Novas

Cae outra parte do viaducto de O Castro

Esta tarde rexistrouse un novo derrumbe no viaducto de O Castro, na A-6 entre a provincia de Lugo e Castela e León, a uns metros de Pedrafita do Cebreiro. O novo derrumbe ten unha lonxitude similiar ao anterior ocorrido o pasado día 7 de xuño.

No momento do suceso que ocorreu sobre ás 18:30 horas non se atopaba ningunha persoa na zona.

A Audiencia de Lugo condena a un ano e dez meses de cárcere a un acusado de estafar a un taxista

A Audiencia Provincial de Lugo condenou a un ano e dez meses de cárcere a un acusado de estafar a un taxista, en novembro de 2016, ao non pagarlle polos servizos prestados.

O tribunal destaca que o sospeitoso “con evidente ánimo de lucro e na clara intención de non satisfacer o importe devindicado polo servizo de taxi, abandonou o club por unha porta que non se vía desde o aparcadoiro no que se atopaba esperando o taxista”.  Ademais da pena de prisión, deberá pagar unha indemnización de 637 euros.

Abre o prazo de inscrición nos cursos intensivos de natación que terán lugar no mes de setembro

O Concello de Lugo informa que está aberto o prazo para inscribirse nos cursos intensivos de natación que terán lugar durante o mes de setembro nas dúas piscinas municipais: Frigsa e As Pedreiras.

Tanto as piscinas municipais de Frigsa como nas Pedreiras, durante o mes de setembro impartiran cursos de aprendizaxe e iniciación básica dirixida a máis 200 nenas e nenos, nados entre o 2012 e o 2016. O prazo de matrícula estará aberto ata o vindeiro 21 de xuño” e a inscrición farase entre as 09.00 e as 14.00 horas nas oficinas da Piscina Municipal de Frigsa, por estricta orde de chegada, sendo o prezo do curso de 40 euros.

Os cursos comezarán o xoves 1 de setembro finalizarán o dia 30 do mesmo mes, e terán lugar de luns a venres.

Recibidas 1.507 películas para a XLIV Semana de Cine de Lugo

Rematado o prazo para a presentación de películas que aspiran a participar na próxima Semana de Cine de Lugo, o Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá informa ter recibido un total de 1.507 filmes entre longametraxes e curtametraxes, entre os que se seleccionarán os que van ser proxectadas entre os días 19 e 24 do próximo mes de setembro na XLIV edición da Semana de Cine lucense.

Do total destas producións cinematográficas, 1.316 recibíronse a través da Plataforma Festhome, 161 a través de Click for Festivals e 30 de distribuidores independentes.
Para a súa exhibición na Semana de Cine seleccionaranse un total de 115 filmes.

En próximas días será presentado o cartel anunciador da próxima edición da Semana, obra do Siro López Lourenzo, SIRO.
A celebración da Semana de Cine de Lugo conta co apoio económico da Deputación Provincial de Lugo, Concello de Lugo, Xunta de Galicia e Universidade de Santiago-Campus de Lugo.

A treboada deixa unha docena de incidencias na cidade

A treboada rexistrada esta pasada noite, deixou unha decena de intervencións, todas elas para cortar polas de árbores. 

Foron incidencias de pouca importancia que non ocasionaron nin danos materiais nin feridos e que se rexistraron, entre outras localizacións, na Avenida Infanta Elena, en Camiño da Roca, na estrada de Meira na saída da Fervedoira, na zona de Conturiz, na estrada que vai de Santa Comba ao Páramo, en Barbaín, na estrada de Ombreiro e en Fingoi.

Como consecuencia da treboada non se produciron anegamentos, tan só se levantou unha tapa de rexistro na Avenida Infanta Elena.

Por outra parte, os servizos de limpeza están dende primeira hora aseando de xeito integral todas as rúas da cidade para retirar as follas, papeles, así como o resto de residuos e de area que removeron os fortes ventos rexistrados.

Imaxe facilitada polos bombeiros de Lugo.

Jesús do Páramo

Jesús Méndez lé La Voz todos os días, recorta o que lle chama a atención e mándao aos que sabe nos interesa. Ata hai pouco, todos os días tomaba café na praza Maior, e facía o mesmo percorrido urbano saudando aos amigos colleitados durante o seu intenso tempo de Secretario do Concello do Páramo.

Devoto do Santo Alberte que ten santuario na súa parroquia do Sambreixo guitiricense, este especial chairego é para todos Jesús do Páramo, polo traballo alí desenvolvido que lle mereceu homenaxe o pasado sábado no comezo das XLIV Feiras e festas da primavera paramesa.

Méndez impulsou en 1976 a Asociación de Amigos do Campo da Feira do Páramo, o rescate do seu extraordinario campo feiral e dos seus pendellos, e desde entón – xunto con paramesas e parameses entregados – protagonizou o desenvolvemento dun acontecemento comercial e social que fai do Páramo punto de referencia das feiras do país.

Neste Campo da Feira, á beira do concello, unha gran folla de carballo en pedra mostra o seu perfil e será permanente homenaxe a un secretario do concello que, rebasando funcións e cometidos do cargo, se mollou polo Páramo, aunou esforzos e contribuiu ao desenvolvemento dun concello con vocación agraria e gandeira que pode presumir dun dos primeiros campos da feira de Galicia – por non desairar a ninguén, non digamos o primeiro – e dunhas Feiras que culminan nas da Primavera de xeito extraordinario.

Méndez, este sábado, demostrou que a súa memoria e intelixencia seguen intactas, falando con paixón do Páramo e das súas xentes. Que a forza o acompañe no físico, como segue a facelo vibrar no sentir e no ser.

A Xunta abre a inscrición para os minicampamentos “COÑECE GALICIA”

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, presentou esta mañá  os minicampamentos de verán, que este ano celebrarán a súa terceira edición. A inscrición para as 600 prazas ofertadas pode facerse desde hoxe na web da Dirección Xeral deXuventude, Participación e Voluntariado e pechará cinco días antes do inicio de cada quenda ou, no seu caso, ata completarse.
Os minicampamentos Coñece Galicia están dirixidos a nenos e nenas de entre 10 e 14 anos. A súa programación serve para apoiar a adquisición de competencias e habilidades por parte dos máis novos, así como para fomentar o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia, o coidado do medio ambiente e o ocio educativo. Co obxectivo de facelos máis accesibles, o Goberno galego aplicará descontos do 50% ás familias numerosas ou monoparentais e do 25% a todos os usuarios do Carné Xove.

Na provincia de  Lugo terán lugar cinco minicampamentos:  A conquista de Foz; Eco-Verán, en Monforte; Aventura na montaña, en Cervantes; A descuberta da Pobra do Brollón; e Xeocampamento nas montañas do Courel, en Folgoso do Courel.

Na provincia de A Coruña, o minicampamento Descubrindo a Bela Fiserra, onde os participantes poderán gozar de actividades náuticas como surf ou kayak, así como saídas a espazos singulares como a Fervenza do Ézaro, o programa ofrece outras doce propostas distribuídas por toda a xeografía galega, que inclúen gincanas, xeoaventura, rastrexo de fauna ou tiro con arco, entre outras actividades. Ademais do de Fisterra, terán lugar dous minicampamentos: Valdoviño Mariño, con actividades náuticas e de multiaventura, e Náutica e audiovisual en Sada.

Na de Pontevedra desenvolveranse Aventura en Paradanta, no concello de Covelo; O noso rural, en Lalín; e Natura, no Salnés.

E en Ourense, pola súa banda, ofrecerá as iniciativas Somérxete na natureza, na Pobra de Trives; e Acción no Arnoia, en Allariz.

 

 

 

Comeza o plan de roza polas parroquias de San Xoán de Pena, Bacurín e San Xoán do Campo

Comezou o plan municipal de roza na zona rural, traballos cos que se acondicionarán ao redor duns 1.000 quilómetros de estradas municipais ao longo dos meses de verán.

Estas tarefas consisten na roza mecánica e manual da maleza polas dúas marxes, alcanzando a paseos, gabias e noiros contiguos, ben en terraplén ou en desmonte e incluso as pólas das árbores ata obter un gálibo libre que permita circular con seguridade.

A altura máxima de calquera tipo de vexetación, despois da sega, non deberá superar nunca os sete centímetros. Así mesmo, tamén se limparán de maleza os campos da festa, explanadas ou prazas que sexan públicas.

 Estes traballos complétanse co desbroce de camiños e pistas forestais que se realiza durante todo o ano con maquinaria do Parque Móbil municipal.

O domingo pase especial do documenal “Regreso a Reims” nos cines Codex

O vindeiro domingo 19, ás 20:45 nos Codex Cinema, haberá un pase especial de Regreso a Reims, documental do galardoado cineasta francés Jean-Gabriel Périot, especializado na curtametraxe que transita a ficción, o documental e o cinema experimental. O filme, presentado nos festivais de Cannes e San Sebastián de 2021, conta, mediante material de arquivo, unha historia íntima e política da loita obreira francesa dende os anos cincuenta ata a actualidade.

Asemade a partir do venres haberá dúas estreas dentro da súa programación.

A primeira estrea é Tenéis que ir a verla, a orixinal proposta de Jonás Trueba. Un filme que é unha invitación expresa para acudir ás salas de cine. Segundo o prestixioso director madrileño ir ao cine converteuse nun acto de resistencia polo que este filme fíxose dende esa mesma convicción, con rapidez e determinación, cunha sensación de irrealidade froito da pandemia pero coa ilusión do reencontro. Unha breve película que é unha celebración da vida.

A segunda estrea é Fantasías dun escritornovo filme dun dos máis celebrados cineastas franceses dende comezos dos anos noventa, Arnaud Desplechin. Seleccionada para participar no Festival de Cannes de 2021 o filme adapta a novela Engano de Philip Roth e narra un amor fou entre un escritor e a súa amante no Londes dos anos oitenta. Conta no seu reparto con estrelas francesas da magnitude de Léa Seydoux, Denis Polaydès e Emmanuelle Devos.

 

A CIG rexeita o peche da conserveira Albo e reclama manter a actividade e os empregos

A CIG rexeita o peche que a compañía Shangai Kaichuang vén de formular para a planta de Celeiro e a destrución de 45 postos de traballo directos, a maioría deles ocupados por mulleres (34 traballadoras fronte a 11 traballadores), así como outros 10 empregos por ETT durante as campañas. Esta medida empresarial porá fin á máis de 40 anos de historia da fábrica de Albo en Celeiro e supón o cese da última conserveira que quedaba en activo na comarca.

A mobilidade xeográfica proposta pola empresa, que entregará mañá mércores á representación social a documentación completa sobre o expediente,  constitúe outro duro golpe para a economía da comarca e a desaparición definitiva dun sector que foi fundamental para A Mariña. O responsábel da CIG da Mariña, Xorxe Caldeiro, denuncia que falar de traslado ou mobilidade “constitúe un eufemismo, porque estamos diante un proceso tremendamente traumático no que se pecha a planta de Celeiro e se deixa na rúa ao seu persoal”.

Neste senso, chama a atención no feito “de que máis do 80% do cadro de persoal está integrado por traballadoras cunha idade media que supera os 50 anos, con forte arraigo e vínculos familiares e sociais na comarca”. “A mobilidade xeográfica que formula a empresa para levar a actividade e o persoal á nova nave de Salvaterra, a máis de tres horas e media do actual centro de traballo, resulta inasumíbel para estas traballadores e traballadores”, engade Susana Riveira, da Executiva local da CIG, quen advirte que con esta decisión se está deixando fóra do mercado laboral a moitas traballadoras, nunha idade ademais que dificulta a súa recolocación noutros sectores.

Tanto Caldeiro como Riveira destacan que “a fábrica de Celeiro ten carga de traballo suficiente para ocupar a todo o persoal, e economicamente é viábel, segundo declaracións da propia compañía propietaria, que se comprometera a manter activa a conserveira tras o anunciou da construción das instalacións de Salvaterra”.

Caldeiro insiste en que a factoría ten futuro e na súa perfecta situación á carón de dous portos pesqueiros de referencia, como son o de Celeiro e o de Burela. “Temos o bonito, temos a pescada pero non temos conserveiras”. Por iso, lamenta que un sector de longa tradición na comarca como o da conserva poida desaparecer de xeito definitivo.

Abundando nesta cuestión, Riveira advirte do duro impacto que o peche de Albo ten para a economía da Mariña, que “segue desangrándose, sumando cada día máis peche de empresas e destrución de empregos. Hai menos dun ano tiñamos que saír á rúa contra o desmantelamento de Vestas, agora temos enriba da mesa a desaparición doutra industria máis. Déixannos sen alternativas”, denuncia.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com