A carreira popular manterá o percorrido de dez quilómetros arredor da Muralla, cunha volta final polo adarve. A participación na categoría absoluta estará limitada a 1.200 atletas.
A XXIII edición da carreira popular 10K Lugo Monumental – Gran Premio CaixaBank celebrarase o domingo 20 de decembro, co prazo de inscrición xa aberto ata o día 13 dese mes. A proba, organizada pola Concellería de Deportes, Xuventude e Infancia, volverá reunir corredores de distintas idades nun percorrido de aproximadamente dez quilómetros polo centro da cidade.
A carreira conservará un dos seus trazos máis característicos: un itinerario parcialmente circular arredor da Muralla, que incluirá unha volta completa polo adarve antes de afrontar os últimos quilómetros ata a meta. A saída e a chegada estarán situadas na avenida de Ramón Ferreiro, xunto á Praza Horta do Seminario, que tamén acollerá o dispositivo organizativo.
A xornada deportiva comezará ás 11.00 horas coas categorías de Pitufos e Sub 8, cun percorrido de 250 metros. Ás 11.10 horas será a quenda de Sub 10 e Sub 12, que completarán 950 metros, mentres que as categorías Sub 14 e Sub 16 sairán ás 11.20 horas para percorrer 1.900 metros. A carreira absoluta, reservada a participantes nados en 2008 e anos anteriores, comezará ás 11.30 horas.
A inscrición estará limitada a 1.200 participantes na categoría adulta, mentres que será gratuíta para as categorías de menores. No caso dos adultos, as cotas serán de seis euros ata o 30 de novembro, nove euros entre o 1 e o 6 de decembro e doce euros desde o día 7 ata o peche do prazo, o domingo 13.
A recollida dos dorsais poderá realizarse en Ndorfina Sports, na praza do Campo Castelo, os días 17, 18 e 19 de decembro, en horario comercial. As persoas inscritas que procedan de fóra de Lugo poderán facelo excepcionalmente o propio día da carreira, entre as 9.30 e as 10.30 horas, na carpa da organización.
En canto aos recoñecementos, haberá trofeos e medallas para os primeiros clasificados das distintas categorías. Na carreira absoluta, os tres primeiros postos da clasificación xeral recibirán tamén lotes de produtos de Torre de Núñez. Ademais, estableceranse premios especiais para os mellores tempos parciais, masculino e feminino, na volta polo adarve, dentro do Gran Premio Diario El Progreso, así como o Trofeo CaixaBank para os atletas de maior idade que completen a proba, tanto na categoría masculina como na feminina.
A organización tamén contempla a entrega de medallas conmemorativas aos participantes das categorías inferiores e medallas de finisher para os adultos que rematen o percorrido.
CaixaBank colabora como patrocinador da carreira, cuxa información e inscricións están dispoñibles na páxina web oficial: www.10klugomonumental.com.






