientosa foi escritor sobranceiro no territorio poético da Terra Chá, onde as figuras de Manuel María, Díaz Castro, Aquilino ou Darío son a punta do iceberg de ducias de poetas que deben figurar na nosa memoria e na historia da literatura deste país.

O libro presentarase mañá na Biblioteca Crecente Vega de Castro de Rei e na Provincial de Lugo. Acheguémonos a Fientosa: “Díxolle a nena: Vaites mar / quen poidera collerte / na cunquiña da man. / E na tona da auga / o mar a rir / unha bagoa cativa / é meirande ca min”.

 

Dúas persoas feridas nun accidente na A-6 en Lugo

Dúas persoas resultaron feridas nunha colisión entre dous coches na A-6 ao seu paso por Lugo.

O accidente tivo lugar ao redor das 9:30h no punto quilométrico 492 da autovía, á altura do carril de incorporación procedente da estrada LU-530.  A causa da colisión un dos vehículos envorcou e foi necesario a intervención dos bombeiros de Lugo. Os dous feridos foron trasladados ao Hula.

 

A piscina municipal exterior de Frigsa abrirá as súas portas o vindeiro 1 de xullo

As piscinas municipais exteriores de Frigsa abrirán ao público este venres, 1 de xullo, ata o día 31 de agosto.

A apertura será de luns a venres, de 12.00 a 20.30 horas e, de 12.00 a 20.00 horas, os sábados e os domingos, en horario continuo.

A instalación disporá dun mínimo de dous socorristas que atenderán en todos os horarios, que ascenderán a tres nas horas de máxima afluencia para maior seguridade de todos os bañistas.

Manteñense os prezos de tempadas anteriores, que serán de 1 euro para a mocidade ate os 15 anos (10’80 € o abono de 15 baños); de 2’20 euros para adultos, maiores de 16 anos, (22’30 € o custo do abono), e de 11’10 euros para pensionistas e para familias a partir de tres membros, 29,90 euros (o abono de 15 baños) e 59,10 € (o abono de 30 baños).

As instalacións están compostas por tres vasos de diferentes medidas e profundidades adaptados as diferentes idades:

  • Plato sen profundidade: para menores de 3 anos e con capacidade para 14 usuarios.
  • Piscina mediana: cunha profundidade máxima de 1,30 metros, para rapaces/as de entre 4 e 12 anos de idade.
  • Piscina profunda: de 8 rúas de 25 metros de longo e cunha profundidade mínima de 1,20 e máxima 2,50 metros, onde é obrigatorio saber nadar.

O Concello mantén ao longo de todo o ano, tamén en verán, unha piscina climatizada aberta. En xullo será a de Frigsa, e en agosto os bañistas poderán utilizar a de As Pedreiras. Os horarios para as piscinas climatizadas serán:

Horario mes de xullo. Piscina Frigsa

De luns a venres

07:00 a 22:30 horas

Sábados

10:00 a 14:00 horas

17:00 a 20:00 horas

Domingos

10:00 a 14:00

Horario mes de agosto. Piscina As Pedreiras

De luns a venres

08:00 a 22:30 horas

Sábados

10:00 a 14:00 horas

18:00 a 21:00 horas

Domingos

10:00 a 14:00

 

A Granxa Gayoso Castro acolle unha xornada sobre a situación do sector lácteo

O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, deulle a benvida este luns ás persoas participantes na xornada de Demoday Obradoiros 4.0 Tools4Milk que acolleron as instalacións da Granxa Gayoso Castro da Deputación, situadas en Castro de Rei.
García Pernas explicoulles a importancia que este lugar ten para a provincia porque “é un centro a través do que canalizamos gran parte da actuacións de apoio ao sector primario e que, a día de hoxe, é todo un referente na nosa comunidade autónoma no impulso da gandería
a través da formación, da innovación e da investigación, sempre da man do propio tecido produtivo e tamén da Universidade de Santiago de Compostela”.
Así mesmo detallou que é o primeiro centro público da provincia e de Galicia que congrega actividades de formación e de investigación universitaria en torno ao sector lácteo. García Pernas expuxo que “o obxectivo é poñer a formación, a investigación e a innovación ao servizo
dos gandeiros e gandeiras da nosa provincia, de todo o sector primario, e, polo tanto, ao servizo do desenvolvemento do rural”.
Puxo de exemplo diferentes instalacións que a compoñen, como a Granxa Experimental de Leite, que “é unha peza, moi importante, da Granxa Gayoso Castro, na que tamén desenvolvemos un labor importante de apoio á recría de raza Rubia Galega en colaboración con ACRUGA e na que contamos cun centro de recría de gando vacún de leite, o primeiro de iniciativa pública creado en España”. as entidades.

A Xornada Tools4Milk: Dixitalización da agroindustria está organizada por DATAlife Hub de Innovación Dixital para este luns. Pretende ser un espazo aberto de conversa entre asistentes e relatores para que poñan en común a súa visión da situación actual do sector lácteo e os
principais retos que afronta. Logo de mesas de debate e análises fíxose unha visita á Granxa Gayoso Castro da man da directora do centro, Sonia Verdes.

Ciudadanos censura o retraso na apertura da praia fluvial

A portavoz municipal de Cs, Olga Louzao, criticou esta mañá o atraso na apertura da nova praia fluvial do río Miño. A concelleira considera “inadmisible que a instalación desta zona de baño estea nunha fase aínda moi atrasada de ensamble e construción cando, segundo informou o propio Goberno local no seu día, a súa data para entrar en funcionamento era o 15 de xuño”. “Desgraciadamente asistimos a un novo capítulo da saga de promesas incumpridas por Lara Méndez e o seu goberno ao que xa non queda nin un chisco de credibilidade. Máis aló dos anuncios grandilocuentes, non existe ningún tipo de xestión. Póñense en evidencia eles sós. En este caso só axúdalles a meteoroloxía, porque xa van 14 días de retraso. Aos feitos remítome. É inadmisible a falta de previsión mostrada pola alcaldesa”, afirmou a edila da formación laranxa.

Louzao advertiu que “o atraso será prolongado e que non existe unha data para a súa apertura, polo que parte do verán está perdido pola nefasta xestión municipal neste asunto”. “Interesámonos pola situación do proceso de construción e preguntamos en comisión o motivo do atraso. Hoxe mesmo o concelleiro responsable, Miguel Fernández, recoñeceu na comisión que existe un atraso importante na chegada de material. A consecuencia de empezar estes traballos tarde é que os veciños e veciñas de Lugo apenas poderán gozar este verán dun equipamento comprometido desde fai máis dun lustro. E o máis grave de todo é que, cando debería levar 14 días funcionando, aínda non existe unha previsión para a súa apertura”, sinalou a concelleira.

Unha obra con tres meses de prazo de execución xa excedidos “Trátase dun auténtico despropósito. Esta obra contaba cun prazo de execución de tres meses. Con todo, o Concello non proporciono a situación necesaria para que a empresa comezase a construción ata o mes de xuño. É lamentable que o propio Concello sexa incapaz de tramitar a documentación necesaria nos seus propios traballos. A cidade está paralizada e este suceso ilustra á perfección o lastre que supón para o municipio este bigoberno”, dixo.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com