Novas

O enlace da A6, A54 e N VI en Nadela  permanecerá en obras mañá e pasado

Os traballos permitirán mellorar tanto a comodidade como a seguridade ao executar obras de rehabilitación do firme da glorieta da estrada N-6 na súa P. K. 493+800, no termo municipal de Lugo. Os traballos comezarán ás 8:00 h de mañá xoves 9 de xuño e finalizarán ás 8:00 h do venres 10 de xuño. Os citados traballos consistirán na reparación de fochancas e deterioros na sinfraestruturas. Con iso mellorarase tanto  a seguridade do tráfico rodado. Para iso, realizaranse cortes e desvíos de tráfico que afectarán os vehículos que circulen pola mencionada estrada N-6 para incorporarse ás autovías A-6 e A-54, e aos que se incorporan á N-6 desde a A-6 e a A-54. Concretamente: • Durante o día, produciranse desvíos que se sinalizarán adecuadamente. Na noite de mañá xoves 9 ao venres 10, os ramais de saída das autovías A-6 e A-54 cara á estrada N-6 e os de incorporación desde esta cara a as mencionadas autovías permanecerán pechados ao tráfico. A continuación, achégase unha imaxe cos desvíos alternativos mentres dure o peche nocturno:

Miradas do imperio

Esta Semana, a cidade de Lugo experimenta esa especial transformación chamada Arde Lucus, na que se revive o noso pasado romano, como se as pegadas romanas que perduran debaixo de calquera dos nosos pavimentos, provocaran un síndrome contaxioso de romanidade e dos castrexos que se opuxeron aos romanos defendendo a súa terra.

A cidade está invadida por construcións en madeira, que poden ser campamentos, talleres, asambleas, senado, maquinaria romana… e de cando en cando retumban tambores ensaiando porque todos queren desfilar harmonicamente, ao ritmo da música guerreira.

E coincidindo coas festas do Arde Lucus, na sala de exposicións da Xunta en Lugo vense de abrir a mostra pictórica chamada MIRADAS DO IMPERIO na que o pintor, arqueólogo, especialista en arte, de Betanzos, Alfredo Erias retrata corenta emperadores e emperatrices de Roma, coas efixies que deles se conservan en diversos museos de toda Europa.

Erias, que foi Director do Museo das Mariñas e do Anuario Brigantino, recentemente xubilado, investigou na historia dos emperadores e pintounos coa efixie coñecida, co talante do que a historia conta deles, constituíndo unha lección de arte que o autor completa con historia de cada retratado e retratada, onde aparece o mellor de casa e tanto se mataban entre irmáns para ser emperador, podía a garda pretoriana proclamar ao  máis xeneroso, e son excepción os que morreron na cama de morte natural.

Desfilan diante dos nosos ollos Nerón ou Caracalla, Septimio Severo ou Trajano, Adriano ou Cómodo…Tamén, claro, Claudio, o que coñecemos en “Yo, Claudio”, Messalina e Cleopatra, con cara de xitana, encargándose o autor de lembrar que “xitana” ven de “exiptana”, o que era Cleopatra.

Abren e pechan a exposición as reproduccións de dúas estelas preromanas atopadas no concello de Lugo, en Crecente e Adai, que se gardan no Museo Provincial e representan familias nobles ou poderosas  plasmadas para a historia, e que Alfredo Erias quixo resaltar.

Na inauguración estaba presente Felipe Arias Vilas, arqueólogo, amigo do pintor, que gobernou con singular acerto o Museo do Castro de Viladonga, e que no seu día foi o descubridor da Estela de Adai.

Todo o mes de xuño podemos disfrutar da compaña das efixies dos gobernantes do imperio máis poderoso da terra, dos que somos herdeiros. Porque moito loubar agora aos castrexos que vivían aquí, fronte aos  romanos, que gañaron a sangue e lume, e cruzáronse cos castrexos que quedaron… Se me apuran, os retratos que se ven na exposición da Xunta de Galicia veñen ser, xeneralizando, os retratos dos nosos “primeiros pais”.

 

A Xunta de Galicia reitera que as deficiencias do novo auditorio responden ao desleixo do concello durante seis anos

A raíz das declaración feitas hoxe por Lara Méndez onde presentou  “o proxecto de execución do novo auditorio, que recolle as obras que terá que desenvolver a Administración local co fin de arranxar as deficiencias e danos que presenta o edificio derivadas dos seus problemas estruturais e das deficiencias construtivas, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, sinalou que “as deficiencias ás que alega o Concello débense precisamente ao feito de ter unha infraestrutura como esta parada e pechada ao público. Hai máis de seis anos que as obras se deron por finalizadas, polo que outra das consecuencias de non abrir e non habitar este espazo, son este tipo de deficiencias; que en ningún caso son deficiencias de tipo estrutural ou construtivas”.

Ademais, o delegado territorial cre que “a ninguén nos sorprende que a cifra dos arranxos siga subindo porque nun edificio pechado e con cristais rotos que deixan pasar a auga é normal que o deterioro avance. Arias insiste en que “a recepción do auditorio se levou a cabo con normalidade, e o Concello de Lugo recibiuno sen condicións, nin actuación algunha pendente, despois de anos poñendo problemas e trabas. “Creo que a estas alturas os cidadáns saben que non hai vontade política por parte do Concello de abrir este espazo cultural”. Rematou.

 

 

CCOO  logra a conversión en indefinidos de varios contratos no Club Fluvial de Lugo

O sindicato CCOO ven de conseguir que contratos  por obra ou servizo pasaran a ser indefinidos. A transformación dos contratos produciuse grazas á denuncia presentada polo sindicato na Inspección de Traballo e Seguridade Social para que se aplique o disposto na reforma laboral 7-6-2022.- Comisións Obreiras (CCOO) logra a conversión en indefinidos de varios postos de traballo no Club Fluvial de Lugo. Así llo acaba de comunicar a Inspección de Traballo e Seguridade Social ao sindicato. Precisamente, a conversión destes contratos prodúcese grazas á denuncia presentada por CCOO perante a autoridade laboral o pasado mes de febreiro. «En relación á súa denuncia contra o Club Fluvial de Lugo, e tras as comprobacións oportunas, a empresa procedeu a transformar en indefinidos os contratos de varios traballadores da empresa», reza a sintética comunicación remitida ao sindicato pola subinspectora laboral que tratou o caso. A denuncia presentada sinalaba que a empresa organiza oferta formación para a práctica de diferentes actividades deportivas e de ocio. Para impartir esta formación, a empresa formalizaba «con carácter sistemático —de forma fixa e descontinua— contratos de traballo de varias persoas traballadoras […] baixo a modalidade de contrato de obra ou servizo determinado e eventuais por circunstancias da produción […]». Ante isto, CCOO puxo de manifesto que estas modalidades contractuais incorren «en manifesta fraude de lei», polo que se instaba ás actuacións inspectoras necesarias «para que se regularice a contratación laboral das persoas afectadas».

Exposición de Alfredo Erias na Delegación da Xunta de Galicia en Lugo

Mañá, martes, ás 18,30 h., na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, vaise inaugurar a exposición MIRADAS DO IMPERIO, do artista de Betanzos Alfredo Erias.

Erias, ata a súa recente xubilación Director do Museo das Mariñas e do Anuario Brigantino, ven a Lugo, precisamente coincidindo co Arde Lucus cunha exposición sobre emperadores e emperatrices de Roma ata o século III, con especial fincapé nos que tiveron relación con Lucus Augusti, incluíndo ademais as estelas de Crecente e Adai, que figuran entre os fondos do Museo Provincial de Lugo.

Nos cadros reprodúcese a imaxe dos mandatarios romanos, coñecida  a través das estatuas existentes nos museos de todo o mundo.

Na apertura da exposición intervirán Javier Arias Fouz, Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo; Xulio Xiz, Presidente do colectivo Egeria, e o pintor Alfredo Erias.

Tense efectuado convite especial para visitar esta exposición aos colectivos que participan no Arde Lucus e, por parte da Delegación Territorial, aos  centros educativos da capital para que, os que o desexen, acudan  co seu alumnado á exposición, prestándose Alfredo Erias a efectuar cos grupos unha visita guiada con explicación en relación con cada persoeiro reproducido e o seu papel na historia.

 

 

 

 

 

 

 

Publicadas as listaxes definitivas das prazas nas escolas infantís municipais

O concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, informou da publicación das listaxes definitivas de adxudicación de prazas nas escolas infantís xestionadas polo Concello de Lugo. Rivas lembrou que “o período de matriculación abrirá este luns, 2 de xuño, e estenderase ata o venres 17 ddste mesmo mes.

As listas definitivas poden consultarse nos taboleiros de anuncios das distintas escolas e do Concello de Lugo, ademais de nas oficinas da Concellería de Educación.

A rede de escolas infantís municipais está formada por catro escolas situadas en diferentes barrios da cidade. Neste ano, como novidade, aplícase a gratuidade da atención de todas as crianzas, sen importar se teñen ou non irmáns/ás. “

 

O luns abre o prazo para solicitar praza no programa “Aulas Abertas”

Mañá luns, 6 de xuño, abre o prazo para solicitar as Aulas Abertas. Unha prestación municipal coa que o Concello pretende facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante o verán propiciando, ao mesmo tempo, a integración sociocomunitaria da cidadanía.

As actividades levaranse a cabo nos centros de convivencia da capital (Fingoi, Lamas de Prado, María Balteira, Uxío Novoneyra, Milagrosa e Maruja Mallo), en horario de 08:30 a 14:30 horas e por quincenas: do 1 ao 15 e do 18 ao 29 de xullo e do 1 ao 12 e do 16 ao 31 dese mesmo mes, e que tamén chegarán ás escolas do rural onde, nestes momentos, o departamento está a detectar as necesidades actuais.

As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude até o 10 de xuño de tres maneiras: de forma presencial – solicitando cita previa co animador/a do centro, por correo electrónico – a través do enderezo aulasabertas@lugo.gal – ou ben a través da sede electrónica www.lugo.gal

A adxudicación das prazas (48a razón de 20 por cada centro e quenda) será por orde de inscrición e a cota oscila, en función do número de días, entre os 9’27 € – da quincena do 18 ao 29 de xullo que é a máis breve – até os 12’36€ que custa a última de agostoaínda que o Concello contempla bonificacións do 50% para o/a segundo/a fillo/a mentres que o/a terceiro/a quedará exento, previa xustificación e sempre que os ingresos da unidade familiar ou de convivencia non superen dúas veces o IPREM do ano 2021, salvo situacións económicas sobrevidas.

As listas de admitidos provisionais sairán publicadas o próximo 17 de xuño e as definitivas o 27.

A Unidade Móbil de Axuda coas Reclamacións volve ao hospital da Mariña o vindeiro martes

A Plataforma Sanitaria da Mariña anuncia que a  Unidade Móbil de Axuda coas Reclamacións (UMAR)  desprazarase novamente ata a entrada principal do Hospital da Mariña o vindeiro martes 7 de xuño en horario de 11 a 13 horas. O dispositivo móbil axudará a redactar e rexistrar reclamacións por agardas excesivas na realización de probas diagnósticas, en citacións para consultas ou en intervencións, a todas as persoas que se acheguen ata alí .

Desde o colectivo sanitario animan “a todas aquelas persoas que se atopen nestas situacións para que fagan efectiva a súa reclamación, constatando así as eivas que están a sufrir os servizos sanitarios públicos de xeito oficial e dando a oportunidade á dirección do centro e á administración sanitaria para corrixir estas situacións”, “pois na maioría dos casos trátase de agardas que superan con moito os tempos aceptables de atraso , obviándose a situación límite na que se atopan moitos servizos “-  comentan desde o colectivo sanitario.

Inauguradas as Xornadas Xurídicas de Sarria

A vila de Sarria convertese un ano máis na cita obrigada para o debate arredor da xurisprudencia. As xornadas que se desenvolverán terán como eixo común a intelixencia artificial baixo o título “O dereito e a intelixencia artificial” Á inauguración das xornadas xurídicas creadas polo maxistrado sarriao Román García-Varela asistiron o alcalde de Sarria, o Presidente do Parlamento Galego, O Vicepresidente da Xunta, así como personalidades do mundo xurídico, entre outras: o vicepresidente del Tribunal Constitucional, o director xeral de Transformación Dixital do Ministerio de Xustiza, e maxistrados do Tribunal Supremo e da Audiencia Provincial.

As Xornadas Xurídicas de Sarria, celébranse entre hoxe e mañá na Casa da Cultura da localidade,.  Este ano as conferencias das dúas xornadas terán recoñecemento universitario, de maneira que o alumnado da UNED de Lugo conseguirá 0,5 créditos.

 

 

A Xunta activará un novo visor dixital con máis de medio cento de rutas ciclistas

A Xunta de Galicia activará a mediados deste verán un novo visor dixital con máis de medio cento de rutas ciclistas por toda a Comunidade,
perfectamente cartografadas e en formato descargable para facilitar a súa consulta desde diferentes dispositivos electrónicos.
Así o anunciou esta mañá en Sober a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que coincidindo coa celebración do Día mundial da bicicleta participou na presentación da aplicación e realizou un percorrido en bici pola zona, acompañada polo
delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, polo alcalde, Luis Fernández, e polo director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador.

O paseo discorreu ao longo dun pequeno tramo polos miradoiros do Boqueiriño e da Cividade, na contorna da igrexa de Santa María de Bolmente, que forma parte, precisamente, dun dos itinerarios ciclistas que se incorporarán nunha primeira fase ao visor A paisaxe de Galicia desde a bicicleta.
En total, serán 52 os itinerarios —cunha extensión de 2.312 km— cos que o IET estreará a nova ferramenta este verán, aínda que a idea é que se vaian incorporando máis. Todas as rutas foron escollidas polo seu valor paisaxístico, pola seguridade e por ser aptas para circular en bicicleta nun grao alto; de feito, un dos criterios de selección foi que menos dun 25% do percorrido sexan estradas.

Estas fichas incluirán unha ampla información do itinerario como fotos, mapas, nivel de dificultade —familiar, media e experto—, perfís do terreo e, de maneira moi singular, a situación dos miradoiros e lugares cun alto valor paisaxístico.
Tamén incorporarán un código QR que redirixirá ao usuario a Wikiloc, unha aplicació gratuíta e moi estendida entre os ciclistas en todo o mundo, e a plataforma estará preparada para que se poida descargar e gardar o percorrido de cada ruta en diferentes dispositivos electrónicos, como GPS, reloxos intelixentes e móbiles.

Ata o momento o IET destinou xa 32.000 euros á recollida de datos, o seu tratamento e a posterior comprobación das rutas de maneira presencial, realizando en bicicleta os percorridos que hoxe se presentan e que formarán parte da base de datos do futuro visor.
Ademais, estímase que o mantemento das rutas para garantir que estean en condicións axeitadas para a circulación suporá un investimento de 150.000 euros ao ano.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com