O PP esixe revisar a xestión das axudas culturais da Deputación de Lugo tras a renuncia de 26 entidades

  Os populares sinalan que os colectivos deixarán de percibir preto de 25.000 euros e atribúen as renuncias aos atrasos e á “falta de operatividade” da área de Cultura

O Grupo Provincial Popular reclamou ao goberno da Deputación de Lugo, integrado por PSOE e BNG, unha revisión das bases das convocatorias e da xestión das axudas da área de Cultura. A petición prodúcese despois de que 26 asociacións e colectivos da provincia renunciasen a subvencións para investimentos, equipamentos e actividades culturais correspondentes á anualidade 2025.

O portavoz provincial do PP, Antonio Ameijide, considera que estas renuncias evidencian unha xestión “moi mellorable” e unha “falta de operatividade” por parte do goberno provincial. Segundo explicou, o obxectivo da revisión debe ser facilitar que as asociacións e entidades culturais da provincia poidan beneficiarse dos apoios económicos da institución.

Ameijide criticou que PSOE e BNG “se proclamen autoabandeirados da cultura” mentres, ao seu xuízo, dificultan o traballo das entidades que desenvolven actividades de dinamización social, especialmente no rural.

As renuncias ás axudas de 2025 ascenden a preto de 25.000 euros. En concreto, 14 colectivos desistiron de subvencións para investimentos en instalacións e equipamentos culturais por un importe conxunto superior aos 12.500 euros. Outras 12 asociacións renunciaron a máis de 12.300 euros destinados á organización de actividades culturais.

O portavoz popular asegurou que son habituais os atrasos do goberno provincial na convocatoria, tramitación e resolución destas subvencións. Neste sentido, sinalou que o seu grupo xa advertira en anteriores ocasións de que o modelo de xestión da área dirixida polo BNG estaba provocando un elevado número de renuncias e perdas do dereito ao cobramento.

O PP tamén lembrou que, tres meses antes, a Xunta de Goberno provincial aprobara a perda do dereito ao cobramento de subvencións de concorrencia competitiva correspondentes a 2024. Esta medida afectou 28 entidades da provincia e supuxo máis de 18.000 euros en axudas para equipamentos, investimentos e actividades culturais.

O PP advirte dos efectos sobre o rural

Ameijide sostivo que a perda destas subvencións representa un importante prexuízo económico para as asociacións, xa que pode obrigalas a reducir ou eliminar actividades, así como a incrementar as achegas dos socios e participantes.

“Non se trata só dun trámite administrativo; na práctica supón unha perda importante de recursos para os colectivos que contribúen á dinamización social”, afirmou o portavoz popular.

O PP considera que as consecuencias serán especialmente negativas no rural, onde estas entidades desempeñan un papel relevante na vida cultural e comunitaria. Por este motivo, Ameijide reclamou explicacións ao goberno provincial e pediu coñecer a que se destinarán os fondos que finalmente non percibirán as asociacións e os colectivos culturais.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com