Unha firme mensaxe feminista dende Arxentina e a sutileza estival portuguesa, dúas novas estreas nos cines Codex

Este vindeiro venres 24 de xuño os cines Codex estrean dúas nova películas: “Camila saldrá esta noche” longametraxe arxentino que lanza unha forte mensaxe feminista e que trata temas como a violencia á que está exposta a muller e o aborto e a segunda “Diarios de Otsoga” longametraxe co-dirixida por Maureen Fazendeiro e Miguel Gomes, un dos máis prestixiosos cineastas portugueses dos últimos vintecinco anos.

“Camila saldrá esta noche”,  da directora arxentina Inés María Barrionuevo, seleccionada para concursar na Sección Oficial do Festival de San Sebastián e no Festival Mar de Plata 2021, entre outros. O filme aborda diversos temas que xeran controversia social en Arxentina a través dunha historia que comeza cando, por mor da enfermidade da súa avoa, Camila e a súa familia teñen que trasladarse dende La Plata ata Buenos Aires; alí a rapaza experimenta o cambio que supón pasar de estudar nun instituto público liberal a ter que facelo nunha institución privada tradicional e relixiosa, situación que xerará cambios no temperamento da rapaza que, a súa vez, comeza a sentir un afecto especial por Clara, compañeira de clase.
Con “Camila saldrá esta noche” Barrionuevo lanza unha firme mensaxe feminista a cal considera moi necesaria en Arxentina, un país onde considera que, a pesar de certos avances sociais durante os últimos tempos, aínda hai un longo camiño de progreso que percorrer. O filme
tamén aborda a violencia sexual á que está exposta a muller, no entanto Inés prefiriu non filmar escenas explícitas, “pensámolo moito, parecíame que propoñer un acto que teña que ver co sutil pode ser máis forte. Os abusos poden ser macro ou micro, poden ser de distintas
maneiras pero seguen a ser abusos”. Outro tema que se trata na película son as protestas de Marea verde a favor da legalización do aborto, conquista social non acadada durante a rodaxe do filme pero que foi, por fin, realidade a finais de 2020.

A outra estrea desta semana é “Diarios de Otsoga”, filme portugués co-dirixido entre Maureen Fazendeiro e Miguel Gomes. Filmada en agosto de 2020, logo de rematar o confinamento, “Diarios de Otsoga” supuxo a necesidade de saír desa reclusión para acadar unha liberdade
colectiva, a liberdade da rodaxe. A propia idea da reclusión como antagonista da liberdade tamén percorre a película, pois as súas tres personaxes pasan o verán nunha casa onde as pequenas tensións do día a día quedan reflectidas no diario. Gomes e Fazendeiro tamén xogan
coa idea do meta-cine; cando a parella de cineastas decide abrir máis o plano xorde unha rodaxe dentro da ficción do filme. Esta rodaxe ficticia impón unha idea de reclusión, o propio universo pechado da filmación, un encerro neste caso voluntario e colectivo cun obxectivo: a
filmación; filmación sometida tamén á idea de liberdade porque Diarios de Otsoga realmente é unha celebración da pura alegría de filmar para reter a beleza fuxidía. Ademais o filme propón un diario invertido que comeza dende o final ata o inicio, xogo que aparece reflectido no título Otsoga-Agosto.
Dende o seu debut na longametraxe con A cara que mereces (2004) Miguel Gomes percorreu o mundo coas súas seguintes películas, as cales acadaron numerosos premios, como foi o caso de Aquele querido mès de agosto (2008), Tabu (2012) ou As mil e uma noites (2015).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com