" />

A CIG rexeita o peche da conserveira Albo e reclama manter a actividade e os empregos

A CIG rexeita o peche que a compañía Shangai Kaichuang vén de formular para a planta de Celeiro e a destrución de 45 postos de traballo directos, a maioría deles ocupados por mulleres (34 traballadoras fronte a 11 traballadores), así como outros 10 empregos por ETT durante as campañas. Esta medida empresarial porá fin á máis de 40 anos de historia da fábrica de Albo en Celeiro e supón o cese da última conserveira que quedaba en activo na comarca.

A mobilidade xeográfica proposta pola empresa, que entregará mañá mércores á representación social a documentación completa sobre o expediente,  constitúe outro duro golpe para a economía da comarca e a desaparición definitiva dun sector que foi fundamental para A Mariña. O responsábel da CIG da Mariña, Xorxe Caldeiro, denuncia que falar de traslado ou mobilidade “constitúe un eufemismo, porque estamos diante un proceso tremendamente traumático no que se pecha a planta de Celeiro e se deixa na rúa ao seu persoal”.

Neste senso, chama a atención no feito “de que máis do 80% do cadro de persoal está integrado por traballadoras cunha idade media que supera os 50 anos, con forte arraigo e vínculos familiares e sociais na comarca”. “A mobilidade xeográfica que formula a empresa para levar a actividade e o persoal á nova nave de Salvaterra, a máis de tres horas e media do actual centro de traballo, resulta inasumíbel para estas traballadores e traballadores”, engade Susana Riveira, da Executiva local da CIG, quen advirte que con esta decisión se está deixando fóra do mercado laboral a moitas traballadoras, nunha idade ademais que dificulta a súa recolocación noutros sectores.

Tanto Caldeiro como Riveira destacan que “a fábrica de Celeiro ten carga de traballo suficiente para ocupar a todo o persoal, e economicamente é viábel, segundo declaracións da propia compañía propietaria, que se comprometera a manter activa a conserveira tras o anunciou da construción das instalacións de Salvaterra”.

Caldeiro insiste en que a factoría ten futuro e na súa perfecta situación á carón de dous portos pesqueiros de referencia, como son o de Celeiro e o de Burela. “Temos o bonito, temos a pescada pero non temos conserveiras”. Por iso, lamenta que un sector de longa tradición na comarca como o da conserva poida desaparecer de xeito definitivo.

Abundando nesta cuestión, Riveira advirte do duro impacto que o peche de Albo ten para a economía da Mariña, que “segue desangrándose, sumando cada día máis peche de empresas e destrución de empregos. Hai menos dun ano tiñamos que saír á rúa contra o desmantelamento de Vestas, agora temos enriba da mesa a desaparición doutra industria máis. Déixannos sen alternativas”, denuncia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo