Novas

Ciudadanos denuncia o estado de abandono do Paseo Daniel Varela Piñeiro

A portavoz municipal de Cs, Olga Louzao, denunciou esta mañá o estado de abandono en que se atopa o Paseo Daniel Varela Piñeiro, paralelo a Rúa dás Noreas, na zona interior da Muralla.

Louzao mostrouse crítica co Goberno local ao que acusa de desatender este espazo que se atopa nun estado lamentable de conservación. “É necesario que o Goberno local actúe con responsabilidade e asuma as súas funcións para que este espazo deixe de ser un foco de conflito entre veciños e se converta de novo nunha zona de esparexemento”, sinalou a portavoz municipal da formación laranxa. “Ao longo das últimas semanas recibimos queixas telefónicas, por iso decidimos acudir á zona para coñecer de primeira man, máis alá da degradación evidente, o que opinan os veciños. Narráronnos con todo tipo de detalle a situación que se vive nesta zona totalmente degradada. O denominador común é o mesmo: falta presenza policial. A lista de deficiencias é enorme. É inadmisible a falta de control por parte do Goberno local”, sinalou.

Louzao alertou de que “os xogos infantís rotos supoñen un risco, sinala que os pais renuncian a usar a zona infantil cos seus fillos pola presenza de adolescentes conflitivos e esixe maior presenza policial para vixiar a grupos que consomen cánnabis a diario na zona”. Ademais solicita que se actúe contra os propietarios que non levan a cabo os traballos de roza nas súas propiedades xa que “supón un risco de incendio enorme para os edificios lindeiros e están a xerar problemas de salubridade pola presenza de roedores”. Solicita que se limpen as pintadas e que se controle a zona para evitar que sigan proliferando. “O labor municipal non se pode reducir unicamente a abrir e pechar o paseo”, sinalou a edila quen advertiu que “o consumo de droga na zona de xogos infantís prodúcese a diario e a plena luz do día, antes das 10 da noite hora en que se pecha o parque”. “Somos conscientes de que o Goberno local é coñecedor das denuncias veciñais. Con todo non moveu un só dedo. Esta actitude é inadmisible. Méndez debe esquecer as campañas de autobombo e centrarse no realmente importante. Os veciños atópanse nunha situación de indefensión total. Hai que actuar antes que a degradación sexa irreparable”, concluíu.

O Concello recibiu un total de 1500 solicitudes para as iniciativas Aulas Abertas e Aprende Xogando

As edís de Benestar Social e Muller e Igualdade destacaron o elevado interese por estas prestacións, que incrementaron a súa capacidade logo de dous anos de limitacións de aforo debido á pandemia. As familias lucenses presentaron este ano un total de 1.500 solicitudes aos programas municipais de conciliación durante o verán  organiza a traveso das áreas de Benestar Social e Muller e Igualdade. A demanda duplicou, así, a oferta existente que, este ano, xa sen restricións de aforo derivadas da Covid, incrementaron a súa capacidade poñendo a disposición da cidadanía un total de 680 prazas: 480 a través das Aulas Abertas e outras 200 por mes dentro do Aprende Xogando, a razón de 120 na quenda de mañás e outras 80 na de tarde.

Tanto Olga López como Silvia Alonso coincidiron en sinalar que “o éxito destas prestacións obedece, por unha parte, a que resultan imprescindibles, e dun xeito moi significativo en épocas como esta, onde é complexo compaxinar as vacacións de todas as persoas integrantes da unidade de convivencia sen descoidar as necesidades de atención das e dos máis pequenos da casa; e por outra parte a que as condicións tanto de horario como de custo económico fanas accesibles, cumprindo co noso obxectivo de acadar unha maior equidade e xustiza social”, afirmaron as concelleiras.

Logo de que o prazo de presentación de instancias rematara xa para as dúas iniciativas, este xoves darán comezo as actividades no caso do Aprende Xogando e o próximo venres, 1 de xullo, iniciaranse as Aulas Abertas que se desenvolverán nos Centros de Convivencia da capital e tamén na Casa da Música. Durante as mesmas, as crianzas terán oportunidade de compartir momentos lúdicos e de socialización con outros nenos e nenas da súa idade dunha forma pedagóxica e construtiva, compartindo xogos e vivencias nun espazo seguro e, sempre que se poida, ao aire libre, fomentando ademais a interculturalidade que define á sociedade lucense.

Os poemas galegos de Francisco de Fientosa nos cinco idiomas ibéricos

O 22 de maio de 1912 naceu no Cordón, dae Santa Locaia (Castro de Rei) Francisco Vega Ceide, Francisco de Fientosa, considerado polos devotos da súa obra como “O Lorca galego”. Morreu de xeito aleivoso no Madrid de 1936, con vinte e catro anos de idade, cando xa era autor dunha obra narrativa e poética, especialmente en castelán, que o elevou a categoría dos grandes da escrita.

O profesor e escritor Ricardo Polín en “A primeira luzada” recompila a obra de Francisco de Fientosa, pechando a recolleita da súa poesía cos “Versos galegos”, que chamaron a atención do tamén profesor e escritor, nado na Ponte Outeiro de Castro de Rei, Xosé Otero Canto, que foi facendo análise literario e lingüístico de cada un destes poemas, e publicándoos na plataforma en internet www.galiciadigital.com.

Diante deste estudo, o Colectivo Egeria decidiu publicar o libro “IMOS COLLER NIÑOS NOVOS…” con motivo dos 110 anos do nacemento de Francisco de Fientosa, que se cumpriron o 22 de maio pasado, e preto dos 86 anos do pasamento do escritor.

Na publicación, ademais do estudo do profesor Otero Canto, inclúese o limiar “Versos e ausencia: Cartografía literaria do Lorca Galego”, de Ricardo Polín, máximo entendido sobre a vida e obra do escritor; un traballo de Otero Canto sobre “Francisco de Fientosa e Crecente Vega, unidos pola Ponte de Outeiro”, e a versión en castelán, catalán, vasco e portugués, que proporcionan unha dimensión inédita para a poesía en galego do escritor da Ponte de Outeiro.

A versión en castelán dos poemas estivo a cargo do propio Otero Canto, Catedrático de Lingua e Literatura españolas; as versións aos idiomas catalán e portugués son da escritora, historiadora e investigadora da cultura celta Ana Mar Fraga Rábade, e a versión en vasco de Aitor Fernández de Martikorena, profesor de éuscaro, tradutor, asesor didáctico e formador.

Cada poema do libro vai acompañado dun debuxo da mestra vilalbesa María Guerrero Rico, debuxante e ilustradora, que responde artisticamente á forza poética deste grande escritor, ao que se homenaxea nos 110 anos do seu nacemento.

O título de “Imos coller niños novos…” procede do primeiro verso do primeiro poema galego recollido por Ricardo Polín:

“Imos coller niños novos

agora que é primadeira.

Na beira do amor somentes

o choupal do corpo dela”.

O libro está publicado coa axuda da Xunta de Galicia e do Concello de Castro de Rei, figurando ao comezo cadansúa salutación de Román Rodríguez González, Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, e do Alcalde de Castro de Rei, Francisco Javier Balado Teijeiro. Vai ser presentado o próximo 29 de xuño, mércores, en Castro de Rei e Lugo. En Castro de Rei, ás 17:00 horas, na Biblioteca municipal Crecente Vega, e na capital lucense ás 19:30 h., no salón de actos da Biblioteca Nodal (Avenida de Ramón Ferreiro).

Nos dous actos intervirán, ademais dos responsables da obra, o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García Gómez, e o Alcalde de Castro de Rei Francisco Javier Balado. A entrada será libre, ata completar aforo, e os asistentes serán agasallados coa publicación. publicación.

PP votará a favor do 5% do PXOM “por responsabilidade, coherencia e por Lugo”

Os populares cualificaron a decisión como “un acto de responsabilidade” engadindo que “o noso apoio ao Plan Xeral é un bo exemplo de política seria e útil para os lucenses xa que imos permitir co noso apoio salvar o 5% pendente de aprobación”. Ameijide dixo que “se pinta algo a alcaldesa no goberno, por responsabilidade, debería cesar de inmediato aos cinco concelleiros do BNG que votaron o pasado venres en contra do documento urbanístico máis importante para o municipio que propoñía o goberno do que forma parte” • O viceportavoz insistiu en que “aos lucenses non lle convencen os motivos polos que este documento non se aproba por unanimidade”  e culpa ao BNG  de “buscar escusas, pouco xustificables se están no goberno e chegaron a acordos para repartir cadeiras de brazos e dedicacións non se entende como non apoian este PXOM”. Os populares téndelle a man  “para traballar de forma dialogada no novo Plan Xeral que require unha revisión inmediata”

Unha firme mensaxe feminista dende Arxentina e a sutileza estival portuguesa, dúas novas estreas nos cines Codex

Este vindeiro venres 24 de xuño os cines Codex estrean dúas nova películas: “Camila saldrá esta noche” longametraxe arxentino que lanza unha forte mensaxe feminista e que trata temas como a violencia á que está exposta a muller e o aborto e a segunda “Diarios de Otsoga” longametraxe co-dirixida por Maureen Fazendeiro e Miguel Gomes, un dos máis prestixiosos cineastas portugueses dos últimos vintecinco anos.

“Camila saldrá esta noche”,  da directora arxentina Inés María Barrionuevo, seleccionada para concursar na Sección Oficial do Festival de San Sebastián e no Festival Mar de Plata 2021, entre outros. O filme aborda diversos temas que xeran controversia social en Arxentina a través dunha historia que comeza cando, por mor da enfermidade da súa avoa, Camila e a súa familia teñen que trasladarse dende La Plata ata Buenos Aires; alí a rapaza experimenta o cambio que supón pasar de estudar nun instituto público liberal a ter que facelo nunha institución privada tradicional e relixiosa, situación que xerará cambios no temperamento da rapaza que, a súa vez, comeza a sentir un afecto especial por Clara, compañeira de clase.
Con “Camila saldrá esta noche” Barrionuevo lanza unha firme mensaxe feminista a cal considera moi necesaria en Arxentina, un país onde considera que, a pesar de certos avances sociais durante os últimos tempos, aínda hai un longo camiño de progreso que percorrer. O filme
tamén aborda a violencia sexual á que está exposta a muller, no entanto Inés prefiriu non filmar escenas explícitas, “pensámolo moito, parecíame que propoñer un acto que teña que ver co sutil pode ser máis forte. Os abusos poden ser macro ou micro, poden ser de distintas
maneiras pero seguen a ser abusos”. Outro tema que se trata na película son as protestas de Marea verde a favor da legalización do aborto, conquista social non acadada durante a rodaxe do filme pero que foi, por fin, realidade a finais de 2020.

A outra estrea desta semana é “Diarios de Otsoga”, filme portugués co-dirixido entre Maureen Fazendeiro e Miguel Gomes. Filmada en agosto de 2020, logo de rematar o confinamento, “Diarios de Otsoga” supuxo a necesidade de saír desa reclusión para acadar unha liberdade
colectiva, a liberdade da rodaxe. A propia idea da reclusión como antagonista da liberdade tamén percorre a película, pois as súas tres personaxes pasan o verán nunha casa onde as pequenas tensións do día a día quedan reflectidas no diario. Gomes e Fazendeiro tamén xogan
coa idea do meta-cine; cando a parella de cineastas decide abrir máis o plano xorde unha rodaxe dentro da ficción do filme. Esta rodaxe ficticia impón unha idea de reclusión, o propio universo pechado da filmación, un encerro neste caso voluntario e colectivo cun obxectivo: a
filmación; filmación sometida tamén á idea de liberdade porque Diarios de Otsoga realmente é unha celebración da pura alegría de filmar para reter a beleza fuxidía. Ademais o filme propón un diario invertido que comeza dende o final ata o inicio, xogo que aparece reflectido no título Otsoga-Agosto.
Dende o seu debut na longametraxe con A cara que mereces (2004) Miguel Gomes percorreu o mundo coas súas seguintes películas, as cales acadaron numerosos premios, como foi o caso de Aquele querido mès de agosto (2008), Tabu (2012) ou As mil e uma noites (2015).

Dende a Federación de Asociacións Veciñais solicitan civismo por parte dos propietarios de cans

Desde a Federación de Asociacións Veciñais “ Lucus Augusti” da provincia de Lugo, manifestamos a nosa preocupación por unha circunstancia que se está producindo na actualidade en diversas zonas da capital lucense, e da que numerosos veciños fixéronnos chegar as súas queixas respecto diso: a presenza de cans soltos en puntos de circulación de transeúntes.

Esta circunstancia que describimos, cónstanos que se está producindo na actualidade -xuño de 2022- no parque do río Rato, paseo do río Miño, zonas de lecer e tamén na nosa Muralla Romana -Patrimonio da Humanidade pola Unesco-.

Cabe matizar, ademais, que en non poucas ocasións, estamos a referirnos a razas de can potencialmente perigosas; e que, en todo caso, non son compatibles coa circulación de persoas, xa que supoñen un risco non só para elas, senón tamén para eventuais condutores que poidan atoparse circulando nesas zonas.

A este respecto, queremos engadir, tamén, que outro dos motivos que maior número de queixas está a suscitar entre os veciños, é a presenza de deposicións de cans na vía pública. Neste punto, queremos matizar que somos perfectamente coñecedores de que a gran maioría da cidadanía é cívica e responsable; e é, por tanto, a esa minoría de persoas que non cumpre as normas nin vela pola convivencia cos seus concidadáns, a quen, desde a nosa entidade dirixímonos para pedirlles que reconduzan a súa actitude en favor, precisamente, desa convivencia harmónica como sociedade.

Así mesmo, solicitamos, desde a Federación de Asociacións Veciñais “ Lucus Augusti” da provincia de Lugo, maior presenza de efectivos da Policía Local, que velen polo cumprimento da normativa, e de que os propietarios de mascotas paseen con elas sen que estas circulen soltas, así como que recollan as súas correspondentes deposicións. De non facelo, solicitamos, evidentemente, que sexan sancionados por iso, e en aras de preservar unha contorna e circunstancias de adecuada convivencia.

Xunta Directiva da federación de Asociacións Veciñais “Lucus Augusti” da provincia de Lugo.

O Concello asina o novo contrato do servizo de limpeza e recollida do lixo

Esta maña o concelleiro de Medio Ambiente, anunciou a sinatura do novo contrato do servizo de limpeza viaria e recollida de lixo.
A licitación, que terá unha duración de dez anos improrrogable, suporá un investimento de 134’1 millóns de euros, o que a converte na de maior contía económica do municipio xa que suporá ao redor do 13% de cada orzamento anual. Un incremento que case duplica ao do contrato anterior.

O novo servizo incluirá a execución de todas as operacións precisas para a consecución da mellor limpeza posible dos espazos públicos, beirarrúas, calzadas e zonas peonís, incluídas as manchas no pavimento, as follas ou froitos do arboredo, os residuos voluminosos, así como os excrementos de animais e as herbas que proliferan nos bordos, beirarrúas e escaleiras, ademais das pintadas. Tamén como tarefa ordinaria contemplará o aseo e baleirado de papeleiras e incrementarase non só a frecuencia coa que se realizan os labores, senón tamén o número de dispositivos especiais que se desenvolverán acordes a existencia de áreas de alta densidade residencial, contornas industriais, ou zonas como o mercado, praza de abastos, mercadiños ou espazos de ocio, axustándose ás necesidades específicas de cada un deles.

A adxudicataria deberá, ademais, renovar a totalidade dos colectores actuais – case 3.700 en todo o termo municipal – e aumentalos ata un mínimo de 4.200, incorporar a recollida selectiva orgánica, de aceites, téxtil e a compostaxe individual e comunitaria e incrementar o persoal, a maquinaria e os vehículos, que deberán ser de gas natural, eléctricos ou híbridos. Igualmente, outros dos requisitos que figuran nas bases é a creación dunha planta de gas para a subministración de todo o parque móbil municipal.

Román Rodríguez confirma ao PP de Becerreá que no vindeiro curso non se recortará profesorado

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, confirmou a representantes do PP de Becerreá que no vindeiro curso non se recortará profesorado e manterase a materia de francés se o IES cumpre a ratio establecida por lei. Así o abordaron nunha reunión que mantiveron recentemente os populares deste municipio co responsable autonómico.

Concretamente, a consellería informou de que o actual marco normativo, no seu apartado sétimo da resolución do 17 de xuño de 2021, establece como mínimo un número de cinco alumnos nas materias optativas, para os ámbitos rurais e pequenos núcleos de poboación.
No curso actual, o IES non cumpriu con ese mínimo coa disciplina de francés. O número demandante desta materia foi: 2 alumnos en 3º de ESO, 2 alumnos en 1º de Bacharelato e 1 alumno en 2º de Bacharelato.
Con todo, dende o PP tamén se demandará unha excepcionalidade se a ratio é aproximada á marcada por lei.

A oferta do IES A obriga da Xunta de Galicia é organizar a actividade dos centros educativos en Galicia, tendo en conta criterios pedagóxicos, demográficos, xeográficos e de xestión responsable de recursos. A matrícula do ano 2021/2022 entre ESO e Bacharelato neste centro foi de 123 alumnos, procedentes dos concellos de Becerreá e As Nogais. Ademais, en Bacharelato acolle tamén rapaces de Baralla e Cervantes e, en menor medida, de Pedrafita e Navia de Suarna. Este instituto dispón no actual curso cun total de 23 profesores e un auxiliar de conversa.
Conta dentro dos programas educativos co Plan de Formación Permanente do Profesorado, PLAMBE, EDIXGAL, seccións bilingües, Plan Proxecta ou a iniciativa Parlamento Xove, participando en moitas edicións e sempre cunha participación moi destacada.

Adif, Concello e Xunta avanzan no proxecto da estación intermodal

Adif, o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia avanzaron no cronograma de actuacións e os termos financeiros da futura estación intermodal de Lugo. Nunha reunión mantida esta mañá entre a presidenta de Adif, a alcaldesa de Lugo e a Conselleira, acompañadas dos seus equipos, as partes estableceron o prazo duns días para concretar os termos do financiamento e a planificación das actuacións co fin de iniciar os trámites do convenio. A firma deste convenio daría luz verde á licitación das obras da nova estación intermodal que contempla varias actuacións, entre elas:

  • Novo edificio de viaxeiros da estación de ferrocarril, compatibilizando a súa execución co mantemento do servizo ferroviario e evitando afectalo na medida do posible. O edificio integrarase na praza intermodal deseñada no Anteproxecto, que conectará as estacións de ferrocarril e autobús. Tamén se contempla a súa integración na trama urbana e o paisaxismo da cidade. Incluirá un novo paso inferior entre plataformas de uso exclusivo para os viaxeiros do ferrocarril.
  • Novo paso inferior peonil de cidade, entre o centro urbano e o parque do Sagrado Corazón, que conecte ambos os lados da canle ferroviaria, incluídos os seus accesos, elementos de comunicación vertical e urbanización asociada. A súa execución tamén se compatibilizará coa explotación ferroviaria. Os traballos realizaranse en coordinación, especialmente, coas administracións, tendo en conta o plan urbanístico e con criterios de deseño desde unha perspectiva de xénero.
  • Urbanización exterior do ámbito da estación e da conexión do paso inferior de cidade coa contorna urbana. Prestarase especial atención á nova praza intermodal. Todo iso en coordinación coas administracións locais e tendo en conta o plan urbano. Inclúe, á súa vez, a adecuación do cerramento da estación, de forma que se evite o acceso indebido á zona de vías e o acceso ás plataformas sen pasar polo control de pasaxeiros.
  • Novo aparcamento subterráneo, que prestará servizo ás futuras estacións de ferrocarril e autobús.

Aulas de reforzo e actividades lúdicas ao aire libre para combater o absentismo escolar

A área de Xuventude do Concello de Lugo combatirá este verán o absentismo escolar con aulas de reforzo e actividades lúdicas ao aire libre.

A actividade está incluída no programa +Xti, que subvenciona o Plan Nacional sobre Drogas e ten como principal obxectivo previr entre a rapazada o abandono da actividade lectiva e fomentar a educación.

A acción, que combina unha parte formativa pero tamén accións lúdicas e deportivas, se impartirá de balde no Punto de Información Xuvenil da Praza do Castiñeiro de luns a venres (agás os festivos) de 9.00 a 14.00h e tamén os xoves das 16.00h ás 20.00h.

Dirixida a mozos e mozas de entre 9 e 14 anos, pretende converterse nun apoio para as crianzas que non superaron algunhas materias ou que teñen dificultade nelas e queren chegar en mellores condicións ao vindeiro curso.

As persoas interesadas en inscribirse poden facelo dende este próximo mércores, 22 de xuño, en horario de 16.00h e as 20.00h nas propias instalacións municipais da Praza do Castiñeiro e apuntarse por semanas, quincenas ou mes segundo interese e dispoñibilidade. Ofrécense 18 prazas por día, en xullo e agosto, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición.

Ademais do reforzo académico, están programadas diferentes propostas ao aire libre na mesma ubicación para promover hábitos saudables, que fomentan o exercicio físico, a axilidade mental e a interacción social coas que se pretende desbotar outro tipo de prácticas como o consumo de substancias ou o uso abusivo do móbil.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com