Novas

Vieiros escolares seguros

Os Vieiros Escolares Seguros comezaron durante o mes de maio, e mantivéronse ata a fin de curso, reunindo cada mañá a máis de 40 nenas e nenos, un 10% do total de estudantes do centro. “Comezamos no colexio de Albeiros, a modo de proxecto piloto ata final de curso, e para o vindeiro ano continuaremos a expandir os vieiros a máis centros”, declarou o edil de Educación Rivas.

Con esta iniciativa buscamos crear o hábito de ir a pé ao colexio”, explicou o edil”

As nenas e nenos participantes puideron realizar dous percorridos, segundo a zona na que residan. O primeiro parte desde a rúa do Xenebro, e continuando pola rúa Illa de Ons, percorrendo a senda peonil habilitada pola área de Mobilidade no pasado verán. O segundo percorrido chega ao centro a través da rúa Illas Canarias. Ambos percorridos contaron con monitoraxe, e permitiron que as nenas e nenos se uniran ao longo do camiño, segundo a súa zona de residencia.

A posta en marcha dos vieiros escolares implica tamén “un cambio nas tendencias da mobilidade, reducíndose o uso do vehículo privado”, explicou o concelleiro de Educación, que afirmou, “continuaremos traballando para levar os vieiros a máis centros de cara ao vindeiro curso e avanzar na eliminación dos problemas de tráfico nas entradas e saídas dos centros de ensino que actualmente podemos ver en Lugo”.

                                                                                             

 

XLIV Semana de cine de Lugo

         Nos vindeiros días comezará a difundirse o cartel anunciador da XLIV Semana de Cine de Lugo, que organiza Fonmiñá co apoio da Deputación Provincial, Concello de Lugo, Xunta de Galicia e Universidade de Santiago-Campus de Lugo.

O cartel é unha extraordinaria colaboración de SIRO (Siro López Lorenzo), coa Semana cunha caricatura de María Casares, no seu centenario, coa lenda “María Casares vive desde hai cen anos. Viva María Casares!”. Precisamente, por esta efeméride, a Semana honrará a María Casares cunha “retrospectiva” e exposición na Biblioteca Provincial, e a colocación dunha placa coa caricatura de Siro no Paseo do Cine de Lugo.

Homenaxearase así mesmo á cineasta, escritora e profesora de Castro de Rei, Margarita Ledo Andión, coa proxección da súa película “Nación”  na sala da Deputación, e a colocación dunha placa no Paseo do cine.

Outras homenaxes serán rendidas a Darío Xoán Cabana (coa proxección da película A Mariñeira); a José Luis López Vázquez polo seu centenario, coa proxección de El bosque del lobo (rodada en Lugo); a Ucraína, (coa película El acorazado potenkim) e á realidade social “E para comer, Lugo…”, coa estrea da película Un bocado exquisito.

Na sala da Deputación será proxectado o Ciclo de películas documentais a Concurso; na Casa do Saber (Universidade), poderanse ver as películas a concurso de As Curtas tamén son cine  e ciclo de Cine galego; no Vello Cárcere programarase o ciclo a concurso de Cine galego (longametraxes), e no Auditorio Gustavo Freire  proxectaranse as películas a concurso da Sección Oficial e do Ciclo de cine español inédito (Cine das Nacionalidades), así como a sección infantil. e dentro do ciclo Deixade que o cine…, inclúense ciclos de películas a proxectar na sede de Aspnais, e nos centros penitenciarios de Teixeiro, Bonxe e Monterroso.

Camiño

Na tele poñen “Forrest Gump”, que corría sen máis motivo que por correr. Eu, camiño por camiñar. Confeso ser devoto do máis coñecido dos Machado, e creo firmemente que se fai camiño ao andar, aínda que o meu camiñar diario non me permita – ou quen sabe- ver a senda que nunca hei volver pisar.

Camiño por prescrición facultativa, por cidade ou aldea, con sol ou chovisca, de dia ou entre lusco e fusco, porque seica teño que reforzar a musculatura á vez que tempero desequilibrios que non percibo pero que as máquinas que analizan o meu interior rexistran ao milímetro.

Coidei que tería que contar pasos, imprimir unha certa aceleración ao camiñar, pero non, só teño que camiñar cada día corenta minutos. Como non é cousa de levar a contraria a quen dispón este movemento continuo, nin regatear esforzo e tempo, como un exemplo do que me queda da lonxana rebeldía xuvenil, rebaso con exceso ese límite e ando cincuenta, cen ou cento vinte minutos xa que non teño outra forma de respostar a unha orde que no fondo me comprace, pero cada obriga entendo leva implícito un necesario enfrontamento.

Quen vexa o meu camiñar pensará en traballos indispensables, temas urxentes, coche no garaxe, dinamismo na madurez… mesmo que cumplo unha promesa coma os centos de camiñantes que vexo chegar aos Milagres de Saavedra. Pero non, o meu é moito máis prosaico, “fago camiño ao andar”, polo meu ben, por orde superior, e mentras o corpo aguante.

Que, ben pensado, tampouco hai tanta diferencia entre o meu camiñar forzado e a vida, na que camiñamos – e tropezamos – polo noso ben, por orde superior e mentras o corpo aguante. Pois que dure o camiño!.

O Museo do Castro de Viladonga comeza a programación de verán cun obradoiro sobre plantas

O Museo situado en Viladonga, Castro de Rei, abre a programación de verán co obradoiro A botica do castro de Viladonga, que terá lugar este domingo 26 de xuño de 10,00 a 14,00 horas. Dirixido a público adulto e impartido pola artesá Lola Tourón, a iniciativa ten como obxectivo facilitar o coñecemento e utilización das plantas medicinais ao tempo que se afonda na contorna natural do xacemento arqueolóxico.

A actividade inclúe unha ruta para a identificación das plantas con propiedades medicinais, coa explicación das técnicas de recolección, secado e conservación. Tamén se abordará a extracción das propiedades a través de aceites e alcohois, e a elaboración de ungüentos, pomadas e tratamentos.

Ademais, no obradoiro prepararanse mostras sobre bases de aceites de plantas, cera de abella e arxila, que se repartirán entre as persoas participantes. O número máximo de prazas está limitado a 15, polo que para asistir cómpre inscrición previa a través do teléfono 982 87 01 60.

Camiño

Na tele poñen “Forrest Gump”, que corría sen máis motivo que por correr. Eu, camiño por camiñar. Confeso ser devoto do máis coñecido dos Machado, e creo firmemente que se fai camiño ao andar, aínda que o meu camiñar diario non me permita – ou quen sabe- ver a senda que nunca hei volver pisar.

Camiño por prescrición facultativa, por cidade ou aldea, con sol ou chovisca, de dia ou entre lusco e fusco, porque seica teño que reforzar a musculatura á vez que tempero desequilibrios que non percibo pero que as máquinas que analizan o meu interior rexistran ao milímetro.

Coidei que tería que contar pasos, imprimir unha certa aceleración ao camiñar, pero non, só teño que camiñar cada día corenta minutos. Como non é cousa de levar a contraria a quen dispón este movemento continuo, nin regatear esforzo e tempo, como un exemplo do que me queda da lonxana rebeldía xuvenil, rebaso con exceso ese límite e ando cincuenta, cen ou cento vinte minutos xa que non teño outra forma de respostar a unha orde que no fondo me comprace, pero cada obriga entendo leva implícito un necesario enfrontamento.

Quen vexa o meu camiñar pensará en traballos indispensables, temas urxentes, coche no garaxe, dinamismo na madurez… mesmo que cumplo unha promesa coma os centos de camiñantes que vexo chegar aos Milagres de Saavedra. Pero non, o meu é moito máis prosaico, “fago camiño ao andar”, polo meu ben, por orde superior, e mentras o corpo aguante.

Que, ben pensado, tampouco hai tanta diferencia entre o meu camiñar forzado e a vida, na que camiñamos – e tropezamos – polo noso ben, por orde superior e mentras o corpo aguante. Pois que dure o camiño!.

Localizan sen vida en O Corgo a un home que desparecera en Lugo

Os efectivos de emerxencia atoparon o corpo sen vida do home ao lado da súa bicicleta, nunha pista do concello do Corgo.

O 112 Galicia tivo coñecemento da desaparición da persoa durante a tarde de onte e, axiña, activouse un operativo de busca no que interviñeron a Policía Nacional, a Policía Local de Lugo e Protección Civil.

O home afeccionado ao ciclismo sairá a facer deporte e o seu corpo apareceu nun prado preto da estrada onde se atopaba a súa bicicleta. O seu corpo foi trasladado a Lugo para a realización da autopsia.

O PP salva cos seus votos o 5% do PXOM e pide a Méndez que rompa co BNG

O Partido Popular deu hoxe o seu apoio ás modificacións do 5% do PXOM. No debate do pleno o viceportavoz popular Antonio Ameijide explicou que “o noso voto a favor é un reflexo da política útil e seria que fai o Partido Popular, unha política na que non caben os sectarismos senón que sempre primamos a procura de consensos para conseguir un Lugo mellor”. Para os populares a aprobación deste documento “lonxe de provocar declaracións triunfalistas e falar de días históricos o que visualiza é a falta de xestión dos sucesivos gobernos socialistas de Lugo”. “Quedamos cun sabor agridoce porque aínda que é positivo dar carpetazo a este asunto, e supoñerá unha boa noticia para moitos lucenses, non podemos esquecernos de moitos outros cidadáns, con nomes e apelidos, que pola incapacidade e falta de traballo deste bigobierno durante esta eterna tramitación de máis de dúas décadas, viron os seus proxectos truncados”. Ameijide insistiu en que “este PXOM non é o noso, é un mal plan pero é mellor telo que non telo”

Os populares recriminaron tamén, que o BNG “non asuma a súa responsabilidade e vote en contra do PXOM a pesar de formar parte do goberno” engadindo que “a Lugo este matrimonio de conveniencia PSOE-BNG sáelle tremendamente caro” co que suxire a Méndez que “pida o divorcio e cesamento aos edís nacionalistas”

Artesanía de Galicia no Courel

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, presentaron esta mañá o evento, que se vai celebrar entre os días 3 e 7 de agosto en diferentes espazos do Courel e que conta coa colaboración do Concello de Folgoso do Courel e da Fundación Uxío Novoneyra. No acto, celebrado en Lugo, participaron tamén a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, a alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro,

Heredia destacou que a demostración de oficios e os obradoiros abertos dirixidos a todos os públicos supoñen unha das vías máis efectivas para  achegar á sociedade os valores que implica a artesanía, a marca Artesanía de Galicia e os oficios artesanais galegos.

Durante cinco días, Artesanía de Galicia no Courel contará con 11 obradoiros de iniciación a diferentes oficios como son a ourivería, o torno cerámico, o tecido, a restauración de mobles, a marquetería, a estampaxe, o bordado, a ilustración e a cestería.

As actividades desenvolveranse no Centro Sociocultural Fondo de Vila, en Folgoso do Courel, e en tres localizacións da aldea de Parada: a sede da Fundación Uxío Novoneyra, a antiga escola unitaria e mais o aloxamento rural A Carbiña. Entre as actividades para as que é necesaria a inscrición previa atópanse os obradoiros de ourivería e de restauración de mobles, os dous de estampaxe téxtil, e os de marquetería. O prezo é de 20 euros.

Obradoiros abertos

A programación de Artesanía de Galicia no Courel inclúe tamén unha serie de obradoiros abertos ao público adulto e infantil, de carácter gratuíto e para os que non é necesaria a inscrición previa. O obxectivo destas actividades é tratar de divulgar os oficios artesanais e todos os valores que implica o feito á man para que futuros consumidores entendan o valor engadido da artesanía e mesmo futuros profesionais do sector vexan a artesanía como un modo de vida.

Para máis información: Fundación Artesanía de Galicia.

 

Visita de Pontón a Friol

A voceira do BNG visitou en Friol varios proxectos innovadores e sustentables no medio rural, promovidos por mulleres, que a líder do BNG puxo como exemplos de que “é posible un rural vivo e con futuro” .

Pontón destacou que “o 90% do territorio é rural e ten o 40% da poboación e, polo tanto, non pode entenderse Galiza sen o rural. Queremos un medio rural vivo”, salientou, por iso o BNG propón un plan estratéxico para un rural vivo e con futuro.

Para a voceira do BNG o obxectivo será conseguir “un rural produtivo que permita a soberanía alimentaria. Producir alimentos de calidade é clave como acabamos de ver na pandemia”, argumenta.

Un aspecto igualmente fundamental do plan para un rural vivo son as políticas de igualdade para a muller, “darlle o recoñecemento e o papel que lles corresponde tamén no medio rural porque son imprescindibles, con máis apoio ás emprendedoras e con medidas eficaces de conciliación”, explicou.

Tamén, segundo a voceira nacionalista, a creación dunha empresa láctea público-privada con participación de pequenas produtoras e cooperativas para a transformación do leite en produtos de alto valor engadido e conseguir vincular as axudas da PAC á produción e non á superficie, para evitar o prexuízo do sector agroganderio galego son outros dos puntos  que destacou se deben implementar no  rural galego.

A plantilla de Cementos Cosmos rexeita a oferta da empresa para pechar o convenio 2021-2022

Os sindicatos CIG e UGT, que ostentan a representación legal dos traballadores  da Fábrica de Cementos Cosmos en Oural (Sarria), informan que na Asemblea Xeral de Traballadores celebrada o pasado día 20 de xuño os traballadores rexeitaron unanimemente a última oferta de revisión salarial proposta pola empresa para o Convenio Colectivo da Fábrica de Oural 2021-2022.

Os sindicatos afirman que “esta oferta é inferior ás subidas salariais acordadas recentemente en convenios doutros centros de traballo pertencentes á mesma empresa e incluso é mais baixa que a presentada no mes de novembro, motivo polo cal os traballadores non poden aceptar esta proposta e a sensación xeral entre os mesmos é de descontento, xa que non ven recompensado o esforzo realizado nos últimos anos para sacar adiante a produción da fábrica, que partía dunha situación difícil debido a un período longo de parada”.

O novo convenio da Fábrica de Cementos Cosmos de Oural, que pertence á empresa cementeira Votorantim Cimentos España S.A., atópase en período de negociación desde xaneiro de 2021, período no cal a fábrica foi recuperando a súa cota de produción consolidándose como unha das fábricas líder do grupo cementeiro en eficiencia enerxética, economía circular, valorización e implementación de combustibles alternativos.

“Isto débese principalmente á enorme implicación e sacrificios que tódolos traballadores e traballadoras amosaron ao longo destes anos e semella que este compromiso co futuro desta factoría por parte dos traballadores non se valora por parte da dirección de Votorantim” sinalan dende os sindicatos que perciben “un malestar en aumento e certa indignación polo trato”

Así mesmo, CIG e UGT afirman que na Fábrica de Oural no ano 2012, antes de cesamento da súa actividade, os salarios eran superiores aos percibidos polos traballadores actuais contratados a partir de 2017, ano no que a fábrica retomou a súa actividade e produciuse a revisión do convenio á baixa.

O vindeiro día 29 está prevista una nova reunión, a fin de pechar canto antes unha negociación que leva xá en curso ano e medio e non descartan “mobilizacións no futuro, tal e como acordou a asemblea de traballadores e traballadoras que non están dispostos a permitir que se amplíen as diferenzas coas demais empresas do grupo e que esixen unha equiparación a medio prazo”.

 

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com