O Goberno local anuncia un requirimento formal ao organismo estatal
O Concello de Lugo esixiu este venres a Adif que abra de maneira inmediata ao tráfico a rúa Conde Fontao, pechada desde finais de abril polas obras vinculadas á construción da nova estación ferroviaria. Onte o BNG tamén reclamaba publicamente a reapertura da praza do Conde de Fontao.
Os traballos de reurbanización deste ámbito forman parte do proxecto da nova terminal de Lugo, executado por Adif. Por este motivo, segundo explica o Concello, correspóndelle ao organismo estatal recibir a obra e poñela a disposición do uso público unha vez rematada.
De acordo coa información municipal, a empresa adxudicataria está a realizar os últimos remates, aínda que Adif non recibiu polo momento os traballos. O Goberno local sostén que a demora está a afectar á mobilidade nun dos principais puntos do centro da cidade e advirte de que non permitirá que esta situación continúe prexudicando a veciñanza.
O Concello asegura que xa lle trasladou verbalmente a Adif, en varias ocasións, a necesidade de reabrir a vía coa maior brevidade posible. Ante a falta de resposta, anuncia agora que esgotará a vía formal e remitirá nos próximos días un requirimento para demandar a apertura inmediata ao tráfico.
“Adif non pode seguir demorando unha decisión que corresponde exclusivamente á súa xestión”, sinala o Goberno municipal, que reclama ao organismo estatal a mesma dilixencia coa que, afirma, actuou o Concello durante a execución dos traballos.
Tres plans de tráfico desde abril
O Concello lembra que foi autorizando os sucesivos cortes solicitados pola empresa construtora e por Adif. O primeiro Plan de Tráfico aprobouse o 9 de abril e permitiu cortar a circulación na praza do Conde de Fontao e na rúa Alta. A medida comezou a aplicarse o día 27 dese mes cunha duración inicialmente prevista dun mes.
O 1 de xuño autorizouse un segundo plan para ampliar o ámbito do corte e construír unha miniglorieta na intersección de San Eufrasio coas rúas Castelao e Montero Ríos. Estes traballos debían prolongarse durante 20 días.
Finalmente, o 12 de xuño aprobouse un terceiro plan para acometer o aglomerado e a pavimentación, que incluíu o corte nocturno total da zona durante dous días.
O Goberno local defende que tramitou “en tempo récord” todas as peticións necesarias para facilitar a execución das obras. Ago





