Francisco de Fientosa

Francisco Vega Ceide, naceu en Santa Locaia de Castro de Rei hai 110 anos. Aínda mozo o século XX escribía versos maxistrais en galego: “Imos coller niños novos / agora que é primadeira. / Na beira do amor somentes / o choupal do corpo dela”. Coñecido como Francisco de Fientosa e considerado o “Lorca galego”, soñaba: “Sentada na soleira / ti fías. A raiola / é unha freixa de sol / que abanea a túa roca.”

Sobre Fientosa sábeo todo o escritor de Castroverde Ricardo Polín, que recompilou a súa obra en “A primeira luzada”. Dese libro, o tamén escritor de Castro de Rei, Xosé Otero Canto, escolmou a poesía galega, analizouna polo miúdo e publicou o estudo en Galicia Digital. Son uns versos sorprendentes: “Ao vir o neno mencer / sempre te atopo no leito / agruchada coma o verme / na folliña do loureiro”.

Publícase agora “Imos coller niños novos…”, con estes poemas galegos verquidos ao castelán, vasco, catalán e portugués, co que oitenta e seis anos despois do seu pasamento aos 24 anos no terrorífico Madrid de 1936, a poesía galega de Fientosa pode ser coñecida nos cinco idiomas literarios da Península Ibérica.

Fientosa foi escritor sobranceiro no territorio poético da Terra Chá, onde as figuras de Manuel María, Díaz Castro, Aquilino ou Darío son a punta do iceberg de ducias de poetas que deben figurar na nosa memoria e na historia da literatura deste país.

O libro presentarase mañá na Biblioteca Crecente Vega de Castro de Rei e na Provincial de Lugo. Acheguémonos a Fientosa: “Díxolle a nena: Vaites mar / quen poidera collerte / na cunquiña da man. / E na tona da auga / o mar a rir / unha bagoa cativa / é meirande ca min”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com